Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Luns, 8 de xuño de 2015 Páx. 22248

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

ANUNCIO do 20 de maio de 2015, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 20 de maio de 2015 relativa ao acordo de fusión do monte Fontes Vellas e o de Carqueixal e A Costa, nun denominado A Freca, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Pedro, A Reboreda, Carbuíz e Espadanedo, no concello de Xunqueira de Espadanedo.

Examinada a solicitude de fusión formulada polas CMVMC dos montes veciñais en man común Fontes Vellas e Carqueixal e A Costa, resultan os seguintes:

Antecedentes:

Primeiro. Con data do 23 de decembro de 2013 Benito Garrido de Dios presentou un escrito no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia en Ourense (número de entrada 40324/rx 987122) en que solicitaba que o monte veciñal en man común Fontes Vellas, do que é comuneiro, se fusionase co monte colindante (Carqueixal e A Costa), debido á imposibilidade de formar unha xunta reitora ao non haber veciños nin comuneiros suficientes no monte veciñal Fontes Vellas. Coa citada solicitude achegaba, entre outra documentación, a acordo favorable á fusión acadado pola CMVMC propietaria do monte veciñal en man común Carqueixal e A Costa.

Segundo. Con data do 26 de xaneiro de 2015 o Servizo de Montes emitiu informe en que se fan constar as seguintes consideracións:

• Que o monte veciñal en man común Fontes Vellas, pertencente á CMVMC da Reboreda, está integrada por un único comuneiro que á súa vez é comuneiro do monte Carqueixal e A Costa.

• Considérase que a unificación pode favorecer a xestión dos montes veciñais implicados.

• Polo que se informa favorablemente o acordo acadado polas respectivas asambleas de unificar as respectivas comunidades e montes, resultando un único MVMC denominado A Freca, pertencente á CMVMC San Pedro, A Reboreda, Carbuíz e Espadanedo.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. Corresponde a competencia para examinar a referida solicitude ao Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común, de acordo coas competencias que lle outorga a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o regulamento para a execución da Lei de montes veciñais en man común.

Segundo. O artigo 15 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, establece que as comunidades de veciños, logo de acordo da asemblea xeral, poderán mancomunarse para a mellor defensa dos seus intereses e consecución dos seus obxectivos.

O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu informe favorable con data 26 de xaneiro de 2015 á unificación dos montes veciñais en man común Fontes Vellas e Carqueixal e A Costa, na medida en que pode favorecer a xestión dos montes veciñais implicados. De acordo cos feitos e consideracións legais expostas, o Xurado Provincial en Man Común acordou por unanimidade o día 29 de abril de 2015:

Aprobar o acordo de fusión acadado polas CMVMC dos montes veciñais en man común Fontes Vellas e Carqueixal e A Costa, resultando un único MVMC denominado A Freca, pertencente á CMVMC San Pedro, A Reboreda, Carbuíz e Espadanedo.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no plazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta resolución, de acordo co disposto no artigo 12 da Lei 13/1989 (citada), nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 20 de maio de 2015

Yago Borrajo Sánchez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes
Veciñais en Man Común de Ourense