Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Martes, 13 de xaneiro de 2015 Páx. 1661

III. Outras disposicións

Universidade de Vigo

RESOLUCIÓN do 30 de decembro de 2014 pola que se dispón a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do acordo da Comisión Paritaria do II Convenio colectivo do persoal laboral de administración e servizos.

Visto o acordo da Comisión Paritaria do II Convenio colectivo do persoal laboral de administración e servizos da Universidade de Vigo, de conformidade co artigo 9.5. do convenio colectivo, e no exercicio das competencias atribuídas pola Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, a Reitoría da Universidade de Vigo

resolveu:

Primeiro. Dispoñer a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do acordo que se achega como anexo a esta resolución.

Segundo. Este acordo entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpor recurso, ante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Non obstante, os interesados poderán optar por interpoñer contra esta resolución, recurso de reposición ante o reitor, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao desta publicación, de acordo co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Vigo, 30 de decembro de 2014

Salustiano Mato de la Iglesia
Reitor da Universidade de Vigo

ANEXO
Acordo da Comisión Paritaria do II Convenio colectivo do persoal laboral de administración e servizos en reunión que tivo lugar o 19 de novembro de 2014

Co obxecto de posibilitar unha estrutura de xestión que responda ás necesidades da institución créanse os seguintes complementos de xefatura e coordinación.

Dirección: retribuirá o desempeño de postos que requiran un elevado grao de dedicación, incluíndo, entre outras funcións, a dirección de equipos, a planificación estratéxica e a xestión da unidade; todo isto cun alto nivel de autonomía. Só se poderá atribuír ao persoal encadrado nos grupos I e II. Os postos de dirección serán asignados exclusivamente naquelas unidades de gran tamaño e elevada complexidade na súa dirección.

Dirección técnica: retribuirá o desempeño de postos que requiran un elevado grao de dedicación, incluíndo, entre outras funcións, a dirección de equipos, a planificación estratéxica e a xestión da unidade; todo isto cun importante nivel de autonomía. Só se poderá atribuír ao persoal encadrado nos grupos I e II.

Subdirección: asignarase a aqueles postos que baixo a dirección dun superior comporten a dirección parcial de persoal, colaborando coa planificación estratéxica e a xestión da unidade e cun elevado nivel de autonomía no seu eido de actividade. Só se poderá atribuír ao persoal encadrado nos grupos I e II.

A asignación destes complementos realizarase mediante libre designación, reflectirase na relación de postos de traballo (RPT) e resultará incompatible con outros complementos, agás os previstos no número 2 do artigo 30 do actual convenio colectivo e os complementos de perigosidade, toxicidade e penosidade. O desempeño destes postos terá a consideración e os efectos establecidos no segundo parágrafo do artigo 33 do actual convenio colectivo.

Responsabilidade: retribuirá o desempeño de postos que impliquen a dirección e coordinación de persoal de pequenas unidades, cunha relativa marxe de autonomía na execución de plans de actuación, no seu control, seguimento e rendición de contas. Só se poderá atribuír ao persoal encadrado nos grupos I, II e III. A cobertura realizarase mediante concurso de méritos e o complemento virá reflectido na RPT do persoal laboral de administración e servizos da Universidade de Vigo.

A contía económica destes complementos será a recollida na seguinte táboa:

Complementos de xefatura e coordinación. Contía anual

Director

Subdirector/director técnico

Responsable

Grupo I

13.248,32

7.216,12

4.201,30

Grupo I TIC

8.649,46

4.137,52

1.559,18

Grupo II

16.778,14

10.745,94

3.028,34

Grupo II TIC

14.330,52

8.298,32

2.074,10

Grupo III Lab.

1.799,98

Grupo III

2.394,98

Grupo III TIC

1.799,98

Con carácter transitorio, aquelas persoas que desempeñen postos de traballo aos cales se lles teña asignado un complemento asimilable aos de xefatura e coordinación seguirán desempeñando este nas mesmas condicións que no momento da sinatura deste acordo ata a aprobación da nova RPT ou ata que, de manterse a súa existencia, se cubra segundo o mecanismo que se prevexa. No caso de que se manteña o complemento e a forma de provisión sexa coincidente coa que se utilizou para a asignación, o/a traballador/a manterá o complemento nas mesmas condicións que as que se sinalan neste acordo.

Acórdase, segundo o previsto no artigo 9.5. do convenio colectivo, a publicación no Diario Oficial de Galicia.

Pola representación do persoal:

Marcos Estévez Orge (CC.OO.), Federico Fernández Fernández (CIG), Manuel Marcos García (CC.OO.), Carlos Mollinedo Lois (CIG).

Pola Universidade de Vigo:

Manuel Fernández Jáuregui, Emilio Manuel Martínez Rivas, Rodrigo Cerviño Díaz, José Manuel Fernández Viña.