Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Luns, 11 de maio de 2015 Páx. 18539

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 30 de abril de 2015 pola que se convocan as xornadas Violencia de xénero e seguridade pública: avances e retos nunha loita polos dereitos das vítimas.

Dentro do programa anual de actividades para o ano 2015 da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), aprobado polo Consello Reitor deste organismo o 23 de decembro de 2014, en colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, convócanse unhas xornadas de formación, comunicación, cooperación e colaboración en materia de violencia de xénero, conforme as seguintes bases:

Primeira. Destinatarios/as

Estas xornadas están dirixidas ao persoal das forzas e corpos de seguridade pública e emerxencias que traballan en Galicia, así como todos aqueles profesionais vinculados coa materia obxecto de debate e demais interesados en xeral.

Segunda. Desenvolvemento da actividade

• Lugar: Academia Galega de Seguridade Pública.

• Datas: 3, 4 e 5 de xuño de 2015.

• Horario: das 10.00 ás 19.30 horas, os días 3 e 4 de xuño, e das 10.00 ás 14.00 horas, o día 5 de xuño.

• Número de prazas: ilimitado.

• Horas lectivas: 20.

• Contido:

1. A Lei orgánica integral contra a violencia de xénero.

2. Violencia de xénero: unha aproximación multidisciplinar.

3. A tutela procesual e penal da vítima de violencia de xénero.

4. Ampliando o concepto de violencia de xénero: violencia sexual, acoso físico (stalking), sexting, trata de seres humanos.

5. Valoración do risco e actuación das forzas e corpos de seguridade ante a violencia de xénero.

6. Violencia de xénero en suxeitos especialmente vulnerables: prostitución, discapacidade intelectual, inmigración.

7. Variables psicosociais e estratexias de intervención en violencia de xénero.

8. Violencia de xénero e xustiza restaurativa.

9. Operadores xurídicos ante a violencia de xénero.

10. Intervención con homes violentos coas súas parellas.

Terceira. Solicitudes

1. O persoal que desexe participar nestas xornadas deberá cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (htpp://agasp.xunta.es ), non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

2. A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas dará lugar á exclusión automática da xornada, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte este feito.

3. O prazo de presentación de solicitudes será de quince (15) días naturais desde a publicación desta resolución no DOG.

Cuarta. Admisión

A Agasp publicará na súa páxina web a relación das persoas seleccionadas para participar no curso, cunha antelación mínima de cinco (5) días naturais da data de inicio.

Quinta. Asistencia

Obrigatoria.

A Estrada, 30 de abril de 2015

Luis Menor Pérez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública