Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Luns, 30 de marzo de 2015 Páx. 12296

I. Disposicións xerais

Consellería de Economía e Industria

DECRETO 37/2015, do 12 de marzo, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro Industrial de Galicia.

O título IV da Lei 21/1992, do 16 de xullo, de industria, creou o Rexistro de Establecementos Industriais de ámbito estatal. O regulamento dese rexistro aprobouse mediante o Real decreto 697/1995, do 28 de abril. Na disposición derradeira primeira do Real decreto 697/1995 determínase o carácter básico da devandita norma, sen prexuízo das competencias das comunidades autónomas para estableceren rexistros industriais nos seus respectivos territorios. Na Comunidade Autónoma de Galicia, mediante o Decreto 115/2000, do 11 de maio, aprobouse o Regulamento do Rexistro de Establecementos Industriais de Galicia.

Derivado da transposición ao ordenamento xurídico español da Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro, relativa aos servizos no mercado interior, tamén coñecida como Directiva de servizos, a través da Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos, aprobouse posteriormente a Lei 25/2009, do 22 de decembro, de modificación de diversas leis para a súa adaptación á Lei sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio. Esta última modificou expresamente as leis vixentes afectadas pola directiva e, en particular, o título IV da Lei 21/1992, do 16 de xullo, de industria.

O novo título IV da Lei 21/1992 crea o Rexistro Integrado Industrial e establece no seu artigo 21.2 que a creación dese rexistro se entenderá sen prexuízo das competencias das comunidades autónomas para estableceren rexistros industriais nos seus respectivos territorios. O Regulamento do Rexistro Integrado Industrial foi aprobado mediante o Real decreto 559/2010, do 7 de maio, que derroga o Real decreto 697/1995.

A nivel autonómico, a adaptación á directiva levouse a cabo a través da Lei 1/2010, do 11 de febreiro, de modificación de diversas leis de Galicia para a súa adaptación á Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro, relativa aos servizos no mercado interior, que modificou a Lei 9/2004, do 10 de agosto, de seguridade industrial de Galicia.

Posteriormente, a Lei 9/2004, do 10 de agosto, de seguridade industrial de Galicia, modificouse pola Lei 13/2011, do 16 de decembro, e regulou que os/as titulares das industrias, actividades, empresas de servizos e entidades ou axentes en materia de seguridade e calidade industrial que deban estar inscritas no Rexistro Industrial de Galicia, conforme o establecido no regulamento do dito rexistro, comunicarán os seus datos á consellaría competente en materia de industria.

Para desenvolver o disposto nese precepto, resulta necesario modificar o previsto no Decreto 115/2000, do 11 de maio. Debido a que o contido do Regulamento do Rexistro de Establecementos Industriais de Galicia que se debe modificar é amplo, optouse por elaborar un novo texto que incorpore todas as modificacións necesarias.

En prol da simplificación administrativa, o Rexistro Industrial de Galicia poderá integrar outros rexistros sectoriais de industrias e actividades do seu ámbito de aplicación.

Respecto dos procedementos administrativos asociados ao rexistro, o decreto introduce a obrigatoriedade de realizalos de forma telemática, desenvolvendo o disposto no artigo 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e o regulado a nivel autonómico no artigo 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, xa que os/as titulares das industrias e actividades incluídas no ámbito de aplicación do Rexistro Industrial de Galicia teñen capacidade económica ou técnica, dedicación profesional ou outros motivos acreditados suficientes que garanten o acceso e dispoñibilidade dos medios tecnolóxicos precisos.

Por tanto, mediante este decreto apróbase o Regulamento do Rexistro Industrial de Galicia e derrógase o Decreto 115/2000, do 11 de maio.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Industria, de acordo co Consello Consultivo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día doce de marzo de dous mil quince,

DISPOÑO:

Artigo único. Aprobación do regulamento

Apróbase o Regulamento do Rexistro Industrial de Galicia, que se insire a seguir.

Disposición adicional primeira. Integración de rexistros sectoriais

1. Poderase integrar no Rexistro Industrial de Galicia calquera rexistro sectorial de industrias e actividades do seu ámbito de aplicación. Os datos adicionais aos básicos e complementarios recollidos no anexo I deste decreto estableceranse regulamentariamente por orde da consellería competente no rexistro sectorial.

2. Queda integrado no Rexistro Industrial de Galicia o Rexistro de Industrias Agrarias, mencionado no artigo 41 da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega.

Disposición adicional segunda. Modificación dos formularios dos anexos II, III, IV e V

Co obxectivo de manter adaptados á normativa vixente os formularios vinculados a normas reguladoras de procedementos administrativos de prazo aberto, estes poderán ser actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, sen necesidade de publicalos novamente no Diario Oficial de Galicia, sempre que a modificación ou actualización non supoña unha modificación substancial destes. Por conseguinte, para a presentación das comunicacións será necesario utilizar os formularios normalizados, dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente actualizados e accesibles para as persoas interesadas.

Disposición transitoria única. Inclusión no Rexistro Industrial de Galicia

1. No prazo de seis meses contados desde a entrada en vigor deste decreto as industrias, actividades, empresas de servizos, entidades e axentes que estiveren inscritos no Rexistro de Establecementos Industriais de Galicia, regulado polo Decreto 115/2000, do 11 de maio, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Establecementos Industriais de Galicia, inscribiranse de oficio no Rexistro Industrial de Galicia.

2. No prazo de seis meses, contados desde a entrada en vigor deste decreto, as industrias que o 8 de febreiro de 2010, data en que entrou en vigor o Real decreto 108/2010, do 5 de febreiro, polo que se modifican diversos reais decretos en materia de agricultura e industrias agrarias, para a súa adaptación á Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso das actividades de servizos e o seu exercicio, estiveren inscritas no Rexistro de Industrias Agrarias e continuasen con actividade á entrada en vigor deste decreto, inscribiranse de oficio no Rexistro Industrial de Galicia.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas todas as disposicións de rango igual ou inferior que se opoñan ao disposto neste decreto e, en particular, queda derrogado o Decreto 115/2000, do 11 de maio, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Establecementos Industriais de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Aplicación

Habilítase o/a conselleiro/a competente en materia de industria para ditar todas as disposicións necesarias para a aplicación e desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos 20 días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, doce de marzo de dous mil quince.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía e Industria

Regulamento do Rexistro Industrial de Galicia

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. O Rexistro Industrial de Galicia

1. Créase o Rexistro Industrial de Galicia, de carácter informativo, que substitúe o Rexistro de Establecementos Industriais de Galicia, creado polo Decreto 115/2000, do 11 de maio, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Establecementos Industriais de Galicia.

2. O Rexistro Industrial de Galicia estará adscrito á consellería competente en materia de industria e a súa xestión corresponderá ás xefaturas territoriais da devandita consellería, con excepción dos datos adicionais correspondentes á integración dun rexistro sectorial, que serán xestionados pola consellería competente no dito rexistro sectorial.

3. A actuación deste rexistro desenvolverase sen prexuízo das competencias do Rexistro Integrado Industrial de ámbito estatal e de acordo cos principios de coordinación, cooperación e asistencia mutua establecidos no artigo 4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 2. Fins

O Rexistro Industrial de Galicia ten os fins seguintes:

a) Integrar nun único rexistro todos os rexistros sectoriais de industrias e actividades do seu ámbito de aplicación.

b) Dispoñer da información básica relativa ás actividades industriais e a súa distribución territorial e da relativa ás entidades e organismos de control, laboratorios e outros axentes en materia de seguridade e calidade industrial que sexa necesaria para o exercicio das competencias atribuídas ás administracións públicas en materia económica, industrial e sectorial.

c) Constituírse como instrumento de información sobre a actividade industrial, prestando servizo á cidadanía e, particularmente, ao sector empresarial.

d) Subministrar aos servizos competentes da Comunidade Autónoma de Galicia os datos precisos para elaborar as estatísticas industriais as cales se refire a Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia.

e) Servir de instrumento de coordinación das actuacións das distintas consellerías en materia económica e industrial.

Artigo 3. Ámbito de aplicación

1. O Rexistro Industrial de Galicia comprenderá as seguintes industrias e actividades con establecemento no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia ou instalacións:

a) As actividades dirixidas á obtención, reparación, mantemento, transformación ou reutilización de produtos industriais, o envasamento e embalaxe e o aproveitamento, recuperación e eliminación de residuos ou subprodutos, calquera que for a natureza dos recursos e procesos técnicos utilizados e, se for o caso, as instalacións que estas precisen.

b) As actividades de xeración, distribución e subministración de enerxía e produtos enerxéticos.

c) As actividades de investigación, aproveitamento e beneficio dos depósitos minerais e demais recursos xeolóxicos, calquera que for a súa orixe e estado físico.

d) As instalacións nucleares e radioactivas

e) As industrias de fabricación de armas e explosivos e as que se declaren de interese para a defensa.

f) As industrias alimentarias, agrarias, pecuarias, forestais e pesqueiras.

g) As actividades industriais relacionadas co transporte e as telecomunicacións.

h) As actividades industriais relativas ao medicamento e á sanidade.

i) As actividades industriais relativas ao fomento da cultura.

2. Así mesmo, o Rexistro Industrial de Galicia comprenderá as seguintes empresas de servizos e entidades ou axentes en materia de seguridade e calidade industrial con domicilio social no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia:

a) Os servizos de enxeñaría, deseño, consultoría tecnolóxica e asistencia técnica de carácter industrial directamente relacionados coas industrias e actividades indicadas no número 1 deste artigo.

b) As entidades de acreditación, organismos de control, laboratorios e outros axentes en materia de seguridade e calidade industrial.

Artigo 4. Contido

1. O Rexistro Industrial de Galicia conterá os datos básicos e complementarios indicados no anexo I deste decreto, necesarios para o logro dos fins previstos no artigo 2.

2. Así mesmo, conterá os datos adicionais que cada consellería estableza a través da correspondente orde reguladora para a integración no Rexistro Industrial de Galicia dun rexistro sectorial de industrias e actividades do seu ámbito de aplicación de que sexa competente.

3. Para o caso das industrias do Rexistro de Industrias Agrarias integradas consonte a disposición adicional primeira deste decreto, os datos adicionais que debe conter o Rexistro Industrial de Galicia serán os sinalados no punto 3 do anexo I.

CAPÍTULO II
Organización do rexistro

Artigo 5. Divisións

A información existente no Rexistro Industrial de Galicia estruturarase nas divisións seguintes:

a) División A. Industrias e actividades contidas no artigo 3.1.

b) División B. Empresas de servizos contidas na alínea a) do artigo 3.2.

c) División C. Entidades ou axentes en materia de seguridade e calidade industrial contidos na alínea b) do artigo 3.2.

Artigo 6. Seccións

1. A división A organizarase en seccións coincidentes coas agrupacións establecidas polos tres primeiros díxitos da clasificación nacional de actividades económicas (CNAE) vixente.

2. A división B organizarase nas seccións seguintes:

a) Empresas consultoras.

b) Empresas de enxeñaría.

c) Empresas proxectistas e deseñadoras.

d) Empresas instaladoras.

e) Empresas conservadoras, reparadoras e mantedoras.

3. A división C organizarase nas seccións seguintes:

a) Entidades de acreditación.

b) Organismos de normalización.

c) Organismos de control.

d) Laboratorios de ensaio.

e) Laboratorios de calibración.

f) Entidades de certificación.

g) Entidades auditoras e de inspección.

h) Verificadores ambientais.

i) Verificadores de informes de emisión de gases de efecto invernadoiro.

j) Outros axentes.

4. A estrutura das seccións mencionadas nos números 2 e 3 deste artigo poderá subdividirse e organizarse de acordo coa clasificación nacional de actividades económicas (CNAE) vixente.

Artigo 7. Número de identificación

O número de identificación a que se fai referencia no anexo I deste decreto estará formado por oito díxitos (NNNNNNNN).

Os dous primeiros díxitos da serie farán referencia a cada unha das catro provincias galegas do modo seguinte: 15 (A Coruña), 27 (Lugo), 32 (Ourense), 36 (Pontevedra).

CAPÍTULO III
Procedementos

Artigo 8. Procedemento de inscrición. Comunicación de datos

1. As industrias, actividades, empresas de servizos, entidades e axentes incluídos no ámbito de aplicación do Rexistro Industrial de Galicia cuxos/as titulares estean obrigados/as a solicitar autorización administrativa ou a presentar declaración responsable ou comunicación, de acordo coa normativa que lles sexa aplicable, serán inscritos de oficio no Rexistro Industrial de Galicia a partir dos datos básicos e complementarios contidos na autorización, declaración responsable ou comunicación. Do mesmo xeito quedarán inscritas as variacións esenciais ou cesamentos de actividade que se produzan.

2. Os/as titulares das industrias, actividades, empresas de servizos, entidades e axentes incluídos no ámbito de aplicación do Rexistro Industrial de Galicia que non estean obrigados a solicitar autorización administrativa ou a presentar declaración responsable ou comunicación poderán comunicar, unha vez iniciada a actividade, os datos básicos e complementarios para a súa inscrición no Rexistro Industrial de Galicia. Así mesmo, poderán comunicar as variacións esenciais ou cesamentos de actividade que se produzan.

3. Os modelos para a comunicación deses datos establécense nos anexos II, III e IV. No caso de rexistros sectoriais integrados consonte o indicado na disposición adicional primeira, poderanse comunicar, ademais, os datos adicionais que estableza regulamentariamente por orde a consellería competente no dito rexistro sectorial, sen prexuízo da obrigatoriedade de inscrición que poida establecer a normativa sectorial aplicable. No caso das industrias do Rexistro de Industrias Agrarias integrado consonte a disposición adicional primeira deste decreto, o modelo para a comunicación establécese no anexo V.

4. A inscrición realizarase unicamente por medios electrónicos a través dos formularios electrónicos normalizados accesibles desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es) de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

5. A inscrición no Rexistro Industrial de Galicia non supón un pronunciamento favorable da Administración sobre a idoneidade deste respecto á restante normativa que lle sexa de aplicación nin do cumprimento dos procedementos administrativos específicos das súas instalacións ou produtos industriais. O incumprimento das ditas normas poderá dar lugar a actuacións para a corrección de deficiencias ou mesmo á paralización inmediata da actividade, sen prexuízo da instrución dun expediente sancionador.

Artigo 9. Variacións esenciais

Para os efectos do disposto no artigo 8, entenderase que existe unha variación esencial cando se dea algún dos supostos seguintes:

a) Para a división A:

1º. O cambio de titularidade ou razón social.

2º. A variación das actividades desenvolvidas.

3º. O cambio de domicilio social.

4º. O traslado da actividade.

5º. As modificacións da potencia instalada (entendéndose como potencia instalada a suma das potencias de toda a maquinaria e receptores existentes sen aplicar coeficientes de simultaneidade) e da capacidade de produción anual que alteren en máis dun vinte por cento os datos existentes.

No caso da potencia instalada, non será necesaria comunicación cando non se alcancen os 20 kW, sempre que a variación non sexa superior ao 50 %.

b) Para as divisións B e C:

1º. O cambio de titularidade, de razón social ou de domicilio social.

2º. A variación do ámbito material ou sectorial de actuación.

Artigo 10. Traslado de datos ao Rexistro Integrado Industrial de ámbito nacional

Co obxecto de cumprir co disposto no artigo 9 do Real decreto 559/2010, do 7 de maio, a consellería competente en materia de industria desenvolverá o protocolo necesario para a transferencia de datos ao Rexistro Integrado Industrial de ámbito nacional.

CAPÍTULO IV
Acceso á información e normas de confidencialidade

Artigo 11. Acceso á información

1. Só teñen carácter público os datos básicos recollidos no número 1 do anexo I deste decreto, con excepción dos relativos ás industrias de fabricación de armas e explosivos e os que se declaren de interese para a defensa.

2. Os datos de carácter persoal estarán protexidos pola normativa estatal vixente sobre protección de datos de carácter persoal.

3. De acordo co disposto no artigo 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, o acceso aos datos públicos do Rexistro Industrial de Galicia realizarase exclusivamente a través de medios telemáticos.

ANEXO I

1. Datos básicos.

Para a división A, o Rexistro Industrial de Galicia conterá os datos básicos seguintes:

a) Relativos ao/á titular da industria ou actividade:

1. Número de identificación fiscal.

2. Razón social.

3. Domicilio social.

4. Enderezo, código postal, concello e provincia.

5. Teléfono, fax e correo electrónico.

b) Relativos ao establecemento:

1. Denominación.

2. Enderezo, código postal, concello, provincia e referencia catastral.

3. Teléfono, fax e correo electrónico.

4. Todas as actividades desenvolvidas (códigos da Clasificación nacional de actividades económicas (CNAE) vixente).

5. Número de identificación, asignado segundo se define no artigo 7.

Para as divisións B e C, o Rexistro Industrial de Galicia conterá os datos básicos seguintes:

1. Número de identificación fiscal.

2. Razón social.

3. Domicilio social.

4. Enderezo, código postal, concello e provincia.

5. Teléfono, fax e correo electrónico.

6. Todas as actividades desenvolvidas (códigos da Clasificación nacional de actividades económicas (CNAE) vixente).

7. Número de identificación, asignado segundo se define no artigo 7.

2. Datos complementarios.

Para a división A, o Rexistro Industrial de Galicia conterá os datos complementarios seguintes relativos ao establecemento:

1. Superficie dos soares e superficie construída.

2. Capacidade de produción anual e consumo anual de materias primas.

3. Número total de persoas que integran o cadro de persoal.

4. Produtos empregados e rematados (códigos da Clasificación nacional de produtos por actividades (CPA) vixente).

5. Potencia eléctrica total instalada, relación da maquinaria necesaria para o desenvolvemento da actividade e valor total desa maquinaria.

Para as divisións B e C, o Rexistro Industrial de Galicia conterá os datos complementarios seguintes:

1. Número total de persoas que integran o cadro de persoal.

2. Maquinaria necesaria para o desenvolvemento da actividade e valor total desa maquinaria.

3. Datos adicionais para as industrias agrarias.

No caso das industrias do Rexistro de Industrias Agrarias integrado consonte a disposición adicional primeira deste decreto, o Rexistro Industrial de Galicia conterá os seguintes datos adicionais:

1. Volume de negocio da empresa e porcentaxe atribuíble ao establecemento.

2. Número de rexistro de embotellador (cando proceda).

3. Produtos con indicativo de calidade que elabora.

4. Consumo de auga e de enerxía.

5. Control de augas residuais.

6. Capacidade dos recintos frigoríficos.

7. Información adicional da maquinaria necesaria para o desenvolvemento da actividade: ano de fabricación, número e potencia dos motores, capacidade ou rendemento e información sobre se foi subvencionada ou non a súa adquisición

8. Marcas e nomes comerciais rexistrados.

9. Vinculación cos produtores de base e procedencia das materias primas.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file