De conformidade co establecido no Decreto 206/2005, do 22 de xullo (DOG nº 145, do 29 de xullo), de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, así como no artigo 3 da Orde da Consellería de Sanidade do 24 de maio de 2006 (DOG nº 106, do 5 de xuño), pola que se establecen as bases do procedemento para a provisión dos postos de xefatura e coordinación das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, en virtude das competencias atribuídas polo Decreto 43/2013, do 21 de febreiro (DOG nº 47, do 7 de marzo), polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde, e a Orde do 5 de xullo de 2012 (DOG nº 139, do 20 de xullo), sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos do Servizo Galego de Saúde, o xerente de Xestión Integrada de Santiago de Compostela,
RESOLVE:
Primeiro. Anunciar a convocatoria para a cobertura, polo sistema de libre designación, do posto de traballo que se indica no anexo.
Segundo. As retribucións do posto ofertado serán as que correspondan de acordo coa normativa vixente sobre confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica.
Terceiro. As solicitudes para participar nesta convocatoria dirixiranse á Xerencia de Xestión Integrada de Santiago de Compostela e poderán presentarse no Rexistro Xeral da Xerencia de Xestión Integrada de Santiago de Compostela, sita no Hospital Clínico, na travesía da Choupana, s/n, 15706 Santiago de Compostela, ou a través de calquera dos procedementos do artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de vinte días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.
Cuarto. As bases íntegras da convocatoria estarán expostas nos taboleiros de anuncios do Punto de Atención ao Traballador (PAT) da Dirección de Recursos Humanos, na intranet da Xerencia de Xestión Integrada de Santiago de Compostela, así como na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).
Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2014
Luis Verde Remeiro
Xerente de Xestión Integrada de Santiago de Compostela
ANEXO
1. Denominación do posto: xefe de Servizo de Informática, Área de Xestión e Implantación dos Sistemas de Información.
2. Número de prazas: unha.
3. Requisitos: ter a condición de persoal estatutario fixo nas categorías de:
– Técnico/a superior de Sistemas e Tecnoloxías da Información.
– Técnico/a de xestión de Sistemas e Tecnoloxías da Información.
e en situación de servizo activo.
4. Procedemento de provisión: libre designación.
5. Institución: Xerencia de Xestión Integrada de Santiago de Compostela.