Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Luns, 27 de abril de 2015 Páx. 15834

I. Disposicións xerais

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 63/2015, do 23 de abril, polo que se regula o réxime xurídico do solo empresarial xestionado polo Instituto Galego da Vivenda e Solo.

A Lei 3/1988, do 27 de abril, de creación do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), ditada en execución da competencia do artigo 27.3 da Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, pola que se aproba o Estatuto de autonomía de Galicia, establece no seu artigo 4 que son funcións do devandito organismo, entre outras, a de elaborar e propoñer á Consellería de Ordenación do Territorio e Obras Públicas (hoxe, Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas) os plans e programas en materia de vivenda e solo, a promoción e xestión dos plans e programas indicados e a adquisición de solo por calquera título, incluso por expropiación forzosa, dos terreos destinados á formación de reservas de solo, preparacións de soares, dotacións e equipamento. Asemade, o citado precepto sinala como función do IGVS a de propoñer a elaboración de disposicións para o establecemento, o desenvolvemento e a xestión da política de solo.

Neste contexto, é de interese primordial para o citado organismo a promoción e xestión de solo empresarial e a realización de políticas de obtención do solo para o desenvolvemento de polígonos industriais que permitan acadar a maior eficacia da xestión do solo e a súa utilización de acordo co interese xeral, en consonancia co establecido no Decreto 108/2012, do 29 de marzo, polo que se regula o Rexistro de Demandantes de Solo Empresarial de Promoción Pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

Neste marco, xorde a necesidade de dar unha nova regulación ao réxime xurídico do solo empresarial xestionado polo IGVS, harmonizada coas normas vixentes e adaptada á actual situación social e económica, que dea respostas a situacións non previstas polo Decreto 253/2007, do 13 de decembro, de réxime xurídico do solo e das edificacións promovidas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, de maneira que sirva como factor dinamizador do crecemento e desenvolvemento do sector empresarial e industrial na Comunidade Autónoma de Galicia e se garanta unha maior eficacia e celeridade no propio funcionamento do IGVS.

O presente decreto estrutúrase en dous títulos, dúas disposicións adicionais, unha disposición transitoria, unha derrogatoria e dúas disposicións derradeiras. O título I, co nome de «Disposicións xerais», establece o obxecto, o ámbito de aplicación e a definición do solo empresarial de titularidade do IGVS.

O título II, baixo a rúbrica «Xestión do solo empresarial», regula dunha forma sinxela a adquisición e o alleamento e gravame do solo empresarial de titularidade do IGVS, partindo sempre da necesidade de establecer os mecanismos necesarios para garantir tanto a flexibilidade para adquirilo, como a eficacia e eficiencia na súa xestión, eliminando trabas administrativas na liña seguida polo Goberno galego para a modernización da Administración e o fomento do emprendemento e da competitividade económica de Galicia e dar unha uniformidade e maior claridade á regulación do solo empresarial. Ademais, prevé o establecemento de bonificacións dos prezos de venda do solo empresarial xestionado polo IGVS, no marco de programas ou iniciativas dirixidas ao fomento do emprendemento e a competitividade económica ou ao desenvolvemento empresarial ou industrial de Galicia.

En síntese, esta nova regulación responde, en definitiva, á necesidade de dotar o organismo dun instrumento xurídico adecuado que permita a consecución eficaz das funcións que en materia de solo lle son propias, sempre en execución das previsións contidas na normativa de solo e ordenación do territorio vixente, así como nos instrumentos de planificación e ordenación das áreas de solo empresarial de promoción autonómica, co fin de acadar a óptima satisfacción do interese xeral en materia de solo empresarial.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa xuntanza do día vinte e tres de abril de dous mil quince, e en virtude do disposto nos artigos 4.6, 37.1.a) e 37.2 da Lei 1/1983, sobre normas reguladoras da Xunta de Galicia e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

TÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

l. O presente decreto ten por obxecto establecer o réxime xurídico do solo empresarial de titularidade do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS).

2. É tamén de aplicación aos terreos que, non sendo de titularidade do IGVS, sexan xestionados, en virtude de calquera título, polo devandito organismo, sempre que o destino daqueles sexa o desenvolvemento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Solo empresarial de titularidade do Instituto Galego da Vivenda e Solo

Para os efectos do presente decreto, enténdese por solo empresarial de titularidade do IGVS os terreos adquiridos polo organismo para o desenvolvemento de actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia.

TÍTULO II
Xestión do solo empresarial

CAPÍTULO I
Adquisición do solo polo Instituto Galego da Vivenda e Solo

Artigo 3. Formas de adquisición

A adquisición de solo empresarial polo IGVS poderase realizar a título gratuíto ou oneroso, mediante compravenda, permuta, cesión, doazón, expropiación forzosa ou calquera outro medio validamente admitido en dereito.

Artigo 4. Adquisición a título gratuíto

1. A persoa titular da Dirección Xeral do IGVS poderá aceptar a adquisición de terreos a título gratuíto, sempre que non posúan cargas, dereitos ou limitacións que constitúan un impedimento físico ou xurídico para ser destinado ás actividades propias do solo empresarial.

2. Poderá, así mesmo, aceptar doazóns modais, sempre e cando a carga imposta non contraveña os fins do IGVS e, ao mesmo tempo, non supere o valor do que se adquire, logo de taxación efectuada polos servizos técnicos do citado organismo.

Artigo 5. Da formalización da adquisición gratuíta

As doazóns de bens inmobles deberanse formalizar mediante escritura pública.

Artigo 6. Adquisición a título oneroso

1. A adquisición de terreos a título oneroso realizarase mediante procedementos que garantan o respecto dos principios de igualdade, publicidade e concorrencia.

2. A persoa titular da Dirección Xeral do IGVS poderá autorizar a adquisición directa, por proposta da dirección técnica competente, cando así o requiran as peculiaridades ou singularidades dos bens, a urxencia extrema da adquisición e afectación ou as limitacións do mercado inmobiliario na localidade onde estean situados. A circunstancia motivadora da adquisición directa deberá xustificarse no expediente de adquisición.

3. Así mesmo, a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS poderá acordar a adquisición directa dos terreos incluídos no ámbito territorial determinado nunha planificación promovida polo citado organismo, mediante a realización dunha oferta pública de adquisición ás persoas propietarias dos terreos.

Artigo 7. Prezo

O prezo de adquisición dos terreos e, de ser o caso, dos bens e dereitos asociados a eles, será o determinado conforme a normativa de solo e valoracións que en cada caso sexa de aplicación.

Artigo 8. Da adquisición por expropiación

O IGVS, ao abeiro do artigo 4 da Lei 3/1988, do 27 de abril, reguladora da súa creación, poderá adquirir solo mediante expropiación forzosa, polos procedementos comúns, polos regulados na lexislación urbanística ou en calquera outra de aplicación.

Artigo 9. Encomendas de xestión

O IGVS poderá encomendar ás sociedades públicas participadas por el ou por outros organismos da Comunidade Autónoma a adquisición de terreos para destinalos a solo empresarial, así como a execución das obras de urbanización, o alleamento das parcelas e os traballos precisos para desenvolver as ditas actuacións.

CAPÍTULO II
Alleamento e gravame do solo empresarial

Sección 1ª. Procedemento de alleamento e gravame

Artigo 10. Alleamento e gravame

O IGVS, no exercicio das súas competencias, poderá allear, arrendar, permutar, ceder ou constituír dereitos de superficie sobre os solos da súa titularidade, así como realizar calquera outro contrato admitido polo ordenamento xurídico.

Artigo 11. Procedemento de alleamento

1. O alleamento do solo empresarial, estea ou non urbanizado, realizarase a través dun procedemento de adxudicación por concurso, mediante poxa pública ou por adxudicación directa.

2. As adxudicacións realizadas por concurso ou mediante poxa rexeranse polo estipulado nos correspondentes pregos de cláusulas xerais. A adxudicación corresponderalle á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

3. Sen prexuízo do disposto no punto segundo da disposición adicional segunda, a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS poderá acordar a adxudicación directa das parcelas de solo empresarial cando concorra algún dos seguintes supostos:

a) Que quedasen desertas tras a celebración dun concurso ou poxa pública promovidos para o seu alleamento.

b) Que proveñan de operacións de permuta de solo.

c) Que fosen reservadas para proxectos empresariais singulares, regulados no artigo 12.

d) Que se adxudiquen a favor de fundacións públicas autonómicas ou a empresas nas cales o IGVS, a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou algunha outra entidade do seu sector público autonómico participe no seu capital.

e) Que fosen reservadas polo procedemento establecido no Rexistro de Demandantes de Solo Empresarial.

f) Que proveñan de compromisos recollidos en escritura pública no momento de compravenda de parcelas de fases ou polígonos anteriores ou sexan estremeiras con outras de fases ou polígonos anteriores, sempre que sexan necesarias para expansión empresarial do/da adxudicatario/a destas.

g) Que estean incluídas na declaración dun proxecto industrial estratéxico, de acordo co previsto no artigo 42.1.g) da Lei 13/2011, do 16 de decembro, reguladora da política industrial de Galicia.

Artigo 12. Proxectos empresariais singulares

1. Enténdense por proxectos empresariais singulares aqueles que xustifiquen o carácter estratéxico da súa actividade ou localización na política económica ou as especiais necesidades de solo pola actividade que se vai desenvolver.

2. Os proxectos empresariais singulares serán declarados pola Presidencia do IGVS, por proposta da Dirección Xeral e logo dos informes técnicos oportunos, e poderán comprender ámbitos de solo empresarial urbanizado, pendente de urbanizar ou ambos os dous tipos.

3. Poderase reservar solo empresarial para ser destinados a proxectos empresariais singulares antes ou durante as obras de urbanización do polígono e, en todo caso, antes da inscrición no Rexistro da Propiedade da división material do parque empresarial, cando así se xustifique polas características especiais que debe reunir a parcela para desenvolver a actividade empresarial de que se trate.

Excepcionalmente, poderá facerse con posterioridade á citada urbanización, sempre que a declaración de proxecto empresarial singular non implique a necesidade dunha modificación substancial da urbanización, ou que esta sexa asumida pola persoa solicitante da reserva.

4. A reserva terá que ser garantida, na forma e no prazo que se indique na declaración de proxecto empresarial singular, mediante depósito de, polo menos, un dez por cento (10 %) do prezo estimado da parcela, agás que a declaración do proxecto singular implique modificación da ordenación urbanística ou do proxecto de urbanización do polígono, caso en que o depósito en concepto de garantía deberá ser de, polo menos, o vinte e cinco por cento (25 %) do prezo estimado da parcela. Este importe será devolto no momento de elevación a escritura pública.

Artigo 13. Prezo de venda

1. Para determinar o prezo de venda do solo empresarial será necesario realizar un estudo económico para cada actuación, que deberá ter en conta o fin social do alleamento, a repercusión do impulso da actividade económica da zona, o investimento inicialmente realizado e os prezos de mercado na área de influencia. Para establecer o prezo de cada unha das parcelas resultantes deberase ter en conta, entre outros factores, a súa accesibilidade, situación, superficie, configuración, forma e uso.

2. No suposto de que resulten parcelas vacantes tras a realización dun procedemento de adxudicación con publicidade previa, a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS poderá establecer unha ou sucesivas minoracións do prezo inicialmente establecido para cada unha delas, cando así se requira polo impulso da actividade económica, o fin social da actuación, a inexistencia de demandas de parcelas na zona ou o prezo de mercado das existentes sexa inferior ao prezo inicialmente fixado. No suposto de producirse esta minoración deberá iniciarse un novo procedemento de adxudicación.

3. No caso de proxectos empresariais singulares, o prezo definitivo e as condicións de pagamento da parcela ou parcelas deberán ser fixadas pola Presidencia do IGVS por proposta da Dirección Xeral. Para establecer o dito prezo deberase ter en conta os investimentos inicialmente realizados e os previstos que poidan ser repercutibles, as peculiaridades do proxecto, a influencia na economía da zona e a superficie demandada.

4. O consello reitor do IGVS, por proposta da súa presidencia, logo do informe favorable da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos da Consellería de Facenda, poderá aprobar bonificacións dos prezos de venda do solo empresarial de titularidade do citado organismo, no Marco de programas ou iniciativas dirixidas ao fomento do emprendemento e a competividade económica ou ao desenvolvemento empresarial ou industrial de Galicia. Os novos prezos de venda serán de aplicación directa, sen necesidade dun procedemento previo de adxudicación, aos terreos que sexan obxecto das referidas bonificacións.

Artigo 14. Permuta

1. A persoa titular da Dirección Xeral do IGVS poderá acordar a permuta de terreos en función das necesidades específicas do organismo cando, por razóns debidamente xustificadas no expediente, resulte conveniente para o interese público e a diferenza de valor entre os bens ou dereitos que se trate de permutar, segundo taxación, non é superior ao 50 % dos que o teñan maior. Se a diferenza é maior, o expediente tramitarase como adquisición ou alleamento, segundo o caso, con pagamento de parte do prezo en especie.

2. A diferenza de valor entre os bens que se van permutar pode ser pagada en metálico ou mediante a entrega doutros bens ou dereitos de natureza distinta.

Artigo 15. Cesión gratuíta

A persoa titular da Dirección Xeral do IGVS poderá realizar unha cesión gratuíta do solo empresarial a favor de entidades públicas que teñan como finalidade o establecemento de servizos públicos e a creación de dotacións e equipamentos públicos, logo de autorización do Consello da Xunta de Galicia.

Artigo 16. Formalización das adxudicacións

As adxudicacións realizaranse mediante resolución administrativa da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS e formalizaranse en escritura pública, logo de pagamento do prezo ou, de ser o caso, tras a constitución da garantía do pagamento aprazado.

Artigo 17. Outras formas de explotación

Os negocios xurídicos patrimoniais que se poidan establecer sobre os terreos ou o solo empresarial do IGVS, distintos dos regulados nos artigos anteriores, acordaranse por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do organismo e rexeranse polo establecido nos correspondentes pregos de cláusulas.

Artigo 18. Obrigas da persoa adxudicataria

As obrigas da persoa adxudicataria serán establecidas no correspondente prego de cláusulas xerais ou, se é o caso, na resolución de adxudicación ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS e terán en conta as características da cada actuación e a normativa que se lle sexa de aplicación.

Sección 2ª. Pagamento

Artigo 19. Pagamento

O pagamento realizarase nos prazos e condicións establecidos nos pregos ou na resolución de adxudicación ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Artigo 20. Flexibilización dos medios de pagamento do solo público

1. O IGVS poderá acordar con promotores públicos ou privados fórmulas de pagamento do solo alternativas ao pagamento anticipado, tales como aprazamentos de pagamento, permuta de solo por edificación e, en xeral, todas aquelas fórmulas previstas polo ordenamento xurídico vixente que permitan flexibilizar o acceso ao solo.

2. Estas fórmulas determinaranse nos correspondentes pregos de cláusulas xerais, nos casos de concurso, ou poxa e por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, no caso de adxudicación directa.

Disposición adicional primeira. Actuacións excluídas do ámbito de aplicación do decreto

Exceptúanse da aplicación do presente decreto aquelas actuacións nas que o IGVS non sexa o único promotor.

Disposición adicional segunda. Predios rústicos que queden como restos sobrantes ou excluídos do parque empresarial

1. Se unha vez executado o parque empresarial resultan predios rústicos sobrantes que non cheguen a constituír unha superficie economicamente explotable e non sexan susceptibles de prestar unha utilidade para os fins do IGVS, así como de resultar predios excluídos do parque empresarial por calquera motivo, poderán adxudicarse directamente ás persoas propietarias estremeiras. No suposto de que haxa varias persoas estremeiras interesadas na adquisición destes predios, adxudicaranse a quen faga a oferta económica máis vantaxosa.

2. No suposto de que non existan persoas estremeiras, procederase á súa adxudicación a través de concurso ou mediante poxa pública; poderán adxudicarse directamente se resultan vacantes tras a celebración do concurso ou poxa.

Disposición transitoria única. Parcelas vacantes en procedementos de adxudicación realizados conforme a normativas anteriores

O disposto no presente decreto será de aplicación ás parcelas de solo empresarial do IGVS que resultaran vacantes en procedementos de adxudicación realizados conforme a normativas anteriores.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas as disposicións contidas no título IV do Decreto 253/2007, do 13 de decembro, de réxime xurídico do solo e das edificacións promovidas polo IGVS no que afecten o solo empresarial, así como cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Facúltase a persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, para ditar e modificar, no ámbito das súas competencias, as disposicións necesarias para o desenvolvemento do presente decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e tres de abril de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas