Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Martes, 28 de abril de 2015 Páx. 16203

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 16 de abril de 2015 pola que se convoca un curso básico de reciclaxe e actualización para o persoal dos corpos da Policía Local de Galicia.

Dentro do programa anual de actividades para o ano 2015 da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), aprobado polo Consello Reitor deste organismo con data 23 de decembro de 2014, conscientes da importancia da actualización permanente e da súa especialización, convocase un curso de carácter básico e reciclaxe de coñecementos e operativa policial, conforme as seguintes bases:

Primeira. Obxectivos

Obter unha actualización normativa de acordo cos últimos cambios lexislativos que afectan directamente a función policial, así como dos procedementos básicos de operativa e intervención policial.

Segunda. Destinatarios/as

Este curso está dirixido ao persoal dos corpos de Policía local de Galicia que ingresaran neles e realizaran o correspondente curso selectivo cunha antigüidade de mais de 5 anos e que se atopen na situación de servizo activo sen incapacidade temporal ou en excedencia por coidado de familiares.

A baixa laboral por incapacidade temporal impide a participación nas accións formativas convocadas, polo que, de producirse esta situación, os/as interesados deberán comunicar tal situación ao Servizo de Formación en Seguridade Pública da Agasp, competente na materia, de xeito inmediato; no caso de non facelo, serán penalizados coa non participación en accións formativas da Agasp nun ano contado desde o día seguinte a que se teña coñecemento do feito e, no caso de estar realizando efectivamente un curso, non se emitirá ningún diploma (nin de asistencia, nin de aproveitamente.

Será revisable a admisión de persoas en baixa laboral por incapacidade temporal cando esta veña producida por accidente de traballo recoñecido como tal e a asistencia ao curso non interfira na súa recuperación.

Terceira. Desenvolvemento da actividade

• Lugar: Academia Galega de Seguridade Pública.

• Datas: do 25 ao 29 de maio de 2015, en réxime de internado.

• Horario: desde as 10.00 horas do día 25 de maio ata as 14.00 horas do día 29 de maio de 2015.

• Número de prazas: 25.

• Horas lectivas: 45.

• Contido: actualización normativa e práctica en seguridade cidadá, tráfico, seguridade viaria e policía administrativa.

Cuarta. Solicitudes

1. O persoal que desexe participar neste curso deberá cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (http://agasp.xunta.es), non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

2. A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas dará lugar á exclusión automática da xornada, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado no prazo dun ano desde o momento en que se detecte o feito.

3. O prazo de presentación de solicitudes será de dez (10) días naturais desde a publicación desta resolución no DOG.

Quinta. Admisión

A Agasp publicará na súa páxina web a relación das persoas seleccionadas para participar no curso, cunha antelación mínima de dez (10) días naturais á data de inicio.

A renuncia non xustificada ou acreditación documental da causa que a produce suporá a exclusión da persoa seleccionada nos seguintes dez cursos que convoque o Servizo de Formación en Seguridade Pública da Agasp e nos cales a persoa figure como posible destinataria, sen contar edicións repetidas, cursos xa realizados e que polo menos teñan a mesma carga horaria do curso polo que foi penalizado.

Sexta. Asistencia

1. Obrigatoria.

2. O alumnado deberá asistir co uniforme regulamentario.

A Estrada, 16 de abril de 2015

Luis Menor Pérez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública