Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Luns, 13 de abril de 2015 Páx. 14030

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

DECRETO 51/2015, do 26 de marzo, polo que se crea un colexio de educación infantil e primaria no concello de Oleiros.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece que é competencia plena da Comunidade Autónoma galega a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis, graos, modalidades e especialidades; competencias e funcións que o Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, lle atribúe a esta consellería.

Para a racional distribución das ensinanzas que se imparten nos centros docentes existentes no concello de Oleiros e as necesidades educativas previstas para a zona, que está a experimentar un considerable aumento de poboación desde hai anos, o que provoca a saturación dos catro centros de educación infantil e primaria existentes, faise precisa a creación dun novo centro no concello de Oleiros.

O novo centro integrará o alumnado da escola de educación infantil de Vilar, da mesma localidade, polo que é de aplicación o Decreto 140/2006, do 31 de agosto, que determina os criterios de perda de destino definitivo polo persoal funcionario docente que presta servizos nos centros educativos que imparten ensinanzas distintas das universitarias e o cómputo da antigüidade no centro en función das causas de acceso a el.

De conformidade coa Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, o artigo 1.2º do Regulamento orgánico das escolas de educación infantil e dos colexios de educación primaria, aprobado polo Decreto 374/1996, do 17 de outubro, establece que a creación destes centros docentes se realizará mediante decreto aprobado polo Consello da Xunta de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e seis de marzo de dous mil quince,

DISPOÑO:

Artigo primeiro. Creación dun colexio de educación infantil e primaria

Créase o colexio de educación infantil e primaria de Oleiros, código 15032911, na localidade de San Pedro de Nós, concello de Oleiros, e intégrase nel o alumnado da escola de educación infantil de Vilar da mesma localidade, código 15021688, que se suprime como tal con efectos do 1 de setembro de 2015.

Artigo segundo. Composición do novo centro

O novo centro terá unha capacidade de 6 unidades de educación infantil e 12 unidades de educación primaria.

Disposición adicional única. Situación do profesorado dos centros

O profesorado adscrito con carácter definitivo á EEI de Vilar integrarase de forma definitiva no novo centro, e manterá para os efectos do concurso de traslados a antigüidade que posuían no centro de orixe, aplicando os criterios que establece o artigo 7 do Decreto 140/2006, do 31 de agosto, polo que se determinan os criterios de perda de destino definitivo polo persoal funcionario docente que presta servizos nos centros educativos que imparten ensinanzas distintas das universitarias e o cómputo da antigüidade no centro en función das causas de acceso a el, e demais normativa de aplicación.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Autorízase o titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para ditar, no ámbito das súas competencias, as disposicións necesarias para a execución e o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e seis de marzo de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria