Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Luns, 8 de xuño de 2015 Páx. 22246

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

ANUNCIO do 13 de maio de 2015, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 13 de maio de 2015 relativa ao deslindamento entre as comunidades de montes veciñais en man común da Mezquita e A Esculqueira, no concello da Mezquita.

Examinada a solicitude de conciliación formulada polas CMVMC da Mezquita e a CMVMC da Esculqueira, resultan os seguintes:

Feitos:

Primeiro. Con data do 11 de marzo de 2014 os presidentes das comunidades de montes veciñais en man común da Mezquita e da Esculqueira, ambas do concello da Mezquita, solicitaron a aprobación dun deslindamento realizado entre ambas as comunidades. Os interesados achegaron coa solicitude a acta de conciliación realizada ante o Xulgado de Paz, certificacións do nomeamento dos presidentes e das actas das asembleas en que as dúas comunidades aproban os novos lindes, así como a acta de deslindamento parcial entre os montes da Mezquita e A Esculqueira.

Segundo. Con data do 8 de outubro de 2014, o Servizo de Montes informou que a documentación achegada cumpre as exixencias previstas no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e que o deslindamento realizado establece o límite entre ambos os montes dun xeito claro e inequívoco.

Terceiro. Na acta de conciliación descríbense os lindes entre os montes da maneira seguinte:

Os montes veciñais en man común da Mezquita e A Esculqueira limitan na parte sur do primeiro e na parte norte do segundo. O límite comeza nunha pedra a modo de marco cunha cruz gravada, coñecida como Fraga da Marrá, no límite entre os concellos da Gudiña e A Mezquita, no extremo suroeste, segundo una liña recta ata o Alto do Mosqueiro, do cal parte a mesma aliñación ata a estrada que une os núcleos de poboación da Mezquita-A Esculqueira, seguindo ata o Lombeiro de Matafillas e una pedra situada na paraxe coñecida como O Olliño, do cal parte una liña recta ata o Alto de Rebordín, do cal parte a mesma aliñación ata as Veigas de Lamadegrúa, no cal limitarían ambas as comunidades con Chaguazoso.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A presente resolución dítase ao abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se seguirá no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o xurado provincial de montes veciñais en man común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, o Xurado Provincial en Man Común, de acordo co informe favorable do Servizo de Montes do 8 de outubro de 2014, acordou por unanimidade o día 29 de abril de 2015:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas CMVMC da Mezquita e a CMVMC da Esculqueira, de acordo co exposto no feito terceiro.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta resolución, de acordo co disposto no artigo 12 da Lei 13/1989 (citada), nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 13 de maio de 2015

Yago Borrajo Sánchez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes
Veciñais en Man Común de Ourense