Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Luns, 1 de xuño de 2015 Páx. 21226

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 76/2015, do 13 de maio, polo que se aproban os estatutos do Colexio Oficial de Deseñadores de Interior/Decoradores de Galicia.

De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á comunidade autónoma galega, transfire no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais, complementando así o ámbito competencial determinado no artigo 27.29 do Estatuto de autonomía de Galicia.

A propia lei orgánica prevé, tal como expón o mandato constitucional, a transferencia de servizos necesarios, que se leva a cabo de forma efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, de traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado en materia de colexios oficiais ou profesionais.

Tendo en conta o dito traspaso, o Decreto 337/1996, estableceu a asunción de funcións transferidas á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 1643/1996, asignándolle as funcións á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais (na actualidade Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, segundo estrutura establecida no Decreto 72/2013, do 25 de abril).

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da citada competencia, dispón, no seu artigo 16, que os colexios profesionais gozarán de autonomía para a elaboración, aprobación e modificación dos seus estatutos, sen máis límites que os establecidos polo ordenamento xurídico. O artigo 18 da mesma norma establece a obrigatoriedade de lle comunicar á consellería competente en materia de colexios profesionais os estatutos aprobados, así como as súas modificacións.

Dando cumprimento a esta disposición, o Colexio Oficial de Deseñadores de Interior/Decoradores de Galicia acordou en Asemblea Xeral a aprobación dos seus estatutos que foron presentados ante esta Administración para os efectos da súa aprobación definitiva mediante Decreto do Consello da Xunta de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 18 da Lei 11/2001, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

En virtude do exposto, e verificada a adecuación á legalidade do texto dos estatutos, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e tras a deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do trece de maio de dous mil quince,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Este decreto ten por obxecto aprobar os estatutos do Colexio Oficial de Deseñadores de Interior/Decoradores de Galicia que figuran como anexo ao presente decreto.

Artigo 2. Publicación e inscrición

Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e a inscrición correspondente no Rexistro de Colexios Profesionais da Comunidade Autómona de Galicia.

Disposición derrogatoria única. Derrogación dos estatutos anteriores

Quedan derrogados os anteriores estatutos que foron aprobados por Decreto 309/2001, do 22 de novembro, e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto no presente Decreto.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de maio de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO
Estatutos do Colexio Oficial de Deseñadores de Interior/Decoradores de Galicia

TÍTULO I
Do Colexio

Artigo 1. Denominación e carácter

O Colexio Oficial de Deseñadores de Interior/Decoradores de Galicia é unha corporación oficial de carácter profesional con personalidade xurídica propia e con capacidade plena para o cumprimento dos seus fins e o exercicio das súas facultades, que se rexerá polo establecido nos presentes estatutos e nas disposicións que lles sexan aplicables.

Artigo 2. Fins e funcións do Colexio

1. Constitúen os fins esenciais do Colexio Oficial de Deseñadores de Interior/Decoradores de Galicia a ordenación do exercicio desta profesión, a súa representación e a defensa dos intereses profesionais dos colexiados.

2. De modo especial, corresponde ao Colexio Oficial de Deseñadores de Interior/Decoradores de Galicia, no seu ámbito territorial, as seguintes funcións:

a) Desempeñar oficialmente a representación dos seus colexiados e da profesión nos termos previstos na lexislación vixente, en todo o ámbito territorial, incluso internacional, ante os poderes públicos, autoridades, tribunais e organismos de todas as clases e graos, recollendo as necesidades e as aspiracións dos colexiados para canalizalas, impulsalas e defendelas.

b) Colaborar coa Administración pública e cooperar cos organismos oficiais, na forma que proceda, en todas as cuestións referentes á profesión.

c) Ordenar, no ámbito da súa competencia, a actividade profesional dos colexiados, velando pola ética e o decoro profesional, así como a harmonía entre todos os colexiados, adoptando, de acordo coas leis vixentes e co disposto nos presentes estatutos, as medidas que conduzan a que non sufra detrimento ningún o bo nome da profesión, así como exercitar un labor de arbitraxe nas cuestións que poidan suscitarse entre os membros do Colexio.

d) Emitir os ditames, informes e consultas que lles sexan interesados e facilitar aos tribunais e xulgados a relación de colexiados que puidesen ser requiridos para intervir como peritos nos asuntos xudiciais.

e) Designar a quen teña que representar o Colexio nos xurados dos concursos que, para adxudicación de obras de decoración, se convoquen tanto por organismos oficiais como por particulares.

f) Visar os planos, informes, ditames, valoracións ou peritacións e demais traballos que leven a cabo os colexiados no exercicio da súa profesión, así como tutelar o recoñecemento da sinatura, sempre e cando sexan de competencia destes profesionais, e o soliciten os clientes ou institucións.

g) Organizar os servizos para o cobramento de honorarios profesionais, cando así o solicite o decorador. Prestar un servizo de asistencia xurídica aos decoradores, así como adoptar as medidas necesarias para que os colexiados teñan seguros de responsabilidade civil para garantir os riscos nos que poidan incorrer a consecuencia do exercicio profesional.

h) Impedir e, se é o caso, perseguir o intrusismo profesional en todas as súas formas, adoptando as medidas necesarias para impedilo e exercitando as accións procedentes.

i) Contribuír á máis completa formación profesional, participando na elaboración de plans de estudos, así como a organización de misións de carácter cultural, científico, técnico ou práctico relacionadas coa profesión, así como cursos para a formación profesional dos colexiados, actos culturais e de información, publicacións, intercambios e calquera outros medios idóneos.

j) Premiar os colexiados ou as persoas que polos seus méritos sexan acredoras disto e sancionar disciplinariamente as faltas nas que aqueles puidesen incorrer, de acordo co establecido nestes estatutos.

k) Intervir, en vía de conciliación a arbitraxe, nas cuestións que, por motivos profesionais, se susciten entre os colexiados impedindo a competencia desleal entre eles, e en xeral, procurar a harmonia e colaboración entre estes.

l) Cumprir e facerlles cumprir aos colexiados as leis e os estatutos profesionais e os regulamentos de réxime interior, así como as normas e decisións adoptados polo organismo colexial en materias da súa competencia.

m) A protección dos intereses dos consumidores e usuarios polos servizos prestados polos seus colexiados, todo iso sen prexuízo das competencias da Administración pública por razón da relación funcionarial. Aplicaranse neste caso os sistemas de cooperación administrativa entre autoridades competentes previstos na Lei 17/2009, do 23 de novembro. Disporá o Colexio de páxina web onde existirá un portelo único de conformidade coa lexislación vixente e, en especial, coa Lei 1/2010, do 11 de febreiro, tramitándose a través desta o alí establecido. Os acordos e decisións do Colexio sométense ás leis para a defensa da competencia, así como aquelas que afecten o réxime da libre competencia no exercicio da profesión.

n) Cantas outras funcións redunden en beneficio dos intereses profesionais e dos colexiados.

Artigo 3. Ámbito territorial e sede colexial

1. O ámbito territorial do Colexio Oficial de Deseñadores de Interior/Decoradores de Galicia é o territorio de Galicia, con carácter de Colexio profesional único e, como tal, asume para a profesión as funcións atribuídas aos consellos galegos de colexios, segundo a normativa vixente.

2. O domicilio social do Colexio de Galicia está na Coruña, rúa Industrial, numero 15 baixo. Poderán ser abertas delegacións pola Xunta de Goberno.

3. Para o cambio de domicilio dentro da localidade e peche dalgunha delegación, será preciso o acordo da Xunta de Goberno, pero, para a adquisición dun local novo, cómpre que o aprobe a asemblea xeral dos colexiados.

TÍTULO II
Dos colexiados

CAPÍTULO I
Incorporación ao Colexio

Artigo 4. Exercicio legal da profesión

1. Para exercer legalmente a actividade de deseñador de interiores/decorador en Galicia será requisito indispensable, para quen teña o seu domicilio en Galicia a incorporación o Colexio Galego cando así o estableza a normativa vixente.

2. A cada Colexiado seralle asignado un número por orde de colexiación.

Artigo 5. Solicitude de incorporación

5.1. Todos os que se desexen incorporar ao Colexio solicitarano por escrito, podendo facer a solicitude por vía telemática, debendo enviar á sede do Colexio o título académico correspondente ou testemuña notarial deste, certificado de carecer de antecedentes penais e fotocopia do documento de identidade, e demais documentación que se sinala na paxina web do Colexio, ingresando, ao mesmo tempo, os dereitos de incorporación que se establezan, que serán os custos asociados á súa tramitación, que serán devoltos en caso de denegarlle a colexiación. Deberá ademais xustificar a titularidade dunha póliza de responsabilidade civil ou acollerse á concertada polo Colexio para os seus colexiados.

5.2. Na solicitude de incorporación farán constar –expresamente– se van exercer a profesión ou se, pola contra, instan o seu ingreso no Colexio como membros non exercentes.

5.3. A Xunta de Goberno poderá denegar a Colexiación cando os documentos presentados sexan insuficientes ou ofrezan dubidas respecto da súa autenticidadade ou cando estivese inhabilitado para o exercicio da profesión por tribunal ou organismo publico.

Artigo 6. Titulación

Para incorporarse como colexiado de pleno dereito ao Colexio Oficial de Deseñadores de Interior/Decoradores de Galicia, o solicitante deberá acreditar a posesión da titulación de graduado en artes aplicadas correspondente aos estudos regulados polo Decreto 2127/1963, do 24 de xullo (BOE 6.9.1963), graduado en artes aplicadas, especialidade deseño de interiores, Real decreto 1564/1982 (BOE 18.6.1982), técnico superior en proxectos e dirección de obra, Real decreto 1464/1995 (BOE 11.10.1995), estudos superiores de deseño, especialidade de interiores, equivalente a diplomatura universitaria Real decreto 1496/1999 (BOE 6.10.1999) e título superior de ensinanzas artísticas superiores de deseño, especialidade deseño de interiores Real decreto 1614/2009 (BOE 26.10.2009) ou os declarados equivalentes.

Artigo 7. Denegación da colexiación

As solicitudes de incorporación serán denegadas, por acordo da Xunta de Goberno, nos casos seguintes:

1. Non ter cumpridos os requisitos que estes estatutos establecen para a validez da incorporación que se sinala no artigo 5 e na web do Colexio.

2. Ter sido anteriormente expulsado do Colexio ou darse de baixa nel, despois de serlle acordada a formación de expediente disciplinario sen que transcorrese o tempo de prescrición da sanción.

3. Atoparse suspenso no exercicio da profesión en virtude de sentenza firme, corrección disciplinaria ou estar condenado a pena que leve como accesorias as de inhabilitación ou suspensión da profesión.

4. A incapacidade civil e a invalidez permanente, salvo para a súa colexiación como non exercente.

Contra a denegación poderase interpor recurso de reposición no prazo de 15 días. Transcorridos dous meses desde a presentación do recurso de reposición sen que se resolvese, enténdese desestimado.

Artigo 8. Colexiados exercentes e non exercentes

1. Existen dous tipos de colexiados: exercentes e non exercentes.

2. Son exercentes as persoas naturais que, reunindo as condicións exixidas para isto, obtivesen a incorporación ao Colexio e exerzan activamente a profesión de deseñador de interiores e decorador.

3. Son membros non exercentes as persoas naturais que, reunindo as condicións necesarias para a súa incorporación ao Colexio e obténdoa, non exercesen activamente a profesión ou, téndoa exercido, cesaran nesta.

4. Os colexiados non exercentes manterán o número de colexiado respectándose a súa antigüidade para todos os efectos.

5. No caso de que algún colexiado exerza a profesión conxuntamente con outro ou outros colexiados deberá comunicalo ao Colexio, indicando o tipo de sociedade existente, para os efectos de que sexan inscritos no Rexistro de sociedades profesionais existente no Colexio de conformidade coa Lei 2/2007, do 15 de marzo, de sociedades profesionais. Isto sen prexuízo de que a inscrición como colexiado e a titulo particular.

CAPÍTULO II
Dereitos e deberes dos colexiados

Artigo 9. Dereitos

Os colexiados exercentes terán dereito a gozar de todos os servizos, facultades e prerrogativas que resulten destes estatutos.

1. Elixir e ser elixidos para postos de representación e desempeñar cargos directivos.

2. Informar e ser informados oportunamente das actuacións e vida da entidade, e das cuestións que, con respecto ao exercicio da profesión, lles afecten, por vía telemática e por medio da páxina web, podendo facer os tramites a través desta.

3. Exercer a representación que en cada caso se confira.

4. Intervir, de acordo coas normas legais e estatutarias, na xestión económica e administrativa do Colexio e expresar libremente as súas opinións en materia e asuntos de interese profesional.

5. Exercitar as accións e o recurso que proceda en defensa dos seus dereitos como colexiados.

6. Ser amparados polo Colexio no exercicio profesional ou por motivos deste na defensa dos seus lícitos intereses e dos seus honorarios.

7. Asistir con voz e voto ás asembleas xerais do Colexio, ordinarias e extraordinarias.

8. Presentar libremente as súas candidaturas aos postos de goberno do Colexio e desempeñar os cargos para os que fosen elixidos.

9. Formular queixas ante a Xunta de Goberno do Colexio contra a actuación profesional ou colexial de calquera dos membros que a integran.

10. Utilizar as dependencias colexiais, sempre para uso estritamente profesional e logo de solicitude á Xunta de Goberno.

11. Ser asistidos polo Colexio, mediante os servizos que se establezan, no cobramento de honorarios profesionais.

12. A obtención dunha tarxeta de identificación profesional, expedida polo secretario e asinada polo presidente, na que conste o seu número de colexiado xunto co selo do Colexio.

Artigo 10. Dereitos dos colexiados non exercentes

1. Os colexiados non exercentes terán dereito aos mesmos servizos, facultades e prerrogativas, coas limitacións sinaladas nestes estatutos, a excepción daqueles dereitos que sexan inherentes ao exercicio profesional.

2. Terán voz nas asembleas xerais, e non poderán presentar candidatura aos postos de goberno do Colexio.

Artigo 11. Deberes

Para o exercicio da profesión de deseñador de interiores/decorador, será necesario a incorporación ao Colexio nos termos legalmente establecidos en materia de colexiación e para iso é preciso:

a) Estar ao corrente nos pagamentos das súas cotas colexiais e soportar todas as contribucións económicas de carácter corporativo ou de calquera outra índole ás que a profesión estea suxeita.

b) Cumprir coas prescricións contidas nos presentes estatutos e nos regulamentos que os desenvolven, e cos acordos que o Colexio adopte.

c) Levantar as cargas que con carácter xeral se lles imputasen e satisfacer as cotas ordinarias e extraordinarias que aprobase o Colexio para o seu mantemento e para atender aos servizos asistenciais e de previsión e aseguramento que constitúan, entre eles, obrigatoriamente, o seguro de responsabilidade civil profesional.

d) Someter a visado do Colexio os traballos profesionais cando así o exixa o cliente ou institución. O traballo profesional deberá ser redactado por triplicado, polo menos, remitiráselles seguidamente a encarga xunto coa memoria, o orzamento e os planos, para o seu visado ao Colexio, quen se quedará cun exemplar para o seu rexistro e arquivo, comprobando que o traballo profesional é correcto e que se axusta á legalidade. En materia de visado o Colexio sométese expresamente ao disposto no Real decreto 1000/2010, do 5 de agosto, sobre visado colexial obrigatorio.

e) Observar cos órganos de xestión do Colexio o debido respecto, e entre os colexiados, e os deberes de harmonía profesional.

f) Poñer en coñecemento do Colexio todos os feitos que poidan afectar a profesión, tanto particular (cambios de domicilio ou de centro de traballo, etc.), como colectivamente, e cuxa importancia poida determinar a intervención corporativa con carácter oficial. En concreto, están obrigados a poñer por escrito en coñecemento da Xunta de Goberno do Colexio os casos de intrusismo e de desprestixio profesional dos que tivesen noticia, así como os casos de exercicio ilegal, tanto por non estar colexiado como por se atopar suspendido ou inhabilitado o denunciado.

g) Subscribir e manter unha póliza de responsabilidade civil.

CAPÍTULO III
Competencias profesionais

Artigo 12. Facultades profesionais

As facultades e competencias profesionais dos deseñadores de interior e decoradores están sinaladas no Real decreto 902/1977, ou calquera outra norma que o modifique ou substitúa.

CAPÍTULO IV
Intrusismo profesional e competencia desleal

Artigo 13. Intrusismo profesional

1. Considérase intrusismo profesional o exercicio da profesión de decorador por persoa que non reúna as condicións da titulación establecida no artigo 6 destes estatutos.

2. O Colexio exercitará fronte ao intrusismo profesional cantas accións xurisdicionais fosen necesarias ou convenientes en beneficio dos colexiados.

Artigo 14. Competencia desleal

Entre os decoradores colexiados debe haber fraternidade, lealdade e respecto recíproco que enaltezan a profesión, evitando sempre a competencia desleal, así como toda actuación que lesione estes principios e sempre con cumprimento dos deberes corporativos. No caso de que se produzan algunha situación nese sentido a Xunta de Goberno adoptará as medidas que considere oportunas de conformidade coa Lei de defensa da competencia.

CAPÍTULO V
Perda da condición de colexiado

Artigo 15. Causas da perda da condición de colexiado

1. A condición de colexiado perderase:

a) Por baixa voluntaria ou renuncia.

b) Por condena firme que leve consigo a accesoria de inhabilitación para o exercicio da profesión.

c) Por expulsión do Colexio acordada en expediente disciplinario.

d) Por falecemento do colexiado.

2. En todo caso, a perda da condición de colexiado polas causas expresadas deberán ser comunicadas por escrito ao interesado, que deberá aboar aquelas obrigas económicas que tivese pendentes.

CAPÍTULO VI
Intercolexiación

Artigo 16. Relacións entre colexios

Os distintos colexios de deseñadores de interior/decoradores, sen prexuízo das súas propias competencias e personalidade, poderán crear un vínculo de intercolexiación e colaboración mutua.

TÍTULO III
Órganos de goberno

Artigo 17. Órganos de goberno

O goberno do Colexio Oficial de Deseñadores de Interior/ Decoradores de Galicia estará a cargo da Asemblea Xeral de colexiados, presidente e Xunta de Goberno.

Capítulo I
Da Asemblea Xeral de colexiados

Artigo 18. Composición da Asemblea

1. A Asemblea Xeral estará constituída por todos os colexiados –exercentes e non exercentes– que pagasen as cotas establecidas legalmente.

2. A Asemblea Xeral, validamente constituída, será o órgano soberano do Colexio e os seus acordos, adoptados de acordo cos estatutos, son obrigatorios para todos os colexiados.

Artigo 19. Funcións e competencias

Son funcións e competencias da Asemblea Xeral:

a) Adoptar os acordos relativos á representación, xestión e defensa dos intereses do Colexio e dos seus colexiados.

b) Aprobar, se é o caso, a xestión desenvolvida pola Xunta de Goberno, así como dos programas e plans de actuación previstos por esta.

c) Elixir e revogar o mandado dos membros da Xunta de Goberno.

d) Aprobar, se é o caso, as normas de desenvolvemento, adicións, supresións ou modificacións dos estatutos e dos regulamentos complementarios.

e) Fixar as cotas que teñan que satisfacer os colexiados, segundo as propostas que elabore a Xunta de Goberno.

f) Aprobar, se é o caso, os regulamentos de réxime interior que fosen elaborados pola Xunta de Goberno.

g) Propoñer a disolución do Colexio.

h) Coñecer e resolver as reclamacións e os recursos que formulen os colexiados.

i) Aprobar a memoria anual.

Artigo 20. Clases de asembleas

As asembleas xerais poderán ser ordinarias e extraordinarias, e a elas asistirían todos os colexiados con voz e voto.

Artigo 21. Delegación de voto

O voto é persoal, podendo delegarse por escrito e para o asunto concreto do que se trate, a favor de calquera outro colexiado, presentando a dita delegación nas sedes do Colexio, antes das 14.00 horas do dia anterior da asemblea.

Artigo 22. Asembleas xerais ordinarias

a) Dentro do primeiro trimestre do exercicio, o Colexio celebrará Asemblea Xeral ordinaria para a lectura e aprobación, se procede, das contas do exercicio anterior, así como para a discusión e votación dos asuntos que figuren na orde do día, dándose unha información xeral sobre a marcha do Colexio e finalizando cos rogos e preguntas que se propoñan.

b) Dentro do derradeiro trimestre do ano o Colexio celebrará Asemblea Xeral ordinaria, para a lectura e aprobación, se é o caso, do orzamento do ano seguinte, así como para a discusión e votación dos asuntos que figuren na orde do día, dándose unha información xeral sobre a marcha do Colexio e finalizando cos rogos e preguntas que se propoñan.

Artigo 23. Asemblea Xeral extraordinaria

A Asemblea Xeral reunirase con carácter extraordinario por iniciativa da Xunta de Goberno ou por solicitude dun terzo do censo dos colexiados, con expresión das causas que a xustifiquen e os asuntos concretos que haxan de tratar nelas, non se poderán tratar nela máis asuntos cós expresados na convocatoria.

Artigo 24. Convocatoria e orde do día

1. As asembleas xerais, ordinarias ou extraordinarias, convocaranse por comunicado do presidente, mediante notificación por vía telemática a todos os colexiados, polo menos con quince días naturais de antelación á data sinalada para a reunión.

2. Na notificación da convocatoria deberá figurar o lugar, o local, o día e a hora da celebración da asemblea e os asuntos que se van tratar segundo a orde do día, acordado previamente, e determinar data e hora na que terá lugar a reunión en segunda convocatoria.

3. A Xunta de Goberno no punto de «asuntos varios» recollerá todas as propostas que sexan formuladas polos colexiados, mediante petición escrita, polo menos con cinco días naturais de antelación á data da reunión.

4. Non se poderá aprobar ningún acordo respecto aos asuntos que non figuren na orde do día.

Artigo 25. Quórum

1. A Asemblea Xeral quedará validamente constituída en primeira convocatoria se o número de asistentes e representados nesta, suman, polo menos, a metade máis un dos votos totais do Colexio, contabilizados na data da convocatoria e, en segunda, calquera que sexa o número de asistentes.

2. A representación dos colexiados, tanto exercentes como non exercentes, deberá ser conferida por escrito e debidamente acreditada na secretaría do Colexio antes das 14.00 horas do día anterior ao da celebración da Asemblea.

Artigo 26. Presidencia

A presidencia das asembleas xerais corresponderalle ao presidente do Colexio (ou, na súa ausencia, ao vicepresidente), quen dirixirá e coordinará os debates, concederá a palabra por orde de solicitude, chamará á orde cando corresponda aos colexiados que se excedesen no alcance das súas intervencións ou faltasen ao debido respecto aos asistentes, retirando a palabra ou expulsando do local ao que, logo de chamáreno á orde tres veces, o desobedecese.

Artigo 27. Acordos da Asemblea

1. A mesa da asemblea quedará integrada pola Xunta de Goberno e actuará como secretario o da propia xunta.

2. Os acordos que adopte a Asemblea Xeral serán tomados pola maioría de votos dos asistentes e os debidamente representados.

3. Os acordos que tome a Asemblea Xeral obrigan a todos os colexiados, incluídos os ausentes e aos que se absteñan, adoptando a Xunta de Goberno as medidas que estime adecuadas para cumprir os acordos aprobados, podendo interpoñerse os recursos pertinentes.

Artigo 28. Acta da Asemblea Xeral

Das reunións da Asemblea Xeral levantarase acta, a cal quedará rexistrada nun libro para tal fin, asinada polo secretario co visto e prace do presidente.

Capítulo II
Da Xunta de Goberno

Artigo 29. Composición

O Colexio Oficial de Deseñadores de Interior/Decoradores de Galicia estará rexido e representado pola Xunta de Goberno, que estará integrada por un presidente, un vicepresidente, un tesoureiro-contador e catro vogais numerados. Ademais, contará cun secretario que non será membro da Xunta, debendo ser a persoa que leve a asesoría xurídica do Colexio.

Artigo 30. Competencias da Xunta de Goberno

1. Corresponde á Xunta de Goberno a dirección e a administración do Colexio para cumprir os seus fins en todo aquilo que, de maneira expresa, non lle corresponda á Asemblea Xeral.

2. De forma especial correspóndelle á Xunta de Goberno.

a) A dirección e vixiancia do cumprimento dos cometidos corporativos.

b) A designación das comisións encargadas de preparar informes e estudos ou de ditar laudos ou arbitraxes.

c) A formación do orzamento e as contas e todo aquilo referente a cuestións económicas.

d) Convocar xuntas xerais ordinarias e extraordinarias, nas que se sinalará a orde do día para cada unha.

e) Dilucidar os problemas que puidesen xurdir entre os membros do Colexio, atendendo cantas queixas fundadas presenten por escrito á Xunta de Goberno.

f) Exercer a xurisdición disciplinaria respecto dos colexiados, de conformidade co disposto nos estatutos.

g) Nomear, destinar e separar o cadro de empregados do Colexio.

h) Asistencia, por representación do membro da xunta designado para os efectos, nos actos e xestións nas que resulte precisa para o goberno do Colexio, ou no interese dos colexiados, así como aqueles que fosen designados por razón da profesión e cuxo nomeamento se solicite do Colexio, tales como cargos de xurados no concurso, peritos ante os tribunais, etc.

i) Todas as demais atribucións que se establezan noutros artigos destes estatutos e no regulamento de réxime interior do Colexio.

j) Emitir consultas e ditames, así como ditar arbitraxes ou laudos.

k) Aprobar as baixas por cesamento no exercicio profesional.

l) Elaborar a memoria anual no primeiro trimestre de cada ano, establecida no artigo 10 ter da Lei 11/2001, de conformidade coa redacción por Lei 1/2010, e co contido alí especificado.

m) En xeral, exercer cantas funcións do Colexio non estean expresamente atribuídas a outros órganos colexiais.

Artigo 31. Elección dos membros da Xunta de Goberno

1. Os membros da Xunta de Goberno serán elixidos por catro anos, por rotación dos colexiados, e a metade será renovada cada dous anos, podendo ser reelixidos.

2. Ao finalizar o primeiro bienio serán renovados os cargos de vicepresidente e os vogais 2 e 4.

Ao finalizar o segundo bienio serán renovados os cargos de presidente, tesoureiro-contador e vogais 1 e 3.

3. O secretario será quen exerza as funcións de Asesoría Xurídica do Colexio.

Artigo 32. Candidaturas

1. Os anteditos cargos proveranse mediante sufraxio libre e secreto e terán que recaer nos colexiados que exerzan a profesión de decorador.

2. Poderán ser candidatos todos os colexiados exercentes, pertencentes ao ámbito territorial do Colexio, que desempeñen a profesión cunha antigüidade de, polo menos un ano, e que desempeñando a condición de electores, non estean incursos en prohibición ou incapacidade legal ou estatuaria ningunha.

Para ser candidato a presidente e vicepresidente requírese unha antigüidade de cinco anos.

3. Poderán exercer o dereito de sufraxio activo todos os colexiados.

Artigo 33. Eleccións aos cargos da Xunta de Goberno

1. As eleccións para renovación de cargos efectuaranse no mes de novembro do ano no que corresponda celebralas, verificándose a votación durante catro horas, presidida cada unha delas por dous membros da Xunta de Goberno e actuarán como escrutadores os dous electores con menos antigüidade que se atopen presentes ao comezar a elección.

2. Con dous meses de antelación á data da elección, expoñerase na secretaría da sede do Colexio a listaxe alfabética dos colexiados con dereito de participar nela, separados en dous grupos, de colexiados exercentes e non exercentes, así como a relación dos elixibles para cada cargo, cuxa candidatura se terá solicitado antes do día 1 de outubro anterior.

O candidato terá que solicitar a súa candidatura ao cargo concreto polo que desexa presentarse.

3. Poderán interpoñerse reclamacións fundadas e pedir inclusións e exclusións na antedita listaxe, ata o día 10 de outubro, nesta data quedará pechado este período.

4. O día 20 de outubro ou, se é inhábil, o día hábil seguinte, expoñerase na secretaría do Colexio a listaxe definitiva, despois que fosen resoltas pola Xunta de Goberno as reclamacións e peticións de inclusión e exclusión que se formulasen.

Artigo 34. Votación, escrutinio e toma de posesión

1. O voto poderase exercitar en persoa ou por correo.

2. O voto en persoa verificarase entregando cada votante ao presidente da mesa electoral unha papeleta co nome dos candidatos elixidos, que será inmediatamente depositada na urna correspondente, segundo se trate de votantes exercentes ou non exercentes, anotándose na lista de colexiados os que xa tiveran depositado o seu voto.

3. A todos os colexiados se lles enviarán por correo papeletas dos candidatos e un sobre para a votación por correo.

Para que a votación por correo sexa válida deberá enviarse nun sobre que conteña a fotocopia do NIF do colexiado e a papeleta dentro do sobre de votación, co fin de identificar ao colexiado que o envía, así como garantir o segredo do voto. O sobre de remisión dirixirase a este Colexio, coa indicación de que é para as «eleccións», co fin de que por parte da secretaría do Colexio non se proceda á apertura deste e se entregue á mesa electoral.

O sobre pode enviarse por correo ou por servizo de mensaxaría ou levalo á delegación do Colexio ata o día anterior á elección.

O colexiado pode revogar o seu voto por correo, comparecendo a votar en persoa. Neste caso o sobre do voto por correo será destruído.

Os sobres interiores dos votos emitidos por correo, logo de comprobar a autenticidade do sobre exterior e a acreditación do colexiado votante, serán introducidos nas urnas finalizado o tempo de votación e antes de dar comezo ao escrutinio.

4. Os votos dos exercentes terán valor dobre que os dos non exercentes.

5. O escrutinio será público e será verificado pola mesa inmediatamente despois de concluída a votación, anunciándose en alta voz o resultado, levantándose acta da sesión, que será asinada polos membros da mesa e polos colexiados asistentes que o desexen, quedando expostas na secretaria a deposición dos colexiados que desexen examinar as listas dos votantes e os votos obtidos por cada candidato.

6. Nos casos de empate, terá preferencia a maior antigüidade profesional e, se este persistise, a maior idade.

7. Os elixidos tomarán posesión dos seus cargos nos dez días seguintes á data da votación, deixando nese momento de actuar aqueles aos que corresponda cesar nos seus cargos.

Artigo 35. Vacantes

Se por calquera causa quedase vacante, antes de finalizar o prazo de mandato, algún posto da Xunta de Goberno, procederase, se esta o considera necesario, a cubrilo transitoriamente ata a próxima Asemblea Xeral que se celebre. A dita proposta de membros da Xunta debe ser ratificada pola Asemblea. Nese caso, o designado permanecerá no desempeño do seu cargo durante todo o tempo que faltase para a renovación do dito cargo que ocupa provisionalmente, ata as eleccións nas que o dito cargo debe ser sometido a votación.

Artigo 36. Convocatoria de xuntas

1. A Xunta de Goberno reunirase polo menos cada dous meses e cantas veces fose convocada polo presidente, ou por petición cando menos, de tres membros da antedita xunta.

2. A asistencia a esta é obrigatoria. Faltar a tres sesións consecutivas ou a seis alternas no prazo dun ano sen xustificación suficiente, por consideráreno así os membros asistentes, estimarase como renuncia ou dimisión.

Artigo 37. Acordos da Xunta de Goberno

A Xunta de Goberno tomará os seus acordos pola maioría de votos, manifestados por escrito e en forma secreta, sendo precisa para a súa validez, en primeira convocatoria, a asistencia de máis do 50 % dos seus membros, en segunda convocatoria, que se poderá celebrar media hora despois da fixada na primeira, calquera que sexa o número de asistentes, sendo o voto do presidente de calidade en caso de empate.

Artigo 38. Delegación de votos

Os membros da xunta, no caso de imposibilidade de asistencia debidamente xustificada, poderán delegar o seu voto noutro membro. Tales representacións deberán ser conferidas por escrito especial para cada xunta.

Artigo 39. Comisións

1. A Xunta de Goberno poderá crear as comisións que considere convenientes, que deberán, en todo caso, ser presididas polo presidente ou membro da xunta en quen este delegue.

2. Estas comisións poderán ser ampliadas con colexiados que non pertenzan á Xunta de Goberno, en calidade de colaboradores, con dereito a voz pero sen voto.

Capítulo III
Do presidente e do vicepresidente

Artigo 40. Presidente

Correspóndelle ao presidente:

a) Desempeñar a representación xudicial e extraxudicial do Colexio, con facultades de delegar e de acordar o exercicio de toda clase de accións, recursos e reclamacións, ante calquera autoridade, órgano, xulgado e tribunal. Poderá outorgar poderes a favor de procuradores, letrados e graduados sociais.

b) Convocar as reunións das asembleas xerais e das xuntas de goberno.

c) Fixar a orde do día dunha e outra, de acordo coa Xunta de Goberno. Presidir as reunións da Asemblea Xeral e das xuntas de goberno.

d) Dirixir as deliberacións.

e) Autorizar coa súa sinatura as actas das reunións dos órganos colexiais. As ditas actas entenderanse aprobadas se os asistentes ás reunións non formulan expresa obxección por escrito, no prazo de dez días, desde que aquelas sexan expostas no taboleiro de anuncios.

f) Autorizar a incorporación ao Colexio dos decoradores que reúnan os requisitos de admisibilidade, logo de acordo da Xunta de Goberno.

g) Dar o visto e prace e expedir as certificacións.

h) Lexitimar coa súa sinatura os libros de contabilidade e calquera outro de natureza oficial.

i) Autorizar os informes e as comunicacións que oficialmente lles dirixa o Colexio ás autoridades, corporacións e particulares.

j) Asinar os documentos necesarios para a apertura de contas correntes bancarias, depósitos, contas de crédito e, en xeral, de toda clase de operacións bancarias, e os talóns ou os cheques expedidos pola tesourería para retirar as cantidades que se necesiten.

k) Dar posesión aos membros da Xunta de Goberno.

l) Decidir co seu voto de calidade os empates nas votacións.

Artigo 41. Vicepresidente

O vicepresidente exercerá todas aquelas funcións que lle confira o presidente, asumindo automaticamente as funcións deste no caso de ausencia, enfermidade ou vacante.

Capítulo IV
Dos vogais

Artigo 42. Vogais

Serán atribucións dos vogais da Xunta de Goberno:

a) Colaborar cos titulares dos restantes cargos da Xunta de Goberno e substituílos nas ausencias, enfermidades ou en calquera outra circunstancia que cause vacante temporal.

b) Asistir cos restantes vogais, ao domicilio social do Colexio para atender o despacho dos asuntos que o requiran e ás xuntas de goberno, con voz e voto.

c) Substituír, cando a Xunta o considere preciso, pola orde de numeración dos vogais, o tesoureiro-contador e incluso o presidente ou o vicepresidente, nos casos de imposibilidade de actuación dos titulares ou en caso de vacante.

d) Desempeñar cantos cometidos lles confíen o presidente ou a Xunta de Goberno, así como as comisións para as que fosen nomeados, ou as que se constitúan para o estudo das cuestións que sexan materia do Colexio, organización de actos ou calquera outro asunto que fixe a Xunta.

CAPÍTULO V
Do tesoureiro-contador

Artigo 43. Tesoureiro-contador

Será misión do tesoureiro-contador:

a) Recadar e custodiar os fondos pertencentes ao Colexio, sendo responsable deles.

b) Asinar recibos, recibir cobramentos e realizar pagamentos coas sinaturas conxuntas do presidente e, no seu defecto, doutro membro da Xunta designado por esta.

c) Custodiar o fondo indispensable para as atencións ordinarias do Colexio, ingresando o que exceda deste límite no banco ou bancos autorizados pola Xunta de Goberno. Estas cantidades non se retirarán máis que coas sinaturas do presidente e a súa, ou no su defecto, doutro membro da Xunta designado por esta.

d) Confeccionar as contas, balances e orzamentos que se deban someter á Xunta de Goberno ou á Asemblea Xeral de colexiados, informando, en todo momento, a Xunta de Goberno sobre o seu estado económico e financeiro.

e) Dar conta á Xunta de Goberno da falta de pagamento dos colexiados para que lles reclamen as cantidades debidas ou se prevexa a pertinencia da súa baixa.

Artigo 44. Asesoría

O tesoureiro-contador poderá ser asistido por unha xestora ou asesoría contable, fiscal ou laboral, designada por acordo da Xunta de Goberno, para as funcións propias do seu cargo.

CAPÍTULO VI
Do secretario

Artigo 45. Nomeamento

O secretario será o asesor xurídico do Colexio e non formara parte da Xunta de Goberno, tendo voz nela pero non voto.

Artigo 46. Funcións

Corresponderalle ao secretario:

a) Redactar as actas das reunións.

b) Dar fe da toma de posesión de todos os membros da Xunta de Goberno.

c) Expedir certificacións.

d) Dar conta á Xunta de Goberno dos asuntos do Colexio e das comunicacións dos colexiados.

e) Asinar por si, ou co presidente, en caso necesario, as ordes, correspondencia ordinaria de mero trámite e demais documentos administrativos.

f) Coidar o arquivo dos documentos pertencentes ao Colexio e de cuxa custodia será responsable, evitando a súa saída da sede colexial salvo por causa ineludible ou por forza maior.

g) Levar o libro de actas das reunións das asembleas xerais, ordinarias e extraordinarias, e da Xunta de Goberno.

h) Levar por si, auxiliado polo persoal de oficina no que poida delegar, o libro de colexiados, no que se fará constar os nomes e os apelidos destes, as escolas das que proceden, as especialidades que teñan cursadas, a data de expedición do título, as datas da solicitude de ingreso e da incorporación, o domicilio, a empresa na que presta os servizos e, se é o caso, se exerce a profesión libremente. O antedito libro será actualizado e posto ao día segundo vaia comunicando cada colexiado as modificacións na súa situación.

i) En xeral, todos os que lle confiran os regulamentos particulares e os acordos adoptados pola Xunta de Goberno.

CAPÍTULO VII
Dos servizos do Colexio

Artigo 47. Servizos do Colexio

O Colexio dispoñerá dun servizo de asesoría xurídica á disposición dos colexiados con dereito a este, así como os servizos que consideren precisos para o desenvolvemento dos fins do Colexio e para o cumprimento do seu labor asistencial, cuxo persoal será nomeado e cesado pola Xunta de Goberno.

Contará cun portelo único na páxina web onde se informará de todo o relativo ao Colexio de conformidade coa Lei ómnibus, ao que poden acceder todas as persoas, así como o acceso ao rexistro de colexiados e sociedades profesionais.

Na dita páxina web existirá un punto para atención dos consumidores e usuarios, na que existirán formularios para presentación de queixas e reclamacións. Tamén conterá a memoria anual que informará das actividades do Colexio, estando á súa disposición despois da celebración da Asemblea Xeral a celebrar no primeiro trimestre do ano. Ademais conterá os procedementos de colaboración entre os colexios de distinto ámbito territorial e mecanismos para transmisións de datos entre os distintos colexios e o Consello Xeral.

TÍTULO IV
Réxime de distincións e premios

Artigo 48. Membros de honra, premios e distincións

1. A Xunta de Goberno poderá nomear membros honoríficos ás persoas naturais, sexan ou non decoradores, que a xuízo da mesma merezan tal distinción polos seus destacados servizos ao Colexio ou á profesión.

2. Así mesmo, poderán concederlles premios e distincións especiais aos colexiados que segundo a Xunta de Goberno o merezan.

TÍTULO V
Réxime disciplinario

CAPÍTULO I
Facultades disciplinarias do Colexio e dereitos dos colexiados

Artigo 49. Normas xerais e competencia

1. A Xunta de Goberno poderá sancionar os membros do seu Colexio por aqueles actos que infrinxan os deberes colexiais, profesionais ou deontolóxicos.

2. As sancións disciplinarias faranse constar, en todo caso, no expediente persoal do colexiado, axustándose aos principios que rexen a potestade sancionadora e o procedemento sancionador das administracións publicas.

Artigo 50. Acordo de suspensión

1. O acordo de suspensión, por máis de seis meses ou de expulsión, deberá ser tomado exclusivamente pola Xunta de Goberno, mediante votación secreta e coa conformidade das dúas terceiras partes dos membros que a compoñen.

2. Se o acordo se refire a algún dos membros da xunta, coñecerá o expediente o Consello Xeral dos Colexios Oficiais de Decoradores e de Deseñadores de Interior de España.

Artigo 51. Información previa

1. A Xunta de Goberno poderá iniciar un procedemento de información previa, co fin de coñecer as circunstancias do caso concreto e a conveniencia ou non de proceder á apertura do expediente disciplinario.

2. Finalizadas as actuacións de tal información e, en todo caso, no prazo de trinta días naturais desde a resolución que acordou abrir esta, a Xunta de Goberno ditará resolución pola que se decidirá a apertura do expediente disciplinario, ou ben o arquivo das actuacións.

Artigo 52. Dereitos

Os colexiados respecto de quen se sigan procedementos disciplinarios terán os seguintes dereitos:

a) Á presunción de inocencia.

b) A ser notificados dos feitos que lles imputen, das infraccións que tales feitos poidan constituír e das sancións que, se é o caso, se lles puidesen impoñer, así como da identidade do instrutor e do órgano competente para impoñerlle a sanción.

c) A absterse de declarar no procedemento seguido na súa contra, formular alegacións e utilizar os medios de defensa admitidos polo ordenamento xurídico que resulten procedentes.

CAPÍTULO II
Das faltas e sancións

Artigo 53. Clasificación das faltas

As faltas que poidan levar consigo sanción disciplinaria clasifícanse en moi graves, graves e leves.

Artigo 54. Faltas moi graves

Son faltas moi graves:

a) A prestación de servizos profesionais con incumprimento dos requisitos especificados no artigo 11.

b) Os actos e omisións que constitúan ofensa grave á dignidade da profesión ou ás regras éticas que a gobernan.

c) O atentado contra a dignidade e a honra das persoas que constitúen a Xunta de Goberno cando actúen no exercicio das súas funcións e contra os demais compañeiros con ocasión do exercicio profesional, así como ao persoal ao servizo do Colexio.

d) A comisión de delitos dolosos, en calquera grao de participación, como consecuencia do exercicio da profesión, con condena en sentenza firme.

e) A realización de actividades, constitución de asociacións, pertenza a estas cando teñan como fins ou realicen funcións que sexan propias dos colexios ou os interfiran dalgún modo.

f) O encubrimento de intrusismo profesional e a participación en feitos de competencia desleal na profesión.

g) Cando sobre o colexiado recaese condena en sentenza firme por feito gravemente afrentoso.

h) A reiteración de queixas por parte do cliente ante o Colexio pola actuación profesional do deseñador/decorador, sempre que estas sexan fundadas.

i) A vulneración do segredo profesional.

j) A reiteración de dúas faltas graves nun mesmo ano.

Artigo 55. Faltas graves

Son faltas graves:

a) O incumprimento grave das normas estatutarias ou dos acordos adoptados polo consello xeral ou polo Colexio, salvo que constitúa falta moi grave.

b) A falta de respecto aos compoñentes da Xunta de Goberno cando actúen no exercicio das súas funcións ou ao persoal ao servizo do Colexio.

c) Os actos de desconsideración manifesta cara aos compañeiros no exercicio da actividade profesional.

d) A vulneración dos deberes da profesión, e en particular, os que afecten de modo grave á dignidade da profesión.

e) Incumprir as normas colexiais sobre o visado profesional, cando este sexa solicitado.

f) Os actos e omisións descritos nas letras a) e c) do artigo anterior cando non tivesen entidade suficiente para ser considerados como moi graves.

g) A embriaguez ou a toxicomanía habitual que lle afecte gravemente o exercicio da profesión.

h) A reiteración de dúas faltas leves nun mesmo ano.

Artigo 56. Faltas leves

Son faltas leves:

a) A falta de respecto aos membros da Xunta de Goberno no exercicio das súas funcións e o persoal ao servizo do Colexio, cando non constitúa falta moi grave ou grave.

b) A neglixencia no cumprimento das normas estatutarias.

c) As infraccións dos deberes que a profesión impón.

d) Os enumerados no artigo anterior cando non tivesen entidade suficiente para seren considerados como graves.

Artigo 57. Sancións

As sancións que se poden impoñer son:

1. Por faltas moi graves:

a) Para as das letras a), b), c), d), e), f), g), h) i),e j) do artigo 54, será de suspensión do exercicio da profesión de decorador por un prazo superior a tres meses sen exceder dos dous anos, sen prexuízo do establecido nos tres últimas alíneas da letra b).

b) Para as das letras h) e i), expulsión do Colexio, logo de ratificación da dita sanción polo Consello Xeral de Colexios de Deseñadores/Decoradores de España.

2. Por faltas graves:

Suspensión do exercicio da profesión de decorador por un prazo non superior a seis meses.

3. Por faltas leves:

a) Apercibimento por escrito.

b) Reprensión privada.

Artigo 58. Procedemento sancionador

1. O procedemento sancionador comezarao e instruirao a Xunta de Goberno, conforme o procedemento que se regula nos puntos seguintes.

2. O procedemento disciplinario comezara de oficio pola Xunta de Goberno ou, se é o caso, en virtude da denuncia asinada por un colexiado ou por un terceiro con interese lexitimo. As presuntas faltas irán acompañadas das probas oportunas.

3. Cando medie denuncia, a Xunta de Goberno disporá a apertura dun trámite de admisión previa, no que tras analizar os antecedentes dispoñibles, poderá ordenar o arquivo das actuacións ou dar tramite ao expediente.

4. O acordo polo que se inicie un expediente disciplinario deberá recoller a identificación da persoa ou persoas presuntamente responsables, os feitos sucintamente expostos que motivan a incoación do expediente disciplinario, a súa posible cualificación e as sancións que puideran corresponder, sen prexuízo do que resulte da instrución, así como a indicación do dereito a formular alegacións e á audiencia no procedemento no prazo de 15 días.

5. A Xunta de Goberno dará traslado do acordo de incoación do expediente aos interesados e, en todo caso, ao presunto responsable da infracción.

6. O procedemento disciplinario desenvolverase e axustarase aos principios que regulan o dereito sancionador do Real decreto 1389/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora das administracións públicas.

7. A Xunta de Goberno adoptará os seus acordos por maioría, con todos os membros presentes, salvo causa de incompatibilidade, abstención, recusación ou escusa fundada, sen que ningún deles poida absterse na votación ou votacións que se produzan.

8. Os acordos serán motivados, apreciando a proba practicada segundo as regras da sá crítica, dilucidando as cuestións esenciais alegadas ou resultantes do expediente e determinando, se procede, as infraccións e a súa fundamentación, con cualificacións da súa gravidade. Así mesmo, fará expresa indicación da identidade das persoas que asuman a instrución, do órgano competente para impor a sanción e da norma que lle atribúe tal competencia.

9. O acordo da Xunta de Goberno poderá ser absolutorio por inexistencia de conduta sancionable ou por falta de probas, sobresemento por prescrición das faltas, ou sancionador impoñendo neste último suposto a sanción que estimen correspondente.

10. O acordo será notificado aos interesados con indicación dos recursos que contra este se poidan interpoñer.

11. Concluídas as anteriores actuacións e a vista destas, o instrutor nomeado pola Xunta de Goberno, formula a correspondente proposta de resolución que fixará con precisión os feitos imputados ao expedientado e expresará a infracción supostamente cometida e as sancións que se propón impoñer.

12. No expediente son utilizables todos os medios de proba admisible no dereito, dilatándose o dito período de proba durante un prazo non inferior a 10 días nin superior a 30 días, correspondendo ao instrutor a práctica das que estime oportunas ou as que el mesmo poida acordar. Das audiencias e probas practicadas existirá constancia escrita no expediente.

13. En atención á proba practicada, o instrutor decidirá se propón á Xunta de Goberno, o sobresemento do expediente se non aprecia indicios de ilícito disciplinario, ou continuar a instrución do expediente disciplinario.

14. A resolución da Xunta de Goberno que declare o sobresemento do expediente disciplinario será inmediatamente notificada aos interesados.

15. Desta proposta darase traslado ao expedientado, ao que se concederá audiencia para que formule as alegacións que estime oportunas ou convenientes ao seu dereito no prazo de 15 días.

16. Concluída a instrución do expediente disciplinario, o instrutor dará conta da súa actuación e remitirá a correspondente proposta de resolución, xunto con todos os documentos, testemuñas, actuacións, actos administrativos, notificacións e demais dilixencias que se teñan realizado no procedemento, á Xunta de Goberno para que adopte as resolucións que estime procedentes. A Xunta de Goberno, antes de resolver, poderá dispor da práctica de novas dilixencias, coa conseguinte redacción de nova proposta de resolución.

17. A resolución da Xunta de Goberno terá que ser motivada e decidir todas as cuestións presentadas e non poderá versar sobre feitos distintos dos que serviron de base á proposta de resolución.

18. Na notificación da resolución expresaranse os recursos que procedan contra ela, os órganos colexiais ou xudiciais ante os que deban presentarse e os pazos para interpolos.

19. Contra a resolución que poña fin ao expediente disciplinario poderase recorrer ante a Xunta de Goberno.

Artigo 59. Recursos

1. Os actos e acordos dos órganos do Colexio ou os actos de trámite, se estes últimos deciden directa e indirectamente o fondo do asunto, determinan a imposibilidade de continuar o procedemento, producen indefensión ou prexuízo irreparable aos dereitos e intereses lexítimos, poderán ser impugnados no prazo dun mes, ante a Comisión de Recursos, que resolverá e notificará a resolución que corresponda no prazo máximo de tres meses.

2. A Comisión de Recursos é o órgano colexiado competente para resolución dos recursos que, de acordo con estes estatutos, se interpoñan contra os actos dos órganos de goberno do Colexio.

3. A Comisión de Recursos non está sometida a instrucións xerárquicas do órgano da dirección do Colexio, actuando conforme os principios, garantías, prazos e procedementos da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. A Comisión de Recursos estará formada por cinco membros elixidos democraticamente cada dous anos por Asemblea Ordinaria entre colexiados exercentes con experiencia e aptitudes para o desempeño das súas funcións; non poderán formar parte daquela as persoas que compoñan os órganos de goberno do Colexio.

5. A Comisión de Recursos reunirase, cando sexa necesario, e será convocada ao efecto polo presidente da Comisión ou polo 20 por cento dos seus membros, existindo un presidente e un secretario que serán designados polos membros da propia comisión na súa primeira reunión una vez elixidos, e os seus acordos serán por maioría, con voto decisivo do presidente en caso de empate. Para a válida constitución da Comisión, será necesario que asistan como mínimo tres dos seus membros.

6. As resolucións do recurso regulado no punto anterior esgotan a vía administrativa, polo que poden ser impugnados ante a xurisdición contencioso-administrativa, de acordo co que dispón a Lei reguladora desta xurisdición.

CAPÍTULO III
Prescrición e rehabilitación

Artigo 60. Prescrición

As faltas que determinan sanción disciplinaria prescribirán, se son leves, aos seis meses; se son graves, aos dous anos, e se son moi graves, aos catro anos, dos feitos que as motivaron.

Artigo 61. Rehabilitación

61.1. Os sancionados poderán pedir a súa rehabilitación nos seguintes prazos, contados desde o cumprimento da sanción:

a) Se fose por falta leve, aos seis meses.

b) Se fose por falta grave, aos dous anos.

c) Por falta moi grave, aos catro anos.

d) Se consistise en expulsión, o prazo será de cinco anos.

61.2. A rehabilitación solicitarase á Xunta de Goberno, e levará consigo a cancelación da nota do seu expediente persoal.

TÍTULO VI
Réxime xurídico dos actos do Colexio

Artigo 62. Execución dos acordos

Tanto os acordos da Asemblea Xeral como os da Xunta de Goberno serán inmediatamente executivos, salvo acordo motivado en contrario pola propia Xunta.

Artigo 63. Libros de actas

1. No Colexio levaranse obrigatoriamente, baixo a responsabilidade do secretario, dous libros de actas onde se transcribirán separadamente as que lle corresponden á Asemblea Xeral e á Xunta de Goberno.

2. As anteditas actas deberán ser asinadas polo presidente ou por quen nas súas funcións presidise a asemblea ou a Xunta e polo secretario, ou quen desempeñase estas funcións nela.

Artigo 64. Nulidade de actos e acordos

1. Son nulos de pleno dereito os actos dos órganos colexiais nos que se dean algúns dos seguintes supostos: os manifestamente contrarios á lei, os adoptados con incompetencia notoria, aqueles que o seu contido sexa imposible ou sexa constitutivo de delito, os ditados prescindindo total ou absolutamente do procedemento legalmente establecido para iso ou das normas que conteñen as regras esenciais para a formación da vontade dos órganos colexiados.

2. A Xunta de Goberno deberá, en todo caso, suspender e formular un recurso contra os actos nulos de pleno dereito.

Artigo 65. Recursos contra os actos e os acordos da Xunta de Goberno

1. Os actos e os acordos emanados da Xunta de Goberno poderán ser obxecto de recurso ante a propia Xunta no prazo de quince días naturais, contados a partir do día seguinte a aquel no que se adoptasen ou, se é o caso, notificado aos colexiados ou ás persoas a quen lles afecten.

2. De ser desestimado este, ou non formular contestación no prazo de dous meses desde a súa presentación, poderase formular recurso ante o Consello Xeral dos Colexios Oficiais de Decoradores de España, dentro do prazo de vinte días naturais, desde a contestación ou do transcurso do mes no caso de falta de contestación; o recurso será presentado ante a Xunta de Goberno que ditou o acto, o cal se deberá elevar, cos antecedentes e os informes que proceda ao Consello Xeral dos Colexios Oficiais de Decoradores de España, dentro dos quince días seguintes á data de presentación.

3. O Consello Xeral, logo dos informes que considere procedentes, deberá ditar resolución expresa no prazo de seis meses.

4. Ao formularse o recurso, o recorrente poderá solicitar, e a Xunta de Goberno, ou o Consello, se é o caso, poderán acordar discrecionalmente suspender a execución do acordo recorrido.

Artigo 66. Recurso contencioso-administrativo

Os actos emanados da Xunta de Goberno e do Consello Xeral, despois de esgotar os recursos corporativos, serán directamente recorribles ante a xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 67. Prazos

O mes de agosto considérase inhábil.

TÍTULO VII
Dos recursos económicos do Colexio e da auditoría anual

Artigo 68. Recursos ordinarios e extraordinarios

1. Os recursos económicos do Colexio serán: ordinarios e extraordinarios.

2. Serán recursos ordinarios os seguintes:

a) As cotas xerais de ingreso que se establezan.

b) As cotas periódicas que se establezan, primordialmente para atender o orzamento xeral de gastos. Poderanse acordar pola Xunta reducións das cotas para os colexiados antes da presentación do seu primeiro traballo profesional para visar.

c) As rendas, froitos, xuros e dereitos que se obteñan dos bens que o Colexio posúa.

d) Os ingresos que procedan de publicacións, impresos, subscricións, servizos, certificacións, ditames, asesoramentos e calquera outra cantidade acreditada polos demais servizos.

e) Os ingresos procedentes do rexistro e visado dos proxectos dos colexiados.

3. Serán recursos extraordinarios os seguintes:

a) As cotas extraordinarias que se aproben.

b) As cotas especiais para o alzamento das cargas corporativas.

c) As subvencións ou donativos oficiais de calquera tipo ou procedencia.

d) Os bens mobles ou inmobles ou as cantidades efectivas ou doazóns ou calquera outro título lucrativo que entren a formar parte do capital do Colexio.

e) As cantidades ou os bens que por calquera outro concepto non especificado poida recibir.

Artigo 69. Aprobación da Xunta de Goberno

Os recursos extraordinarios para ser recibidos necesitarán a aprobación da Xunta de Goberno do Colexio.

Artigo 70. Auditorías

Se o solicitase e o acordase a Asemblea Xeral en cada exercicio orzamentario, que coincidirá con cada anualidade, levarase a cabo unha auditoría externa co contido e as formalidades aplicables, segundo a normativa fiscal e administrativa en vigor en cada momento.

TÍTULO VIII
Función cultural, formativa e asistencial do Colexio

Artigo 71. Creación de comisións

Para a contribución á formación profesional, creación de axudas e bolsas de estudo, actos culturais e de información, publicacións e calquera outros medios idóneos para tales fins, a Xunta de Goberno constituirá, cos vogais que ela designe, as comisións que crea convenientes para que por elas mesmas ou de acordo con outras institucións ou organismos coiden, en especial, do cumprimento dos ditos fins.

Artigo 72. Funcións

Corresponderá ás anteditas comisións:

a) Organizar conferencias e coloquios sobre temas da profesión, procurando obter para estes efectos a colaboración de destacados profesionais nacionais e estranxeiros.

b) Facilitar a práctica aos alumnos de decoración nos estudos dos colexiados.

c) Organizar cursos e conferencias que axuden á formación dos colexiados no desenvolvemento do seu exercicio profesional.

d) Convocar concursos e certames de índole profesional entre os colexiados.

e) Asistir a feiras e exposicións.

f) Editar publicacións profesionais.

g) Calquera outras de natureza análoga.

Artigo 73. Labor asistencial do Colexio

O Colexio desenvolverá o máis amplo labor asistencial que as súas posibilidades económicas lle permitan, por medio da Xunta de Goberno ou polas comisións que para tal fin se constitúan, dirixida preferentemente a:

1. Facilitar a contratación entre decorador e cliente, elaborando impresos-modelo para esta.

2. Encargarse de cobrar as percepcións, as remuneracións ou os honorarios profesionais cando o colexiado llo solicite libre e expresamente.

3. Visar os traballos profesionais, nos termos previstos na normativa reguladora nesta materia.

4. Prestarlles asesoramento xurídico aos colexiados nas incidencias que xurdan por causa do exercicio da profesión.

5. Organizar un sistema de aseguramento das responsabilidades civís profesionais e de auxilio e previsión, asistencia, etc, a través dos cales se poida levar a cabo e desenvolverse coa máxima amplitude e eficacia os principios de cooperación, auxilio e asistencia sociais.

TÍTULO IX
Modificación dos estatutos

Artigo 74. Requisitos para modificar os estatutos

Para modificar os estatutos esixirase un acordo da Asemblea Xeral extraordinaria a instancia dun quórum mínimo do 25 % do total dos colexiados e, no caso de que a asemblea que o acorde, non reúna un quórum de asistencia mínimo do 50 % de colexiados que exercen, o tema deberá ser tratado noutra asemblea, tamén de carácter extraordinario, que poderá adoptar o acordo por maioría simple e sen esixir un quórum especial de asistencia.

TÍTULO X
Procedemento de disolución e réxime de liquidación

Artigo 75. Requisitos e lexislación aplicable

1. O acordo de disolución ou fusión con outro Colexio de ámbito superior requirirá o acordo da Asemblea Xeral, por instancia do 25 % dos colexiados exercentes, adoptado por maioría do 50 % do total dos colexiados.

2. No non previsto, haberá que aterse en todo o que sexa de aplicación ao que dispoña a normativa vixente en materia de colexios profesionais, e no seu defecto, ás normas sobre disolución e liquidación establecidas para as sociedades anónimas; polo que se entenderá que, cando fala de socios, se refire aos colexiados.

Artigo 76. Réxime xurídico do Colexio

No non establecido nestes estatutos, aplicarase:

Lei 2/1974, do 13 de febreiro, de colexios profesionais, publicada no BOE con data do 15 de febreiro de 1974 e a Lei 7/1997, do 14 de abril, así como o Real decreto lei 6/2000, do 23 de xuño.

Lei 1/2010, do 11 de febreiro de Galicia de modificacións de leis, para adaptalas á directiva 2006/123CE, do Parlamento Europeo.

Así como Lei 11/2001, do 18 de setembro, de Galicia de colexios profesionais.

O Decreto 161/1997, do 5 de xuño, da Xunta de Galicia, polo que se regulan os consellos galegos de colexios profesionais.

Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición transitoria

As situacións creadas e os dereitos adquiridos de conformidade co réxime anteriormente en vigor serán respectados.