Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Xoves, 9 de abril de 2015 Páx. 13552

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 7 de abril de 2015 pola que se determinan os servizos mínimos dirixidos a garantir os servizos esenciais durante a folga que afectará o colectivo do persoal celador do Hospital do Salnés os días 10, 11 e 12 de abril de 2015.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece, como dereito fundamental da persoa, o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG núm. 116, do 20 de xuño), entre os cales está a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros ou conselleiras competentes, por razón dos servizos esenciais afectados, para que, mediante orde e ante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

A organización sindical UGT comunicou a convocatoria dunha folga que afectará o colectivo do persoal celador do Hospital do Salnés (estrutura organizativa de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés). A folga desenvolverase desde as 00.00 horas do día 10 de abril ata as 00.00 horas do día 13 de abril.

Unha vez outorgada audiencia ao comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo 1

A convocatoria de folga referida deberá entenderse condicionada ao mantemento dos servizos mínimos, segundo os criterios que se establecen na presente orde.

Tales mínimos responden á necesidade de compatibilizar o respecto ineludible ao exercicio do dereito á folga coa atención aos usuarios que, baixo ningún concepto, poden quedar desasistidos polas características do servizo dispensado; e por iso se manteñen os servizos mínimos necesarios para garantir a atención que non se pode aprazar sen consecuencias negativas para a saúde.

Con esa finalidade, para a determinación dos servizos mínimos establécense os seguintes criterios reitores:

1) Urxencias: un número de efectivos que garanta a cobertura do 100 % da actividade urxente.

2) Hospitalización e outras áreas de traballo: con carácter xeral, un número de efectivos equivalente ao dos domingos ou festivos.

Artigo 2

A determinación dos/as profesionais necesarios deberá estar suficientemente motivada. A xustificación debe constar no expediente de determinación de mínimos do centro e debe exteriorizarse adecuadamente para xeral coñecemento dos/as destinatarios/as. Deberá quedar constancia no expediente dos factores ou criterios cuxa ponderación conduce a determinar as prestacións mínimas.

Os/as profesionais necesarios para a cobertura dos servizos mínimos deberán ser publicados nos taboleiros de anuncios do centro, polo menos con 48 horas de antelación á data da folga.

Coas premisas precedentes no cadro anexo determínase o número de efectivos necesarios para garantir os servizos mínimos.

Artigo 3

A designación nominal de efectivos que deben cubrir os servizos mínimos, que deberá recaer nos/as profesionais de xeito rotatorio, será determinada pola Dirección do hospital e notificada aos profesionais designados.

O persoal designado como servizo mínimo que desexe exercer o seu dereito de folga poderá instar a substitución da súa designación por outro profesional que voluntariamente acepte o cambio de xeito expreso.

Artigo 4

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos determinados no anexo, así como os expostos nos taboleiros de anuncios do centro, serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE núm. 58, do 9 de marzo).

Artigo 5

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 6

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios dos establecementos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base nas normas vixentes.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de abril de 2015

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade

ANEXO

Mañá

Tarde

Noite

4

4

3