Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2015 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, convócase o curso monográfico A Administración pública como garante da competencia e dos intereses dos consumidores, conforme as seguintes bases:
1. Obxectivos.
Analizar, desde unha perspectiva teórica e práctica, como a Administración pública galega pode e debe contribuír a promover a libre competencia nos mercados, a defensa dos consumidores ante prácticas de competencia desleal, e a resolución de conflitos de consumo a través de mecanismos de arbitraxe.
2. Contidos.
Serán tratados, entre outros, os seguintes temas:
– A arbitraxe de consumo.
– Cara a un novo proceso civil colectivo no exercicio das accións en defensa dos dereitos dos consumidores e usuarios.
– Mesa redonda: a arbitraxe de consumo en Galicia: supostos prácticos.
– O dereito da competencia: perspectivas de futuro.
– A actuación das administracións públicas en defensa da libre competencia.
– Análise de casos prácticos de cartel en contratación pública e de amparo pola Administración de prácticas restritivas.
– O papel da Administración autonómica fronte ás prácticas comerciais desleais.
– A publicidade ilícita como infracción de consumo: supostos prácticos.
3. Destinatarios.
Empregados das administracións públicas de Galicia, tanto autonómica coma local e de xustiza, das universidades do Sistema universitario de Galicia, persoal das entidades do sector público, xuristas, profesionais e interesados en xeral.
4. Desenvolvemento.
Lugar: EGAP, rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.
Datas: 12 e 13 de maio de 2015.
Horario: 12 de maio, mañá e tarde.
13 de maio, mañá e tarde.
Duración: 18 horas lectivas.
5. Número de prazas.
Limitado pola capacidade do local.
6. Inscrición.
As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición a través da área de matrícula da web da EGAP: https://egap.xunta.es/matricula/ .
O prazo para inscribirse estará aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 10 de maio de 2015.
Poderá obterse calquera outra información, das 8.30 ás 14.30 horas, nos teléfonos: 981 54 62 41; 981 54 62 39.
7. Modificacións.
A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.
8. Certificado de asistencia oficial.
Ao final do curso entregarase un certificado de asistencia a aquelas persoas inscritas que tivesen participado asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Neste documento aparecerán, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data, o lugar de realización e o selo oficial da institución.
Santiago de Compostela, 8 de abril de 2015
Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública