Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Luns, 16 de marzo de 2015 Páx. 10603

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 2 de marzo de 2015 pola que se convocan axudas para a realización de actividades de formación en linguas estranxeiras no ano 2015, destinadas ao alumnado dos centros docentes sostidos con fondos públicos, en réxime de concorrencia competitiva.

A Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, afirma no preámbulo que o dominio dunha segunda, ou mesmo, dunha terceira lingua estranxeira, se converteu nunha prioridade na educación como consecuencia do proceso de globalización en que vivimos, á vez que se mostra como unha das principais carencias do noso sistema educativo. A Unión Europea fixa o fomento do plurilingüismo como un obxectivo irrenunciable para a construción dun proxecto europeo. A lei apoia decididamente o plurilingüismo, redobrando os esforzos para conseguir que o alumnado se desenvolva con fluidez polo menos nunha primeira lingua estranxeira, cuxo nivel de comprensión oral e lectora e de expresión oral e escrita resulta decisivo para favorecer a empregabilidade e as expectativas profesionais, e por isto aposta decididamente pola incorporación curricular dunha segunda lingua estranxeira.

Esta consellería, consciente da importancia da aprendizaxe destas linguas para os cidadáns e cidadás da nosa Comunidade Autónoma e da preocupación que, neste sentido, se manifesta desde todos os ámbitos sociais, puxo en marcha o Plan de potenciación de linguas estranxeiras ao abeiro do Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, que pretende dar continuidade a propostas anteriores como a anticipación da primeira lingua estranxeira no segundo ciclo da educación infantil e no primeiro ciclo da educación primaria, o programa de cursos para a formación complementaria en linguas estranxeiras do alumnado (CUALE) e os programas de seccións bilingües, así como implantar novas propostas como a creación dos centros plurilingües.

Dentro do conxunto de medidas educativas postas en marcha no curso escolar 2014/15, o dominio de linguas estranxeiras constitúe un dos eixes principais de actuación. Este conxunto de medidas, en liña coas recomendacións do Consello de Europa en materia de linguas, establece, entre as súas finalidades, fomentar o coñecemento de idiomas co obxecto de que o alumnado galego adquira unha competencia plurilingüe. Unha das súas principais accións é a promoción e desenvolvemento de estadías de inmersión de escolares galegos e galegas en centros residenciais de Galicia, co fin de crear no alumnado a necesidade de empregar a lingua inglesa para se comunicar, poñendo en valor a educación desde unha perspectiva intercultural.

En consecuencia, facendo uso das competencias que me confire o artigo 34.6º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito da convocatoria

O obxecto desta orde é establecer as bases e convocar axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para realizar as actividades de formación, dirixidas á mellora das competencias en lingua inglesa do alumnado de distintos niveis dos centros docentes sustentados con fondos públicos en Galicia, durante o ano 2015.

Artigo 2. Actividades de formación convocadas

1. As actividades que se convocan, cuxo contido se especifica en canto ao número de prazas, destino e réxime de aloxamento no anexo IV, son actividades de formación para a mellora na competencia no uso da lingua inglesa.

2. O período de realización destas actividades comprenderá desde a última semana do mes de xuño ata finais do mes de agosto de 2015.

As datas concretas de realización das actividades daranse a coñecer coa publicación das listaxes definitivas do alumnado seleccionado.

3. A xestión e organización das actividades levarase a cabo por medio de empresas coa debida cualificación, contratadas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Ocuparanse de ofrecer os recursos materiais e humanos necesarios para o seu desenvolvemento, así como da contratación dunha póliza de seguros para a cobertura das persoas asistentes.

As familias achegarán as cantidades que lles correspondan á empresa adxudicataria encargada da organización técnica da actividade, de acordo as contías establecidas no anexo IV.

4. O custo total de cada actividade inclúe:

a) Os monitores ou monitoras que acompañarán o alumnado en cada un dos grupos durante a actividade.

b) Os gastos de docencia e o material escolar.

c) As actividades culturais, deportivas e complementarias dos cursos.

d) Os gastos de mantenza e aloxamento.

e) O certificado de realización da actividade.

f) O seguro de accidentes e de responsabilidade civil.

Artigo 3. Persoas beneficiarias e requisitos

1. Poderá solicitar a participación nas actividades convocadas e ser beneficiario destas axudas o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:

a) Estar cursando 1º, 2º, 3º ou 4º de educación secundaria obrigatoria ou 1º ou 2º de bacharelato, en centros sustentados con fondos públicos que impartan ensinanzas de réxime xeral, durante o curso 2014/15, na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Ter superadas todas as áreas ou materias no curso 2013/14.

c) Ter acadado no curso 2013/14 e na área ou materia de lingua inglesa, unha cualificación mínima de Ben no 6º curso de educación primaria para o alumnado de 1º de educación secundaria obrigatoria, e de 6 para o de 2º, 3º e 4º cursos de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato.

d) Non ter concedida, no presente curso académico, outra axuda coa mesma finalidade.

e) Non estar incurso nas prohibicións para obter a condición de beneficiario, recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Estar en posesión do documento nacional de identidade (en adiante DNI), número de identidade de estranxeiro (en adiante NIE) ou pasaporte. No caso do alumnado menor de 14 anos que non dispoña de DNI, farase constar, como DNI identificativo, o DNI do pai ou da nai ou do titor ou titora legal.

2. As axudas poderán ser solicitadas polos pais, nais ou titores legais, no caso do alumnado menor de idade ou polo propio alumnado se é maior de 18 anos, sempre que conten con domicilio no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4. Financiamento e contías das axudas

1. As axudas convocadas financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.50.423A.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015 por un importe de 299.340 euros.

2. A contía da axuda para cada beneficiario ou beneficiaria será a resultante de aplicar a diferenza entre o custo total da estadía para a que resultase seleccionado ou seleccionada e a achega que lle corresponda segundo os custos correspondentes aos grupos de achega familiar (A, B, C e D) sinalados no anexo IV, e de acordo co procedemento aplicado para a súa selección e asignación a un grupo de achega familiar, indicado no anexo V.

Artigo 5. Solicitudes, presentación e prazo

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

As persoas que desexen completar «en liña» o formulario electrónico que corresponda en función da actividade na que desexan participar, a través da aplicación dispoñible desde a páxina web http://www.edu.xunta.es/axudasle, unha vez cuberto este formulario, gravarán os datos na aplicación «en liña», o que xerará un documento en formato Adobe Acrobat, correspondente aos anexos I e II, que a persoa interesada deberá imprimir. A solicitude (anexo I) deberá ser asinada polo representante (o pai, a nai ou a persoa que exerce a titoría, no caso de alumnado menor de idade) ou polo alumno ou alumna maior de 18 anos. Posteriormente e antes do remate do prazo establecido neste artigo, deberá facerse o rexistro desta solicitude, xunto co anexo II, debidamente asinados, así como a documentación complementaria necesaria, por calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

2. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente, utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

3. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia (en adiante DOG). Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo cardinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 6. Documentación

1. Coa solicitude (anexo I, modelo normalizado ED504B) achegarase a documentación que se relaciona a continuación:

a) Certificación de matrícula do curso 2014/15, así como das cualificacións de todas as áreas ou materias cursadas no ano académico 2013/14 e da nota media obtida. No caso dos centros concertados, as certificacións correspondentes á educación primaria e educación secundaria obrigatoria serán asinadas polo director ou directora do centro educativo co visto e prace da inspección educativa, e no caso das ensinanzas de bacharelato, a certificación asinaraa o secretario ou secretaria do centro público no que se atope o expediente académico e co visto e prace do director ou directora dese centro.

b) Fotocopia do DNI ou do NIE da nai, do pai ou do titor ou titora, só cando non se autorice a súa verificación (anexo II).

c) Autorización do pai, da nai ou do titor ou titora para coñecer os ingresos totais da unidade familiar, coa finalidade de poder recadar datos de carácter tributario ou económicos da Axencia Tributaria relativos ao nivel de renda (IRPF) ou certificación, expedida pola Axencia Tributaria, dos ingresos correspondentes ao ano 2013.

d) Autorización do pai, da nai ou do titor ou titora para solicitar as certificacións que deban emitir a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia de acordo co establecido no artigo 20.3, en relación co artigo 10.2.e) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia ou certificacións emitidas polas administracións correspondentes.

As autorizacións ás que se refiren as letras b) c) e d) cubriranse segundo o anexo II. Estas autorizacións, no caso de alumnado menor de idade, deberán asinarse polo cónxuxe ou persoa de análoga relación coa persoa representante, da que a sinatura do anexo I comportará as autorizacións.

e) Fotocopia do libro de familia no que figuren todos os membros da unidade familiar. No caso de non ter libro de familia terá que presentarse documento ou documentos que acrediten o número de membros da unidade familiar. No suposto de non convivencia de ambos os proxenitores, deberase acreditar que o solicitante convive cos fillos e/ou fillas.

No caso de alegar circunstancias familiares especiais, indicadas no anexo I, deberán acreditar documentalmente a estas.

No caso de divorcio ou separación legal dos pais, non se considerará membro computable a aquel deles que non conviva co alumno ou alumna. Non obstante, se é o caso, terá a consideración de membro computable e sustentador principal, o novo cónxuxe ou persoa unida por análoga relación, as rendas e patrimonio do cal incluiranse dentro do cómputo da renda e patrimonio familiar. Na medida en que a través deste sistema a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria poida dispoñer destas informacións, non se lles exixirá ás persoas interesadas a achega individual de certificacións expedidas polas administracións correspondentes.

f) No caso de alegarse, certificado de familia numerosa, cando este sexa emitido por outra Comunidade Autónoma.

g) No caso de alegarse, certificado de discapacidade, cando este sexa emitido por outra Comunidade Autónoma.

Para aquelas solicitudes que non acheguen os documentos anteriormente sinalados, requirirase o interesado ou interesada para que, nun prazo de dez días naturais, emende as faltas ou remita os documentos preceptivos. De non facelo, considerarase que desistiu da súa petición e arquivarase o expediente.

2. Non serán tidos en conta nin valorados os requisitos alegados e non xustificados documental e correctamente tal como se indica, nin os que se aleguen fóra do prazo establecido para esta convocatoria, nin os que conteñan emendas.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria poderá requirir das persoas solicitantes en calquera momento aclaración da documentación presentada.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

3. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia nos que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos aos cales se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, en cuxo caso deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 8. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a dxefpie@edu.xunta.es.

Artigo 9. Colaboración dos centros educativos na difusión e participación nesta convocatoria

1. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria remitirá aos centros educativos información en formato electrónico, sobre o procedemento de solicitude e de adxudicación de prazas, para a súa difusión entre o alumnado obxecto desta convocatoria.

2. A dirección de cada centro educativo arbitrará as medidas necesarias para que o contido desta orde sexa coñecido por todos os sectores da comunidade educativa e entregaralle unha copia dela ao Consello Escolar, ao Claustro, ás ANPAS e, de ser o caso, ás asociacións de alumnado. Así mesmo expoñeranse no taboleiro de anuncios a listaxe provisional e definitiva de alumnado seleccionado.

3. O contido desta orde e a información complementaria atoparase na páxina de internet http://www.edu.xunta.es/axudasle.

4. As direccións dos centros educativos sustentados con fondos públicos facilitarán na medida das súas posibilidades ao alumnado interesado e/ou ás súas familias o acceso á aplicación informática correspondente a este programa.

Artigo 10. Aceptación das bases

A presentación da solicitude implica a aceptación das bases da presente convocatoria.

Artigo 11. Comunicación

Toda a información relacionada co estado das solicitudes ou coa adxudicación de prazas e centros farase a través da páxina principal da web http://www.edu.xunta.es/axudasle, que se actualizará periodicamente.

Artigo 12. Comisión de valoración

A valoración das solicitudes e a proposta de selección das persoas beneficiarias desta convocatoria será realizada por unha comisión integrada polos seguintes membros:

a) Presidencia: a persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa ou persoa en quen delegue.

b) Vogais: ata un máximo de catro vogais nomeados pola presidencia da comisión de selección, con categoría de subdirector/a xeral, xefe/a de servizo ou membros da Inspección Educativa.

c) Unha persoa funcionaria da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que actuará como secretaria, con voz e sen voto.

A comisión poderá dispoñer a constitución dunha subcomisión técnica especializada para os efectos de colaborar na valoración dos documentos achegados e na baremación.

Para os efectos previstos no artigo 26.2º do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao personal con destino na Administración autonómica de Galicia, esta comisión considérase incluída na categoría 3ª.

Artigo 13. Criterios de selección

1. A adxudicación de axudas e asignación de prazas na actividade solicitada farase atendendo á puntuación total obtida por cada alumno, que resulte de aplicar o baremo establecido no anexo V.

2. A adxudicación terá carácter de concorrencia competitiva, polo que non será suficiente para obter asignación de praza e axuda reunir todos os requisitos exixidos nesta convocatoria. É necesario, tamén, acadar un número de orde que sitúe a persoa solicitante dentro das prazas que se van conceder.

Artigo 14. Procedemento de adxudicación de prazas

1. Finalizada a comprobación das solicitudes recibidas, a comisión de selección fará pública tres listaxes: unha na que se incluirán as solicitudes admitidas; unha segunda de solicitudes que precisan da emenda dalgún aspecto; e unha terceira de solicitudes excluídas facendo constar as causas de exclusión.

Estas listaxes exporanse na web da convocatoria http://www.edu.xunta.es/axudasle, na Oficina de Rexistro Único e Información da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e remitirase para a súa publicación ás xefaturas territoriais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e aos centros de ensino obxecto do ámbito desta convocatoria.

2. A continuación abrirase un prazo de dez días naturais para emendar os erros e a falta de documentación, así como para efectuar reclamacións ou renuncias. As circunstancias da emenda de erros ou falta de documentación poderanse consultar mediante o número do documento de identificación (NIF, NIE, etc.) da persoa solicitante na aplicación «en liña» dispoñible na páxina web http://www.edu.xunta.es/axudasle. A falta de presentación da documentación á que fai referencia o punto 1 do artigo 6 –letras a), b), c), d) e e)– dentro deste prazo será motivo de exclusión da convocatoria. A falta de xustificación referida ás alegacións correspondentes á que fai referencia o punto 1 do artigo 6 –letras f) e g)– implicará que non sexan tidas en conta as circunstancias correspondentes no momento da baremación.

3. Transcorrido este prazo, e unha vez avaliados os documentos engadidos, publicaranse as listaxes provisionais de alumnado seleccionado e de alumnado suplente, ordenados por puntuación por cada un dos cursos, e asignándolles a contía provisional correspondente de achega familiar, que poderá variar nas listaxes definitivas debido ás reclamacións a estas listaxes. Expoñeranse co mesmo procedemento indicado no punto 1. Nos casos en que se produzan empates na puntuación, o criterio de desempate será a menor renda per cápita.

4. De seguido, abrirase un prazo de 10 días naturais para formular reclamacións. Rematado o prazo de reclamacións contra as listaxes provisionais e estudadas as alegacións presentadas, a comisión seleccionadora elevará a proposta definitiva.

5. No caso de non cubrirse o número de prazas nalgunha das actividades, por proposta motivada pola comisión de selección, a persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa poderá acordar a redistribución das prazas entre outras actividades.

6. As listaxes definitivas de persoas seleccionadas e de suplentes, así como os destinos, as datas de realización das estadías e as achegas familiares correspondentes en cada caso, serán publicadas na páxina web http://www.edu.xunta.es/axudasle. As persoas que facilitaron o seu correo electrónico recibirán por esta vía unha mensaxe na que se indicará o importe da achega da familia e os datos necesarios para o pagamento da correspondente cantidade. Logo abrirase un prazo de 5 días naturais para que as persoas solicitantes remitan á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, mediante correo ordinario (será necesaria a súa presentación en sobre aberto para que na oficina de Correos se poida facer constar o selo e a data, antes de proceder á súa certificación postal), a seguinte documentación:

a) Aceptación ou renuncia á axuda segundo o anexo III.

b) Xustificante bancario do pagamento á empresa adxudicataria dos cursos no número de conta bancaria que se indicará nas instrucións que se facilitarán aos solicitantes a través do correo electrónico e na web http://www.edu.xunta.es/axudasle. Este pagamento non terá devolución no caso de renuncia posterior. A non xustificación do ingreso da cantidade indicada, dentro do prazo, implica a renuncia á praza adxudicada.

As prazas vacantes seranlle ofertadas ao alumnado suplente por chamamento directo aos teléfonos indicados na solicitude, seguindo a relación publicada de suplentes.

Artigo 15. Reintegros

En aplicación do artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, suporá o reintegro do importe equivalente da axuda e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde proceder ao reintegro:

– A renuncia posterior ao pagamento da achega familiar.

– Non presentarse o día do inicio da actividade.

– A obtención da axuda falseando as condicións requiridas ou ocultando aquelas que a impedirían, así como a renuncia posterior á resolución definitiva.

Artigo 16. Obrigas e abandonos durante a realización da actividade

1. Un comportamento non apropiado poderá supoñer a expulsión deste programa e o final da estadía, por causas de igual ou similar natureza ás seguintes:

a) Incumprimento das normas establecidas para o desenvolvemento da actividade.

b) Consumo de alcohol e/ou de substancias ilegais.

c) Automedicación sen autorización médica.

d) Condutas disruptivas.

e) Comportamentos asociais.

A expulsión do programa suporalle á persoa solicitante o pagamento do custo total da actividade, así como, de ser o caso, do importe dos danos ocasionados ou derivados das ditas condutas.

2. No caso do alumnado que se atope realizando a estadía e decida abandonar o programa, sen unha causa grave debidamente xustificada, a persoa solicitante asumirá os gastos ocasionados, así como o importe total do custo da actividade.

Artigo 17. Resolución

1. A persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria resolverá a relación final das persoas adxudicatarias e os importes das axudas concedidas.

2. Para os efectos establecidos no artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de cinco meses, e comezará a contar desde o día seguinte á data de remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido este prazo sen que se dite resolución expresa, os/as interesados/as poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. A resolución definitiva das persoas adxudicatarias publicarase no DOG e na páxina web da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (http://www.edu.xunta.es) pola que se entenderán notificados para todos os efectos os solicitantes, de conformidade co artigo 58 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Contra a resolución definitiva de adxudicación, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, de acordo co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 18. Recursos

Contra esta orde as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, de acordo co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Disposición adicional. Publicidade

Para os efectos do disposto na disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulamentan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, as persoas solicitantes deberán autorizar expresamente a Administración outorgante a inclusión e publicidade nos rexistros regulamentados no citado decreto dos datos básicos relevantes referidos ás axudas recibidas.

A reserva que a persoa peticionaria poida facer no sentido de non autorizar a obtención de datos ou a publicidade dos datos nos rexistros, que, en todo caso, terá que se expresar por escrito, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou, noutro caso, á revogación do acto de outorgamento e, se procede, ao reintegro do importe concedido, segundo dispón a alínea 2 da citada disposición adicional.

De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos desas persoas e da súa publicación na citada páxina web.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para adoptar os actos e medidas necesarias para a aplicación e desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Adaptación normativa

Esta orde adáptase ás normas aplicables do texto articulado da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2015

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO IV

Achega das familias (€)

Modalidade

Duración

Réxime aloxamento

Nº prazas

Custo por praza (€)

Grupo A

Grupo B

Grupo C

Grupo D

2º Bacharelato

Inglés en Galicia

1 semana

Residencia

33

800

100

180

300

350

1º Bacharelato

Inglés en Galicia

1 semana

Residencia

59

800

100

180

300

350

4º Educación secundaria obrigatoria

Inglés en Galicia

2 semanas

Residencia

90

550

70

125

220

275

3º Educación secundaria obrigatoria

Inglés en Galicia

2 semanas

Residencia

120

550

70

125

220

275

2º Educación secundaria obrigatoria

Inglés en Galicia

2 semanas

Residencia

190

550

70

125

220

275

1º Educación secundaria obrigatoria

Inglés en Galicia

2 semanas

Residencia

190

550

70

125

220

275

Total prazas

682

 

ANEXO V
Baremo, puntuación e determinación de achegas familiares

Criterios de puntuación:

1º. Nota media do expediente no curso 2013/14: ata 10 puntos.

O criterio de selección que se terá en conta será o da nota media das cualificacións do expediente académico dos estudos realizados no curso 2013/14 polo alumnado.

En educación primaria calcularase a media das cualificacións segundo a seguinte táboa de equivalencia numérica para a cualificación de cada área.

Táboa de equivalencias

Cualificación

Puntuación

Suficiente

5

Ben

6

Notable

8

Sobresaliente

10

En educación primaria, en educación secundaria obrigatoria e en bacharelato, o cálculo da nota media expresarase, se é o caso, cun decimal calculado mediante redondeo, facéndose constar este resultado no apartado correspondente, incluído no anexo I de solicitude destas axudas.

Para o cálculo da nota media non se terá en conta a cualificación das ensinanzas de relixión, de acordo coa disposición adicional primeira do Decreto 130/2007, do 28 de xuño, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia; coa disposición adicional segunda do Decreto 133/2007, do 5 de xullo, polo que se regulan as ensinanzas da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia; e coa disposición adicional primeira do Decreto 126/2008, do 19 de xuño, polo que se establece a ordenación e o currículo de bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.

Para todos os niveis educativos, a baremación da nota media aplicarase segundo a seguinte táboa:

Nota media

Puntuación

5-5,9

5 puntos

6-6,9

6 puntos

7-7,9

7 puntos

8-8,9

8 puntos

9-9,9

9 puntos

10

10 puntos

2º. Renda per cápita da unidade familiar: ata 20 puntos.

Aplícase unha puntuación ponderada e progresiva en función da renda per cápita da unidade familiar, segundo o seguinte cadro, calculada esta como suma dos ingresos da unidade familiar divididos entre o número de membros desta. Os ingresos da unidade familiar serán o resultado da suma dos importes dos recadros 455 e 465 da declaración da Renda do ano 2013. Forman parte da unidade familiar o pai/nai, titor/a legal do alumnado solicitante e tamén os irmáns e/ou irmás solteiros/as e menores de vinte e cinco anos que convivan no domicilio familiar, e os irmáns e/ou irmás maiores de idade incapacitados/as xudicialmente.

A puntuación que se asignará segundo a renda per cápita exprésase na seguinte táboa:

Tramos de renda per cápita da unidade familiar

Ata 3.962 euros

20 puntos

Superior a 3.962 e inferior a 7.606

16 puntos

Superior a 7.606 e inferior a 10.222

12 puntos

Superior a 10.222 e inferior a 11.450

8 puntos

Máis de 11.450

4 puntos

3º. Pertenza a familia numerosa: 2 puntos.

4º. Discapacidade igual ou superior ao 33 % ou pensionista de grande invalidez dalgún membro da unidade familiar en primeiro grao: 2 puntos.

5º Non ter sido beneficiario nunha axuda ao abeiro da convocatoria establecida pola Orde do 13 de marzo de 2014: 1 punto.

Cálculo para a determinación das axudas convocadas:

De acordo co establecido no artigo 4.2, a contía da axuda para cada persoa beneficiaria será a resultante de aplicar a diferenza entre o custo total da estadía para a que resultase seleccionado e a achega que lle corresponda segundo os custos e os grupos de achega familiar (A, B, C e D) sinalados no anexo IV e de acordo co procedemento aplicado para a súa selección e asignación a un grupo de achega familiar.

Para a asignación do alumnado seleccionado a cada un dos catro grupos de achega familiar séguese o seguinte procedemento:

1º. Coa listaxe definitiva de solicitantes ordenada segundo a puntuación obtida de maior a menor, asígnaselle a cada persoa seleccionada unha praza no grupo de achega familiar correspondente seguindo a orde establecida na listaxe, tendo en conta que do total de prazas ofertadas por actividade o 40 % se reserva para o grupo A, o 30 % para o grupo B, o 20 % para o grupo C e o 10 % para o grupo D. En función da súa adscrición ao grupo correspondente fíxase a contía da achega familiar que lle corresponderá a cada persoa seleccionada segundo o establecido no anexo IV para cada actividade.

2º. No caso de renuncias a listaxe corre segundo a orde numérica establecida na lista de agarda correspondéndolles ás novas persoas seleccionadas a achega familiar correspondente ás prazas do grupo D.