Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2015 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, convócase unha xornada sobre as futuras leis de procedemento administrativo e de réxime xurídico do sector público a exame, conforme as seguintes bases:
1. Obxectivos.
A Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común supuxo a unificación nun único texto normativo dos aspectos organizativos da Administración e da súa actividade. A aprobación polo Consello de Ministros dos anteproxectos de Lei de réxime xurídico do sector público e do procedemento administrativo común supón a volta a unha regulación diferenciada de ambas as dúas materias. Estas dúas normas esenciais para o funcionamento das administracións públicas poñen de relevo a importancia da xornada que se convoca, que analizará o contido de ambos os dous anteproxectos, dedicando especial atención ás novidades máis destacadas.
2. Contidos.
Serán tratados, entre outros, os seguintes temas:
– Análise do anteproxecto de Lei do procedemento administrativo común das administracións públicas.
– Análise do anteproxecto de Lei de réxime xurídico do sector público (ALRXSP).
– Dixitalización e garantías xurídicas nos anteproxectos de Lei do procedemento administrativo común das administracións públicas e de Lei de réxime xurídico do sector público.
3. Destinatarios.
Empregados das administracións públicas de Galicia, tanto autonómica coma local e de xustiza, das universidades do Sistema universitario de Galicia, persoal das entidades do sector público, xuristas, profesionais e interesados en xeral.
4. Desenvolvemento.
Lugar: EGAP, rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.
Data: 6 de maio de 2015.
Horario: mañá.
Duración: 4 horas lectivas.
5. Número de prazas.
Limitado pola capacidade do local.
6. Inscrición.
As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición a través da área de matrícula da web da EGAP: https://egap.xunta.es/matricula/
O prazo para inscribirse estará aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 11.00 horas do día 5 de maio de 2015.
Poderá obterse calquera outra información, desde as 8.30 ás 14.30 horas, nos teléfonos: 981 54 62 41; 981 54 62 39.
7. Modificacións.
A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta xornada, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.
8. Certificado de asistencia oficial.
Ao final da xornada entregarase un certificado de asistencia a aquelas persoas inscritas que tivesen participado asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas; para estes efectos, todos os alumnos deberán identificarse nos preceptivos controis de asistencia. Neste documento aparecerán, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data, o lugar de realización e o selo oficial da institución.
Santiago de Compostela, 10 de abril de 2015
Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública