Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Martes, 30 de decembro de 2014 Páx. 53697

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 162/2014, do 26 de decembro, polo que se aproba o cambio de titularidade das vías interiores do polígono de Sabón, numeradas da 1 á 8 e da DP-0504, ramais norte e sur, a prol do Concello de Arteixo.

A teor do previsto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada lei de estradas, dispón no artigo 9.7, que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

A Deputación Provincial da Coruña solicítalle á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas o cambio de titularidade a prol do Concello de Arteixo das vías interiores do polígono de Sabón (numeradas do 1 ao 8) e da DP-0504, ramais norte e sur.

Ao amparo das previsións legais, o Pleno do Concello de Arteixo aceptou o cambio de titularidade das vías interiores do polígono de Sabón (numeradas do 1 ao 8) e da DP-0504, ramais norte e sur.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e seis de decembro de dous mil catorce,

DISPOÑO:

Artigo 1

Apróbase o cambio de titularidade a prol do Concello de Arteixo das seguintes vías interiores do polígono de Sabón:

– Vial 1, avenida da Deputación, entre a glorieta de Sabón e a estrada DP-0514.

– Vial 2, avenida da Praia, entre a glorieta de Sabón e varias parcelas situadas ao norte do polígono e ao leste do encoro.

– Vial 3, avenida Arsenio Iglesias e avenida da Educación, entre a estrada DP-0514 e a vía 6, e avenida da Prensa, entre a vía 6 e a vía 4.

– Vial 4, avenida do Encoro, entre a vía 1 e o acceso ao porto exterior da Coruña.

– Vial 5, avenida da Moda, entre a vía 1 e a vía 3.

– Vial 6, avenida da Ponte, entre a estrada AC-552 e a vía 1, e avenida da Enerxía, entre a vía 1 e a vía 3.

– Vial 7, ramal secundario entre a vía 2 e distintas parcelas situadas ao sueste do polígono.

– Vial 8, ramal secundario entre a vía 2 e distintas parcelas situadas ao sueste do polígono.

– DP-0504, ramal norte, entre a vía 3 e a praia de Sabón.

– DP-0504, ramal sur, entre a estrada AC-415 e a vía 2.

Artigo 2

En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Arteixo deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire o presente decreto.

Artigo 3

A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes á publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia, mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Corresponderalle ao Concello de Arteixo, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que poida corresponderlle como nova Administración titular da estrada.

Disposición derradeira

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e seis de decembro de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas