Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Martes, 13 de xaneiro de 2015 Páx. 1712

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ANUNCIO do 8 de xaneiro de 2015, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, polo que se acorda someter ao procedemento de información pública e audiencia aos interesados o proxecto do Decreto polo que se aproba o Plan de conservación do monumento natural da Praia das Catedrais.

A Praia das Catedrais declarouse monumento natural mediante o Decreto 11/2005, do 20 de xaneiro, polo que se declara a Praia das Catedrais como monumento natural, e atópase situada no extremo oriental da provincia de Lugo, no termo municipal de Ribadeo.

A Lei 42/2007, do 13 de decembro, de patrimonio natural e biodiversidade, no seu artigo 15 establece que os recursos naturais e, en especial, os espazos naturais que hai que protexer serán obxecto de planificación coa finalidade de adecuar a súa xestión aos seus principios inspiradores. No seu artigo 21 outorga ás comunidades autónomas a potestade para a elaboración e aprobación dos plans de ordenación dos recursos naturais nos seus respectivos ámbitos competenciais.

Por outro lado, o artigo 31 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, enumera os distintos instrumentos de planificación dos espazos naturais protexidos e establece que corresponden á categoría de plans de conservación aqueles espazos que non sexan parques naturais ou reservas naturais.

Ademais, o seu artigo 37 indica que os plans de conservación establecerán os réximes de usos e actividades permisibles, así como as limitacións que se consideren necesarias para a conservación do espazo. O seu contido mínimo vén indicado no seu artigo 38.

Toda a superficie do monumento natural intégrase dentro da zona de especial conservación ZEC ES1120005 As Catedrais, que abrangue 304,36 ha na rasa cantábrica situada entre os concellos de Barreiros e Ribadeo.

Ao estar incluído nun espazo protexido da Rede Natura 2000, conta xa cun plan de ordenación dos recursos naturais aprobado mediante o Decreto 37/2014, do 26 de marzo, polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia e se aproba o Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia. Non obstante, o espazo está sometido a presións, principalmente de uso público, que xustifican a elaboración dun plan específico en aplicación da disposición derradeira terceira do dito decreto.

Como paso previo para a elaboración do Plan de conservación elaborouse un documento preliminar, que foi sometido á participación pública en virtude do establecido no artigo 16 da Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente.

O dito documento estivo exposto ao público na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, durante un período de quince (15) días naturais.

En consecuencia, sométese o proxecto de decreto á información pública, en virtude do establecido no artigo 40 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, e no artigo 42 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia,

ACORDO:

Primeiro. Someter á información pública e audiencia aos interesados o proxecto de Decreto polo que se aproba o Plan de conservación do monumento natural da Praia das Catedrais, por un período de corenta e cinco (45) días, contando o dito período desde o día seguinte ao da publicación desta resolución, coa finalidade de que todos aqueles interesados poidan remitir as súas alegacións mediante escrito dirixido á Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, San Lázaro, s/n, 15781, ou ao enderezo de correo electrónico planificacion.conservación@xunta.es, poñendo no asunto: PC As Catedrais.

Segundo. Durante o citado prazo, toda a documentación poderá ser examinada nos seguintes lugares:

– Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

– Departamento Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas de Lugo.

– Páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas:

http://www.cmati.xunta.es/

Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2015

Verónica Tellado Barcia
Directora xeral de Conservación da Natureza