Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Venres, 8 de maio de 2015 Páx. 18211

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 67/2015, do 30 de abril, polo que se aproban os estatutos do Consorcio Provincial de Ourense para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento.

A Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, supón o mandato do Parlamento de Galicia para que se acaden importantes obxectivos no ámbito da protección civil e a xestión de emerxencias, sendo un dos máis destacables a necesidade da maior homoxeneidade posible na prestación do servizo de extinción de incendios e salvamento en toda Galicia, da maneira máis eficaz.

A citada lei recolle no seu artigo 26.d) a competencia das deputacións provinciais para garantir o servizo de extinción de incendios e salvamento naqueles concellos que non teñan servizos propios.

Neste sentido, a disposición adicional terceira da citada Lei 5/2007 impón á Xunta de Galicia a obriga de impulsar a creación dos consorcios provinciais para a prestación do servizo contra incendios e salvamento xunto coas deputacións provinciais como a maneira máis apropiada para que se acaden os obxectivos previstos.

A necesidade de dar unha resposta eficaz deste servizo fai necesaria unha organización adecuada deste en todo o territorio galego. Así, a Xunta de Galicia e a Deputación Provincial de Ourense consideran que a forma máis eficaz e eficiente de xestionar os distintos parques comarcais é a través dun único consorcio, e consideran esta fórmula como a organización idónea para facilitar a integración tanto dos actuais consorcios comarcais de Valdeorras, Verín, A Limia e O Carballiño-O Ribeiro xa existentes, como daqueloutros que se puidesen integrar, constituír ou equipar ao abeiro destes estatutos.

En consecuencia, deberase considerar a situación específica da provincia de Ourense, que conta xa con catro consorcios comarcais, que deberán ser disoltos para a súa integración no consorcio provincial, e achegar cada un os medios técnicos e os recursos con que conten nese preciso momento.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 27 de setembro de 2012, acordou participar no Consorcio Provincial de Ourense para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento, segundo o disposto no artigo 196.3 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

A Deputación de Ourense, na súa reunión do 26 de outubro de 2012 acordou participar no Consorcio Provincial de Ourense para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento, segundo o disposto no artigo 196.3 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

O consorcio, de conformidade co disposto na Lei 5/1997, do 22 de xullo, ten a condición de entidade local non territorial dotada de personalidade xurídica propia e capacidade para o cumprimento dos seus fins específicos, que veñen definidos nos seus estatutos.

Neste sentido, de acordo cos seus estatutos, para o cumprimento dos seus fins o consorcio contará con patrimonio propio e desenvolverá a súa actividade conforme un orzamento independente. O orzamento anual do consorcio financiarase cos recursos sinalados nos estatutos, entre os cales destacan as taxas, contribucións especiais e prezos públicos que o propio consorcio estableza, como recoñecemento da potestade tributaria que a entidade pode ter de acordo coa lexislación aplicable. Unha vez determinada a contía dos ingresos procedentes doutras fontes, o financiamento do resto do orzamento distribuirase entre a Xunta de Galicia e a Deputación Provincial de Ourense de acordo coas porcentaxes fixadas nos estatutos.

A elaboración e aprobación dos estatutos do Consorcio fíxose segundo as normas de procedemento establecidas nos artigos 137 e seguintes da citada Lei 5/1997.

Polo exposto, e en aplicación do dito artigo 196 da Lei 5/1997, por proposta da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do trinta de abril de dous mil quince,

DISPOÑO:

Artigo único

Aprobar os estatutos do Consorcio Provincial de Ourense para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento, cuxo texto se recolle como anexo deste decreto.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta de abril de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO
Estatutos do Consorcio Provincial de Ourense para a Prestación
do Servizo contra Incendios e Salvamento

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Entidades consorciadas

Ao abeiro do establecido na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, artigos 196 e concordantes, así como na demais lexislación vixente, e para dar cumprimento ao establecido nas disposicións adicional terceira e transitoria terceira da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, constitúese o Consorcio Provincial de Ourense para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento, integrado pola Xunta de Galicia e a Deputación Provincial de Ourense.

Artigo 2. Carácter

O Consorcio constitúese voluntariamente e por un período de tempo indefinido. Ten carácter administrativo e personalidade xurídica propia e independente das entidades que o integran, así como capacidade xurídica para o cumprimento dos fins estatutarios. O Consorcio contará con patrimonio propio e desenvolverá a súa actividade conforme un orzamento independente.

Artigo 3. Sede

1. A sede do Consorcio será a da Deputación de Ourense, na cal se integra.

2. Mediante acordo do Pleno do Consorcio poderá modificarse o domicilio fixado no punto anterior ou desenvolver as reunións en lugar distinto ao do seu domicilio.

Artigo 4. Denominación e obxecto

1. A denominación deste consorcio será a de Consorcio Provincial de Ourense para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento.

2. Constitúe obxecto do Consorcio a execución das competencias do servizo público de prevención, extinción de incendios e salvamento que se lles atribúen na lexislación vixente aos entes consorciados, mediante a xestión e coordinación e, de ser o caso, a creación dunha rede de parques que garanta a prestación homoxénea do servizo, por calquera das modalidades de xestión previstas na lexislación.

3. Entre os fins do Consorcio estará a colaboración cos servizos municipais de protección civil dos concellos para o salvamento de persoas e bens; a prevención e extinción de incendios; a prevención e actuación ante calquera tipo de sinistro ou situación de risco; e o asesoramento e asistencia, formación e información en materia de seguridade, que afecten persoas, edificacións e instalacións, así como o fomento da autoprotección.

4. Para a súa disolución atenderase ao previsto nos artigos 143 e 144 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, así como nos artigos 12 a 15 da Lei 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

Artigo 5. Ámbito de actuación

O ámbito de actuación deste consorcio será toda a provincia de Ourense, coas seguintes precisións:

a) Con independencia do ámbito provincial do Consorcio, este poderá establecer as áreas de actuación preferente de cada parque de bombeiros, atendendo basicamente aos tempos de resposta en funcións das comunicacións por estrada do parque.

b) Excepcionalmente, a Axencia Galega de Emerxencias, a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia poderá solicitar, de acordo co protocolo que se estableza para o efecto, a actuación do Consorcio fóra da provincia de Ourense cando as circunstancias o requiran.

Neste caso, o titular da Presidencia ou persoa en quen delegue deberá autorizar esta actuación, agás en casos de risco inminente, valorado pola Axencia Galega de Emerxencias, nos cales non será imprescindible a dita autorización. Neste caso estableceranse as compensacións económicas que procedan.

c) No caso de activación de plans de emerxencia da Comunidade Autónoma, tanto territoriais como especiais, o ámbito de actuación será o fixado mediante as directrices do director do plan activado.

d) O Consorcio asume o exercicio das competencias das entidades consorciadas cando a lexislación vixente obrigue a estas ao cumprimento dos fins expresados nestes estatutos.

e) Quedan excluídos do ámbito de actuación deste consorcio aqueles concellos de máis de 20.000 habitantes nos cales se preste o servizo de extinción de incendios e salvamento con persoal propio e teñan parque de bombeiros de seu, tanto de tipo local como comarcal, agás que o Pleno do Consorcio Provincial acorde a cooperación con eles mediante os oportunos convenios de colaboración.

Artigo 6. Réxime xurídico

1. Sen prexuízo do establecido nestes estatutos, entenderase tamén de aplicación, cando así proceda, o disposto tanto na normativa básica de réxime local como na Lei de Administración local de Galicia, na Lei de emerxencias de Galicia e demais normativa que, se é o caso, se dite no seu desenvolvemento.

2. O Consorcio regulará o réxime interno e de funcionamento dos seus propios servizos, de acordo cos presentes estatutos, coa lexislación do réxime local e do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e daqueloutra que lle sexa de aplicación.

CAPÍTULO II
Órganos de goberno

Artigo 7. Órganos

Os órganos de goberno e de dirección do Consorcio son os seguintes:

– Pleno.

– Presidencia.

– Vicepresidencia.

– Consello Asesor.

Artigo 8. Pleno

O Pleno do Consorcio, máximo órgano colexiado deste, estará integrado por:

– A persoa titular da Presidencia da Deputación Provincial de Ourense ou deputado/a en quen delegue.

– A persoa titular da consellería con competencias en materia de protección civil e xestión de emerxencias ou persoa en quen delegue.

– Dous representantes da Deputación Provincial designados por esta.

– Dous representantes da Xunta de Galicia designados pola consellería con competencias en materia de protección civil e xestión de emerxencias.

Con voz, pero sen voto, asistirán:

– O persoal funcionario que desempeñe as funcións de secretario/a e interventor/a do Consorcio.

– A persoa titular da Xerencia do Consorcio.

Na designación dos membros deste órgano atenderase, na medida do posible, ao principio de paridade, procurando unha representación equilibrada de homes e mulleres, segundo o previsto na Lei 7/2004, para a igualdade de homes e mulleres na Comunidade Autónoma de Galicia, e na Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.

Por petición da maioría dos membros con voto do Pleno do Consorcio poderán convocarse, con voz pero sen voto, e coa única finalidade de obter información e asesoramento para casos concretos, os responsables técnicos e membros das administracións ou de entidades públicas ou privadas que se xulguen oportunas.

Os acordos adoptaranse por maioría simple de votos, sen prexuízo do establecido no artigo 19.1.

Artigo 9. Presidencia e Vicepresidencia

A persoa titular da Presidencia do Consorcio será elixida polo Pleno, por maioría absoluta do número legal dos membros do Consorcio. De igual xeito, será elixida a persoa titular da Vicepresidencia.

Os cargos da Presidencia e Vicepresidencia renovaranse cada vez que se renoven os cargos das administracións consorciadas como consecuencia da realización de eleccións ou outros cambios que se produzan nelas e que así o fixese necesario.

A Presidencia exercerá as competencias que se lle atribúen nos presentes estatutos.

As competencias da Presidencia serán exercidas pola Vicepresidencia nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade e nos demais que regulamentariamente proceda.

Artigo 10. Consello Asesor

1. Para asesoramento e informe das materias que se determinen créase un Consello Asesor integrado do seguinte xeito:

– Presidencia: titular da Presidencia do Consorcio ou membro do Pleno en quen delegue.

– Vicepresidencia: titular da Vicepresidencia do Consorcio ou membro do Pleno en quen delegue.

– Unha persoa en representación de cada concello onde se instalen os parques que se integren no Consorcio.

– Dous representantes da Xunta de Galicia designados pola consellería con competencia en materia de atención ás emerxencias.

– Dous representantes da Deputación Provincial de Ourense designados pola súa Presidencia.

– Dous representantes por proposta da asociación de municipios maioritaria na provincia de Ourense.

2. Na designación dos membros deste órgano atenderase, na medida do posible, ao principio de paridade, procurando unha representación equilibrada de homes e mulleres, segundo o previsto na Lei 7/2004, para a igualdade de homes e mulleres na Comunidade Autónoma de Galicia, e na Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.

As funcións de secretario/a do Consello Asesor exerceraas a persoa titular da Secretaría do Consorcio, de acordo co previsto no artigo 16.

Artigo 11. Cesamento dos membros

Os membros do Pleno e do Consello Asesor poderán cesar por acordo do mesmo órgano que os nomeou, ou pola perda da condición de membro da institución que representen. Neste último caso, permanecerán en funcións ata que regulamentariamente se nomeen os novos membros.

Artigo 12. Competencias do Pleno

1. As atribucións do Pleno serán as seguintes:

a) A organización do Consorcio.

b) Iniciativa e aprobación da integración de entidades no Consorcio.

c) A aprobación das ordenanzas e regulamentos.

d) A aprobación e modificación dos orzamentos, a disposición de gastos dentro dos límites da súa competencia e a aprobación das contas, todo iso de acordo co disposto na normativa reguladora das facendas locais.

e) A aprobación do programa anual de actividades.

f) A aprobación da memoria anual de actividades xunto co seguimento, control e valoración.

g) A aprobación de convenios, concertos e acordos de cooperación, colaboración ou calquera outro que se estableza coas administracións públicas ou entidades privadas.

h) A adquisición de bens e dereitos, a transacción sobre estes e a concesión de quitación e espera, dentro dos límites das súas competencias, agás que estas estean atribuídas expresamente por lei a outros órganos.

i) O control e fiscalización dos órganos de goberno.

j) A aprobación do cadro de persoal, a relación dos postos de traballo, a fixación da contía das retribucións complementarias fixas e periódicas dos empregados públicos, e o número e réxime do persoal propio do Consorcio.

k) A alteración da cualificación xurídica dos bens de dominio público.

l) O exercicio de accións xudiciais e administrativas e a defensa do Consorcio no referente a competencia plenaria.

m) A concertación das operacións de crédito cuxa contía acumulada no exercicio económico exceda o 10 % dos recursos ordinarios, agás as de tesouraría, que lle corresponderán cando o importe acumulado das operacións vivas en cada momento supere o 15 % dos ingresos correntes liquidados no exercicio anterior, todo iso de conformidade co disposto na normativa reguladora de facendas locais.

n) As contratacións e concesións de todo tipo, segundo as competencias que en materia de contratación se establecen para os plenos das entidades locais de réxime común, de conformidade coa normativa vixente nesta materia.

o) A aprobación dos proxectos de obra e de servizos cando sexa competente para a súa contratación ou concesión e cando aínda non estea previsto nos orzamentos.

p) A adquisición de bens e dereitos cando o seu valor supere o 10 % dos recursos ordinarios do orzamento, así coma os alleamentos patrimoniais nos seguintes supostos:

– Cando se trate de bens inmobles ou de bens mobles, que estean declarados de valor histórico ou artístico e non estean previstos no orzamento.

– Cando estando previstos no orzamento, superen a porcentaxe e a contía que se indican para as adquisicións de bens.

q) Aquelas atribucións que deban corresponder ao Pleno por exixir a súa aprobación unha maioría especial.

r) A alteración da sede do Consorcio e o cambio de nome deste.

s) A aprobación da forma de xestión do servizo público.

t) As demais que expresamente lle atribúan as leis.

2. O Pleno poderá delegar as súas competencias na Presidencia por resultar o único órgano viable para esta delegación, de acordo co artigo 21 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e será de aplicación o disposto pola normativa de réxime local respecto das competencias susceptibles de delegación.

Artigo 13. Competencias da Presidencia

Serán funcións propias da Presidencia as seguintes:

1. Dirixir o goberno e a administración do Consorcio.

2. Representar o Consorcio.

3. Convocar e presidir as sesións do Pleno e calquera outro órgano do Consorcio e decidir os empates co voto de calidade.

4. Supervisar o funcionamento administrativo, técnico e operativo do Consorcio, en especial a actuación da persoa titular da Xerencia como xefe/a directo desta, dando conta ao Pleno.

5. Elaboración do proxecto de orzamento anual para súa aprobación polo Pleno.

6. Dirixir, inspeccionar e impulsar os servizos e obras nos cales a súa titularidade e o seu exercicio corresponden ao Consorcio.

7. Autorizar e ordenar gastos e pagamentos con cargo aos orzamentos do Consorcio, de acordo coa lexislación vixente e, en xeral, o desenvolvemento da xestión económica de acordo co orzamento aprobado, dispoñer gastos dentro dos límites da súa competencia, concertar operacións de crédito, excluíndo as recollidas no artigo 158.5 da Lei 39/1988, do 28 de decembro, reguladora das facendas locais, sempre que aquelas estean previstas no orzamento e o seu importe acumulado dentro de cada exercicio económico non supere o 10 % dos recursos ordinarios, agás os de tesouraría, que lle corresponderán cando o importe acumulado das operacións vivas en cada momento non supere o 15 % dos ingresos correntes liquidados no exercicio anterior, ordenar pagamentos e render contas, todo iso de conformidade co disposto na Lei reguladora das facendas locais.

8. En materia de persoal:

a) Aprobar a oferta de emprego público de acordo co orzamento e o cadro de persoal aprobados polo Pleno.

b) Aprobar as bases das probas para a selección do persoal e para os concursos de provisión de postos de traballo.

c) Determinar o sistema de distribución daquelas retribucións complementarias que non sexan fixas e periódicas.

d) Desempeñar a xefatura superior de todo o persoal, acordar o seu nomeamento e sancións, incluída a separación do servizo dos funcionarios/as do Consorcio e o despedimento do persoal laboral, dando conta ao Pleno na primeira sesión que realice, así como todas as facultades en materia de persoal que non teña atribuídas o Pleno.

9. O exercicio das accións xudiciais e administrativas e a defensa do Consorcio nas materias da súa competencia, incluso cando as delegase noutro órgano e, en caso de urxencia, en materias da competencia do Pleno, e neste último suposto dando conta a este na primeira sesión que teña lugar para a súa ratificación.

10. Presidir as poxas e adxudicar provisionalmente o remate.

11. As contratacións e concesións de toda clase, cando o seu importe non supere o 10 % dos recursos ordinarios do orzamentos, incluídas as de carácter plurianual cando a súa duración non sexa superior a catro anos, sempre que o importe acumulado de todas as súas anualidades non supere nin a porcentaxe indicada, referida aos recursos ordinarios do orzamento do primeiro exercicio, nin a contía sinalada.

12. A adquisición de bens e dereitos cando o seu valor non supere o 10 % dos recursos ordinarios do orzamento, así como o alleamento do patrimonio que non supere a porcentaxe e a contía indicadas non seguintes supostos: a de bens inmobles sempre que estea prevista no orzamento; a de bens mobles, agás os declarados de valor histórico ou artístico cuxo alleamento non se encontre previsto no orzamento.

13. Ordenar a publicación e execución e facer cumprir os acordos do Consorcio.

14. O exercicio daqueloutras atribucións que non estean expresamente atribuídas a outros órganos.

15. Render contas das operacións levadas a cabo en cada exercicio económico.

16. As demais que expresamente veñan atribuídas na normativa legal aplicable aos titulares da presidencia de entidades locais, e aqueloutras que a normativa asigne ás entidades locais sen atribuílas a ningún outro órgano.

O titular da Presidencia pode delegar na persoa titular da Vicepresidencia o exercicio das súas atribucións, agás a de concertar operacións de crédito, a xefatura superior de todo o persoal, a separación do servizo dos funcionarios/as e o despedimento do persoal laboral, e as enunciadas nos puntos 1 e 9 do número anterior.

Artigo 14. Competencias do Consello Asesor

Corresponderalle ao Consello Asesor a emisión de informe preceptivo con carácter previo á adopción por parte do Pleno do Consorcio dos seguintes acordos:

a) Aprobación da memoria anual de actividades xunto co seu seguimento, control e valoración.

b) Proposta de convenios, concertos e acordos de cooperación, colaboración ou calquera outro que se estableza coas administracións públicas ou entidades privadas.

Así mesmo, o Consello Asesor servirá de comité asesor de protección civil a nivel provincial e entidade de apoio á persoa titular da Presidencia do Consorcio.

Tamén poderá emitir ditame sobre calquera asunto sempre que sexa solicitado pola persoa titular da Presidencia do Consorcio ou pola maioría absoluta dos membros do Pleno.

CAPÍTULO III
Outros órganos do Consorcio

Artigo 15. Xerencia

1. A Xerencia é o órgano ao cal corresponde realizar a xestión ordinaria, é dicir, a técnico-administrativa dos asuntos de competencia do Consorcio, baixo a inmediata dirección e dependencia da persoa titular da Presidencia.

A persoa titular da Xerencia terá a consideración de persoal funcionario ou laboral, dependente de calquera das administracións consorciadas, ou daqueles consorcios comarcais que se integran no Consorcio Provincial.

2. Serán funcións da Xerencia:

a) Xestionar os servizos e resolver os asuntos que se lle asignen.

b) Elaborar e presentar o anteproxecto de orzamentos, que se presentará para a súa aprobación á Presidencia do Consorcio, como moi tarde o primeiro día hábil de setembro do ano anterior ao de vixencia do dito orzamento.

c) Elaborar e presentar os plans de actuacións e o programa de necesidades do Consorcio.

d) Prestar asistencia técnica aos órganos colexiados do Consorcio.

e) Emitir informe sobre os asuntos que deban tratarse nas sesións dos órganos colexiados do Consorcio.

f) Exercer o control do persoal ao seu cargo, baixo a dependencia da Presidencia, así como propoñer as reformas que supoñan unha mellora do funcionamento, das dependencias e servizos.

g) Xestionar a prestación do servizo, instruír os expedientes para adquisición de material e realización de obras e mellora e mantemento do servizo, así como os demais que se refiren ao funcionamento do Consorcio.

h) Propoñer á Presidencia do Consorcio os pagamentos que deban realizarse.

i) Elaborar as estatísticas de actividades realizadas, así como a memoria anual sobre o funcionamento, custo e rendemento dos servizos ao seu cargo, e propoñer as modificacións encamiñadas a unha maior eficacia do servizo.

j) Asistir ás sesións dos órganos colexiados con voz e sen voto.

k) As demais funcións que o Pleno lle encomende.

CAPÍTULO IV
Réxime funcional

Artigo 16. Funcións de secretaría e intervención do Consorcio

A responsabilidade das funcións de fe pública e asesoramento legal do Consorcio corresponderá ao secretario do Consorcio. As funcións de control económico e financeiro do Consorcio serán exercidas polo interventor do Consorcio. Corresponde ao Pleno do Consorcio o nomeamento das persoas que desempeñarán os ditos postos entre o persoal funcionario procedente dos entes consorciados.

Non obstante o anterior, de resultar aplicable ao Consorcio a normativa sobre reserva de funcións e provisión de postos de traballo a funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional, a dita normativa prevalecerá sobre o disposto no parágrafo precedente.

Artigo 17. Reunións

1. O Pleno reunirase en sesión ordinaria unha vez ao semestre.

2. Realizarase sesión extraordinaria por petición da Presidencia cando o considere oportuno ou por petición dun terzo dos membros do Pleno.

3. A Presidencia poderá convocar sesións extraordinarias con carácter urxente. Nas ditas convocatorias non se exixirá a anticipación mínima de 5 días a que se refire o artigo 18.1.

Nas sesións extraordinarias urxentes o Pleno deberá pronunciarse previamente sobre a urxencia da sesión. De non apreciarse a dita urxencia por maioría simple, concluirase acto seguido a sesión. Para estes efectos, para o cómputo das maiorías aplicarase o disposto no artigo 19.

4. O Consello Asesor reunirase sempre que así o acorde a Presidencia do Consorcio, ou ben o solicite a maioría absoluta dos membros do Pleno do Consorcio ou do propio Consello Asesor.

5. O quórum necesario para a constitución válida das sesións será o seguinte:

a) Pleno: requírase a comparecencia da metade dos seus membros, e ademais a representación das dúas administracións consorciadas, que deberá manterse durante toda a sesión.

b) Consello Asesor: requírese maioría absoluta na primeira convocatoria, e en segunda convocatoria a presenza de tres membros.

En calquera caso, para todos eles requirirase sempre un mínimo de tres membros e estar representadas tanto a Xunta de Galicia como a Deputación Provincial de Ourense.

Artigo 18. Convocatoria

1. A persoa titular da Presidencia convocará as sesións cunha anticipación mínima de cinco días e remitirá a orde do día a cada un dos membros do Pleno.

2. O Pleno quedará validamente constituído coa asistencia dun terzo do número legal dos seus membros, que nunca poderá ser inferior a tres. A Presidencia poderá considerar validamente constituído o órgano se está presente un representante de cada unha das dúas administracións consorciadas. O quórum deberá manterse durante toda a sesión.

3. En todo caso, requírese a asistencia do presidente e do secretario ou das persoas que legalmente os substitúan.

Artigo 19. Acordos

1. Os acordos do Pleno adoptaranse por maioría dos membros presentes, agás os indicados nos números 1.b), 1.d) e 1.j) do artigo 12 , que requirirán maioría cualificada de dous terzos.

2. Os acordos adoptados obrigan a todas as entidades integrantes do Consorcio.

Artigo 20. Persoal

1. O persoal ao servizo do Consorcio estará integrado:

a) Pola persoa titular da Xerencia.

b) Polo persoal de prevención e extinción de incendios e salvamento, agás nos casos en que se opte pola prestación do servizo en réxime de xestión indirecta.

c) Polo persoal que atenda as funcións de secretaría e intervención.

d) Por calquera outro que se estableza, tanto funcionario como laboral, que en todo caso deberá estar recollido no correspondente cadro de persoal.

2. As funcións deste persoal serán as que determinen as normas de réxime interior do Consorcio; en todo caso, o persoal previsto na letra c) realizará as funcións previstas no artigo 16 dos presentes estatutos.

CAPÍTULO V
Do réxime económico e financeiro

Artigo 21. Recursos do Consorcio

Para o cumprimento dos seus fins, o Consorcio disporá do seu propio orzamento, que estará integrado polos seguintes recursos:

a) As achegas dos entes consorciados.

b) As subvencións e outros ingresos de dereito público.

c) As taxas, contribucións especiais e prezos públicos fixados de acordo coa lei.

d) Ingresos de dereito privado e os bens adquiridos polo Consorcio que se integran no seu patrimonio.

e) O produto de operacións de crédito.

f) Calquera outro recurso que puidese serlle atribuído de acordo coa lexislación vixente.

Artigo 22. Financiamento

1. O orzamento anual do Consorcio financiarase no seu estado de ingresos cos recursos sinalados no artigo anterior. Unha vez determinada a contía dos ingresos procedentes doutras fontes de financiamento distintas das achegas dos entes consorciados, o financiamento do resto do orzamento distribuirase de acordo coas seguintes porcentaxes:

– Xunta de Galicia: 62,5 %.

– Deputación Provincial de Ourense: 37,5 %.

O capítulo de investimento poderá sufrir variacións no cadro de financiamento por acordo da maioría absoluta do Pleno do Consorcio. Nestes casos o acordo fixará o seu financiamento.

2. Se durante o exercicio económico se producisen ingresos superiores aos previstos inicialmente no orzamento do Consorcio, estes excesos serán dedicados, a criterio do Pleno, a actuacións adicionais ás previstas inicialmente, ou ben a minorar as achegas que corresponden ás partes consorciadas.

3. En todo caso, poderase acudir aos mecanismos previstos na lexislación vixente para obter a satisfacción das achegas en caso de que algunha das administracións consorciadas non proporcionasen en prazo a totalidade das cantidades a que veñen obrigadas por este artigo, e co fin todo isto de facer efectivas estas cantidades.

Artigo 23. Ingresos das contribucións

1. Cada ente consorciado obrígase, nos termos previstos no artigo anterior, a consignar no seu orzamento ordinario a cantidade suficiente para atender as súas obrigas económicas relativas ao Consorcio.

2. A parte correspondente da cantidade consignada nos orzamentos de cada ente consorciado ingresarase con carácter mensual por doceavas partes na tesouraría do Consorcio.

Artigo 24. Aprobación do orzamento

O proxecto de orzamento do Consorcio para cada ano deberá ser elaborado e comunicado aos entes consorciados antes do día quince do mes de setembro do ano anterior ao da súa vixencia. Posteriormente, o Pleno aprobará o proxecto de orzamento do Consorcio e elevarao aos entes consorciados para o seu coñecemento.

CAPÍTULO VI
Réxime xurídico

Artigo 25. Adscrición

O Consorcio adscríbese á Deputación Provincial de Ourense, de conformidade co previsto coa disposición adicional vixésima da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, de acordo coa disposición derradeira segunda da Lei 27/2013, do 27 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da Administración local.

Artigo 26. Réxime interno

A actuación do Consorcio rexerase polo establecido nos presentes estatutos e nos regulamentos de organización e réxime interior, que se supeditarán ao ordenamento xurídico vixente.

Para o non establecido nas disposicións anteriores aplicarase a lexislación reguladora do réxime das entidades locais.

Artigo 27. Lexislación aplicable

Ás actuacións do Consorcio seranlles de aplicación a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia; a Lei 7/1985, de bases do réxime local, modificada pola Lei 11/1999, do 21 de abril e Real decreto lexislativo 781/1986, que aproba o texto refundido das disposicións legais vixentes en materia de réxime local; o Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais; a Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia; a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; a normativa en materia de contratación do sector público, e demais disposicións legais de aplicación aos entes desta natureza.

Artigo 28. Modificacións e incorporacións

1. Para a modificación dos estatutos do Consorcio e posibles incorporacións ou baixas, seguiranse as mesmas regras e o mesmo procedemento que o establecido pola lexislación nacional básica e polos artigos 143 e 144 da Lei 5/1997 para a modificación dos estatutos ou disolución das mancomunidades dos municipios.

Artigo 29. Exercicio do dereito de separación e efectos. Liquidación do Consorcio

1. Os membros do Consorcio poderán separarse deste en calquera momento.

2. Poderá ser motivo de separación o incumprimento dalgunha das obrigas estatutarias e, en particular, aquelas que impidan cumprir co fin para o cal foi creado o Consorcio, como é a obriga de realizar as achegas previstas no artigo 22 dos estatutos. Para tal efecto, a Presidencia do Consorcio requirirá o membro que incumpriu as súas obrigas para que proceda a emendar o incumprimento no prazo máximo que se conceda.

3. O dereito de separación exercerase mediante escrito dirixido ao Pleno do Consorcio, cun ano de antelación sen deixar de cumprir cos compromisos contraídos neste prazo, no cal se fará constar o motivo e se a separación se debe a incumprimento das obrigas por parte dalgún dos membros, incumprimento que motiva a separación, a formulación de requirimento previo do seu cumprimento e transcurso do prazo outorgado para cumprir tras o requirimento.

4. O exercicio do dereito de separación producirá a disolución do Consorcio, que se tramitará segundo o previsto nos artigos 143 e 144 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia. En todo caso, será causa de disolución que o obxecto do Consorcio regulado no artigo 4 dos estatutos deixe de ser competencia dalgunha das administracións consorciadas.

5. O Pleno do Consorcio, ao adoptar o acordo de disolución, nomeará un liquidador. Na falta de acordo, o liquidador será o administrador do Consorcio.

6. O liquidador calculará a cota de liquidación que corresponda a cada membro de conformidade co previsto no artigo 22 dos estatutos; correspóndelle ao Pleno do Consorcio o acordo de aprobación da liquidación e distribución do patrimonio e a forma e condicións en que terá lugar o pagamento da cota líquida no suposto en que esta resulte positiva.

7. Así mesmo, o Pleno do Consorcio poderá acordar, logo de acordo favorable do Pleno da Deputación Provincial de Ourense e do Consello da Xunta de Galicia, a cesión global de activos e pasivos a outra entidade xuridicamente adecuada coa finalidade de manter a continuidade da actividade e acadar os obxectivos do Consorcio que se liquida.

Artigo 30. Informe anual

O Consorcio facilitaralles aos entes consorciados un informe anual sobre a propia xestión e prestará a súa cooperación e asistencia cando sexa requirida.

Disposición adicional

O Consorcio iniciará o seu funcionamento cos parques comarcais de Valdeorras, Verín,

A Limia, e O Carballiño-O Ribeiro; a localización do resto dos parques, de ser o caso, deberá ser aprobada previamente pola Deputación Provincial de Ourense e a Xunta de Galicia.

Disposición transitoria primeira

No prazo máximo de tres meses desde a entrada en vigor deste decreto, os consorcios comarcais de Valdeorras, Verín, A Limia e O Carballiño-O Ribeiro deberán desenvolver a correspondente sesión plenaria para a súa disolución e integración no Consorcio Provincial de Ourense para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento, e achegarán os medios técnicos e os recursos con que conten. Os bens, dereitos e obrigas contractuais vixentes asumidas polos consorcios comarcais, logo da súa integración, quedarán asumidas polo Consorcio Provincial.

Disposición transitoria segunda

Como consecuencia do proceso de integración anterior, o Consorcio Provincial asume os bens, dereitos e obrigas contractuais dos citados consorcios comarcais, así como o persoal de xerencia existente, polo que resolverá o que proceda respecto da integración deste persoal  a través da creación das correspondentes relacións de postos de traballo no seu cadro de persoal, acorde coas exixencias da configuración territorial que abrangue o ámbito de actuación dos parques de bombeiros.

Disposición derradeira

Unha vez publicados no Diario Oficial de Galicia os presentes estatutos, o titular da Presidencia da Comisión Xestora procederá no prazo máximo de dous meses á convocatoria da sesión constitutiva do Pleno do Consorcio, na cal se elixirán as persoas titulares da Presidencia e Vicepresidencia deste, do xeito establecido no artigo 9 dos estatutos, e iniciarase o seu funcionamento.