Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Martes, 28 de abril de 2015 Páx. 16235

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 20 de abril de 2015, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se aproba a relación provisional de admitidos/as e excluídos/as no concurso de traslados para a provisión de diversas prazas básicas de persoal estatutario de xestión e servizos convocado pola Resolución do 19 de novembro de 2014.

Mediante resolución desta dirección xeral do 19 de novembro de 2014 (Diario Oficial de Galicia núm. 231, do 2 de decembro) convocouse concurso de traslados para a provisión de diversas prazas básicas de persoal estatutario de xestión e servizos do Servizo Galego de Saúde.

Por Resolución do 11 de decembro de 2014 (Diario Oficial de Galicia núm. 247, do 26 de decembro) procedeuse á corrección de erros dos anexos III e IV da antedita resolución, coa reapertura nas categorías de grupo administrativo da función administrativa, persoal de servizos xerais e condutor/a dun prazo dun mes para a presentación de solicitudes, que finalizou o 26 de xaneiro de 2015.

Rematado este último prazo e de conformidade coa base 11.1 da resolución de convocatoria, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro. Aprobar a relación provisional de solicitantes admitidos/as e excluídos/as no concurso de traslados para a provisión de diversas prazas básicas de persoal estatutario de xestión e servizos do Servizo Galego de Saúde, convocado pola Resolución do 19 de novembro de 2014.

Segundo. As listas coa relación provisional de admitidos/as e excluídos/as en cada unha das categorías convocadas están publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo/a solicitante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.

Terceiro. De conformidade coa base 11.2 da convocatoria, as persoas excluídas disporán dun prazo de dez días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia para poder corrixir, se é o caso, o defecto que motivou a exclusión, mediante solicitude que deberán dirixir á unidade de validación a que dirixise a solicitude de participación no concurso.

As persoas que, tendo presentado debidamente a súa solicitude de participación neste proceso, non consten como admitidas nin excluídas, disporán do mesmo prazo para formularen a súa reclamación.

A estimación ou desestimación das emendas solicitadas entenderanse implícitas na resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde pola que se declaren con carácter definitivo os/as admitidos/as e excluídos/as para participar neste concurso e que fará públicas as puntuacións e destinos provisionalmente asignados.

As persoas solicitantes que dentro do prazo indicado nesta resolución non emenden os defectos motivo da exclusión, serán definitivamente excluídas da participación neste proceso.

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2015

Margarita Prado Vaamonde
Directora xeral de Recursos Humanos