Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Luns, 27 de abril de 2015 Páx. 15989

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 21 de abril de 2015 pola que se regula o período de prácticas dos aspirantes que superaron a fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso no corpo de xestión de administración da Xunta de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de finanzas, convocado pola Orde do 16 de xullo de 2013.

Dando cumprimento ao ordenado na base III.2 da Orde do 16 de xullo de 2013 (DOG núm. 140, do 24 de xullo) pola que se convoca proceso selectivo para o ingreso no corpo de xestión de administración da Xunta de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de finanzas, esta consellería

RESOLVE:

Primeiro. Obxecto e finalidade

O período de prácticas integrado no proceso selectivo o para o ingreso no corpo de xestión de administración da Xunta de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de finanzas, convocado pola Orde do 16 de xullo de 2013 (DOG núm. 140, do 24 de xullo) consistirá na aplicación á realidade cotiá do traballo administrativo e ao funcionamento da organización dos coñecementos previamente adquiridos polos aspirantes.

As prácticas terán como finalidade a súa preparación para o exercicio das funcións específicas tanto da especialidade de inspección e xestión financeira e tributaria como da especialidade de contabilidade e intervención.

Segundo. Organización e dirección

Encoméndase á Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda a organización e dirección do período de prácticas.

Terceiro. Destinos en prácticas

O conselleiro de Facenda, por proposta da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda, disporá as unidades administrativas en que os/as funcionarios/as en prácticas deberán realizar esta fase do proceso selectivo.

A realización de prácticas non comporta, en ningún caso, o desempeño dun posto de traballo.

Os/as funcionarios/as en prácticas estarán baixo a dependencia da Subdirección Xeral de Fiscalización e Control Interno da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e da Xefatura de Departamento de Colaboración Social e Administrativa da Axencia Tributaria de Galicia.

Cuarto. Duración e xornada de traballo

O período de prácticas comezará o día 4 de maio de 2015 e rematará o día 3 de xullo de 2015.

Desenvolveranse de luns a venres co horario laboral xeral para o persoal da Administración da Xunta de Galicia (7.45 a 15.15).

Quinto. Sistema de cualificación

Unha vez rematado o período de prácticas, os/as funcionarios/as baixo cuxa dependencia prestaron servizo remitiranlle á Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio un informe no que manifesten expresamente se os/as funcionarios/as en prácticas cumpriron ou non satisfactoriamente coas tarefas encomendadas.

A declaración definitiva de apto/a ou non apto/a competerá ao tribunal cualificador da oposición, logo do informe proposta da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio.

Para a avaliación dos/as funcionarios/as en prácticas é preciso que estes presten servizo polo menos o 90 % da duración total das prácticas. No caso de que non fose posible por causa de forza maior debidamente xustificada, quedaran dispensados/as de facelo, logo de solicitude do/a interesado/a, mediante resolución da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio. Quedarán obrigados/as a realizar o período de prácticas coa promoción inmediatamente posterior ao momento de desaparición da causa impeditiva, coa prelación que lle corresponda atendendo á puntuación obtida na fase de oposición.

Sexto. Non superación do período de prácticas

Os/as aspirantes que non superen o período de prácticas perderán todos os seus dereitos para o nomeamento como funcionarios/as de carreira, por resolución motivada da Consellería de Facenda por proposta da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda e logo do informe favorable da Comisión de Persoal.

Sétimo. Situación durante o período de prácticas

Durante o período de prácticas os/as aspirantes serán nomeados/as funcionarios/as en prácticas coa situación xurídica prevista nos artigos 16 e 17 do Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e demais disposicións de aplicación.

Oitavo. Réxime disciplinario

Os/as funcionarios/as en prácticas estarán sometidos/as ao disposto no Regulamento de réxime disciplinario dos funcionarios da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia aprobado polo Decreto 94/1991, do 20 de marzo, nos termos establecidos no seu artigo 1.1.

Noveno.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer, con carácter potestativo, recurso de reposición ante o conselleiro de Facenda no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, ou directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde esa mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, conforme o disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2015

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda