Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Martes, 10 de marzo de 2015 Páx. 9699

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

DECRETO 35/2015, do 5 de marzo, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario dos corpos docentes que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015.

O artigo 31.6 do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia, modificado pola Lei 2/2009, do 23 de xuño, establece que as necesidades de recursos humanos con asignación orzamentaria que non poidan ser cubertas cos efectivos de persoal existentes serán obxecto de oferta de emprego público.

O artigo 13.un da Lei 11/2014, do 19 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015, autoriza, de acordo coa normativa básica, unha taxa de reposición de efectivos de ata un máximo do 50 % para prazas de acceso aos corpos de funcionarios docentes da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Polo anterior, e tendo en conta a planificación educativa e as vacantes que durante o ano 2014 se produciron nos distintos corpos docentes que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, cómpre a aprobación da oferta de emprego público relativa aos corpos docentes no ano 2015.

De conformidade co exposto, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e a súa Presidencia, modificada polas leis 11/1988, do 20 de outubro; 2/2007, do 28 de marzo; e 12/2007, do 27 de xullo, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día cinco de marzo de dous mil quince,

DISPOÑO:

Artigo 1. Aprobación da oferta de emprego público dos corpos docentes

Apróbase a oferta de emprego público correspondente aos corpos docentes que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, para o ano 2015 nos termos que se establecen neste decreto, e de conformidade co disposto no artigo 31.6 do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia.

Artigo 2. Cuantificación da oferta de emprego público

Corpo de mestres: 432.

Corpo de inspectores de Educación: 14.

Artigo 3. Reserva para persoas con discapacidade

Do total de prazas ofertadas para ingreso e acceso reservarase unha cota do 7 % do conxunto delas para seren cubertas por persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %. A distribución da dita reserva por especialidades efectuarase na convocatoria das probas selectivas. As prazas que queden vacantes da quenda de discapacidade acumularanse ás convocadas no sistema de ingreso libre.

No suposto de que algún ou algunha dos ou das aspirantes con discapacidade que se presente pola quenda de reserva supere a proba e non obteña praza na citada quenda, sendo a súa puntuación superior á obtida por outro persoal aspirante do sistema de ingreso ou de acceso, será incluído ou incluída pola súa orde de puntuación no sistema que proceda.

Artigo 4. Admisión de persoas con discapacidade

1. Nas probas selectivas para o acceso ás prazas ofertadas serán admitidas as persoas con discapacidade en igualdade de condicións cos demais aspirantes.

As convocatorias non establecerán exclusións por limitacións físicas ou psíquicas, sen prexuízo das incompatibilidades co desempeño das tarefas ou funcións correspondentes.

2. Nas probas selectivas establecerase, para as persoas con discapacidade que o soliciten, as adaptacións de tempo e medios para a súa realización. Nas convocatorias indicarase claramente esta posibilidade, así como que o persoal interesado deberá formular a petición concreta na correspondente solicitude de participación.

Para tal efecto os tribunais de selección poderán requirir informe e, se é o caso, colaboración dos órganos técnicos da Administración competente.

Disposición adicional. Adquisición doutra especialidade

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria poderá, ademais, convocar o procedemento para que os funcionarios docentes de carreira que dependan directamente dela poidan acadar unha nova especialidade dentro do corpo a que pertencen.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento e execución

Facúltase o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para ditar, dentro das súas competencias, as normas precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, cinco de marzo de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria