Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Venres, 12 de xuño de 2015 Páx. 23221

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 5 de xuño de 2015 pola que se convoca un curso de patrón para navegación básica (PNB).

O artigo 43 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, establece que o persoal do sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia estará formado tanto por persoal de carácter profesional de servizos que realicen algunha actividade relacionada coa xestión de riscos e de emerxencias como por persoal voluntario de entidades ou organizacións públicas ou privadas sen ánimo de lucro que teñan como fin a protección de persoas, dos bens e do ambiente en situacións de xestión de riscos e de emerxencias. Segundo o artigo 44 da citada lei, este persoal organizarase en grupos operativos.

Por Resolución do 2 de agosto de 2010 publicouse o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) onde se establece a estrutura de dirección e coordinación e as unidades organizativas para facer fronte dun xeito coordinado ás emerxencias que poidan producirse en Galicia derivadas de riscos naturais, tecnolóxicos ou antrópicos.

Dentro das actividades programadas para o ano 2015, e conforme o establecido no artigo 46 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, e na Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), anúnciase a convocatoria dun curso de patrón para navegación básica (PNB) conforme as seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Tipo

Curso

Denominación

Patrón para navegación básica (PNB)

Modalidade

Semipresencial

Edicións

1

Horas lectivas

20

Prazas

20

2. Obxectivos e contido.

Obxectivos: adquirir coñecementos de navegación, así como a capacitación necesaria para poder pilotar unha embarcación no desenvolvemento das funcións encomendadas.

Os que obteñan o título terán atribucións para o manexo de embarcacións de ata 8 metros de eslora, así como para o manexo de toda clase de motos acuáticas.

Contido:

Teórico:

Unidade teórica 1. Nomenclatura náutica.

Unidade teórica 2. Elementos de amarre e fondeadura.

Unidade teórica 3. Seguridade no mar.

Unidade teórica 4. Lexislación.

Unidade teórica 5. Balizamento.

Unidade teórica 6. RIPA (Regulamento internacional para previr abordaxes no mar).

Radiocomunicacións: coñecemento xeral das radiocomunicacións no servizo móbil marítimo.

Práctico:

1. Seguridade e comprobación antes de saír ao mar.

2. Motores.

3. Cordame.

4. Manobras.

5. Fondeadura, vixilancia e control da derrota.

6. Manobras de seguridade.

Radiocomunicacións: coñecemento práctico detallado e aptitude para utilizar os equipamentos de radiocomunicacións.

3. Destinatarios/as e requisitos de participación.

a) Destinatarios/as: persoal voluntario de agrupacións de voluntarios de protección civil.

Este persoal forma parte do sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia (artigos 43 e 44 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia).

b) Requisitos de participación: os/as solicitantes que sexan voluntarios/as de protección civil deben ter superado con anterioridade o curso básico de protección civil, e terán preferencia os/as que o fixeron no ano 2014 ou anteriores.

4. Desenvolvemento e requisitos da actividade.

O curso será impartido por unha escola homologada pola Xunta de Galicia e constará dunha parte presencial e unha parte en liña a través da internet.

Parte teórica presencial do curso: realizarase na Academia Galega de Seguridade Pública (avenida da Cultura, s/n, A Estrada, Pontevedra) e constará de:

• Xornada de presentación do curso e entrega de documentación (2 horas lectivas).

• Tres clases presenciais (4 horas lectivas cada unha).

As datas e horarios concretos comunicaranse aos alumnos seleccionados coa suficiente anticipación.

Exame: ao finalizar a parte teórica presencial os alumnos deberán superar un exame nunha das escolas oficiais náutico pesqueiras dependentes da Consellería do Medio Rural e do Mar.

A data e a hora concreta deste exame seralle comunicada ao alumnado coa suficiente anticipación.

Os requisitos para poder presentarse ao exame teórico son os seguintes:

• Ter 18 anos feitos no momento do exame ou 16 co permiso dos pais.

• Ter entregado a seguinte documentación ao coordinador do curso no prazo requirido para o efecto:

– Instancia de solicitude de participación no exame.

– Xustificante de ter aboado as taxas.

– Certificado psicotécnico expedido por calquera centro homologado.

– Fotocopia do DNI.

– Foto tamaño carné.

As taxas que deben aboar os alumnos para participar no exame son as seguintes:

• Taxas da Consellería do Medio Rural e do Mar en concepto de dereitos de exame que deberán ser pagados con anterioridade á realización do exame: 29,45 €.

• Taxas da Consellería do Medio Rural e do Mar en concepto de expedición do carné acreditativo da titulación acadada, que pagará o alumno unha vez aprobado o exame e feitas as prácticas: 50,01 €.

Prácticas: os alumnos que superen o exame poderán realizar as prácticas obrigatorias, que son as seguintes:

• Práctica de seguridade e navegación: 8 horas nunha embarcación homologada da escola náutica que desenvolva o curso, en datas que se convirán cos alumnos.

• Curso de formación en radiocomunicacións: 4 horas, 2 teóricas e 2 prácticas en simuladores homologados da escola náutica homologada que desenvolva o curso, en datas que se convirán cos alumnos.

Uniformidade: é obrigatorio asistir ao curso co uniforme de traballo. As persoas que incumpran esta norma poderán ser dadas de baixa na actividade.

Normas de comportamento: non se permitirá que o alumnado realice fotografías ou calquera tipo de gravación audiovisual do desenvolvemento do curso.

5. Inscrición.

a) O persoal que desexe participar no curso convocado nesta resolución deberá inscribirse na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.es .

Non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

b) Con carácter previo á inscrición é necesario darse de alta como usuario da páxina web da Agasp. Nesta alta previa é imprescindible facilitar unha conta persoal de correo electrónico.

c) O prazo de inscrición é de 12 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

A inscrición poderá realizarse ata as 14.00 horas da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que reúnan os requisitos do curso, poderá completarse o alumnado asignado a este mediante a apertura dun novo prazo público de presentación de solicitudes na páxina web da Agasp, con suficiente anticipación para que teña lugar unha adecuada selección das persoas candidatas.

d) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información, poderán dirixirse á Agasp a través dos números de teléfono 886 20 61 12, 886 20 61 37 e 886 20 61 38, do fax: 886 20 61 23 ou do enderezo de correo electrónico formacion.emerxencias.agasp@xunta.es , que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

e) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

6. Criterios de selección do alumnado participante.

6.1. Na selección terán preferencia as persoas que sexan membros de agrupacións de voluntarios de protección civil (AVPC) que pola súa situación xeográfica sexan susceptibles de utilizar embarcacións para os seus operativos e sexan designadas polos responsables da súa AVPC como as idóneas para recibir esta formación con base nas súas funcións dentro da agrupación.

6.2. Dentro do prazo de presentación de solicitudes, os responsables das AVPC deberán enviar cuberto e asinado o anexo desta convocatoria indicando a/as persoas designadas para recibir esta formación por orde de preferencia.

O anexo cuberto e asinado poderá enviarse por correo electrónico ao enderezo formacion.emerxencias.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 23.

6.3. Admitirase como máximo un aspirante por cada AVPC que remita o citado anexo cuberto e asinado.

En caso de que despois de aplicar os criterios anteriores queden prazas vacantes, admitirase un novo aspirante, dentro dos incluídos polas AVPC nos anexos I enviados en prazo ata completar o número de prazas.

6.4. Se despois de aplicar os criterios anteriores houber empate ou quedaren prazas vacantes, terán preferencia as persoas con menos cursos feitos na Agasp nos últimos dous anos.

7. Publicación das relacións do persoal seleccionado.

A Agasp publicará na súa páxina web ( http://agasp.xunta.es ) unha relación das persoas seleccionadas para participaren en cada curso, así como un número adecuado de reservas, de acordo co disposto no artigo 59.6 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Ademais, para unha maior difusión, serán informados da súa selección a través do correo electrónico e tamén, para quen facilite un número de teléfono móbil, a través de mensaxe telefónica.

De acordo co establecido no artigo 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp, as persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a imposibilidade de asistir con polo menos 48 horas de anticipación ao comezo desta. A devandita renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formación.emerxencias.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 23.

8. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado por Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 4 de febreiro de 2009 (DOG núm. 30, do 12 de febreiro).

9. Faltas de asistencia.

O Regulamento de réxime interior da Agasp mencionado na base núm. 8 desta convocatoria regula no seu artigo 16 as faltas de asistencia nos cursos:

«1. A asistencia ás clases e actividades comprendidas no programa do curso é obrigatoria. As faltas que as/os alumnas/os acumulen deberán xustificarse debidamente e, en caso contrario, penalizaranse disciplinariamente.

2. A/o alumna/o que, por enfermidade ou algunha outra causa xustificada, perda máis do 10 % das clases do curso de formación será declarado non apto e poderá incorporarse ao curso seguinte ou cando a causa determinante llo permitir.

De ser necesario, e só nos casos en que a inasistencia ás clases estea motivada por accidente ou lesión sufridos con ocasión da actividade académica, o director xeral poderá considerar a conveniencia ou a oportunidade de permitir ao/á alumno/a poder recuperar ata un determinado número de horas e participar posteriormente nun exame extraordinario para poder superar o curso sen ter que repetilo.

3. No entanto, aínda que as ausencias acumuladas non cheguen á porcentaxe sinalada, a/o alumna/o poderá verse obrigado a recuperar todas ou parte das horas perdidas ao longo do curso. Neste caso, a xefatura de ensino proporá ao director xeral o número de horas que se van recuperar, tendo en conta, en cada caso concreto, o tipo de xustificación presentada para cada ausencia, así como o número total destas e o comportamento e actitude da/do alumna/o ao longo do curso».

10. Certificado de aproveitamento.

Ao finalizar a actividade entregaráselles un certificado de aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada e superen o exame na Escola Náutico Pesqueira.

11. Facultades da Agasp.

A Agasp poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá suprimir o curso, ampliar novas edicións ou suspendelo temporalmente cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia.

A Estrada, 5 de xuño de 2015

Luis Menor Pérez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública

missing image file