Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Martes, 30 de decembro de 2014 Páx. 53700

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 23 de decembro de 2014 pola que se procede á ampliación dos importes para o financiamento das axudas para a adquisición de libros de texto destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria ou educación especial en centros sostidos con fondos públicos, para o seu uso no curso escolar 2014/15.

Mediante a Orde do 28 de maio de 2014 (Diario Oficial de Galicia do 30 de maio), a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convocou axudas para a adquisición de libros de texto destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria ou educación especial, en centros sostidos con fondos públicos, para o seu uso no curso escolar 2014/15.

O artigo 17 desta orde establece que estas axudas serán financiadas con cargo á aplicación orzamentaria 09.60.423A.780.0, por importe total de 14.695.596,00 euros para o ano 2014, e na contía de 400.000,00 euros para o ano 2015, podéndose ampliar, se é o caso, os ditos importes.

Como consecuencia da existencia de remanentes no mesmo servizo e tendo en conta que estas axudas non están sometidas ao réxime de concorrencia competitiva, e que o importe asignado non é suficiente para atender os compromisos adquiridos ao abeiro da convocatoria, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria,

DISPÓN:

Artigo único

Incrementar o importe para financiar as axudas para a adquisición de libros de texto destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria ou educación especial en centos sostidos con fondos públicos, para o seu uso no curso escolar 2014/15, en tres millóns trescentos setenta e sete mil setecentos sesenta e dous euros con corenta e tres céntimos de euro (3.377.762,43 euros), de acordo co establecido no artigo 17 da Orde do 28 de maio de 2014 (Diario Oficial de Galicia do 30 de maio).

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2014

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Univeristaria