Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Martes, 31 de marzo de 2015 Páx. 12565

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 25 de marzo de 2015, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se publica a orde de prelación e a puntuación definitiva obtidas polas persoas aspirantes admitidas nas listas para a formalización de nomeamentos estatutarios temporais nas categorías de enfermeiro/a especialista de saúde mental e enfermeiro/a especialista do traballo.

Por Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, do 21 de setembro de 2012 (DOG nº 186, do 28 de setembro) abriuse o prazo para a inscrición de aspirantes nas listas para a formalización de vinculacións temporais das categorías de enfermeiro/a especialista de saúde mental e enfermeiro/a especialista do traballo no ámbito das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas á Consellería de Sanidade.

Na dita resolución prevese unha xeración de listas coas persoas inscritas ata o 31 de outubro de 2012 que cumpran os requisitos determinados na citada resolución.

Por Resolución do 30 de abril de 2014 (DOG nº 105, do 4 de xuño) publicáronse os resultados provisionais de baremación dos/as aspirantes admitidos/as, coa asignación do número de orde e puntuacións provisionais obtidos.

Rematado o prazo de reclamación contra a dita resolución e analizadas as reclamacións presentadas, este centro directivo, de conformidade coa base décima da resolución de inicio do prazo de inscrición (DOG nº 186, do 28 de setembro),

RESOLVE:

Primeiro. Aprobar a orde de prelación e a puntuación definitiva obtidas polas persoas aspirantes admitidas nas listas para a formalización de nomeamentos estatutarios temporais no ámbito do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas á Consellería de Sanidade nas categorías de enfermeiro/a especialista de saúde mental e enfermeiro/a especialista do traballo.

Segundo. As listas co número de orde e puntuación definitiva obtidos polas persoas aspirantes admitidas nas categorías citadas atópanse publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo/a aspirante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.

Terceiro. De conformidade coa base décima da Resolución do 21 de setembro de 2012, contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte á súa publicación, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente de conformidade co establecido nos artigos 8, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, e con carácter previo, poderase interpoñer recurso de reposición ante este mesmo órgano, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte á súa publicación.

Cuarto. As listas entrarán en vigor con efectos do 7 de abril de 2015. Resultarán de aplicación aos chamamentos que se efectúen a partir da dita data as normas de xestión contidas no pacto sobre selección de persoal estatutario temporal aprobado pola Resolución do 26 de abril de 2011 (DOG nº 89, do 9 de maio).

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2015

Margarita Prado Vaamonde
Directora xeral de Recursos Humanos