Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Venres, 26 de decembro de 2014 Páx. 52592

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 16 de decembro de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para o desenvolvemento de accións formativas e de transferencia tecnolóxica por entidades asociativas vinculadas ao sector agroforestal, cofinanciada co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013, e se convocan para o ano 2015.

As funcións atribuídas en materia de agricultura, gandaría, industrias agrarias e forestais e de promoción e defensa da calidade dos produtos agroalimentarios galegos correspóndenlle á Consellería do Medio Rural e do Mar. O Decreto 132/2014, do 2 de outubro, polo que se aproba a estrutura orgánica desta consellería, que determina o ámbito competencial da consellería.

Os cambios económicos, tecnolóxicos e ambientais dan lugar á necesidade de novas cualificacións para todas as persoas implicadas en actividades agrarias e agroalimentarias. Para obter estas novas habilidades, é necesario ofrecer actividades xerais, técnicas e económicas de formación non regrada. Canto máis alto sexa o nivel de coñecemento dos agricultores e empresarios do sector agrario, máis alta será a súa produtividade laboral e servirá para manter ou aumentar a competitividade das explotacións.

A evolución e a especialización da agricultura requiren un nivel axeitado de formación técnica e económica, incluída a experiencia en novas tecnoloxías da información, así como a concienciación adecuada nos campos da calidade dos produtos, resultados da investigación e da xestión viable dos recursos naturais, incluídos os requisitos de condicionalidade e a aplicación de prácticas de produción compatibles co mantemento e mellora da paisaxe e a protección do medio.

No que respecta ao ámbito formativo do sector agrario, forestal e agroalimentario, para a Consellería do Medio Rural e do Mar é un obxectivo fundamental o impulso da innovación tecnolóxica, a formación, e a transferencia tecnolóxica aos profesionais do sector, así como a adopción dos resultados da investigación. É por isto que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para o desenvolvemento de accións formativas e de transferencia tecnolóxica por entidades asociativas vinculadas ao sector agrario. Estas axudas convocáronse amparadas no Regulamento (CE) nº 1698/2005 relativo ás axudas ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e enmárcanse dentro do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2007-2013, eixe 1, co código 111.

Así mesmo, procede aprobar as bases reguladoras e realizar a convocatoria correspondente ao exercicio orzamentario 2015.

O artigo 1.1.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998 (DOG número 34, do 19 de febreiro) sobre a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 (DOG número 231, do 29 de novembro) e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (DOG número 209, do 29 de outubro) establece que os expedientes de gasto relativos a subvencións poderán iniciarse sempre que as necesidades que se teñan que satisfacer poidan ser razoablemente previstas anticipadamente no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, aínda cando a súa execución se realice nunha ou en varias anualidades; no primeiro caso, sempre que exista crédito axeitado e suficiente no proxecto dos orzamentos xerais da comunidade autónoma aprobado polo Consello da Xunta de Galicia que corresponda ao exercicio orzamentario en que se vaia materializar a contraprestación, e no segundo, sempre que exista crédito para a primeira anualidade e que se cumpran os requisitos do artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Ademais, o artigo 3. 3.3 estende expresamente esta posibilidade de tramitación anticipada aos expedientes relativos ás bases reguladoras ou convocatorias de axudas derivadas da aplicación de regulamentos comunitarios con financiamento procedente de fondos europeos, sempre que exista regulación das axudas da Unión Europea ou de ámbito estatal ditada en desenvolvemento ou transposición dela e existan compromisos de financiamento destinados á aplicación das correspondentes medidas.

En virtude do exposto, de conformidade co artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, pola Lei 12/1989, do 4 de outubro, e pola Lei 7/2002, do 27 de decembro,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e efectuar a convocatoria para 2015 de subvencións destinadas a financiar accións formativas e de transferencia tecnolóxica realizadas por entidades asociativas do sector agroforestal da Comunidade Autónoma de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva, e dirixidas ás persoas asociadas, aos directivos e ao persoal das ditas entidades.

Artigo 2. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarias das subvencións previstas nesta orde as sociedades cooperativas agrarias e forestais, as sociedades agrarias de transformación, as asociacións de cooperativas e as de produtores, os consellos reguladores de produtos de calidade diferenciada, as asociacións profesionais do ámbito agroforestal, alimentario ou ligadas ao desenvolvemento rural, e as organizacións de produtores agroforestais, radicadas na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3. Actividades subvencionables

1. As actividades subvencionables ao abeiro desta orde consistirán en cursos de formación e actualización profesional cuxa temática non sexa coincidente coa programación formativa da Consellería do Medio Rural e do Mar no mesmo ámbito territorial, e actividades de transferencia de tecnoloxía.

2. Os cursos de formación e actualización profesional terán unha duración mínima de 20 horas lectivas e o número de alumnos non poderá ser inferior a 15 asistentes nin superior a 30. Poderán comprender unha viaxe didáctica relacionada co seu obxecto.

3. As actividades de transferencia de tecnoloxía poderán consistir en xornadas técnicas, seminarios ou demostracións. Terán unha duración non inferior a seis horas, un número mínimo de 15 asistentes.

4. A temática das actividades subvencionables tratará sobre as seguintes materias:

a) Xestión empresarial e comercial.

b) Uso das tecnoloxías de información e comunicación.

c) Novas alternativas produtivas e certificacións de calidade no marco das producións de calidade diferenciada.

d) Produción agroforestal sustentable, agricultura ecolóxica e produción integrada.

e) Conservación de recursos fitoxenéticos autóctonos.

f) Incorporación de tecnoloxías innovadoras aos procesos de produción e transformación.

g) Fontes renovables de enerxía de uso agroforestal.

h) Ordenación do espazo e mobilización de terras agroforestal.

i) Outras de carácter innovador en relación cos puntos anteriores.

Artigo 4. Contía das axudas

1. A subvención total máxima por curso de formación será de 7.500 euros.

2. Nas actividades de transferencia de tecnoloxía, a subvención máxima por acción será de 2.500 euros.

3. Estas axudas son incompatibles con calquera outra que poida ser solicitada ou concedida por outro organismo público ou privado, destinada a estas mesmas accións formativas.

4. A contía da subvención que se vai conceder, dentro das dispoñibilidades orzamentarias, poderá alcanzar o 100 % do gasto subvencionable determinado a partir do orzamento das actuacións, sen superar en ningún caso as contías máximas que se especifican nos puntos 1 e 2, nin o límite de 10.000 euros de subvención total por entidade.

Artigo 5. Financiamento

1. As axudas económicas reguladas nesta orde faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 12.20.422L.770.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015. A contía total máxima destinada á subvención convocada é de cento trinta e catro mil con oitenta e dous euros (134.082,00 euros).

2. A contía indicada poderá incrementarse en función das solicitudes presentadas e sempre que teña lugar unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito ou existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa, segundo as exixencias previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O aludido incremento debe publicarse no DOG e na páxina web da Consellería do Medio Rural e do Mar (www.medioruralemar.xunta.es). Este posible incremento de financiamento só se poderá realizar ata a data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

3. As axudas están financiadas con fondos Feader nun 75 %, con fondos propios da Xunta de Galicia nun 12,87 % e con fondos do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente en un 12,13 %.

Artigo 6. Gastos subvencionables das actividades

1. Serán gastos subvencionables os que a continuación se relacionan:

a) Gastos de profesorado.

b) Gastos de seguros de accidentes do alumnado e, de ser o caso, importe da póliza de responsabilidade civil para afrontar os riscos que para os bens ou persoas poidan derivar da realización das actividades formativas. Así mesmo, poderán incluírse como subvencionables os seguros que sexan necesarios para cubrir posibles continxencias derivadas das actividades didácticas do profesorado, para o suposto de que tales continxencias non estean recollidas por ningunha relación de aseguramento.

c) Gastos en medios e material didáctico, textos e materiais dun só uso para o alumnado, así como o material funxible empregado durante as actividades.

d) Gastos de enerxía eléctrica, combustible, mantemento das instalacións e equipamentos formativos.

e) Gastos de transporte e aloxamento motivados pola realización de viaxes didácticas previstas no programa do curso ou da actividade formativa.

f) Gastos derivados do pagamento de entradas, guía e intérprete no caso de que a visita didáctica orixinase ese tipo de gasto.

g) Gastos de alugamento de instalacións e de maquinaria requiridos polo desenvolvemento da actividade.

h) Gasto de publicidade da actividade.

i) O IVE no caso de que sexa real e definitivamente soportado polo beneficiario e, por tanto, non recuperable, agás no caso de que o beneficiario sexa un organismo de dereito público, xa que neste caso non será subvencionable a través da axuda Feader.

2. Estes gastos pódense considerar subvencionables sempre e cando estean relacionados coa organización, realización e impartición das accións de formación e, na parte proporcional ao tempo de impartición do curso.

3. Serán subvencionables os custos posteriores á solicitude de axuda ou á acta de non inicio se esta é anterior a aquela.

4. Os gastos non docentes de actividades formativas e os de amortización ou arrendamentos de bens e edificios destinados a estas, non poden exceder do 25 % do importe total dos gastos subvencionables da operación. Estes gastos son os previstos nas letras b) a i) do punto 1.

Artigo 7. Solicitudes

1. As entidades que, reunindo os requisitos sinalados nesta orde, desexen realizar as actividades descritas no artigo 2, deberán formalizar a correspondente solicitude no modelo normalizado que se publica como anexo I.

Os modelos de solicitude, independentemente da súa publicación como anexos a esta orde, poden atoparse na Guía de procedementos e servizos no enderezo
https://sede.xunta.es/guia-de-procedementos e na web institucional da Consellería do Medio Rural e do Mar (www.medioruralemar.xunta.es), na epígrafe de axudas.

2. A solicitude será subscrita polo representante legal das entidades e xuntaráselle a seguinte documentación:

a) O anexo I de solicitude de axuda.

b) Copia dos estatutos das entidades solicitantes.

c) Documentación acreditativa da representatividade suficiente para asinar a solicitude.

d) Copia do NIF da entidade.

e) Ficha de cada actividade solicitada, segundo o modelo que figura no anexo II desta orde, debidamente cuberta.

f) Copia cotexada da póliza de seguro de responsabilidade civil referente ás dependencias onde se realizarán as actividades, de ser o caso, ou no seu defecto, compromiso de subscribir unha póliza de seguro de accidentes persoais que cubra a totalidade do alumnado asistente.

Deberá incluírse, de ser o o caso, documentación acreditativa da relación de aseguramento do profesorado.

g) Persoal técnico responsable da acción que se vai realizar. No caso das accións formativas e de divulgación e información, cadro do profesorado ou relatores que as vaian impartir, acompañado de copia compulsada do título académico, curriculum vitae e relación das materias que vai impartir cada un.

h) Memoria explicativa da acción para a cal se solicita a axuda, que deberá desenvolver os seguintes contidos: antecedentes, obxectivos, beneficios da actividade, persoas ás que vai dirixida, experiencia da entidade neste tipo de actividades, contidos da actividade reflectidos no programa, número de horas e número de días que dura a actividade, cronograma da actividade, orzamento desagregado, medios didácticos e humanos que se empregarán e lugar de realización da actividade.

Aquelas solicitudes nas que falte a documentación solicitada, requirirase ao solicitante para que nun prazo de dez (10) días hábiles achegue a documentación que falte.

Artigo 8. Presentación das solicitudes

1. As solicitudes estarán dirixidas á Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes e presentaranse pola entidade solicitante, que debe cumprir o disposto no artigo 7 desta orde, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte do da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia
https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

3. Se a documentación achegada estivese incompleta, requirirase o solicitante para que nun prazo de dez días hábiles, que comezará a contar o día seguinte ao de recepción do requirimento, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se non o fixese, se terá por desistido da súa petición, e se procederá ao arquivo das actuacións despois da notificación da resolución en tal sentido, de acordo co establecido nos artigos 42 e 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Información aos/ás interesados/as

1. Sobre este procedemento administrativo poderase obter información adicional na Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes, presencialmente ou a través dos seguintes medios:

a) Na epígrafe de axudas da páxina web da Consellería do Medio Rural e do Mar:
www.medioruralemar.xunta.es

b) Nos seguintes teléfonos da Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes: 981 54 66 62 e 981 54 66 93.

2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outros procedementos, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012 (desde Galicia) e 902 12 00 12 (desde o resto do Estado).

Artigo 10. Órgano responsable da tramitación

O órgano responsable da instrución dos expedientes das axudas contempladas nesta orde será o Servizo de Transferencia Tecnolóxica, Estatísticas e Publicacións.

Artigo 11. Comisión de valoración

Para a análise e valoración das solicitudes constituirase unha comisión de avaliación. A dita comisión de avaliación estará presidida polo/a subdirector/a xeral de Formación e Innovación Agroforestal e dela tamén formarán parte como secretario/a, un/unha funcionario/a do Servizo de Formación Agroforestal, e, como vogais, o/a xefe/a do Servizo de Formación Agroforestal, o/a xefe/a do Servizo de Transferencia Tecnolóxica, Estatística e Publicacións e un/unha funcionario/a deste mesmo servizo. Se por calquera causa, no momento en que a comisión de avaliación teña que examinar as solicitudes, algún dos seus integrantes non puidese asistir, será substituído polo/a funcionario/a que para o efecto designe o secretario/a xeral do Medio Rural e Montes.

Artigo 12. Criterios obxectivos de concesión

A comisión de avaliación valorará as solicitudes de acordo cos seguintes criterios:

a) Interese dos obxectivos que se perseguen coa actividade e da súa adaptación ás prioridades temáticas establecidas no artigo 3 (o máximo deste punto serán 10 puntos):

– Integración en organizacións máis grandes: 5 puntos.

– Novas alternativas produtivas: 5 puntos.

– Desenvolvemento novos procesos: 5 puntos.

– Desenvolvemento novas tecnoloxías: 5 puntos.

– Outras innovacións: 4 puntos.

b) Calidade dos relatores (o máximo deste punto será 10 puntos):

– Se ten título de doutor na materia que vai desenvolver: 5 puntos.

– Se ten título de máster universitario na materia que vai impartir: 4 puntos.

– Se ten licenciatura, enxeñaría superior ou grao na materia que vai impartir: 3 puntos.

– Se ten diplomatura ou enxeñaría técnica na materia que vai impartir: 2 puntos.

– Con experiencia nas accións que se van desenvolver: 2 puntos.

– Outras titulacións relacionadas: 1 punto.

c) Solvencia técnica, determinada en función da experiencia acreditada pola entidade na realización de programas formativos ou de transferencia tecnolóxica. Mediante certificado de boa execución ou visados polo órgano competente, de se tratar dun ente público ou cando o destinatario sexa un suxeito privado mediante certificado expedido por este ou ben mediante declaración xurada do empresario:

– 2 puntos por ano de experiencia acreditada: ata un máximo de 15 puntos.

d) Prioridades pola temática:

– Novas alternativas produtivas e certificacións de calidade no marco das producións de calidade diferenciada: 5 puntos.

– Incorporación de tecnoloxías innovadoras aos procesos de produción e transformación: 5 puntos.

– Outras de carácter innovador: 5 puntos.

– Xestión empresarial e comercial: 3 puntos.

– Fontes renovables de enerxía de uso agroforestal: 3 puntos.

– Produción agroforestal sustentable, agricultura ecolóxica e produción integrada: 3 puntos.

– Uso das tecnoloxías de información e comunicacións: 2 puntos.

– Ordenación do espazo e mobilización de terras agroforestal: 2 puntos.

– Conservación de recursos fitoxenéticos autóctonos: 2 puntos.

e) Desenvolvemento das accións en zonas de montaña ou desfavorecidas: 5 puntos.

f) Actividade dirixida fundamentalmente a mulleres: 5 puntos.

Serán excluídas as solicitudes que non acaden unha puntuación total mínima de 20 puntos.

Para determinar a contía das axudas, a comisión poderá aplicar factores de redución sobre as cantidades solicitadas, en función dos gastos realmente subvencionables, da puntuación obtida na avaliación e do orzamento total dispoñible.

Artigo 13. Resolución e notificación

1. A resolución de concesión das axudas corresponderalle ao secretario xeral do Medio Rural e Montes, por delegación da conselleira do Medio Rural e do Mar, logo da avaliación das solicitudes pola comisión. A dita avaliación conterá unha relación priorizada das solicitudes que se propoñen para ser financiadas co seu correspondente orzamento, acompañada dunha relación coas solicitudes avaliadas positivamente en lista de espera e a relación de solicitudes que se consideran non financiables. Conforme o artigo 21.3 e 4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o informe de avaliación debe incluír o resultado da avaliación das solicitudes efectuada de conformidade cos criterios de valoración establecidos nas bases reguladoras e convocatoria.

2. A resolución deberá ser notificada aos beneficiarios de forma individualizada de acordo co previsto nos artigos 58 e 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo da publicación no Diario Oficial de Galicia das subvencións concedidas, de conformidade co establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A dita notificación deberá informar os beneficiarios de que a medida se subvenciona en virtude dun programa cofinanciado polo Feader e enmárcanse dentro do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2007-2013, eixe 1, co código 111.

3. O prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas ao abeiro desta convocatoria será de dous (2) meses desde o día seguinte ao día que remate o prazo de presentación das solicitudes. De non mediar resolución expresa no dito prazo, as solicitudes poderán entenderse desestimadas.

4. A Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes poderá solicitar calquera aclaración ou documento que considere necesario para a correcta tramitación do expediente.

5. Non se concederán nin pagarán subvencións a solicitantes ou beneficiarios que non estean ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria e coa Seguridade Social, ou que teñan débedas pendentes de pagamento coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Para eses efectos, a presentación da solicitude de axuda implica a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións acreditativas correspondentes da Axencia Estatal da Administración Tributaria, Tesourería Xeral da Seguridade Social e Consellería de Facenda. Cando o solicitante denegue expresamente o seu consentimento, deberá presentar a certificación nos termos previstos no artigo 20.3 da Lei de subvencións.

6. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas, de ser o caso.

7. No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención. Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería do Medio Rural e do Mar.

Artigo 14. Recursos contra a resolución

1. A convocatoria desta axuda, as súas bases e todos cantos actos administrativos deriven dela poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecida na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. As resolucións expresas ou presuntas ditadas en aplicación desta orde esgotan a vía administrativa, e contra elas poderase interpor potestativamente recurso de reposición ante a conselleira do Medio Rural e do Mar, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto expreso; ou ben poderá ser impugnada directamente ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo no prazo de dous meses.

Artigo 15. Modificación da resolución, reintegro e redución das subvencións

1. O beneficiario poderá solicitar a modificación da resolución de concorrer as circunstancias previstas no artigo 14.m) da Lei de subvencións de Galicia. A solicitude deberá presentarse antes de que conclúa a prazo para a realización da actividade.

A modificación poderase autorizar sempre que:

a) A modificación solicitada non desvirtúe a finalidade da axuda e non supoña un incremento do subvencionable.

b) Non existan prexuízo a terceiros.

c) Os novos elementos e circunstancias que motivan a modificación, de concorrer na concesión inicial, non supoñan a denegación da axuda.

2. No suposto de pagamento indebido, o beneficiario quedará obrigado ao reembolso das cantidades percibidas como subvención máis os xuros de demora, que se calcularán en función do tempo transcorrido entre a finalización do prazo de pagamento para o beneficiario indicado na orde de recuperación, que non poderá fixarse en máis de sesenta (60) días entre a data de reembolso ou dedución (Regulamento (UE) nº 937/2012 da Comisión, do 12 de outubro de 2012).

3. As infraccións dos beneficiarios rexeranse polo establecido no título IV da Lei 9/2007.

4. Os pagamentos das axudas calcularanse con base no que se considere subvencionable durante os controis administrativos. O organismo competente examinará a solicitude de pagamento presentada polo beneficiario e determinará os importes subvencionables de acordo co seguinte:

a) O importe que pode concederse ao beneficiario en función exclusivamente da solicitude de pagamento.

b) O importe que pode concederse ao beneficiario tras os controis da solicitude de pagamento.

Se o importe establecido en virtude da letra a) supera o importe establecido en virtude da letra b) en máis dun 3 %, aplicarase unha redución ao importe establecido en virtude da letra b). O importe da redución será igual á diferenza entre os dous importes citados.

Non obstante, non se aplicará ningunha redución se o beneficiario pode demostrar que non é responsable da inclusión do importe non subvencionable.

Artigo 16. Obrigas das entidades beneficiarias

1. Sen prexuízo das demais obrigas que resulten do capítulo III do título preliminar do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os beneficiarios das subvencións concedidas ao abeiro desta orde quedan obrigados a:

a) Facer constar en todos os documentos e publicidade da actividade o anagrama da Xunta de Galicia, do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (Magrama) e do Feader. Así mesmo, no desenvolvemento da dita actividade, infórmaselles aos participantes que está financiada pola Consellería do Medio Rural e do Mar, por Magrama e polo Feader.

Nos locais de impartición das accións formativas deberán figurar, sempre en lugar visible, a publicidade da actividade e o cartel do cofinanciamento (anexo VII) permanecendo expostos ao longo da celebración da dita actividade.

b) Comunicarlle á Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar o desenvolvemento da actividade.

c) Levar un sistema de contabilidade separado ou ben un código contable axeitado para todas as transaccións relativas á acción de cooperación subvencionada, tal e como exixe o artigo 75.1 c).i do Regulamento (CE) nº 1974/2006.

d) Someterse ás actuacións de supervisión e control que en calquera momento poidan acordar os servizos competentes da Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes, tanto no relativo ao desenvolvemento da actividade como á súa xestión e tramitación administrativa.

e) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control. A maiores, ao tratarse de axudas cofinanciadas co fondo Feader, os beneficiarios deberán someterse aos específicos controis administrativos, sobre o terreo e a posteriori segundo o recollido no Regulamento (UE) nº 65/2011.

2. Dez días antes do inicio das actividades formativas, as entidades beneficiarias remitiranlle á Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes da Consellería do Medio Rural e do Mar, e adiantarán a dita comunicación por correo electrónico formacion.cmrm@xunta.es ou fax 981 54 66 99, na que se consignen os seguintes datos:

a) Planificación temporal e horaria do programa das actividades que se vaian realizar, datas exactas de inicio e remate e enderezo completo do lugar en que se desenvolverán.

b) A confirmación do persoal técnico que vai impartir a actividade.

c) Datos persoais, enderezo e teléfono da persoa responsable da coordinación e xestión directa da actividade.

d) Solicitude de asistencia de cada alumno, segundo o modelo que se xunta como anexo III.

3. Ao rematar a actividade formativa, as entidades beneficiarias terán a obriga de remitirlle á Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes a seguinte documentación:

a) Xustificantes detallados do gasto segundo se indica no artigo 18.

b) Copia dos controis de presenza nas horas lectivas dos asistentes, segundo o modelo que se xunta como anexo IV, que serán asinados polo profesorado que imparta cada clase e polo persoal coordinador das accións subvencionables.

c) Un exemplar da publicidade empregada no curso cos anagramas correspondentes de cada publicación que se realice e do material didáctico utilizado ou distribuído entre os asistentes.

d) Seguimento das actividades subvencionables segundo o modelo que se xunta como anexo V, debidamente cuberto.

e) Unha enquisa acreditativa da avaliación da calidade da formación impartida, segundo o anexo VI.

Artigo 17. Controis administrativos e in situ

1. O cumprimento de todos os compromisos contraídos e das obrigas legais estará sometido a control. As actividades de control consistirán tanto en controis administrativos como en inspeccións in situ, segundo o Regulamento (UE) nº 65/2011.

2. O expediente correspondente a cada beneficiario das axudas conterá toda a información relativa aos resultados dos controis administrativos e, de ser o caso, das inspeccións in situ que xustifiquen que a concesión destas axudas se axustou ao que establece a normativa comunitaria que os regula.

Artigo 18. Xustificación e pagamento das subvencións

1. Para a xustificación e pagamento das subvencións procederase conforme o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Con carácter xeral, a xustificación da axuda de cada unha das actividades realizarase dentro dos quince días seguintes á súa finalización e coa data límite do 30 de setembro  de 2015.

3. A xustificación da axuda para cada tipo de gasto subvencionable realizarase de acordo coas seguintes normas:

a) Presentación dos recibos ou facturas orixinais correspondentes aos gastos de profesorado ou relatores acompañados da fotocopia do xustificante de ingreso ou transferencia bancaria na conta de cada perceptor. Ao confeccionar o recibo terase en conta a retención aplicable no imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF).

b) Presentación das facturas orixinais xustificativas dos gastos realizados. Xunto coas facturas, presentaranse os seus correspondentes xustificantes de pagamento.

c) Con carácter xeral, os gastos xustificaranse mediante recibo, factura ou outros documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, xunto coa da fotocopia do xustificante de ingreso ou transferencia bancaria na conta de cada perceptor. Non se admitirán os pagamentos en metálico.

Documentos exixidos para xustificar o pagamento de facturas:

Realizarase mediante a achega orixinal e copia, para a súa compulsa e selado, dalgún dos documentos que se relacionan a continuación:

– Como regra xeral, presentarase a factura definitiva e o xustificante bancario do pagamento polo beneficiario (extractos ou certificacións bancarios) debidamente identificados, selados e asinados polo beneficiario. No xustificante de pagamento constará o número de factura obxecto de pagamento, a identificación do beneficiario que paga e do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura.

d) As facturas orixinais deberán ter os distintos conceptos que inclúa e o IVE desagregados, ademais de reunir o resto dos requisitos sinalados no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento das obrigas de facturación.

e) Remitirán unha memoria final en que resuman, de forma detallada as actividades desenvolvidas.

4. De acordo co establecido no artigo 24.2 do Regulamento (UE) 65/2011 da Comisión, do 27 de xaneiro de 2011, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello no que respecta á aplicación dos procedementos de control e a condicionalidade en relación coas axudas ao desenvolvemento rural, os controis administrativos das solicitudes de axuda incluirán, entre outras cousas, a moderación dos custos propostos, que se avaliará mediante un sistema adecuado de avaliación. O sistema que se empregará para a moderación dos custos propostos polos beneficiarios na xustificación da axuda será:

a) Para os gastos de profesorado ou relatores, estes non superarán a contía de 60 euros/hora.

b) Para o resto dos gastos realizados, a comparación de ofertas diferentes. Para tal fin, os beneficiarios das axudas deberán achegar coa xustificación:

1º. Tres ofertas de diferentes provedores, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.

2º. Unha memoria xustificativa cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Naqueles casos de custos de pouca contía (máximo de 300 euros), poderase substituír o sistema de comparación de ofertas diferentes pola referencia a prezos de mercado ou a bases de datos de prezos.

Malia o anterior, segundo o recollido no artigo 24.2 do Regulamento 65/2011 e o artigo 30.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o órgano xestor poderá comprobar en calquera dos tres sistemas de moderación o valor de mercado dos gastos.

5. No momento da xustificación final do gasto o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das subvencións solicitadas das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes, así como doutros entes públicos ou privados, tanto das aprobadas e concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo obxecto que corresponde ás subvencións reguladas nesta orde.

6. O persoal da Subdirección Xeral de Formación e Innovación Agroforestal marcará cun selo os recibos e as facturas orixinais presentadas na xustificación, indicando o financiamento con fondos Feader e se o importe do xustificante se imputa total ou parcialmente á subvención, sinalando neste último caso a contía exacta que resulte afectada pola subvención.

Artigo 19. Consentimentos e autorizacións

1. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta orde, salvo que xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia na que foron presentados ou, de ser o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesourería Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

3. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 20. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación fose autorizado polas persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar este procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é Secretaría Xeral Técnica. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña) ou a través dun correo electrónico á secretariaxeraltecnica.cmrm@xunta.es

Disposición adicional primeira

Todo o non previsto nesta orde observarase o sinalado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2997, de subvencións de Galicia, no Regulamento (CE) nº 1698/2005, do Feader, e nos regulamentos (UE) 65/2011, (CE) 1974/2006 e (UE) 679/2011.

Disposición adicional segunda. Marco programático da orde

As axudas reguladas nesta orde forman parte do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2007-2013, aprobado mediante Decisión da Comisión C (2008) nº 703, do 15 de febreiro de 2008, polo que esta convocatoria e as súas bases deben se axustarán ao contido do programa, así como ao Real decreto 1852/2009, do 4 de decembro, polo que se establecen os criterios para subvencionar os gastos no marco dos programas de desenvolvemento rural cofinanciados polo Feader.

Disposición adicional terceira. Formularios

Xúntase a esta orde os formularios dos anexos I e II, necesarios para solicitar a axuda, e III, IV, V e VI, que empregarán as entidades beneficiarias á hora de solicitar o pagamento e xustificar a axuda. Os ditos formularios poderán atoparse na Guía de procedementos e servizos no enderezo https://sede.xunta.es/guia-de-procedementos e na páxina web
http://medioruralemar.xunta.es/anuncios/axudas. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde terá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2014

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file