Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Martes, 28 de abril de 2015 Páx. 16206

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 20 de abril de 2015 pola que se convoca un curso básico de reciclaxe en materia de primeiros auxilios para o persoal dos servizos de seguridade pública de Galicia.

Dentro do programa anual de actividades para o ano 2015 da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), aprobado polo Consello Reitor deste organismo con data do 23 de decembro do ano 2014, conscientes da importancia da actualización permanente, convócase un curso de carácter básico e de reciclaxe en materia de primeiros auxilios, conforme as seguintes bases:

Primeira. Obxectivos

Obter unha actualización práctica de coñecementos básicos en materia de primeiros auxilios e DESA.

Segunda. Destinatarios/as

Este curso está dirixido ao persoal dos servizos de seguridade pública (Policía local, UPA, CNP e Garda Civil) que traballa en Galicia e que se atope en situación de servizo activo ou en excedencia por coidado de familiares.

A baixa laboral por incapacidade temporal impide a participación nas accións formativas convocadas, polo que, de producirse esta situación, os/as interesados/as deberán comunicar tal situación ao Servizo de Formación en Seguridade Pública da Agasp, competente na materia de forma inmediata; en caso de non facelo, serán penalizados coa non participación nas accións formativas da Agasp nun ano contado desde o día seguinte ao que se teña coñecemento do feito e, no caso de estar a realizar efectivamente un curso, non se emitirá ningún diploma deste (nin de asistencia, nin de aproveitamento).

Será revisable a admisión de persoas en baixa laboral por incapacidade temporal cando esta veña producida por accidente de traballo recoñecido como tal e a asistencia ao curso non interfira na súa recuperación.

Terceira. Desenvolvemento da actividade

• Lugar: Academia Galega de Seguridade Pública.

• Datas:

1ª edición: 12 e 13 de maio de 2015.

2ª edición: 18 e 19 de xuño de 2015.

• Horario: das 10.00 ás 14.00 horas e das 15.30 ás 19.30 horas.

• Número de prazas: 18.

• Horas lectivas: 16.

• Contido:

1. Soporte vital básico.

2. Soporte vital optimizado.

3. Traumatismos.

4. Alteracións por axentes físicos.

5. Queimaduras.

6. Afogamento.

7. Electrocución.

8. Convulsións.

9. Picaduras e mordeduras.

10. Intoxicacións.

11. Infarto agudo de miocardio.

12. Parto.

13. Accidentes de múltiples vítimas e catástrofes.

14. DESA.

Cuarta. Solicitudes

1. O persoal que desexe participar neste curso deberá cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (http://agasp.xunta.es), non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

2. A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas dará lugar á exclusión automática da xornada, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

3. O prazo de presentación de solicitudes será de dez (10) días naturais desde a publicación desta resolución no DOG.

Quinta. Criterios de selección

Os criterios xerais de selección son os que a seguir se indican:

1. Menor número de cursos realizados na Agasp nos dous últimos anos.

2. Por orde de inscrición.

Terán preferencia na selección os/as candidatos/as que estean gozando ou gozaran, nos dous últimos anos, dunha licenza de maternidade, dun permiso de paternidade, dunha redución da xornada ou dunha excedencia para o coidado de familiares, sempre que cumpran cos requisitos obxectivos para ser destinatarios do curso.

Ademais, de conformidade co establecido no artigo 37 bis da Lei 7/2004, para a igualdade de homes e mulleres, nos cursos, xornadas ou outras actividades formativas organizadas ou financiadas pola Administración pública galega, reservarase un 50 % das prazas a mulleres que reúnan os requisitos exixidos na convocatoria.

Sexta. Admisión

A Agasp publicará na súa páxina web a relación das persoas seleccionadas para participar no curso, cunha antelación mínima de 5 días naturais á data de inicio.

A renuncia non xustificada ou acreditación documental da causa que a produce suporá a exclusión da persoa seleccionada nos seguintes dez cursos que convoque o Servizo de Formación en Seguridade Pública da Agasp e nos cales a persoa figure como posible destinataria, sen contar edicións repetidas, cursos xa realizados e que polo menos teñan a mesma carga horaria do curso polo que foi penalizado.

Sétima. Asistencia

1. Obrigatoria.

2. O alumnado deberá asistir co uniforme regulamentario.

A Estrada, 20 de abril de 2015

Luis Menor Pérez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública