Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Venres, 30 de xaneiro de 2015 Páx. 4433

I. Disposicións xerais

Consellería de Facenda

DECRETO 9/2015, do 22 de xaneiro, polo que se modifica o Regulamento do imposto sobre a contaminación atmosférica, aprobado polo Decreto 29/2000, do 20 de xaneiro.

A entrada en vigor da Lei 12/1995, do 29 de decembro, do imposto sobre a contaminación atmosférica, supuxo o establecemento e a aplicación, a partir do 1 de xaneiro de 1996, dun novo imposto sobre a contaminación atmosférica, producida por emisións de dióxido de xofre e de calquera outro composto oxixenado do xofre e de dióxido de nitróxeno ou calquera outro composto oxixenado do nitróxeno.

Co obxecto de desenvolver o texto legal, promulgouse o Decreto 4/1996, do 12 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do imposto sobre a contaminación atmosférica, no que se regulaban, entre outras materias, aspectos de xestión e liquidación do citado imposto.

No entanto, a experiencia acumulada na xestión e liquidación do tributo fixo que se introduciran unha serie de modificacións para permitir unha xestión máis flexible e máis axeitada ao obxecto do tributo. Apróbase así o Decreto 29/2000, do 20 de xaneiro, que derroga o anterior decreto co fin de acadar esa flexibilidade necesaria para a xestión do tributo, e de engadir unha serie de aspectos que faltaban por regular, como son a determinación da base impoñible do imposto mediante o método de estimación obxectiva e o fondo de reserva para atender danos extraordinarios e situacións de emerxencia provocadas por catástrofes ambientais, que se pospuxeran, no seu día, para un decreto posterior.

No ano 2009, mediante a Lei 16/2008, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009, modificouse a Lei reguladora do imposto, afectando os artigos relativos á cota tributaria e á liquidación e ingreso do imposto.

Como consecuencia do anterior modificouse o regulamento, mediante o Decreto 10/2009, do 21 de xaneiro.

Na actualidade, case quince anos despois de aprobar a regulación da estimación obxectiva da base impoñible conforme coas técnicas, tecnoloxías e estado da situación imperante no ano 2000, o método establecido naquel decreto non é totalmente compatible co estado da situación actual polo que se pon de manifesto a necesidade de modificalo e adaptalo tendo en conta as metodoloxías, doutrina e bibliografía actualmente imperantes. Deste xeito, e de acordo co estudo realizado pola consellería competente en materia de ambiente, modifícase o cálculo da estimación de emisión dos compostos oxixenados de nitróxeno, establecendo un método de cálculo baseado no uso xeral dos factores de emisión do Inventario Nacional de Emisións á Atmosfera, publicado no ano 2014 polo ministerio competente en materia de ambiente.

Concretamente, proponse manter o método de cálculo para os compostos oxixenados de xofre e modificar a táboa de factores de emisión para o cálculo dos compostos oxixenados do nitróxeno.

Para isto incorpórase un anexo cos factores de emisión que se aplicarán na fórmula que xa viña establecida no anterior decreto, clasificando os focos de contaminación atmosférica con base a se a actividade de combustión está asociada a un proceso produtivo ou se se trata de instalacións de coxeración de produción eléctrica.

A modificación refírese só a instalacións con potencia térmica menor a 50 Mw. As instalacións con potencia térmica superior a 50 Mw teñen que dispoñer de medidores en continuo polo que deberían aplicar como método de cálculo a estimación directa.

Ao mesmo tempo, adáptase o texto do regulamento á modificación organizativa da Administración tributaria galega coa entrada en funcionamento da Axencia Tributaria de Galicia.

Por último, introdúcense algunhas correccións técnicas acordes coa normativa tributaria xeral, xa que o regulamento que se modifica é anterior á Lei 58/2003, xeral tributaria e ao Regulamento xeral das actuacións e os procedementos de xestión e inspección tributaria e de desenvolvemento das normas comúns dos procedementos de aplicación dos tributos, aprobado polo Real decreto 1065/2007, do 27 de xullo.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Facenda, de acordo co Consello Consultivo, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do vinte e dous de xaneiro de dous mil quince,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Regulamento do imposto sobre a contaminación atmosférica, aprobado polo Decreto 29/2000, do 20 de xaneiro

Introdúcense as seguintes modificacións no Regulamento do imposto sobre a contaminación atmosférica, aprobado polo Decreto 29/2000, do 20 de xaneiro:

Un. Modifícase o artigo 3, que queda redactado como segue:

«Artigo 3. Competencias

O exercicio das funcións de aplicación e de revisión en vía administrativa do imposto, así como o exercicio da potestade sancionadora en materia tributaria, corresponderalles aos órganos ou unidades administrativas competentes da administración tributaria da consellería competente en materia de facenda que determine a súa norma organizativa».

Dous. Modifícase o artigo 8, que queda redactado como segue:

«Artigo 8. Determinación da base impoñible: estimación directa

1. A base impoñible determinarase con carácter xeral, para cada foco emisor, por estimación directa, deducida da declaración do suxeito pasivo e verificada pola Administración, ou, se é o caso, polos datos ou documentos obxecto de comprobación administrativa, de acordo co disposto nos puntos seguintes.

2. Para a estimación directa da base impoñible deberán empregarse procedementos de medición que apliquen métodos normalizados ou aceptados previamente pola consellería competente en materia de ambiente, utilizando normas CEN aplicables. Se non houbese normas CEN dispoñibles, aplicaranse normas ISO ou nacionais. De non existir normas aplicables, poderán utilizarse procedementos de acordo cos proxectos de normas ou directrices da industria sobre mellores prácticas. No caso de que nun sector industrial concreto non existise ningunha metodoloxía recoñecida de estimación de emisións ou de guías ou directrices da industria de mellores prácticas, poderá estimarse a base impoñible baseándose en estimacións non normalizadas, deducidas das mellores hipóteses ou de opinións autorizadas.

3. Os suxeitos pasivos deberán determinar a base impoñible mediante monitores para a medición en continuo de concentración das substancias emitidas e de caudais, sempre que, en virtude da normativa vixente, as instalacións estean obrigadas a incorporalos e as ditas medidas sexan representativas das condicións habituais de operación do proceso, consonte co disposto na Orde ITC/1389/2008, do 19 de maio, pola que se regulan os procedementos de determinación das emisións dos contaminantes atmosféricos SO2, NOX e partículas procedentes das grandes instalacións de combustión, o control dos aparellos de medida e o tratamento e remisión da información relativa ás ditas emisións e na decisión de execución da Comisión Europea do 7 de maio de 2012 relativa á determinación dos períodos de arranque e de parada para efectos da Directiva 2010/75/UE do Parlamento Europeo e do Consello, sobre as emisións industriais.

4. Os suxeitos pasivos, naqueles supostos en que as instalacións industriais incorporen os devanditos medidores aínda cando non fose obrigatorio de acordo coa normativa vixente, poderán determinar a base impoñible mediante estes monitores, sempre e cando as ditas medidas sexan representativas das condicións habituais de operación do proceso, conforme o disposto no punto anterior.

5. A utilización dos rexistros en continuo de SOx e NOx para a determinación da base impoñible en réxime de estimación directa, só será posible se para ambas as substancias se verifica que a captura de datos horarios válidos de cada monitor é superior ao setenta e cinco por cento dos correspondentes ao número de horas de funcionamento da devandita instalación en cada período de liquidación.

6. Os monitores de medición que se utilicen para a determinación da base impoñible deberán cumprir a norma UNE-EN 14181, Aseguramento da calidade dos sistemas automáticos de medida, e, no caso de que esta norma non fose obrigatoria de acordo coa lexislación vixente, deberán cumprir o indicado na instrución técnica ITC 12-Certificación dos sistemas automáticos de medida de emisións da consellería competente en materia de ambiente, así como as actualizacións que se puidesen realizar tanto da norma UNE-EN 14181 como da instrución».

Tres. Modifícase o artigo 9, quedando redactado como segue:

«Artigo 9. Determinación da base impoñible: estimación obxectiva

1. Os suxeitos pasivos poderán determinar a base impoñible do imposto mediante estimación obxectiva, mediante a aplicación de métodos aceptados nacional ou internacionalmente, deducindo a cantidade de contaminantes emitida de indicadores obxectivos vinculados á actividade, ao proceso de produción de que se trate e aos combustibles, materias primas e calquera outros materiais empregados no desenvolvemento da actividade, ou por referencia aos índices, módulos ou calquera outros parámetros aprobados por orde da consellería competente en materia de facenda.

2. Para determinar a base impoñible de acordo co punto anterior o suxeito pasivo deberá optar pola aplicación do réxime de estimación obxectiva, nos prazos, na forma e mediante o modelo aprobado por orde da consellería competente en materia de facenda. Unha vez que optase por este método, este será aplicable ata que se producisen as condicións que o obriguen a determinar a base impoñible por estimación directa.

3. A cantidade estimada de SOx emitida no período temporal obxecto da liquidación calcularase aplicando a seguinte fórmula:

X = 2 * C * (x - y*z)

Onde:

X = cantidade de SOx emitida no período temporal correspondente expresada en toneladas métricas equivalentes de dióxido de xofre (t).

C = cantidade de combustible consumido no período temporal correspondente expresada en toneladas métricas (t).

x = tanto por un en peso de xofre no combustible.

y = tanto por un en peso de cinzas no combustible.

z = tanto por un en peso de xofre nas cinzas (g/kg).

4. A cantidade estimada de NOx emitida no período temporal obxecto da liquidación calcularase aplicando a seguinte fórmula:

Y = FENOx * C * PCS * 10-6

Onde:

Y = cantidade de NOx emitida no período temporal obxecto da liquidación expresada en toneladas métricas equivalentes de dióxido de nitróxeno (t).

C = cantidade de combustible consumido no período temporal obxecto da liquidación expresada en toneladas métricas (t).

PCS = poder calorífico superior do combustible (Mj/kg).

FENOx = factor de emisión de compostos oxidados de nitróxeno expresados en g/Gj equivalentes de dióxido de nitróxeno.

5. Os factores de emisión a que se refire o punto 4 anterior serán os contidos nas táboas que se relacionan no anexo a este regulamento. O devandito anexo poderá ser modificado por orde da consellería competente en materia de facenda, aprobando os factores de emisión que corresponda aplicar polos suxeitos pasivos para a estimación das emisións de NOx, en función da tipoloxía das instalacións, da actividade que orixinen as emisións, do sector industrial correspondente ou das circunstancias que se xustifiquen na devandita orde, de acordo cos usos xerais admitidos polas autoridades ambientais ou avalados pola doutrina científica».

Catro. Modifícase o artigo 10, que queda redactado como segue:

«Artigo 10. Determinación da base impoñible: estimación indirecta

A administración tributaria poderá determinar a base impoñible por estimación indirecta, nos casos e por calquera dos medios sinalados na normativa tributaria xeral».

Cinco. Modifícase o artigo 13, que queda redactado como segue:

«Artigo 13. Declaración-liquidación anual

Os suxeitos pasivos están obrigados a presentar desde o 1 ao 31 de marzo de cada ano natural unha declaración-liquidación anual por cada foco emisor, na forma e lugar e mediante o modelo e instrucións aprobados para o efecto pola consellería competente en materia de facenda, autoliquidando e ingresando o imposto sobre a contaminación atmosférica correspondente ao ano natural inmediato anterior».

Seis. Modifícase o artigo 14, que queda redactado como segue:

«Artigo 14. Ingresos a conta mensuais

Os suxeitos pasivos estarán obrigados a efectuar pagamentos a conta do importe da débeda tributaria definitiva, autoliquidando e ingresando o seu importe na contía, condicións, forma, lugar e prazos e mediante os modelos e instrucións determinados mediante orde da consellería competente en materia de facenda».

Sete. Modifícase o artigo 16, que queda redactado como segue:

«Artigo 16. Límites cuantitativos da obrigación de declarar

Non estarán obrigados a presentar autoliquidación polo imposto sobre a contaminación atmosférica os suxeitos pasivos que, respecto dun foco emisor, non superasen as 80 toneladas emitidas das substancias gravadas no ano inmediato anterior. Da mesma forma, non estarán obrigados a realizar pagamentos a conta do importe da débeda tributaria definitiva.

Con todo, se ao longo dun exercicio se chegasen a superar as 100 toneladas emitidas, quedarán obrigados a partir do mes seguinte a aquel en que se producise esa circunstancia para realizar pagamentos á conta do importe da débeda tributaria definitiva e a presentar a autoliquidación anual.

Da forma expresada no parágrafo anterior procederán os suxeitos pasivos titulares de novos focos emisores a partir da súa posta en funcionamento».

Oito. Modifícase o artigo 17, que queda redactado como segue:

«Artigo 17. Comprobación

As circunstancias declaradas ante a Administración tributaria serán obxecto de comprobación por esta, e poderán recadar, para estes efectos, a asistencia, auxilio e información precisos dos órganos administrativos competentes nas materias de ambiente, enerxía e industria».

Nove. Modifícase o título do capítulo IV, que queda redactado como segue:

«CAPÍTULO IV. Censo electrónico de focos emisores de substancias contaminantes»

Dez. Modifícase o artigo 20, que queda redactado como segue:

«Artigo 20. Censo electrónico de focos emisores de substancias contaminantes

1. Créase o Censo electrónico de focos emisores de substancias contaminantes incluídas no feito impoñible do imposto sobre a contaminación atmosférica, instrumento que será empregado pola Administración tributaria galega para efectos da aplicación do devandito imposto.

2. O censo conterá, ademais dos datos sinalados na normativa xeral tributaria, os datos declarados mediante os modelos que se sexan aprobados pola consellería competente en materia de facenda.

3. A Administración tributaria galega poderá incorporar de oficio os datos que deban figurar no censo de acordo co disposto no artigo 144 do Regulamento xeral das actuacións e os procedementos de xestión e inspección tributaria e de desenvolvemento das normas comúns dos procedementos de aplicación dos tributos aprobado mediante o Real decreto 1065/2007, do 27 de xullo».

Once. Modifícase o artigo 21, que queda redactado como segue:

«Artigo 21. Declaración inicial

1. Todos os titulares de focos emisores están obrigados a presentar unha declaración inicial por cada foco emisor, na forma, lugar e prazos e mediante o modelo e instrucións aprobados para o efecto pola consellería competente en materia de facenda.

2. No caso do establecemento e posta en marcha dun novo foco emisor, os datos de carácter anual declarados mediante a citada declaración consistirán en previsións ou estimacións».

Doce. Modifícase o artigo 22, que queda redactado como segue:

«Artigo 22. Inscrición

1. Procederá a inscrición no censo dos focos emisores que superen as 80 Tm anuais de emisión das substancias contaminantes gravadas.

2. Se dos datos obtidos da declaración, a que se refire o artigo anterior se deduce que non procede a inscrición no censo, de acordo co establecido no parágrafo anterior, persistirá a obriga de efectuar nova declaración no suposto de que a contaminación efectiva anual superase as 80 Tm, na forma, lugar e prazos e mediante o modelo e instrucións aprobados para o efecto, pola consellería competente en materia de facenda».

Trece. Modifícase o artigo 23, que queda redactado como segue:

«Artigo 23. Modificación

Cando se produza unha circunstancia modificativa dos extremos que figuran na declaración a que se refire o artigo 21, o titular do foco emisor estará obrigado a comunicalo á Administración tributaria na forma, lugar e prazos e mediante o modelo e instrucións aprobados para o efecto, pola consellería competente en materia de facenda».

Catorce. Engádese o seguinte anexo ao Regulamento do imposto sobre a contaminación atmosférica:

«ANEXO

Os factores de emisión que se aplicarán na fórmula contida no punto 4 do artigo 9 do Regulamento do imposto sobre a contaminación atmosférica son:

a) Para as instalacións nas que a actividade de combustión estea asociada a un proceso produtivo os factores de emisión que se aplicarán son os que se relacionan a seguir, segundo se trate de caldeiras de combustión, turbinas de gas ou motores estacionarios:

a.1) Caldeiras de combustión:

Combustible

NOx (g/GJ)

Carbón coquizable

155

Hulla

155

Lignito negro

155

Coque

155

Coque de petróleo

300

Madeira

206

Residuos de madeira

155

Residuos industriais

298

Residuos agrícolas

84

Lodos de depuradora

171

Fuelóleo

165

Gasóleo

70

Licos negro

160

Gas natural

62

GLP

62

Gas de coquería

90

Gas de horno

55

Gas residual

90

Gas de refinaría

140

Biogás

60

Gas manufacturado

62

Gas de aceiría

55

a.1) Turbinas de gas:

Combustible

NOx (g/GJ)

Fuelóleo

350

Gasóleo

350

Gas natural

 

GFP

188

Area

165

GLP

120

Biogás

48

a.1) Motores estacionarios:

Combustible

NOx (g/GJ)

Fuelóleo

1150

Gasóleo

1200

Gas natural

312

b) Para as instalacións de coxeneración de produción eléctrica os factores de emisión que se aplicarán son os seguintes:

Combustible

NOx (g/GJ)

Fuelóleo

1150

Gasóleo

900 (Ignición por compresión);

1400 (ignición por faísca)

Diésel oil

900 (Ignición por compresión);

1400 (ignición por faísca)

Gas natural

312

GLP

120

Biogás

107-116

Disposición transitoria única

Para o cumprimento das obrigacións tributarias pendentes de cumprirse á entrada en vigor deste decreto, correspondentes aos feitos impoñibles gravados polo imposto sobre a contaminación atmosférica divindicados con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2015, aplicaranse as normas contidas no Regulamento do imposto sobre a contaminación atmosférica, vixentes no momento da realización do feito impoñible.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e terá efectos para os feitos impoñibles gravados polo imposto sobre a contaminación atmosférica que se realicen desde o 1 de xaneiro de 2015.

Santiago de Compostela, vinte e dous de xaneiro de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Elena Muñoz Fonteriz
Conselleira de Facenda