Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Venres, 17 de abril de 2015 Páx. 14922

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello da Mezquita

ANUNCIO de información pública sobre a aprobación inicial do Plan xeral de ordenación municipal e do informe de sustentabilidade ambiental.

O Pleno do Concello da Mezquita en sesión extraordinaria urxente do 19 de decembro de 2014, en relación coa elaboración do Plan xeral de ordenación municipal, adoptou por unanimidade o seguinte acordo:

1º. Aprobar inicialmente a elaboración do Plan xeral de ordenación municipal da Mezquita, no cal se inclúe o informe de sustentabilidade ambiental, nos termos que constan no expediente.

2º. De acordo co artigo 85.2 da Lei 9/2002, someter a información pública o expediente completo, elaboración do Plan xeral de ordenación municipal da Mezquita e informe de sustentabilidade ambiental (ISA), e abrir a fase de consultas, polo prazo de dous meses, mediante anuncio no Diario Oficial de Galicia e en dous dos xornais de maior difusión da provincia, en cumprimento da normativa urbanística e ambiental de aplicación.

Simultaneamente ao trámite de información pública, o Concello solicitará ás administracións públicas competentes os informes sectoriais que resultan necesarios e, durante o prazo de información pública, daráselles audiencia aos municipios limítrofes.

3º. Suspender o procedemento de outorgamento de licenzas que teñan por obxecto actividades de parcelación de terreos e edificación ou demolición, pero non as obras de reforma, salvo que pola transcendencia desta sexa equiparable a unha reedificación do edificio, non xustificada por razóns de urxencia, ou que supoña un aumento de volume edificado, segundo o establecido no artigo 118.1 do Real decreto 2159/1978, do 23 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de planeamento, no ámbito que se relaciona nos parágrafos seguintes. Atenderase ao establecido na disposición transitoria décimo primeira da Lei 9/2002 no referente ás explotacións e instalacións de apoio á actividade agropecuaria e serradoiros existentes, polo que nas construcións e instalacións que cumpran os requisitos no citado artigo non se aplicará o réxime de suspensión de licenzas. Esta suspensión terá unha duración máxima de dous anos e extinguirase, en todo caso, coa aprobación definitiva do planeamento.

a) No ámbito de solo urbanizable non delimitado industrial.

b) No ámbito de solo núcleo rural, parcialmente. Aplicarase a suspensión en todas aquelas zonas que entren en contradición coas novas determinacións do PXOM aprobado inicialmente.

4º. Durante o prazo sinalado poderase examinar o expediente nos locais habilitados para o efecto, no Salón de Plenos do Concello, de luns a venres, entre as 9.00 e as 14.00 horas, e formular as alegacións que se consideren oportunas.

A Mezquita, 12 de marzo de 2015

Rafael Pérez Vázquez
Alcalde