Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Venres, 27 de marzo de 2015 Páx. 12104

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 18 de marzo de 2015 pola que se convocan unhas xornadas formativas vinculadas á cualificación profesional SEA129_2-Extinción de incendios e salvamento.

O artigo 43 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, establece que o persoal do sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia estará formado tanto por persoal de carácter profesional de servizos que realicen algunha actividade relacionada coa xestión de riscos e de emerxencias como por persoal voluntario de entidades ou organizacións públicas ou privadas sen ánimo de lucro que teñan como fin a protección de persoas, dos bens e do ambiente en situacións de xestión de riscos e de emerxencias. Segundo o artigo 44 da citada lei, este persoal organizarase en grupos operativos.

Por Resolución do 2 de agosto de 2010 publicouse o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) onde se establece a estrutura de dirección e coordinación e as unidades organizativas para facer fronte dun xeito coordinado ás emerxencias que se poidan producir en Galicia: derivadas de riscos naturais, tecnolóxicos ou antrópicos.

Dentro das actividades programadas para o ano 2015, e conforme o establecido no artigo 46 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, e na Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), anúnciase a convocatoria dunhas xornadas formativas vinculadas á cualificación profesional SEA129_2-Extinción de incendios e salvamento, con 2 edicións, conforme as seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Tipo

Curso

Denominación

Xornadas formativas vinculadas á cualificación profesional SEA129_2-Extinción de incendios e salvamento

Modalidade

Presencial

Edicións

2 edicións de cada xornada

Horas lectivas

8 por cada xornada

Prazas por edición

16 en cada xornada

2. Obxectivos e contido.

Obxectivos:

Realizar unha aproximación teórica e práctica a distintos aspectos das unidades de competencia incluídas na cualificación profesional SEA129_2-Extinción de incendios e salvamento.

Contidos:

Xornada 1: intervención e rescate acuático.

Contido teórico:

1. Introdución ao rescate superficial.

2. Conceptos de seguridade e criterios de rescate.

3. Materiais individuais e colectivos de uso obrigatorio.

4. Metodoloxía e execución de traballos no medio acuático.

Contido práctico:

1. Práctica tipo A-R.

2. Práctica tipo B-R.

3. Práctica tipo C-R.

4. Práctica tipo D-R.

Xornada 2: ferramentas e útiles para os servizos de extinción de incendios e salvamento. Ferramentas de corte.

Contido teórico:

1. Materiais usados polos servizos de extinción de incendios e salvamento. Análise e peculiaridades.

2. Niveis de protección adecuados ao uso destas ferramentas (EPI).

3. Principios de traballo e metodoloxía de uso.

4. Procedementos de seguridade no seu uso. Campo de aplicación e traballo seguro.

Contido práctico:

1. Práctica tipo A-H.

2. Práctica tipo B-H

3. Práctica tipo C-H.

4. Práctica tipo D-H.

Xornada 3: extinción de incendios. Bombas contra incendios nivel I.

Contido teórico:

1. Fundamentos básicos sobre hidráulica I.

2. Bombas propias dos vehículos de extinción: tipos e principios de funcionamento.

3. Funcionamento e normativa sobre bombas contra incendios.

4. Sistemática e metodoloxía en operacións con bombas contra incendios.

Contido práctico:

1. Análise de elementos nunha bomba de presión combinada. Revisións, mantemento e avaliación de posibles danos.

2. Bomba en modo impulsión. Posta en marcha, práctica tipo A-B.

3. Bomba en modo aspiración. Posta en marcha, práctica tipo B-B.

4. Combinación de bombas. Posta en marcha, práctica tipo C-B.

Xornada 4: técnicas de extinción. Instalacións de extinción.

Contido teórico:

1. Conceptos de hidráulica aplicados a instalacións de loita contra incendios.

2. Linguaxe vehicular usado en instalacións de extinción de incendios. Vocabulario.

3. Sistemática e metodoloxía no manexo de instalacións de extinción.

4. Construción e traballo con instalacións de extinción. Factores e riscos.

Contido práctico:

1. Instalacións con mangaxe. Montaxe e desmontaxe de instalación tipo A.

2. Instalacións con mangaxe. Montaxe e desmontaxe de instalación tipo B.

3. Instalacións con mangaxe. Montaxe e desmontaxe de instalación tipo C.

4. Simulacro de intervención (equipamentos e combinación de instalacións).

Xornada 5: incendios urbanos. Instalacións urbanas nivel I.

Contido teórico:

1. Repaso de coñecementos sobre hidráulica aplicada a incendios urbanos.

2. Instalacións urbanas tipo. Instalacións BP-HP-Combinadas (presión e axente).

3. Cálculo básico sobre instalacións de extinción.

4. Sistemática empregada en instalacións de extinción de incendios urbanos.

Contido práctico:

1. Instalacións con mangaxe. Montaxe e desmontaxe de instalación tipo A-U (BP).

2. Instalacións con mangaxe. Montaxe e desmontaxe I. Tipo B-U (HP).

3. Instalacións con mangaxe. Montaxe e desmontaxe I. Tipo C-U (combinada).

4. Simulacro de intervención S-U (equipamentos e combinación de instalacións).

Xornada 6: control e extinción de incendios. Busca e rescate.

Contido teórico:

1. Regra de ouro en operacións de busca e rescate.

2. Metodoloxía e sistemas de busca.

3. Metodoloxía e sistemas de rescate.

4. Técnicas de control e xestión en busca e rescate. O equipo SOS.

Contido práctico:

1. Práctica tipo A-R.

2. Práctica tipo B-R.

3. Práctica tipo C-R.

4. Práctica tipo D-R.

Xornada 7: incendios industriais. Instalacións industriais nivel I.

Contido teórico:

1. Repaso de coñecementos sobre hidráulica aplicada a incendios industriais.

2. Técnica e operacións con equipos de extinción, aspiración-alimentación industriais.

3. Linguaxe vehicular usado en instalacións industriais. Materiais e terminoloxía.

4. Sistemática-metodoloxía sobre instalacións de extinción de incendios industriais.

Contido práctico:

1. Instalación con mangaxe. Montaxe e desmontaxe de instalación tipo A-I (extinción).

2. Instalación con mangaxe. Montaxe e desmontaxe de instalación tipo B-I (refrixeración).

3. Instalación con monitores. Montaxe e desmontaxe de instalación tipo C-I (combinada).

4. Simulacro de intervención S-I (equipamentos e combinación de instalacións).

Xornada 8: rescate e traballos en altura. Manexo e emprego de escalas manuais.

Contido teórico:

1. Tipoloxía das escalas empregadas polos servizos de extinción de incendios e salvamento.

2. Mantemento de escalas e os seus elementos (lista de control). Normativa de referencia.

3. Sistemática e metodoloxía no manexo e emprego de escalas manuais.

4. Metodoloxía e execución de traballos con escalas manuais. Factores de risco.

Contido práctico:

1. Levantamento e aseguramento de escalas. Práctica tipo A-E.

2. Ascensos por escalas. Práctica tipo B-E.

3. Ascensos e descensos con escala de ganchos. Práctica tipo C-E.

4. Método de evacuación con escala colisa-corredera. Práctica tipo D-E.

3. Destinatarios/as.

Profesionais dos servizos de extinción de incendios e salvamento (bombeiros municipais e de consorcios), persoal dos grupos de emerxencias supramunicipais (GES) e profesionais dos servizos municipais de protección civil e emerxencias.

Este persoal forma parte do sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia (artigos 43 e 44 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia).

4. Desenvolvemento da actividade.

Lugar: Academia Galega de Seguridade Pública (avenida da Cultura s/n, A Estrada, Pontevedra), agás a xornada 8 que se realizará no Parque de Bombeiros de Silleda (Polígono Industrial-Área 33, Silleda, Pontevedra).

Datas:

Xornada 1: intervención e rescate acuático.

1ª edición: 12 de maio.

2ª edición: 13 de maio.

Xornada 2: ferramentas e útiles para os servizos de extinción de incendios e salvamento. Ferramentas de corte.

1ª edición: 18 de maio.

2ª edición: 19 de maio.

Xornada 3: extinción de incendios. Bombas contra incendios nivel I.

1ª edición: 20 de maio.

2ª edición: 21 de maio.

Xornada 4: técnicas de extinción. Instalacións de extinción.

1ª edición: 26 de maio.

2ª edición: 27 de maio.

Xornada 5: incendios urbanos. Instalacións urbanas nivel I.

1ª edición: 3 de xuño.

2ª edición: 4 de xuño.

Xornada 6: control e extinción de incendios. Busca e rescate.

1ª edición: 10 de xuño.

2ª edición: 11 de xuño.

Xornada 7: incendios industriais. Instalacións industriais nivel I.

1ª edición: 15 de xuño.

2ª edición: 16 de xuño.

Xornada 8: rescate e traballos en altura. Manexo e emprego de escalas manuais.

1ª edición: 22 de xuño.

2ª edición: 23 de xuño.

Horario: das 8.45 ás 14.00 horas e das 15.30 ás 18.30 horas.

Uniformidade: é obrigatorio asistir á actividade co uniforme de traballo. As persoas que incumpran esta norma poderán ser dadas de baixa.

Material que deberán traer os alumnos para a realización das prácticas:

Xornada 1:

• Roupa de baño, luvas de neopreno, escarpíns e botas tipo treking. Se o alumno posúe traxe de neopreno é aconsellable que o traia tamén.

Xornadas 2, 3 e 4:

• Casco lixeiro tipo F2.

• Botas de traballo.

• Luvas de traballo.

• Cazadora-pantalón de parque.

Xornadas 5 e 7:

• Casco de intervención tipo F1.

• Botas de traballo.

• Luvas de traballo.

• Cazadora-pantalón de parque.

Xornada 6:

• Casco de intervención tipo F1.

• Máscara ERA + pulmoautomático.

• Verdugo-sotocasco.

• Botas de traballo.

• Luvas de intervención en lume.

• Chaquetón e cubrepantalón de intervención.

Xornada 8:

• Casco lixeiro tipo F2.

• Botas de traballo.

• Luvas de traballo.

• Cazadora-pantalón de parque.

• Arnés ou cinto de traballo + cabo de ancoraxe.

Normas de comportamento: non se permitirá que o alumnado realice fotografías ou calquera tipo de gravación audiovisual do desenvolvemento da actividade formativa.

5. Inscrición.

a) O persoal que desexe participar na actividade convocada nesta resolución deberá inscribirse na páxina web da Agasp: http://agasp.xunta.es.

Non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

b) Con carácter previo á inscrición é necesario darse de alta como usuario da páxina web da Agasp. Nesta alta previa é imprescindible facilitar unha conta persoal de correo electrónico.

c) O prazo de inscrición é de quince (15) días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

A inscrición poderá realizarse ata as 14.00 horas da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que reúnan os requisitos para a actividade, poderá completarse o alumnado asignado a este mediante a apertura dun novo prazo público de presentación de solicitudes na páxina web da Agasp, con suficiente antelación para que teña lugar unha adecuada selección das persoas candidatas.

d) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á Agasp a través dos nos de teléfono 886 20 61 12, 886 20 61 37 e 886 20 61 38, do fax: 886 20 61 23 ou do enderezo de correo electrónico formacion.emerxencias.agasp@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

e) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática da actividade solicitada, así como á imposibilidade de participar en ningúnha outra actividade durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

6. Criterios de selección do alumnado participante.

6.1. En cada edición das distintas xornadas, as prazas distribuiranse entre os colectivos destinatarios do curso de acordo coa táboa seguinte:

Colectivo

Núm. de prazas

Servizos de extinción de incendios e salvamento

10

Grupos de emerxencia supramunicipais (GES)

4

Servizos municipais de protección civil e emerxencias

2

No caso de que non houbese suficientes solicitantes dalgún dos colectivos mencionados que cumpran os requisitos para cubrir o número de prazas asignado, completarase a selección con solicitantes dos outros colectivos que son destinatarios do curso.

6.2. Dentro dos colectivos destinatarios do curso terán preferencia na selección as persoas de maior rango xerárquico, se as houbese.

6.3. Na selección dentro de cada un dos colectivos destinatarios do curso reservarase o 50 % das prazas para solicitantes mulleres que reúnan os requisitos establecidos na convocatoria, segundo o disposto no artigo 37.bis da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes. De non existir suficientes solicitudes de participación de mulleres, as prazas sobrantes acrecentarán as da quenda xeral.

6.4. Se despois de aplicar os criterios anteriores houbese empate, terán preferencia as persoas con menos cursos feitos na Agasp nos últimos dous anos.

7. Publicación das relacións do persoal seleccionado.

A Agasp publicará na súa páxina web http://agasp.xunta.es, unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada xornada, así como un número adecuado de reservas, de acordo co disposto no artigo 59.6º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Ademais, para unha maior difusión, serán informados da súa selección a través do correo electrónico e tamén, para quen facilite un número de teléfono móbil, a través de mensaxe telefónica.

De acordo co establecido no artigo 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp as persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con polo menos 48 horas de antelación ao comezo desta. A devandita renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formacion.emerxencias.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 23.

8. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado por Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG núm. 30, do 12 de febreiro).

9. Faltas de asistencia.

O Regulamento de réxime interior da Agasp, mencionado na base núm. 8 desta convocatoria, regula no seu artigo 16 as faltas de asistencia nos cursos:

«1. A asistencia ás clases e actividades comprendidas no programa do curso é obrigatoria. As faltas que as/os alumnas/os acumulen deberán xustificarse debidamente, penalizándose disciplinariamente, en caso contrario.

2. A/o alumna/o que, por enfermidade ou algunha outra causa xustificada, perda máis do 10 % das clases do curso de formación será declarado non apto, e poderá incorporarse ao curso seguinte ou cando a causa determinante llo permita.

De ser necesario, e só nos casos en que a non asistencia ás clases estivese motivada por accidente ou lesión sufridos con ocasión da actividade académica, o director xeral poderá considerar a conveniencia ou a oportunidade de permitirlle ao/á alumno/a poder recuperar ata un determinado número de horas e participar posteriormente nun exame extraordinario para poder superar o curso sen ter que repetilo.

3. No entanto, aínda que as ausencias acumuladas non chegasen á porcentaxe sinalada, a/o alumna/o poderá verse obrigado a recuperar todas ou parte das horas perdidas ao longo do curso. Neste caso a xefatura de ensino proporá ao director xeral o número de horas que se van recuperar, tendo en conta, en cada caso concreto, o tipo de xustificación presentada para cada ausencia, así como o número total destas e o comportamento e actitude da/o alumna/o ao longo do curso».

10. Certificado de asistencia.

Ao finalizar a actividade entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada.

11. Facultades da Agasp.

A Agasp poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá suprimir a actividade, ampliar novas edicións da mesma ou suspendela temporalmente, cando así veña esixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia.

A Estrada, 18 de marzo de 2015

Luis Menor Pérez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública