Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Venres, 10 de abril de 2015 Páx. 13728

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 44/2015, do 19 de marzo, polo que se aproban os estatutos do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia.

De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e asumiuse polo Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia, correspondendo á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza as competencias nesta materia, en virtude do Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da dita Vicepresidencia.

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da devandita competencia dispón no seu artigo 16 en relación co 18 que os colexios profesionais gozarán de autonomía para a elaboración e aprobación dos seus estatutos, sen máis límites que os establecidos polo ordenamento xurídico.

O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia, creado por Lei 8/2006, do 1 de decembro, acordou en asemblea xeral do 29 de novembro de 2014 a modificación dos seus estatutos co contido establecido na Lei 11/2001, do 18 de setembro. Estes estatutos foron comunicados á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, para a súa aprobación definitiva e inscrición no Rexistro de Colexios.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do dezanove de marzo de dous mil quince,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Aprobar os estatutos do Colexio Profesional de Enxeñaría técnica en informática de Galicia, que figuran como anexo ao presente decreto.

Artigo 2. Publicación e inscrición

Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e a inscrición correspondente no Rexistro de Colexios Profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposión derrogatoria única. Derrogación dos estatutos anteriores

Quedan derrogados os anteriores estatutos que foron aprobados por Decreto 137/2008, do 19 de xuño, polo que se aproban os estatutos do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia, e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto no presente decreto.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezanove de marzo de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO
Estatutos do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia

TÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Natureza xurídica

1. O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (no sucesivo, o Colexio) é unha corporación de dereito público e de carácter profesional, amparada pola lei, con personalidade xurídica propia, que se rexerá polas leis e disposicións vixentes na materia e nas prescricións dos presentes estatutos.

2. O Colexio ten plena capacidade para o cumprimento dos seus fins. En consecuencia, e de acordo coa legalidade vixente, pode adquirir, vender, allear, posuír, reivindicar, permutar, gravar toda clase de bens e dereitos, realizar contratos, subscribir convenios, obrigarse e exercer accións e interpor recursos en todas as vías e xurisdicións para o cumprimento dos seus fins.

3. O Colexio funcionará baixo o principio de estrutura interna democrática, independente das administracións públicas, sen prexuízo das relacións de dereito público que con elas lle corresponda.

Artigo 2. Relacións coa Administración e outros organismos profesionais

1. O Colexio, nas cuestións relativas aos aspectos institucionais e corporativos, relaciónase coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia a través da consellería competente en materia de colexios profesionais e, nas cuestións referentes ao contido da profesión ou actividade profesional, coa consellería competente en relacións co contido da profesión de enxeñeiro técnico en informática.

2. O Colexio relaciónase co Consello Xeral da profesión a nivel estatal de acordo co que a lexislación xeral do Estado o determine.

Artigo 3. Ámbito territorial e domicilio

O ámbito territorial do Colexio é o correspondente á Comunidade Autónoma de Galicia. O seu domicilio e sede social radicará no edificio ETS Enxeñaría, rúa Lope Gómez de Marzoa, s/n, Campus VIDA 15782 Santiago de Compostela, sen prexuízo de levar a cabo reunións en calquera lugar do seu ámbito territorial. Establécese como sede electrónica integrando o sistema de xanela única a URL http://www.cpetig.org

A modificación das sedes, en todo caso, tramitarase como modificación estatutaria. Así mesmo, establécese como enderezo de correo electrónico: info@cpetig.org para efectos de contacto e comunicacións.

Artigo 4. Membros do Colexio

1. Para o exercicio da profesión de enxeñaría técnica en informática poderán incorporarse ao Colexio, nos termos establecidos pola normativa aplicable en materia de colexiación, as persoas españolas e estranxeiras que se atopen en posesión de, polo menos un, dos seguintes títulos, e desenvolvan actividades propias da profesión ou exerzan función ou cargo en razón dos ditos títulos con domicilio profesional na Comunidade Autónoma de Galicia. Estes serán os chamados membros ou colexiados/as de número:

a) Título universitario de enxeñaría técnica en informática, de conformidade co Real decreto 1460/1990, do 26 de outubro e co Real decreto 1461/1990, do 26 de outubro, e as súas normas de homologación e validación na orde ao exercicio profesional da enxeñaría técnica en infomática de conformidade co Real decreto 1954/1994, do 30 de setembro.

b) Título universitario oficial de grao ligado coa profesión de enxeñaría técnica en informática, e que cumpra coas condicións establecidas no acordo do Consello de Universidades e no anexo II polo que se establecen recomendacións para a proposta polas universidades de memorias de solicitude de títulos oficiais no ámbito da enxeñaría informática, enxeñaría técnica informática e enxeñaría química, publicado mediante Resolución do 8 de xuño de 2009, da Secretaría Xeral de Universidades.

c) Título universitario debidamente homologado con algún dos anteriores ou recoñecido polo ministerio competente na materia universitaria e que reúna os requisitos exixidos por estes estatutos e polas normas que lle sexan de aplicación.

2. Os membros do Colexio xubilados poderán seguir pertencendo ao Colexio, de pleno dereito, sen que para iso sexa necesario satisfacer as cotas colexiais de carácter obrigatorio.

3. O Colexio recolle tamén os membros ou colexiados/as de honra, que serán aquelas persoas, pertencentes ou non á profesión, que lle rendan ou rendesen servizos destacados a este ou á profesión. Este título será outorgado, mediante acordo da Asemblea Xeral, por proposta da Xunta de Goberno.

4. Poden darse de alta como precolexiados/as as persoas que estean cursando os estudos recollidos no punto 1 deste artigo. Xustificarán anualmente e cando o Colexio o requira, a continuidade da situación que os habilita como precolexiado/a e terán a obriga de notificar, no prazo dun mes, a baixa da condición que os habilita como precolexiado/a.

5. A condición de precolexiado/a dá dereito á utilización dos servizos básicos e optativos do CPETIG, así como ás actividades que o CPETIG organice, nas condicións que se establezan regulamentariamente. En ningún caso se recoñecerán dereitos de sufraxio, activo ou pasivo, aos/ás precolexiados/as. A condición de precolexiado/a non facultará en ningún xeito para o exercicio profesional.

Artigo 5. Fins

1. Son fins esenciais do Colexio os que a título enunciativo e non limitativo se relacionan a partir deste momento:

a) A representación institucional desta profesión de conformidade coa normativa que resulte de aplicación.

b) Velar pola satisfacción dos intereses xerais relacionados co exercicio da profesión de enxeñaría técnica en informática, mediante a promoción, salvagarda e observancia dos principios deontolóxicos e éticos da profesión e da súa dignidade e prestixio.

c) Lograr o constante avance do nivel de calidade das prestacións profesionais dos/as colexiados/as, mediante a promoción e fomento do progreso das actividades propias da profesión, da investigación, do establecemento e uso de estándares e do desenvolvemento e innovación científica e técnica, así como da solidariedade profesional e do servizo da profesión á sociedade.

d) Cooperar no avance dos estudos que conducen á obtención do título que habilite para o exercicio da profesión de enxeñaría técnica en informática, favorecendo os ensinos técnicos profesionais de investigación relacionadas coa carreira, facilitando a formación de técnicos/as aptos/as para as súas diversas funcións, promovendo para este efecto o entendemento entre os centros de ensino e as empresas, para obter o máximo nivel intelectual, cultural e de aplicación da enxeñaría técnica en informática.

e) Colaborar coas administracións públicas na consecución dos dereitos individuais e colectivos da profesión recoñecidos pola Constitución e o Estatuto de autonomía de Galicia aos colexios profesionais.

f) Cantas funcións redunden no beneficio da protección dos intereses dos consumidores e usuarios dos servizos dos seus colexiados/as.

2. O disposto no punto anterior enténdese sen prexuízo das competencias das administracións públicas por razón da relación funcionarial.

3. O cumprimento de devanditos fins desenvolverase no ámbito estritamente profesional; quedan excluídas aquelas actividades que a Constitución atribúe especificamente aos partidos políticos, aos sindicatos e a outras asociacións.

Artigo 6. Funcións

Para o cumprimento de devanditos fins, o Colexio exercerá as funcións encomendadas na lexislación estatal e autonómica e, como propias, as seguintes:

a) Facilitar aos seus membros o exercicio da profesión, procurando a irmandade entre todos eles.

b) Asesorar as administracións públicas, corporacións oficiais e persoas ou entidades particulares en todos aqueles asuntos que, directa ou indirectamente, afecten a profesión ou aos/as colexiados/as, realizando estudos, emitindo informes, resolvendo consultas, redactando pregos de condicións técnicas e económicas, actuando en arbitraxes e demais actividades relacionadas cos seus fins que puidesen solicitarlles ou por iniciativa propia.

c) Emitir un informe sobre os proxectos de lei e as disposicións de calquera rango que teñan incidencia na actividade da enxeñaría técnica en informática ou que se refiran ás condicións xerais da función profesional destas e á súa correlación con outras profesións, co ensino, as súas atribucións, os seus honorarios orientativos ou ao réxime de incompatibilidades, cando así se lles requira.

d) A representación institucional no ámbito das súas competencias da enxeñaría técnica en informática e defensa no ámbito da súa competencia dos intereses profesionais dos enxeñeiros técnicos en informática.

e) Participar nos consellos ou organismos consultivos das distintas administracións públicas en materia da súa competencia profesional, cando as súas normas reguladoras o permitan, así como estar representado nos órganos de participación social existentes, cando se lles requira.

f) Participar, cando se requira, na elaboración dos plans de estudo dos ensinos universitarios ou de formación profesional que teñan relación coas actividades propias da profesión e emitir un informe sobre a posible creación de escolas universitarias de titulacións que habiliten para o exercicio da profesión de enxeñaría técnica en informática, mantendo contacto con estas, e preparar a información necesaria para facilitar o acceso á vida profesional dos/as novas titulados/as. Esta participación non terá, en ningún caso, carácter vinculante.

g) Estar representados, se é o caso, nos consellos sociais das universidades onde se impartan os estudos de titulacións que habiliten para o exercicio da profesión enxeñaría técnica en informática, de conformidade co que estableza a lexislación aplicable.

h) Cooperar coa Administración de xustiza e demais organismos oficiais na designación de colexiados/as que puidesen ser requiridos/as para realizar informes, ditames, taxacións, peritaxes ou outras actividades profesionais, para o que se facilitará periodicamente e sempre que o soliciten, a relación de colexiados/as dispoñibles para estes efectos.

i) Colaborar coa Administración xeral do Estado e administracións autonómicas na realización de estudos, emisión de informes, elaboración de estatísticas e outras actividades relacionadas cos seus fins que lle sexan solicitadas ou decida formular por iniciativa propia.

j) Ordenar, no ámbito das súas atribucións, a actividade profesional dos seus membros, que deberá realizarse en réxime de libre competencia e suxeitarse, en canto á oferta de servizos e á fixación da súa remuneración, á Lei sobre defensa da competencia e á Lei sobre competencia desleal. Así mesmo, velar pola ética, a deontoloxía e a dignidade profesional e polo debido respecto aos dereitos dos particulares, exercendo, se é o caso, a facultade disciplinaria na orde profesional e colexial.

k) Encargarse do cobramento das percepcións, remuneracións ou honorarios profesionais de traballos previamente visados cando así o solicite expresamente o cliente, só por petición libre e expresa dos/as colexiados/as, nas condicións que se determinen nestes estatutos ou na correspondente normativa do Colexio, así como comparecer ante os tribunais de xustiza, por substitución destes, exercendo as accións procedentes en reclamación dos honorarios reportados por eles no exercicio da profesión e réxime do orzamento ou da nota encargo que os colexiados/as deberán presentar ou, se é o caso, exixir aos clientes.

I) Impedir e, se é o caso, denunciar ante a Administración, e incluso perseguir ante os tribunais de xustiza, todos os casos de intrusión profesional que afecten a enxeñaría técnica en informática e ao exercicio da profesión.

m) Intervir, pola vía da conciliación ou da arbitraxe, nas cuestións que por motivos profesionais xurdan entre os membros.

n) Resolver por laudo, por instancia das partes interesadas, as discrepancias que poidan xurdir sobre o cumprimentos dos deberes dimanantes dos traballos realizados polos/as colexiados/as no exercicio da profesión.

o) Realizar o visado de traballos profesionais nos termos que se recollen no artigo 15 dos presentes estatutos.

p) Manter un activo e eficaz servizo de información sobre os postos de traballo que poden desenvolver os/as enxeñeiros/as técnicos/as en informática co gallo de conseguir unha maior eficacia no seu exercicio profesional.

q) Emitir informes nos procedementos xudiciais ou administrativos nos que se discutan honorarios.

r) Organizar actividades e servizos comúns de interese para os/as colexiados/as, de carácter profesional, formativo, cultural, asistencial e de previsión.

s) Cumprir e facer cumprir aos/ás colexiados/as os estatutos, así como as normas e acordos adoptados polos órganos de goberno en materia da súa competencia.

t) Aprobar os estatutos e regulamentos de réxime interno. Exercer a potestade disciplinaria na orde profesional e colexial para sancionar os actos dos/das colexiados/as que practiquen unha competencia desleal no ámbito profesional e/ou económico co resto dos/das colexiados/as ou comentan unha infracción deontolóxica.

u) Organizar un servizo de atención aos colexiados/as para a resolución de queixas ou reclamacións, así como para os consumidores e usuarios, tramitando e resolvendo cantas queixas e reclamacións referidas á actividade colexial ou profesional dos colexiados/as fosen presentadas por calquera consumidor ou usuario que contrate os servizos profesionais, así como por asociacións e organizacións de consumidores e usuarios na súa representación ou en defensa dos seus intereses.

v) Atender as solicitudes de información sobre os/as seus/súas colexiados/as e sobre as sancións firmes a eles impostas, así como as peticións de inspección ou investigación que sexan formuladas por calquera autoridade competente dun Estado membro da Unión Europea nos termos previstos na normativa de aplicación, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, en particular, no que se refire a que as solicitudes de información e de realización de controis, inspeccións e investigacións que estean debidamente motivadas e que a información obtida sexa empregada unicamente para a finalidade para a que se solicitou.

w) Elaborar e publicar na sede electrónica do Colexio, no primeiro semestre do ano, unha memoria anual que conteña, polo menos, a información sinalada por aplicación do artigo 5.11 da Lei 25/2009, e/ou calquera outra lei ou norma posterior que modifique o seu contido.

x) Todas as outras funcións que lle sexan atribuídas polas disposicións vixentes e que beneficien os intereses profesionais dos seus membros ou da profesión.

Artigo 7. Do uso do galego

1. O galego é o idioma propio do Colexio. O castelán é tamén lingua oficial.

2. De acordo coa normativa aplicable, de creación do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia, o Colexio procurará e fomentará o uso do galego en todas as súas comunicacións internas e externas.

TÍTULO II
Dos/as colexiados/as

CAPÍTULO I
Adquisición, denegación e perda da condición de colexiado/a

Artigo 8. Colexiación

1. Para o exercicio da profesión de enxeñaría técnica en informática, nos termos establecidos na normativa aplicable en materia de colexiación, bastará a pertenza a un só dos colexios de enxeñaría técnica en informática do Estado. Este será o do domicilio único ou principal do/da profesional; ou, na súa falta, o do lugar onde se desenvolva efectivamente a profesión.

Poderanse inscribir, de conformidade coa normativa que resulte de aplicación, no Rexistro constituído para o efecto, as sociedades profesionais que teñan como socio profesional polo menos a un titulado habilitado para o exercicio da profesión de enxeñaría técnica en informática e que entre os seus fins figure o exercicio de funcións ou cometidos propios da profesión que o Colexio representa, cando o seu domicilio social estea radicado en Galicia.

Terán que pertencer a socios profesionais, como mínimo, a maioría do capital e dos dereitos de voto, ou a maioría do patrimonio social e do número de socios nas sociedades non capitalistas.

Do mesmo xeito deberán ser socios profesionais, como mínimo, a metade máis un dos membros dos órganos de administración, se é o caso, das sociedades profesionais. Se o órgano de administración fose unipersoal, ou teña conselleiros delegados, as ditas funcións deberán de ser desempeñadas necesariamente por un socio profesional.

2. Para ser colexiado/a é necesario:

a) O cumprimento dos requisitos especificados no artigo 4 dos presentes estatutos.

b) Non atoparse inhabilitado profesionalmente nin colexialmente como consecuencia de resolución xudicial ou resolución disciplinaria firme.

c) Abonar a cota de entrada vixente no Colexio. A cota de inscrición non poderá superar, en ningún caso, os custos asociados á tramitación da inscrición.

d) Se o solicitante procede doutro colexio territorial, deberá achegar o certificado do Colexio de orixe, no que constará que está ao corrente dos seus deberes colexiais, unha certificación de estar en posesión do título oficial de enxeñaría técnica en informática ou diploma en informática expedido polo Estado ou dos títulos comunitarios ou estranxeiros que se homologuen a estes ou calquera outro título que habilite para o exercicio da profesión; e probar que non está inhabilitado para o exercicio profesional como consecuencia dunha sanción colexial.

e) O Colexio dispoñerá os medios necesarios para que os solicitantes podan tramitar a súa colexiación pola vía electrónica.

3. Os membros do Colexio aceptan, polo feito de solicitar a súa colexiación, o contido dos presentes estatutos.

4. As peticións de colexiación tramitaranse do xeito seguinte:

a) Toda petición de incorporación ao Colexio deberá formalizarse mediante instancia dirixida ao seu presidente/a, acompañada da documentación que a Xunta de Goberno estableza. A través da xanela única habilitada no sitio web http://www.cpetig.org poderá formalizarse por petición de colexiación, de conformidade coa lexislación aplicable e, en particular, co artigo 17 dos presentes estatutos. Así mesmo, poderá presentarse de maneira electrónica, a documentación para o efecto en formato electrónico, mediante sistemas e/ou aplicacións que permitan acreditar a identidade, integridade e veracidade desta.

Esta petición resolveraa a Xunta de Goberno no prazo máximo de tres meses desde a súa formulación ou, se é o caso, desde que o/a interesado/a achegue os documentos necesarios ou se corrixan os defectos reparables da petición, de conformidade coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A Xunta de Goberno poderá, mediante acordo da dita xunta, delegar no secretario do Colexio a resolución positiva de peticións de colexiación. Estas resolucións deberán ser referendadas na seguinte reunión da Xunta de Goberno. O rexeitamento de solicitudes de colexiación soamente poderán ser levadas a cabo pola Xunta de Goberno.

b) Rematado o prazo arriba indicado, e o que se estableza de acordo coa Lei 30/1992, sen que se resolva a solicitude de incorporación ao Colexio, poderase entender que está aceptada, nos termos establecidos no artigo 43 da devandita Lei 30/1992.

c) O Colexio está no deber de emitir unha certificación acreditativa da aceptación da solicitude de colexiación, por silencio administrativo, cando lle sexa requirida.

5. O acceso e exercicio a profesións colexiadas rexerase polo principio de igualdade de trato e non discriminación, en particular por razón de orixe racial ou étnico, relixión ou conviccións, discapacidade, idade ou orientación sexual.

Artigo 9. Denegacións

1. A colexiación poderá ser denegada:

a) Cando os documentos presentados sexan insuficientes ou ofrezan dúbidas respecto da súa autenticidade.

b) Cando o/a peticionario/a estea baixo condena imposta polos tribunais de xustiza que leve anexa unha pena accesoria de inhabilitación para o exercicio da profesión.

c) Cando estea suspendido no exercicio da profesión por outro colexio e non obteña a correspondente rehabilitación.

2. Contra as resolucións denegatorias das peticións de incorporación, que deberán comunicarse ao solicitante de forma debidamente razoada, cabe recurso de reposición ante a Xunta de Goberno, que deberá interpoñerse no prazo dun mes desde a data de notificación da denegación de incorporación ao Colexio.

3. Contra a resolución do devandito recurso, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo, segundo a lei vixente xurisdicional.

Artigo 10. Baixas

1. Pérdese a condición de colexiado/a en calquera das seguintes circunstancias:

a) Por petición propia, mediante instancia dirixida ao/á presidente/a do Colexio. Esta petición non eximirá do cumprimento das obrigas que o/a interesado/a contraese anteriormente co Colexio.

b) Por pena de inhabilitación para o exercicio profesional por sentenza xudicial firme ou pola resolución firme dun expediente disciplinario que impoña a expulsión do Colexio.

c) Por falta do pagamento da cota colexial durante un ano ou doutras achegas establecidas polos órganos de goberno do Colexio, tras o requirimento de pagamento no prazo de dous meses para o seu aboamento.

2. En todo caso, a perda da condición de colexiado/a polas causas expresadas nos números 1 b) e 1 c) deste artigo deberá ser comunicada por calquera medio en que lle quede constancia ao/á interesado/a, momento no que producirá efecto.

Artigo 11. Reincorporación

1. Cando o motivo da baixa sexa o que dispón o artigo 10.1.a) destes estatutos, o/a solicitante deberá tramitar unha nova solicitude de admisión, excepto a presentación de documentos referentes á súa titulación e deberá aboar a cota de reincorporación que regulamentariamente estea establecida.

2. Cando o motivo da baixa sexa o que dispón o artigo 10.1.b) destes estatutos, o/a solicitante deberá acreditar o cumprimento da pena ou sanción que motivou a súa baixa colexial.

3. Cando o motivo da baixa sexa o que dispón o artigo 10.1.c) destes estatutos, o/a solicitante deberá satisfacer a débeda pendente máis os xuros legais, se procede, desde a data da orde de pagamento daquela.

Artigo 12. Colexiación única e exercicio en territorio diferente ao da colexiación

1. Será suficiente a incorporación ao Colexio do/da colexiado/a con domicilio profesional único ou principal na Comunidade Autónoma de Galicia, para exercer en todo o territorio español.

2. No marco do sistema de cooperación entre autoridades, para a función de control da actividade dos/as colexiados/as en beneficio dos consumidores e usuarios, os/as colexiados/as que exerzan nun territorio diferente ao de colexiación, non se poderá exixir comunicación nin habilitación ningunha, nin o pagamento de contraprestacións económicas distintas das habitualmente exixidas aos seus colexiados/as pola prestación dos servizos dos que sexan beneficiarios e que non se atopen cubertos pola cota colexial.

3. Nos supostos de exercicio profesional en territorio distinto ao de colexiación, para os efectos de exercer as competencias de ordenación e potestade disciplinaria que corresponden ao Colexio, en beneficio dos consumidores e usuarios, o Colexio deberá utilizar os oportunos mecanismos de comunicación e os sistemas de cooperación administrativa entre autoridades competentes previstos na normativa aplicable en materia de colexiación.

4. As sancións impostas, se é o caso, polo Colexio producirán efectos en todo o territorio español.

5. No caso de desprazamento temporal dun profesional doutro Estado membro da Unión Europea, haberá que aterse ao disposto na normativa vixente en aplicación do Dereito comunitario relativa ao recoñecemento de cualificacións.

CAPÍTULO II
Dos dereitos e deberes dos/as colexiados/as

Artigo 13. Dereitos

Son dereitos dos/as colexiados/as:

a) Actuar profesionalmente en todo o territorio do Estado, de acordo co previsto no artigo anterior.

b) Ser asistidos/as, asesorados/as e defendidos/as polo Colexio, de acordo cos medios dos que este dispoña e nas condicións que regulamentariamente se fixen, cando se lesionen ou menoscaben os seus dereitos ou intereses profesionais.

c) Ser representados/as pola Xunta de Goberno do Colexio, cando así o soliciten, nas reclamacións, de calquera tipo, xurdidas do exercicio profesional, nos termos que regulamentariamente se fixen.

d) Empregar os servizos e medios do Colexio, nas condicións que regulamentariamente sexan determinadas.

e) Participar, como electores/as e como elixibles, en cantas eleccións sexan convocadas no ámbito colexial; intervir de forma activa na vida do Colexio; e ser informados/as, informar e participar con voz e voto nas asembleas xerais do Colexio.

f) Formar parte das comisións ou grupos de traballo que se establezan segundo o regulamento interno ou decisión da Xunta de Goberno.

g) Presentar á Xunta de Goberno escritos con peticións, queixas ou suxestións relativas ao exercicio profesional ou á marcha do Colexio.

h) Gardar o segredo profesional respecto dos datos e da información coñecidos no exercicio profesional.

i) Someter a conciliación ou arbitraxe do Colexio as cuestións de carácter profesional que se produzan entre os membros.

Artigo 14. Deberes

Son deberes dos/as colexiados/as:

a) Exercer a profesión eticamente e cumprindo os preceptos e normas das disposicións vixentes, actuando dentro das normas da libre competencia, con respecto cara aos compañeiros e sen incorrer en competencia desleal.

b) Acatar e cumprir estes estatutos e, en xeral, as normas que rexen a vida colexial, así como os acordos adoptados polos órganos de goberno do Colexio, sen prexuízo dos recursos oportunos.

c) Poñer en coñecemento do Colexio todos os feitos que poden afectar a profesión, tanto particular como colectivamente considerada. A importancia destes feitos poden determinar a intervención corporativa con carácter oficial.

d) Comunicar ao Colexio, no prazo de trinta días, os cambios en calquera dato previamente facilitado, especialmente os necesarios para o cumprimento das débedas co Colexio, os de residencia ou domicilio, e calquera outro de contacto.

e) Asistir aos actos corporativos.

f) Aboar, cando sexan emitidas, as cotas e contribucións establecidas polos órganos de goberno do Colexio.

g) Desenvolver con dilixencia e eficacia os cargos para os que fosen elixidos/as, e cumprir os encargos que os órganos de goberno poidan encomendarlles.

h) Cooperar coa Asemblea Xeral e coa Xunta de Goberno, prestando declaración e facilitando información nos asuntos de interese colexial nos cales poidan ser requiridos/as, sen prexuízo do segredo profesional.

i) Gardar unha conduta adecuada á lexislación vixente en materia de comunicacións comerciais coa finalidade de salvagardar a independencia e integridade da profesión, así como gardar o segredo profesional.

j) Dar conta ante o Colexio de quen exerza actos propios da profesión sen posuír o título que o autorice ou de quen non estea colexiado malia posuílo.

k) Proporcionar ao Colexio a documentación ou información persoal e profesional que este requira para a xestión deste e o correcto cumprimento dos seus fins.

CAPÍTULO III
Regulación do exercicio profesional

Artigo 15. Visado de traballos profesionais

1. O Colexio visará os traballos profesionais no seu ámbito de competencia unicamente cando se soliciten por petición expresa dos clientes, incluídas as administracións públicas cando actúen coma tales, ou cando así o estableza o Goberno mediante real decreto, logo de consulta aos/ás colexiados/as afectados, de acordo cos seguintes criterios:

a) Que sexa necesario por existir unha relación de causalidade directa entre o traballo profesional e a afectación á integridade física e seguridade das persoas.

b) Que se acredite que o visado é o medio de control máis proporcionado.

Unha normativa regulará o procedemento de visado.

En todo caso, o visado expresará claramente cal é o seu obxecto, detallando que extremos son sometidos a control e informará sobre a responsabilidade que asuma o Colexio.

2. Será necesario, para que o Colexio proceda ao visado do proxecto, informe ou calquera outro traballo profesional, que o membro do Colexio que sexa autor/a ou director/a facultativo/a do proxecto subscribise con a/o interesado/a, empresa ou sociedade, unha folla de encargo ou contrato de dirección facultativa. Isto será tamén indispensable para a defensa dos dereitos do/da colexiado/a.

3. En ningún caso o visado comprenderá os honorarios nin as demais condicións contractuais, que se deixan ao libre acordo das partes; todo isto de conformidade coa lexislación sobre defensa da competencia e competencia desleal. Tampouco comprenderá o control técnico dos elementos facultativos do traballo profesional.

4. En caso de danos derivados dun traballo profesional que visou o Colexio, no que resulte responsable o autor deste, o Colexio responderá subsidiariamente dos danos que teñan a súa orixe en defectos que deberían ser postos de manifesto polo Colexio ao visar o traballo profesional, e que gardar ligazón directa cos elementos que se visaron nese traballo concreto.

5. Cando o visado colexial sexa preceptivo, o seu custo será razoable, non abusivo nin discriminatorio. O Colexio fará públicos os prezos dos visados dos traballos, que poderán tramitarse por vía electrónica.

6. O Colexio velará por que as administracións públicas que deban autorizar ou tramitar un traballo profesional só o admitan se este foi previamente sometido ao trámite de visado correspondente, de ter este último carácter obrigatorio.

7. O visado é un acto colexial de control profesional, que comprende a acreditación da identidade do/da colexiado/a, as súas atribucións para levar a cabo o traballo, a non incompatibilidade do profesional e o non estar suxeito a sanción disciplinaria que impida a súa actuación. Así mesmo, supón a comprobación da suficiencia e corrección externa da documentación integrante do traballo.

8. Sen dano do disposto no parágrafo anterior, o colexiado/a asinante é responsable da calidade técnica do traballo que realiza e do seu axuste á normativa sectorial correspondente. O Colexio unicamente responde da corrección externa da documentación integrante do traballo, pero non das previsións, cálculos e conclusións que o integran.

Artigo 16. Publicidade

Os membros do Colexio evitarán toda forma de competencia desleal e ateranse na súa publicidade á lexislación aplicable, se é o caso.

Artigo 17. Xanela única

1. O Colexio dispón da páxina web http://www.cpetig.org para que, a través da xanela única, os profesionais poidan acceder, electronicamente e a distancia, tanto á información sobre os procedementos necesarios para o acceso a unha actividade de servizos e o seu exercicio, como á realización dos trámites preceptivos para iso, incluíndo as declaracións, notificacións ou solicitudes necesarias para obter unha autorización, así como as solicitudes de inscrición en rexistros, listas oficiais, asociacións, colexios profesionais e consellos xerais e autonómicos de colexios profesionais.

2. Os profesionais, a través da xanela única, poderán e de balde:

a) Obter toda a información e formularios necesarios para o acceso a súa actividade e exercicio.

b) Presentar toda a documentación e solicitudes necesarias.

c) Coñecer o estado da tramitación dos procedementos en que teñan condición de interesado e recibir a correspondente notificación dos actos de trámite perceptivos e a resolución destes polo órgano administrativo competente.

3. A través da referida xanela única ofrecerase a seguinte información:

a) O acceso ao rexistro dos colexiados que estará permanentemente actualizado e no cal constarán, polo menos, os seguintes datos: nome e apelidos dos profesionais colexiados, número de colexiación, títulos oficiais dos que estean en posesión, domicilio profesional e situación de habilitación profesional.

b) O acceso ao rexistro de sociedades profesionais, que terá o contido descrito na normativa de aplicación en materia de sociedades profesionais.

c) As vías de reclamación e os recursos que poderán interpoñerse en caso de litixio entre as autoridades competentes e o prestador ou o destinatario, ou entre un prestador e un destinatario, ou entre prestadores.

d) Os datos das asociacións sectoriais de prestadores de servizos e as organizacións de consumidores que presten asistencia aos prestadores e destinatarios dos servizos.

e) O contido dos códigos deontolóxicos.

4. O Colexio facilitará ao Consello Xeral, e se é o caso, aos consellos autonómicos dos colexios, a información que afecte as altas, baixas e calquera outras modificacións que afecten os rexistros de colexiados e de sociedades profesionais, para o seu coñecemento e anotación nos rexistros centrais de colexiados e de sociedades profesionais daqueles.

Artigo 18. Servizo de atención aos/ás colexiados/as e aos consumidores e usuarios

1. O Colexio atenderá as queixas ou reclamacións presentadas polos colexiados.

2. O Colexio dispoñerá dun servizo de atención aos consumidores ou usuarios, que tramitará e resolverá cantas queixas e reclamacións referidas á actividade colexial ou profesional dos colexiados se presenten por calquera consumidor ou usuario que contrate os servizos profesionais, así como por asociacións e organizacións de consumidores e usuarios na súa representación ou en defensa dos seus intereses.

3. O Colexio, a través do servizo de atención aos consumidores ou usuarios, resolverá sobre a queixa ou reclamación segundo proceda, ben informando sobre o sistema extraxudicial da resolución de conflitos, ben remitindo o expediente dos órganos colexiais competentes para instruír os oportunos expedientes informativos ou disciplinarios, ben arquivando ou ben adoptando calquera outra decisión conforme o dereito.

4. A presentación de queixas e reclamacións poderán facerse a través da páxina web do Colexio, na ligazón habilitada para o efecto, ou a través do correo electrónico dirixido a: info@cpetig.org, non admitíndose a presentación de queixas, reclamacións ou consultas anónimas.

TÍTULO III
Organización básica do Colexio

CAPÍTULO I
Dos órganos do Colexio, as súas normas de constitución e funcionamento e as súas competencias

Artigo 19. Órganos de representación

Os órganos de representación, desenvolvemento normativo, control, goberno e administración do Colexio son:

Asemblea Xeral.

Xunta de Goberno.

Presidente/a.

Os acordos da Asemblea Xeral e da Xunta de Goberno, que estarán recollidos nas actas das súas reunións, serán efectivos de inmediato, salvo que conteñan pronunciamento en contra da súa entrada en vigor.

Artigo 20. A Asemblea Xeral

1. A Asemblea Xeral, órgano supremo de expresión da vontade do Colexio, está formada por todos/as os/as colexiados/as con igualdade de voto, e adoptará os seus acordos polo principio maioritario e en concordancia con estes estatutos.

2. Os acordos adoptados obrigan todos os membros do Colexio, mesmo os ausentes, disidentes ou os que se absteñan e incluso os que recorran contra aqueles, sen prexuízo do que resolvan os tribunais competentes.

3. A Asemblea Xeral reunirase con carácter ordinario unha vez ao ano, no primeiro semestre, para a aprobación das contas, aprobación dos orzamentos e da memoria anual e información xeral sobre a marcha do Colexio en todos os seus aspectos.

4. Así mesmo, reunirase con carácter extraordinario cando o considere necesario o/a presidente/a ou a Xunta de Goberno, ou cando o pidan coa súa sinatura a terceira parte dos membros do Colexio, especificando o punto ou os puntos da orde do día que desexan ser tratados.

5. As sesións de Asemblea Xeral ordinaria serán convocadas pola Xunta de Goberno sempre cunha antelación mínima de quince días respecto da data da súa realización, mediante comunicación escrita a todos/as os/as colexiados/as; a convocatoria incluirá a data, a hora e o lugar da reunión, así como a orde do día e a información complementaria que se considere oportuna.

6. Todos os membros do Colexio teñen o dereito e o deber de asistir á Asemblea Xeral con voz e voto.

7. De acordo coa normativa sobre colexios profesionais vixente, queda expresamente prohibido adoptar acordos sobre asuntos que non figuren na orde do día da xunta ordinaria ou extraordinaria de que se trate, sen perxuízo da normativa reguladora dos colexios únicos galegos e dos consellos galegos de colexios profesionais aplicable.

8. A Asemblea Xeral estará constituída por todos os membros do Colexio que asistan ou se fagan representar por escrito por outro. É necesaria, para a validez dos seus acordos en primeira convocatoria, a concorrencia de máis da metade dos/das colexiados/as entre presentes e representados/as. En segunda convocatoria, que poderá ter lugar media hora despois da anunciada para a primeira, serán válidos os acordos, calquera que sexa o número de asistentes e representados/as, salvo os que requiran maiorías especiais.

Artigo 21. Competencias da Asemblea Xeral

1. A aprobación das actas das súas sesións.

2. A aprobación da memoria anual de actividades presentada pola Xunta de Goberno do Colexio.

3. A aprobación das contas do Colexio do ano anterior e os orzamentos do seguinte.

4. A aprobación da xestión do órgano de Goberno e do seu presidente/a.

5. A elección dos membros da Xunta de Goberno e do/a seu/súa presidente/a, así como a súa remoción por medio da moción de censura, de acordo co especificado no artigo 22 destes estatutos.

6. A fixación da contía da cota de colexiación, así como as cotas ordinarias ou as que con carácter extraordinario, por razóns que o xustifiquen, propoña a Xunta de Goberno. A cota de inscrición ou colexiación non poderá superar os custos asociados á tramitación da inscrición.

7. A aprobación ou modificación dos estatutos do Colexio e calquera outra normativa que afecte o seu funcionamento, que, en ningún caso, poderá vulnerar o estipulado nas normas básicas establecidas nestes estatutos; e, de ser o caso, o Regulamento de réxime interno do Colexio.

8. Tomar acordos sobre a xestión da Xunta de Goberno.

9. Promover a disolución do Colexio, de acordo co que se estableza nestes estatutos.

10. Coñecer, discutir e, se é o caso, aprobar todas as propostas que lle sexan sometidas e correspondan á esfera de acción dos intereses do Colexio, pola iniciativa da Xunta de Goberno ou de calquera membro deste, se a súa proposición está avalada como mínimo polo 10 % dos membros do Colexio e é presentada con 45 días de antelación á realización da asemblea xeral ordinaria.

11. Aceptar ou rexeitar doazóns ou herdanzas.

12. Implantación, supresión ou modificación de servizos corporativos.

13. Todas as demais atribucións que non fosen conferidas expresamente á Xunta de Goberno ou a algún dos cargos colexiais.

14. A Asemblea Xeral, por proposta da Xunta de Goberno, poderá nomear, co fin de premiar a especial dedicación e a súa traxectoria profesional, un ou varios membros do Colexio, dos en exercicio ou xubilados, para que formen parte da Xunta de Goberno con voz pero sen voto e coa mesma duración ca ela.

Artigo 22. Funcionamento da Asemblea Xeral

1. As sesións da Asemblea Xeral estarán presididas polo/a presidente/a, acompañado dos demais membros da Xunta de Goberno. En ausencia deste/a, a Asemblea estará presidida polo/a vicepresidente/a e, en ausencia dos dous, polo/a vogal de máis idade.

2. O/a presidente/a será o/a moderador/a e coordinador/a da Asemblea, concedendo ou retirando o uso da palabra e ordenando os debates e votacións.

3. Actuará como secretario/a da Asemblea Xeral, redactando a acta da reunión, o/a secretario/a do Colexio; na súa ausencia, o/a vicesecretario/a; e en ausencia dos dous anteriores, o/a vogal de menor idade.

4. Todos os membros do Colexio teñen o dereito e deber de asistir á Asemblea Xeral con voz e voto, salvo aqueles que non se atopen no pleno goce os seus dereitos colexiais ou os que non estean ao día das obrigas económicas.

5. A representación dada a outro membro será de forma expresa para unha sesión determinada e realizarase por medio de escrito dirixido ao/á presidente/a, en que se exprese claramente o nome de quen exercerá a súa representación. Só serán válidas as representacións recibidas pola secretaría antes do día fixado para a Asemblea, ou na mesa presidencial antes de iniciarse a sesión da Asemblea Xeral.

6. En ningún caso un membro do Colexio poderá exercer a representación simultánea de máis de tres membros, ademais de si mesmo.

7. É potestade do/da presidente/a e da Xunta de Goberno invitar ás sesións da Asemblea Xeral, en calidade de asesores ou colaboradores, sen voto, as persoas que se consideren convenientes.

8. As votacións poderanse efectuar á man alzada ou secretamente mediante papeleta normalizada, debendo ser esta aprobada pola Asemblea Xeral. As votacións efectuaranse mediante papeleta con tal de que o pida un/unha dos/das colexiados/as asistentes ou cando a decisión afecte persoas concretas.

9. As maiorías que poden producirse son:

a) Maioría simple: cando o número de votos nun sentido supere os votos emitidos en sentido contrario. Este será o tipo de maioría aplicable para calquera decisión da Asemblea para a que non se especifique o contrario nestes estatutos.

b) Maioría absoluta: cando o número de votos nun sentido supere a metade dos votos posibles, ou sexa, todos os votos emitidos e as abstencións.

c) Maioría cualificada: cando o número de votos nun sentido supere os tres quintos dos votos emitidos.

Artigo 23. Moción de censura

1. A moción de censura contra o/a presidente/a, a Xunta de Goberno ou algún dos seus membros só poderá ser tratada en Asemblea Xeral extraordinaria convocada para o efecto.

2. A Xunta de Goberno poderá acordar e propor unha moción de censura no tocante a un ou varios dos seus membros.

3. Os/as colexiados/as poderán propor unha moción de censura contra o/a presidente/a, a Xunta de Goberno ou algún dos seus membros, solicitando a realización da Asemblea Xeral extraordinaria correspondente, de acordo co especificado no artigo 19.4 destes estatutos. Neste caso, a Xunta de Goberno está na obriga de convocar inmediatamente, e para que esta teña lugar nun prazo non superior a dous meses, a Asemblea Xeral solicitada.

4. A aprobación dunha moción de censura contra membros da Xunta de Goberno implicará o cesamento inmediato dos/as afectados/as.

5. A aprobación dunha moción de censura contra a totalidade ou máis da metade dos membros da Xunta de Goberno ou do/da presidente/a implicará o cesamento inmediato de todos os seus membros. Neste caso, e para evitar o baleiro de poder, a mesma Asemblea Xeral adoptará un acordo consistente no nomeamento dunha Xunta Xestora, que deberá convocar eleccións nun prazo non superior a dous meses. A Xunta Xestora, que actuará como Xunta de Goberno provisional, non poderá adoptar outros acordos que os considerados de trámite.

6. Para a aprobación de calquera moción de censura contra o/a presidente/a, a Xunta de Goberno será necesaria a maioría simple, tal e como se define no artigo anterior.

Artigo 24. A Xunta de Goberno

1. A Xunta de Goberno, que é o órgano executivo e representativo do Colexio, será elixida por votación entre os seus propios membros e constará dun/dunha presidente/a, un/unha secretario/a, un/unha tesoureiro/a e un número de vogais entre dous e catro. Adicionalmente, poderanse incorporar un/unha vicepresidente/a, un/unha vicesecretario/a e un/unha vicetesoureiro/a.

2. A duración dos cargos será de catro anos. Non existe limitación de mandatos salvo normativa vixente contraria. Os cargos da secretaría e tesouraría poderán ser retribuídos e as súas retribucións deberán ser aprobadas en contía e forma pola Asemblea Xeral. Todos os demais cargos son de carácter honorífico, sen prexuízo de que se lles poidan aboar os gastos que lles ocasione o seu exercicio e deberá figurar unha partida para tales conceptos no orzamento anual.

3. Cando o nomeamento de calquera cargo da Xunta de Goberno se faga por vacante, e non por finalización de mandato, a duración no cargo elixido será só ata a fin do mandato do cargo que produciu a vacante mediante votación en Asemblea Xeral, convocada en sesión ordinaria ou, se é o caso, extraordinaria.

4. Dentro da Xunta de Goberno poderá constituírse unha comisión permanente para atender os asuntos urxentes e aqueles que nesta comisión delegue a Xunta de Goberno. A comisión permanente estará formada polo/a presidente/a, o/a secretario/a, o/a vicepresidente/a e o/a tesoureiro/a, e estará validamente constituída cando estean presentes polo menos os dous primeiros e un dos dous últimos.

Artigo 25. Competencias da Xunta de Goberno

A Xunta de Goberno ocuparase da dirección e administración do Colexio para o cumprimento dos seus fins, para o que exerce as seguintes competencias:

1. Executar os acordos da Asemblea Xeral.

2. Cumprir e facer cumprir os estatutos e a normativa do Colexio, así como os seus propios acordos.

3. Elaborar o orzamento do exercicio seguinte e aprobar o balance do orzamento do exercicio anterior e a memoria anual, previamente á súa presentación ante a Asemblea Xeral, para a súa aprobación, se procede.

4. Dirixir a xestión e administración do Colexio para o cumprimento dos seus fins.

5. Manifestar, de forma oficial e pública, a opinión do Colexio nos asuntos de interese profesional.

6. Representar os intereses profesionais ante os poderes públicos, así como velar polo prestixio da profesión e a defensa dos seus dereitos.

7. Presentar estudos, informes e ditames cando lle sexan requiridos, asesorando desta forma os órganos do Estado e calquera entidade pública ou privada. Para estes efectos, a Xunta de Goberno poderá designar comisións de traballo ou designar os membros do Colexio que considere oportuno para preparar os ditos estudos ou informes.

8. Designar, cando proceda legal ou regulamentariamente, os representantes do Colexio nos órganos consultivos das distintas administracións públicas.

9. Acordar o exercicio de accións e a interposición de recursos administrativos e xurisdicionais.

10. Someter calquera asunto de interese xeral para o Colexio á deliberación e acordo da Asemblea Xeral.

11. Regular os procedementos de colexiación, baixa, cobramento de honorarios, pagamento de cotas e outras contribucións, sempre de acordo co establecido nestes estatutos.

12. Regular e exercer as facultades disciplinarias que lle corresponden, aténdose ao establecido nestes estatutos.

13. Organizar actividades e servizos de carácter cultural, profesional, asistencial e de previsión en beneficio dos/das colexiados/as.

14. Crear comisións abertas por iniciativa propia ou por proposta dos/das colexiados/as, de acordo co establecido nas normas de réxime interno.

15. Recadar as cotas e contribucións establecidas, executar o orzamento e organizar e dirixir o funcionamento dos servizos xerais do Colexio.

16. Informar os membros do Colexio das súas actividades e acordos deste.

17. Decidir o nomeamento e cesamento do persoal administrativo e de servizos do Colexio.

18. Acordar a convocatoria de sesións ordinarias e extraordinarias da Asemblea Xeral.

19. Acordar a convocatoria para a elección de cargos para a Xunta de Goberno cando así proceda, segundo o que se establece nestes estatutos.

20. Aprobar as actas das sesións.

21. Adquirir ou allear calquera clase de bens do Colexio, segundo o orzamento vixente e aprobado pola Asemblea Xeral.

22. A Xunta de Goberno poderá propoñerlle á Asemblea Xeral o nomeamento dun ou varios membros do Colexio, en exercicio ou xubilados, para que formen parte da Xunta de Goberno, con voz pero sen voto.

Artigo 26. Funcionamento da Xunta de Goberno

1. A Xunta de Goberno reunirase, como mínimo, cada dous meses, salvo nos meses de xullo e agosto, e sempre que o ordene o/a presidente/a ou o soliciten un mínimo de tres dos seus membros.

2. As convocatorias comunicaranse cunha antelación non inferior a catro días.

3. As sesións da Xunta de Goberno estarán presididas polo/a presidente/a do Colexio; na súa ausencia, polo/a vicepresidente/a.

4. O/a presidente/a realizará a moderación e coordinación da Xunta, concedendo ou retirando o uso da palabra e ordenando os debates e votacións.

5. O/a secretario/a do Colexio, ou na súa ausencia, o/a vicesecretario/a, ou o vogal de menor idade, nesta orde, redactará a acta da sesión.

6. Todos os compoñentes da Xunta de Goberno teñen o dereito e o deber de asistir ás súas sesións con voz e voto.

7. A Xunta de Goberno quedará validamente constituída cando se encontren presentes a totalidade dos membros en primeira convocatoria e en segunda convocatoria, calquera que sexa o número de asistentes, sempre que entre eles estean necesariamente o/a presidente/a e o/a secretario/a ou os seus substitutos. Os seus acordos, en materia das súas competencias, serán vinculantes para todos os compoñentes e membros do Colexio. Entre as dúas convocatorias deberán transcorrer polo menos trinta minutos.

Poderá constituírse tamén sen mediación de convocatoria formal cando, atopándose presente a totalidade dos seus integrantes, acepten por unanimidade a súa constitución.

8. Os acordos serán tomados por maioría dos asistentes, con voto de calidade, en caso de empate, do/da presidente/a.

9. Os membros da Xunta de Goberno serán responsables dos acordos adoptados, aínda que non estivesen presentes na reunión en que se adopten, excepto cando na acta quede constancia expresa do seu voto en contra.

10. Causas de baixa na Xunta de Goberno:

a) Falecemento.

b) Caducidade do mandato.

c) Enfermidade que incapacite para o exercicio do cargo.

d) Renuncia.

e) Aprobación pola Asemblea Xeral dunha moción de censura.

f) Baixa como membro do Colexio.

g) Resolución firme en expediente disciplinario.

h) Tres faltas de asistencia consecutivas non xustificadas ou seis descontinuas, igualmente sen xustificar, ás sesións da Xunta de Goberno durante o mandato.

11. É potestade do/da presidente/a invitar ás sesións da Xunta de Goberno, en calidade de asesores ou colaboradores, sen voto, as persoas que considere oportuno.

Artigo 27. Vacantes na Xunta de Goberno

1. Vacante o posto de presidente/a, exercerá as súas funcións o/a vicepresidente/a.

2. Vacante o posto de vicepresidente/a, exercerá as súas funcións o membro da Xunta de Goberno que sexa elixido polos demais compoñentes. Para as vacantes da secretaría ou tesouraría, exercerán as súas funcións o/a vicesecretario/a e vicetesoureiro/a, respectivamente.

Vacante o posto de vicesecretario/a ou vicetesoureiro/a, exercerá as súas funcións un membro da Xunta de Goberno que será elixido/a polos demais compoñentes.

3. Vacante o posto de vogal, poderanse cubrir por acordo da Xunta de Goberno. Estes nomeamentos deberanse someter a ratificación na primeira asemblea xeral ordinaria, ou se é o caso, extraordinaria, que teña lugar.

4. No caso de vacante de máis da metade dos membros da Xunta de Goberno, e sempre que quede no cargo algún compoñente desta, convocará inmediatamente Asemblea Xeral extraordinaria, que adoptará un acordo consistente no nomeamento dunha Xunta Xestora, que deberá convocar urxentemente eleccións a todos os cargos. A Xunta Xestora, que actuará como Xunta de Goberno provisional, non poderá adoptar outros acordos que os considerados de trámite.

Artigo 28. Atribucións do/da presidente/a

Son atribucións do/da presidente/a as seguintes:

1. Convocar, abrir e rematar as sesións ordinarias e extraordinarias da Asemblea xeral e da Xunta de Goberno, así como presidilas e dirixir as deliberacións que nelas teñan lugar.

2. Convocar as eleccións de membros da Xunta de Goberno.

3. Decidir, co seu voto de calidade, os empates nas votacións.

4. Executar os acordos da Xunta de Goberno.

5. Adoptar, en caso de extrema urxencia, as resolucións necesarias, informando inmediatamente o órgano correspondente, para a súa ratificación na primeira sesión que teña lugar.

6. Exercer a representación do Colexio e dos seus órganos deliberantes e xestionar os asuntos deste ante autoridades e entidades públicas ou privadas, sen prexuízo de que en casos concretos poida tamén a Xunta de Goberno, no nome do Colexio, encomendar as ditas funcións a determinados membros deste ou comisións constituídas.

7. Coordinar as actuacións dos membros da Xunta de Goberno, sen prexuízo da competencia e responsabilidade directa destes na súa xestión.

8. Visar todas as certificacións que expida o secretario ou secretaria.

9. Autorizar os libramentos ou ordes de pagamento.

10. Lexitimar coa súa sinatura os libros de contabilidade e calquera outro de natureza oficial, sen prexuízo das legalizacións establecidas pola lei.

11. Visar os informes e comunicacións que oficialmente dirixa o Colexio ás autoridades e entidades públicas ou privadas.

12. Autorizar o movemento de fondos das contas correntes ou de aforro do Colexio, unindo a súa sinatura á do/da tesoureiro/a.

13. Por acordo expreso da Xunta de Goberno, poderá outorgar poder a favor de procuradores/ras dos tribunais e de letrados/as no nome do Colexio, para a representación preceptiva ou potestativa deste ante calquera órgano administrativo ou xurisdicional no que se refire a accións, excepcións, recursos, incluíndo o de casación, e demais actuacións que se teñan que levar a cabo ante estes, en defensa tanto do Colexio como da profesión.

14. Interpor as accións que procedan para o cobramento de honorarios non satisfeitos aos/ás colexiados/as, de conformidade cos actuais estatutos.

15. Para o cumprimento dos fins citados, e calquera outro que lle fose encomendado, gozará de plena autoridade, e as súas resolucións serán cumpridas sen prexuízo das reclamacións que contra aquelas poidan ser interpostos polas canles que establece a lei.

Artigo 29. Atribucións do/da vicepresidente/a

O/a vicepresidente/ta substituirá o/a presidente/a nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade e desempeñará todas aquelas funcións que lle encomende a Xunta de Goberno ou o/a presidente/a delegue nel/nela, tras o coñecemento pola Xunta de Goberno da referida delegación.

Así mesmo, aquelas que lle correspondan en calidade de membro da Xunta de Goberno.

Artigo 30. Atribucións do/da secretario/a

Corresponden ao/á secretario/a as atribucións seguintes:

1. Redactar e dar fe das actas das sesións ordinarias e extraordinarias da Asemblea Xeral e da Xunta de Goberno.

2. Custodiar a documentación do Colexio e os expedientes dos membros.

3. Expedir as certificacións de oficio ou por instancia de parte interesada, co visto e prace do/da presidente/a.

4. Expedir e tramitar comunicacións e documentos e informar destes a Xunta de Goberno e o órgano competente que corresponda.

5. Exercer a xefatura do persoal administrativo e dos servizos necesarios para a realización das funcións colexiais, así como organizar materialmente os servizos administrativos.

6. Formar parte da comisión de visados designada pola Xunta de Goberno, asinar os visados que se efectúen, levar o rexistro dos visados de traballos profesionais e denegar o visado cando se incumpran as súas normas reguladoras.

7. Redactar a memoria anual, para que sexa aprobada pola Xunta de Goberno e pola Asemblea Xeral.

8. Aquelas que lle correspondan en calidade de membro da Xunta de Goberno e as que sexan propias da súa función e necesarias para o seu bo desempeño.

9. O/a vicesecretario/a substituirá o/a secretario/a nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade e desempeñará todas aquelas funcións que lle encomende a Xunta de Goberno ou o/a secretario/a delegue nel/nela, tras o coñecemento pola Xunta de Goberno da referida delegación. Así mesmo, aquelas que lle correspondan en calidade de membro da Xunta de Goberno.

Artigo 31. Atribucións do/da tesoureiro/a

Correspóndenlle ao/á tesoureiro/a as atribucións seguintes:

1. Recadar e custodiar os fondos pertencentes ao colexio, dos cales será responsable.

2. Asinar recibos, efectuar cobramentos e realizar os pagamentos ordenados polo/a presidente/a.

3. Dar conta á Xunta de Goberno dos membros do Colexio que non estean ao día dos pagamentos, para que se lles reclamen as cantidades debidas ou se aprobe a tramitación da súa baixa, de acordo co que establece o artigo 10 destes estatutos.

4. Redactar o anteproxecto de orzamento do Colexio, para a súa elaboración pola Xunta de Goberno.

5. Facer o balance do orzamento do exercicio anterior, para a súa aprobación pola Xunta de Goberno.

6. Propor á Xunta de Goberno os proxectos de habilitación de créditos, suplementos e variacións de ingresos cando sexa necesario.

7. Levar os libros de contabilidade correspondentes.

8. Verificar os arqueos que a Xunta de Goberno considere necesarios.

9. Levar o inventario minucioso dos bens do Colexio, dos que será o seu administrador.

10. Aquelas que lle correspondan en calidade de membro da Xunta de Goberno.

11. O/a vicetesoureiro/a substituirá o/a tesoureiro/a nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade e desempeñará todas aquelas funcións que lle encomende a Xunta de Goberno ou o/a tesoureiro/a delegue nel/nela, tras o coñecemento pola Xunta de Goberno da referida delegación. Así mesmo, aquelas que lle correspondan en calidade de membro da Xunta de Goberno.

Artigo 32. Atribucións dos vogais

Serán atribucións dos vogais as seguintes:

1. Desempeñar todos os cometidos que lles sexan conferidos pola Asemblea Xeral, a Xunta de Goberno ou polo/a presidente/a, así como desenvolver e presidir as comisións creadas coa autorización da Xunta de Goberno do Colexio.

2. Colaborar cos titulares dos restantes cargos da Xunta de Goberno e substituílos nas súas ausencias, vacantes ou enfermidades, de acordo co establecido nestes estatutos.

CAPÍTULO II
Do réxime económico e administrativo

Artigo 33. Capacidade xurídica no ámbito económico e patrimonial

O Colexio ten plena capacidade xurídica no ámbito económico e patrimonial.

O Colexio deberá contar cos recursos necesarios para atender os fins e funcións encomendados e as solicitudes de servizos dos membros, polo cal quedan estes obrigados a contribuír ao sustento dos gastos correspondentes na forma regulamentaria.

O patrimonio do Colexio é único.

Artigo 34. Recursos económicos do Colexio.

Os recursos económicos do Colexio poderán ser ordinarios ou extraordinarios.

1. Recursos ordinarios.

Constitúen os recursos ordinarios do Colexio:

a) As cotas de incorporación e reincorporación.

b) A cota anual ordinaria, igual para todos os seus membros, sen prexuízo do establecido nos estatutos ou noutra normativa.

c) As cotas extraordinarias aprobadas pola Asemblea Xeral.

d) Os dereitos de canon de visado.

e) As recargas por demora no pagamento de calquera concepto, de acordo co que se estableza regulamentariamente.

f) Os procedentes das rendas ou xuros de toda clase que produzan os bens ou dereitos que integren o patrimonio do Colexio.

g) Os ingresos que se obteñan polas publicacións que se realicen, así como os provenientes de matrículas de cursos e seminarios e demais conceptos análogos.

2. Recursos extraordinarios.

a) As subvencións, donativos, herdanzas ou legados que lle concedan ao Colexio as administracións públicas, entidades públicas ou privadas, colexiados/as e outras persoas xurídicas ou físicas.

b) Os bens mobles ou inmobles que, por herdanza, doazón ou calquera outro título, entren a formar parte do capital do Colexio, e as rendas e froitos dos bens e dereitos de todas as clases que posúa.

c) A obtención de créditos públicos ou persoais, hipotecas dos seus bens ou calquera outro recurso conseguido por necesidade ou utilidade, tras o acordo expreso da Xunta de Goberno, nos límites establecidos na normativa que lles sexa de aplicación ás administracións públicas.

d) Os dereitos por estudos, informes e ditames que emita a Xunta de Goberno ou as comisións en que aquela delegue a súa realización.

e) Os dereitos por utilización dos servizos que a Xunta de Goberno estableza.

f) As cantidades que por calquera outro concepto non especificado poida percibir o Colexio.

3. As recadacións dos recursos económicos son competencia da Xunta de Goberno, sen prexuízo das facultades que por expreso acordo poida delegar.

Artigo 35. Orzamento anual

O orzamento anual do Colexio, que terá un carácter simplemente estimativo, será elaborado pola Xunta de Goberno, de conformidade cos principios de eficacia, equidade e economía, e incluirá a totalidade dos ingresos e dos gastos, coincidindo co ano natural. Tras o informe anticipado aos membros do Colexio, será sometido á aprobación pola Asemblea Xeral, de acordo co disposto nos presentes estatutos. Mentres non se aprobe o orzamento, quedará prorrogado o aprobado para o ano anterior, a razón de 1/12 por mes.

Artigo 36. Gastos

Os gastos do Colexio serán os orzamentos, sen que poida ser efectuado ningún pagamento non previsto no orzamento aprobado no ano anterior, salvo en casos debidamente xustificados, que deberán ser aprobados pola Xunta de Goberno e, posteriormente, pola Asemblea Xeral.

Artigo 37. Liquidación de bens

No caso de disolución do Colexio, e segundo o disposto no artigo 60, a Xunta de Goberno actuará como comisión liquidadora e someterá á Asemblea Xeral propostas de destino dos bens sobrantes, unha vez liquidados os deberes pendentes.

TÍTULO IV
Do réxime electoral

Artigo 38. Disposición xeral

A elección dos membros da Xunta de Goberno do Colexio farase por sufraxio universal, libre, directo e segredo. O voto é indelegable e poderá exercerse persoalmente, por correo ou empregando as ferramentas electrónicas que sexan habilitadas para iso mediante o sistema de voto electrónico, de conformidade coa normativa aplicable nesta materia e, en particular, segundo o desenvolvemento regulamentario para o efecto. O devandito regulamento deberá ser previamente sometido á consideración da Xunta de Goberno e posteriormente aprobado pola Asemblea Xeral do Colexio.

Artigo 39. Electores e elixibles

1. Para os cargos da presidencia, vicepresidencia, secretaría, vicesecretaría, tesouraría, vicetesouraría e de vogais serán electores todos os membros do Colexio que figuren como tales no censo electoral.

2. Non poderán ser electores e excluiranse do censo:

a) Os que, en virtude de expediente sancionador, estivesen suspendidos no exercicio profesional ou fosen privados ou inhabilitados para o desempeño de cargos directivos, mentres dure a suspensión, privación ou inhabilitación.

b) Os que, ao ser aprobado o censo electoral definitivo, non se atopen ao día das cotas e/ou doutros deberes económicos que o Colexio ten dereito a percibir.

3. Serán elixibles os membros do Colexio que teñan a condición de electores e reúnan os seguintes requisitos:

a) Para o cargo da presidencia, secretaría e tesouraría, os que leven cando menos un ano de colexiación.

b) En todos os casos deberán estar ao día dos deberes durante os dous últimos anos.

Artigo 40. Convocatoria

1. A convocatoria a eleccións deberá acordala expresamente a Xunta de Goberno e anunciala na sede do Colexio e mediante comunicación dirixida aos/as electores/as. A convocatoria conterá necesariamente:

a) Os cargos aos que a elección se refira.

b) A súa convocatoria, na que se determinará lugar, día e hora para as eleccións.

c) O calendario electoral, no que como mínimo se cumprirán os seguintes prazos: serán convocadas con dous meses de antelación ao final do mandato de Xunta de Goberno actual; para a presentación de candidaturas o prazo mínimo será de quince días; e a convocatoria para a celebración da Asemblea Xeral farase con quince días hábiles de antelación.

Na notificación dirixida a cada elector/a farase constar, se é o caso, a cantidade exacta que este puidese deber ao Colexio e calquera circunstancia que poida impedir a súa participación no proceso.

2. A convocatoria deberá ser remitida con cinco días de antelación como mínimo ao día sinalado no calendario para a publicación do censo electoral.

Artigo 41. Xunta Electoral

1. A Xunta Electoral será elixida por sorteo, de entre todos os/as colexiados/as, en Asemblea Xeral cada catro anos. Esta elección será punto expreso da orde do día e considerarase incompatibles para a dita elección aos membros da Xunta de Goberno. Estará composta de tres membros titulares e seis suplentes.

2. Os membros da Xunta Electoral serán convocados polo/a presidente/a por carta certificada, fax, telegrama ou comunicación electrónica, para a realización do acto de constitución. Reunida a Xunta Electoral no lugar, o día e a hora fixados, redactarase unha acta de constitución, así como da aceptación e toma de posesión dos cargos, que será inmediata. Os tres membros do Colexio que formen a Xunta Electoral elixirán de entre eles e por eles mesmos os cargos de presidente/a, secretario/a e vogal da xunta.

3. Coa acta de constitución e o censo abrirase o expediente electoral, ao que se irán agregando as actas de cada reunión da Xunta Electoral. O expediente electoral estará baixo custodia do/da secretario/a da Xunta Electoral, quen o conservará ata tres meses logo de realizadas as eleccións de non producirse ningún recurso e, se é o caso, incluso a resolución firme dos recursos que se producisen.

4. Non poderán formar parte da Xunta Electoral os que presenten a súa candidatura a calquera dos cargos sometidos a elección. Procederase, en tal caso, á súa substitución polo/a primeiro/a suplente, no momento no que fose presentada a candidatura.

5. A Xunta Electoral reunirase todas as veces que se considere conveniente a xuízo do/da seu/súa presidente/a ou de dous dos seus membros. En todo caso, as sesións serán convocadas polo seu presidente/a por calquera medio que permita ter constancia da súa recepción. Substituirá o/a secretario/a o/a presidente/a, no exercicio desta e doutras competencias, cando este/a non poida actuar por causa xustificada. A asistencia ás reunións é obrigatoria para os membros da xunta debidamente convocados; incorrerán estes en responsabilidade se deixan de asistir sen escusarse e xustificarse oportunamente con anterioridade. O lugar de reunión será a sede do Colexio.

6. A Xunta Electoral quedará validamente constituída coa asistencia de polo menos dous dos seus compoñentes. A asistencia non poderá delegarse. Os acordos tomaranse por maioría dos presentes, sen voto de calidade do/da presidente/a. De toda reunión o/a secretario/a da Xunta Electoral redactará a correspondente acta, que se aprobará ao final de cada reunión e asinarán todos os asistentes.

7. A Xunta de Goberno asesorará a Xunta Electoral en todo o que por esta sexa requirida e facilitaralle todos os medios materiais, de oficina, secretaría, etc., que precisen.

8. Os membros da Xunta Electoral desenvolverán o seu labor gratuitamente, pero serán resarcidos polo Colexio de todos os gastos que o seu nomeamento e exercicio do cargo lles cause.

9. A Xunta Electoral poderá organizar o uso das dependencias colexiais para actos electorais, logo de petición das candidaturas aceptadas.

Artigo 42. Fins e funcións da Xunta Electoral

Ademais das competencias mencionadas, correspóndelle á Xunta Electoral:

a) Garantir a transparencia e obxectividade do proceso electoral e do principio de igualdade, observando e facendo observar a presente normativa.

b) Resolver as queixas, reclamacións e recursos que se presenten de acordo coa presente norma.

c) Denunciar ante a Xunta de Goberno as actuacións que ao seu xuízo merezan corrección disciplinaria.

d) Constituírse en Mesa Electoral e velar pola pureza das eleccións.

Artigo 43. Censo electoral

1. As listas electorais ou censo deberán ser supervisadas pola Xunta de Goberno e serán expostas no taboleiro de anuncios das oficinas do Colexio desde o día da publicación.

2. A Xunta Electoral recibirá o censo electoral o mesmo día da súa constitución e estará ao seu cargo a partir de entón.

3. Contra a inclusión ou exclusión no censo electoral, os membros do Colexio, sexan ou non electores, poderán presentar as reclamacións que consideren oportunas nos prazos que se fixen no calendario electoral. Estas reclamacións serán resoltas pola Xunta Electoral dentro do terceiro día hábil seguinte ao da súa presentación.

4. A Xunta de Goberno deberá facilitar inmediata e constantemente todos aqueles datos que precise a Xunta Electoral.

5. Resoltas as reclamacións ao censo, a Xunta Electoral confeccionará o censo electoral definitivo sobre a base do entregado pola Xunta de Goberno. Un exemplar deste será enviado a todas as candidaturas aceptadas, cun mínimo de dez días de antelación á celebración da Asemblea Xeral.

Artigo 44. Candidaturas

1. Os/as colexiados/as que, tras reunir a calidade de elixibles, aspiren a ser proclamados/as candidatos/as, presentarán a súa candidatura no rexistro do Colexio ou por carta certificada dirixida á Xunta Electoral, dentro do prazo sinalado no calendario electoral.

2. As candidaturas presentaranse en forma de listas pechadas e levarán polo menos o nome dos/as candidatos/as e os cargos aos que se presentan. Cada aspirante só poderá ser candidato/a nun único cargo.

3. Serán nulas as candidaturas que non reúnan os requisitos desta normativa.

4. A Xunta Electoral solicitará aos/ás candidatos/as as aclaracións que considere precisas e proclamará as candidaturas aceptadas no prazo fixado no calendario electoral. O devandito prazo non poderá exceder os dez días.

5. Contra a aceptación ou rexeitamento de candidaturas poderase interpoñer recurso ante a Xunta Electoral no prazo sinalado no calendario, que deberá ser resolto dentro do terceiro día hábil seguinte ao da presentación do recurso.

Artigo 45. Mesa electoral

1. A mesa electoral constituirase, cos mesmos compoñentes e cargos da Xunta Electoral, o día da realización de eleccións e antes de comezar a votación, de todo o cal se redactará a acta correspondente.

2. As candidaturas poderán nomear un/unha interventor/a, que sexa elector/a non candidato/a, para os únicos efectos de asistir á votación e reconto de votos. O nomeamento deberá facerse por escrito, asinado pola candidatura e coa aceptación do/da interventor/a, antes do comezo das votacións e entregado á Mesa Electoral.

3. De non presentarse máis dunha candidatura, non se realizará a votación e será innecesaria a constitución da Mesa Electoral. Entón, a Xunta Electoral procederá a proclamar como elixida a candidatura, respectando os prazos establecidos para efectos de posibles impugnacións.

Artigo 46. Votación

1. O dereito a votar acreditarase pola constancia do votante no censo electoral e a demostración da súa identidade co seu DNI ou pasaporte ou na forma que regulamentariamente se estableza no caso de voto electrónico.

2. Nas dependencias e aplicacións e sistemas electrónicos, se é o caso, onde se realice a votación estarán expostas as candidaturas proclamadas, así como papeletas e sobres en cantidades suficientes.

3. As papeletas e sobres que teñen que contelas deberán ser iguais. Haberá tantas clases de papeletas como candidaturas saian a elección.

4. Nas papeletas farase constar os cargos que se votan e debaixo, o nome e apelidos dos/as candidatos/as.

5. O voto poderá emitirse por correo certificado ou, se é o caso, mediante o sistema de voto electrónico, sempre de forma individual. Para a súa validez, deberá ser recibido no sitio determinado no calendario electoral incluso o día anterior ao sinalado para a votación.

6. A Xunta Electoral enviará con tempo suficiente a cada un dos/das electores/as as normas para o voto por correo, as candidaturas presentadas e as papeletas e sobres suficientes para que, o que non poida votar en persoa, poida facelo por correo.

7. O voto por correo deberá cumprir o seguinte:

a) Os sobres que conteñan as candidaturas correspondentes introduciranse no sobre que se envíe por correo, que poderá ser de calquera formato.

b) O sobre de correos conterá, ademais dos sobres das candidaturas, a fotocopia do DNI do/da elector/a, asinada en orixinal polo titular.

8. O día de celebración da asemblea de eleccións non se poderá realizar ningunha propaganda electoral.

Artigo 47. Escrutinio

1. Á hora sinalada para o remate das eleccións, o/a presidente/a da mesa anunciará que vai concluír a votación e non se permitirá a entrada ao local a ningunha persoa máis, procedendo a votar os presentes que non o fixeron aínda. Posteriormente, desaloxarase a toda persoa allea á Xunta Electoral e que non actúe como interventor/a. A continuación, procederase a introducir na urna os sobres que conteñan as papeletas de voto emitidas por correo, tras comprobar os datos do DNI no censo. Comprobaranse os votos electrónicos por medio do procedemento que regulamentariamente se estableza, se é o caso. Para rematar, votarán os membros da mesa e os interventores.

2. O/a presidente/a procederá á lectura dos votos extraendo e abrindo un a un os sobres da urna, contabilizando os votos electrónicos, se é o caso, e lendo en voz alta o nome da candidatura votada, comunicándollo ao resto da mesa e aos/as interventores/as.

3. Serán nulas as papeletas:

a) Que conteñan emendas, riscos, notas ou comentarios.

b) Toda papeleta que non se corresponda coa facilitada polo Colexio.

c) Se nun mesmo sobre houbese máis dunha papeleta, todas elas serán nulas, salvo que sexan iguais, que se contabilizarán como unha soa.

d) O voto por correo que non reúna os requisitos establecidos ou que, ao comprobar o censo, resulte que o remitente xa votase persoalmente.

e) O voto por correo recibido por conduto diferente ao establecido.

4. Feito o reconto de votos, o/a presidente/a preguntará se hai algunha reclamación que facer sobre o escrutinio, e resolverá a Mesa Electoral por maioría.

5. Para rematar, o/a presidente/a anunciará publicamente o resultado, especificando o número de votantes, o de papeletas lidas, o de papeletas válidas e o de papeletas en branco, o de papeletas nulas e o número de votos obtidos por cada candidatura. Será proclamada a candidatura que máis votos obteña; en caso de empate terá lugar unha segunda volta electoral entre as candidaturas empatadas. Dos resultados estenderase certificación e aos/ás interventores/as e candidaturas que o soliciten.

6. As papeletas, en presenza dos asistentes, serán destruídas, con excepción das declaradas nulas ou as que fosen obxecto dalgunha reclamación, que se unirán á acta correspondente asinada por todos os compoñentes da mesa e interventores e engadiranse a continuación ao expediente electoral. Tamén se unirán á acta as fotocopias do DNI asinadas que acompañaban os votos por correo.

Artigo 48. Recursos

Contra a denegación dos recursos escritos ou reclamacións presentadas á Mesa Electoral quedará expedita a vía colexial, e quedará esgotada a vía contencioso-administrativa.

TÍTULO V
Do réxime disciplinario

Artigo 49. Réxime disciplinario

1. O Colexio sancionará todos aqueles actos dos seus membros que constitúan infracción culpable dos presentes estatutos, normativa ou dos acordos tomados polas asembleas xerais e de goberno.

Artigo 50. Faltas

1. As faltas polas que disciplinadamente poderán sancionarse os membros do Colexio clasifícanse en leves, graves e moi graves.

2. Será considerada como falta leve:

a) A falta de dilixencia no cumprimento das normas estatutarias e noutras normativas e acordos.

b) A falta de respecto aos membros da Xunta de Goberno no exercicio das súas funcións, cando non sexa constitutiva de falta grave ou moi grave.

c) As faltas reiteradas de asistencia, por causa non xustificada, ás reunións da Xunta de Goberno e a non aceptación inxustificada do desempeño dos cargos corporativos que se lle encomenden.

d) Os actos relacionados co punto 3, cando non teñan entidade suficiente para ser considerados graves.

3. Serán consideradas faltas graves:

a) As ofensas graves á dignidade da profesión ou ás regras que a gobernan.

b) O incumprimento reiterado no pagamento de calquera tipo de cotas.

c) A reincidencia en incorreccións que reiteradamente fagan desmerecer o concepto público do/da colexiado/a para o exercicio da profesión.

d) Encargarse de traballos profesionais que o/a colexiado/a coñeza que foron encomendados con anterioridade a outro/outra compañeiro/a, sen obter previamente o permiso deste ou do Colexio.

e) A comisión reiterada de infraccións leves, entendendo por reiteración a comisión no termo dun ano, de máis dunha infracción da mesma natureza cando así sexa declarado por resolución firme en vía corporativa.

f) As faltas de respecto e os atentados contra a dignidade ou a honra dos/das compañeiros/as con ocasión do exercicio profesional, así como contra as persoas que desempeñan cargos no Colexio cando actúen no exercicio das súas funcións.

g) O encubrimento do intrusismo profesional, ou a colaboración co exercicio de actividades propias da profesión de enxeñaría técnica en informática por quen non reúna a debida aptitude.

h) O incumprimento dos deberes colexiais e profesionais da enxeñaría técnica en informática determinados na normativa deontolóxica vixente.

i) A realización de traballos profesionais con omisión do preceptivo visado colexial cando así o requira a lexislación vixente.

j) O falseamento ou inexactitude grave da documentación profesional; e a ocultación ou simulación de datos que o Colexio deba coñecer para exercer as funcións de control profesional ou para a repartición equitativa das cargas colexiais.

k) A realización de traballos ou intervencións profesionais que pola súa índole atenten contra o prestixio profesional, ou cuxa execución non cumpra as normas establecidas polas leis ou polo Colexio.

4. Merecerán a cualificación de faltas moi graves as infraccións reputadas como graves nas que concorra algunha circunstancia como: intencionalidade; descoido profesional inescusable; desobediencia reiterada dos acordos colexiais; dano ou prexuízo grave ao cliente ou terceiros; obtención de lucro ilexítimo mercé a actuación ilícita; atoparse no exercicio de cargo público ou colexial ao cometer a infracción, cando exista utilización desta condición; así como ser sancionado con anterioridade, por resolución colexial firme non cancelada a causa de infracción grave.

Artigo 51. Sancións

As sancións que poidan impoñerse serán:

a) Apercibimento verbal.

b) Apercibimento por escrito.

c) Reprensión persoal.

d) Reprensión pública.

e) Inhabilitación para o exercicio de cargos corporativos.

f) Suspensión temporal do exercicio profesional por un período non superior a dous anos.

g) Suspensión temporal do exercicio profesional por un período de entre dous anos e un día e catro anos.

h) Expulsión do Colexio.

As tres primeiras sancións aplicaranse pola comisión de faltas leves; as tres seguintes ás faltas graves; e as dúas últimas ás moi graves.

As sancións incluídas nas letras e), f), g) e h), supoñerán a accesoria suspensión dos dereitos colexiais polo tempo da súa duración, así como o cesamento nos cargos colexiais que se exerzan.

Artigo 52. Prescricións

1. As infraccións prescribirán nos seguintes prazos:

a) As que constitúan faltas leves prescribirán aos seis meses.

b) As que estean tipificadas como faltas graves aos dous anos.

c) As que estean tipificadas como faltas moi graves aos tres anos.

2. As sancións prescribirán nos seguintes prazos:

a) As leves prescribirán nun ano.

b) As graves aos dous anos.

c) As moi graves aos tres anos.

3. Os prazos de prescrición das infraccións contaranse desde o momento da comisión da infracción e os das sancións, desde o día seguinte a que adquira firmeza a resolución pola que se impón a sanción. A prescrición das infraccións interromperase por calquera acto colexial expreso e manifesto dirixido a investigar a presunta infracción. Así mesmo, a realización de calquera acto colexial expreso e manifesto de execución da sanción interromperá o seu prazo de prescrición.

4. A cancelación supón a anulación do antecedente sancionador para todos os efectos. As sancións leves cancelaranse ao ano; as graves aos tres anos e as moi graves aos cinco anos.

Artigo 53. Procedemento sancionador

1. As faltas leves serán sancionadas pola Xunta de Goberno e, no seu nome, o/a presidente/a do Colexio, tras a audiencia ou descarga do inculpado.

2. Para a imposición das sancións por falta grave incorporarase previamente o oportuno expediente. Este acordo compete á Xunta de Goberno, que o adoptará por propia iniciativa, a petición razoada do/da presidente/a. Para tal fin designará unha comisión de disciplina, constituída por tres membros do Colexio, un deles elixido pola Xunta de Goberno de entre os seus membros, outro elixido polo/a colexiado/a obxecto de procedemento e outro elixido por sorteo entre todos os membros do Colexio, agás os que pertenzan á Xunta de Goberno.

3. No expediente que se instrúa oirase o afectado, quen poderá alegar e achegar, ao mesmo tempo, todas aquelas probas que considere convenientes na súa defensa. Ultimado devandito expediente, a comisión, xunto coa proposta de sanción, dirixirao á Xunta de Goberno, para a súa resolución e acordo.

4. No expediente que se instrúa serán aceptados todos os medios de proba admisibles en dereito, correspondendo os/as instrutores/as a práctica das probas que, sendo propostas, consideren oportunas ou as que eles mesmos poidan acordar. Das audiencias e probas practicadas deberá existir constancia escrita no expediente.

5. Concluída a instrución do expediente disciplinario, os/as instrutores/as elevarano, coa correspondente proposta de resolución, ao órgano disciplinario, ante o cal se concedera a persoa expedientada novo trámite de audiencia, para que poida alegar canto considere oportuno ou conveniente en dereito. Os/as instrutores/as non poderán intervir nas deliberacións nin na toma de decisións do órgano disciplinario.

6. Este procedemento disciplinario poderá ser desenvolvido de conformidade co disposto nestes estatutos.

Artigo 54. Recursos contra sancións

Contra sancións disciplinarias de calquera tipo impostas pola Xunta de Goberno poderase interpoñer, no prazo dun mes, recurso de reposición; contra a resolución expresa ou por silencio administrativo, caberá o correspondente recurso contencioso-administrativo, segundo a vixente lei xurisdicional.

TÍTULO VI
Réxime xurídico dos actos colexiais

Artigo 55. Réxime xurídico dos actos colexiais

1. Os acordos e normas colexiais serán publicados mediante a súa inserción no boletín do Colexio, así como co envío do escrito de notificación ou da acta correspondente os/ás colexiados/as, de forma que poidan ser coñecidos por todos eles, e sempre nos taboleiros de anuncios do Colexio durante o prazo dun mes.

2. Así mesmo, a Xunta de Goberno deberá notificar aqueles actos que afecten dereitos e intereses dos destinatarios dos anteditos acordos.

3. Os actos emanados dos órganos do Colexio, en canto estean suxeitos ao dereito administrativo, unha vez esgotados os recursos corporativos, serán inmediatamente recorribles, de acordo co que dispoña a lexislación que regula as bases do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Consideraranse, en todo caso, como funcións públicas do Colexio o control das condicións de ingreso na profesión, a evacuación de informes preceptivos, o visado de proxectos e a potestade disciplinaria.

4. A Lei 30/1992, do 26 de novembro, sobre réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, aplicarase, así mesmo, de forma supletoria en todo o non previsto pola lexislación xeral sobre colexios e polos presentes estatutos.

Artigo 56. Tipos de recursos

1. Contra os acordos emanados dos órganos do colexio poderase interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes a partir da súa comunicación. O recurso deberá ser resolto no prazo de tres meses, transcorridos os cales entenderase desestimado e quedará aberta a vía procedente.

2. Se se trata de actos suxeitos ao dereito administrativo, o/a colexiado/a poderá elixir entre interpoñer o recurso de reposición a que se refiren os puntos anteriores ou recorrer directamente ante a xurisdición contencioso-administrativa no prazo de dous meses.

Artigo 57. Nulidade dos actos dos órganos colexiais

1. Son nulos de pleno dereito os actos dos órganos colexiais en que se dea algún dos seguintes supostos:

a) Os que lesionen o contido esencial dos dereitos e liberdades susceptibles de amparo constitucional.

b) Os ditados por órgano manifestamente incompetente por razón da materia ou do territorio.

c) Os que teñan un contido imposible.

d) Os que sexan constitutivos de infracción penal ou se diten como consecuencia desta.

e) Os ditados que prescindan total ou absolutamente do procedemento legal establecido ou das normas que conteñen as regras esenciais para a formación da vontade dos órganos colexiais.

f) Os actos expresos ou presuntos contrarios ao ordenamento xurídico polos que se adquiren facultades ou dereitos, cando se careza dos requisitos esenciais para o súa adquisición.

g) Calquera outro que estableza expresamente algunha disposición de rango legal.

2. Tamén serán nulas de pleno dereito as disposicións colexiais que vulneren a Constitución, as leis ou outras disposicións administrativas de carácter xeral, as que regulen materias reservadas á lei e as que establezan a retroactividade de disposicións sancionadoras non favorables ou restritivas de dereitos individuais.

3. Son anulables os actos que incorran en calquera infracción do ordenamento xurídico, incluso a desviación de poder.

Artigo 58. Suspensión dos actos dos órganos colexiais

1. Sen prexuízo das atribucións que a lexislación outorga aos órganos xudiciais en materia de suspensión de actos das corporacións profesionais, sexa ou non a petición de calquera membro do Colexio, están obrigados a suspender os actos propios ou de órgano inferior que consideren nulos de pleno dereito:

a) A Asemblea Xeral.

b) A Xunta de Goberno.

c) O/a presidente/a.

2. Os acordos de suspensión deberán adoptalos a Asemblea Xeral, a Xunta de Goberno e o/a presidente/a no prazo de cinco días, que se contarán desde a data en que tivesen coñecemento dos actos considerados nulos, sempre que previamente se iniciase un procedemento de revisión de oficio ou se interpuxese recurso e concorran as circunstancias previstas pola lexislación de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común para a nulidade destes actos.

TÍTULO VII
Reforma dos estatutos

Artigo 59. Reforma dos estatutos

1. O proceso de reforma destes estatutos poderá iniciarse logo de acordo da Xunta de Goberno ou da Asemblea Xeral ou ben por proposta do 25 % do censo dos/as colexiados/as. Esta reforma deberá ser tratada en Asemblea Xeral Extraordinaria convocada para ese efecto.

2. Os promotores da reforma expoñerán na Asemblea Xeral extraordinaria as causas que a motivan.

3. Exixirase maioría cualificada de tres quintos dos votos emitidos para a aprobación da reforma dos estatutos, admitíndose voto delegado e por correo.

TÍTULO VIII
Transformación e disolución do Colexio

Artigo 60. Segregación, absorción, fusión ou disolución do Colexio

1. A segregación, absorción, fusión ou disolución do Colexio só poderá tratarse en Asemblea Xeral extraordinaria convocada para ese efecto.

2. Exixirase maioría cualificada dos votos emitidos para a aprobación dunha segregación, absorción, fusión ou disolución do Colexio, admitíndose voto delegado ou por correo.

3. A absorción, fusión, segregación ou disolución deberá ser aprobada mediante decreto ou lei, de conformidade coa normativa vixente en materia de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. En caso de disolución do Colexio, a Xunta de Goberno actuará como comisión liquidadora, sometendo á Asemblea Xeral a proposta de destino dos bens sobrantes, unha vez liquidadas as obrigacións pendentes, adxudicándoos a calquera entidade non lucrativa que cumpra funcións relacionadas cos fins do Colexio.

Disposición adicional. Sociedades profesionais

O/a enxeñeiro/a técnico/a en informática que exerza como profesional liberal pode desempeñar a súa actividade como persoa física, ou ben a través dunha sociedade profesional, para o que se deberá inscribir no Rexistro Colexial de Sociedades Profesionais, en cumprimento da normativa vixente en materia de sociedades profesionais.

Disposición transitoria

Mentres non se aprobe pola Asemblea Xeral o regulamento de réxime interno, autorízase a Xunta de Goberno a ditar aquelas normas provisionais que sexan consideradas necesarias para a aplicación dos presentes estatutos. As ditas normas serán posteriormente referendadas pola Asemblea Xeral ordinaria, ou extraordinaria, sen menoscabo do funcionamento interno do Colexio ata a aprobación destas.