Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Martes, 16 de xuño de 2015 Páx. 24006

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

ANUNCIO do 27 de maio de 2015 para publicar o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 21 de maio de 2015 polo que se aproba o expediente de información pública e, definitivamente, a modificación do Plan sectorial da rede viaria de Ferrol, Fene, Neda, Narón, Ares, Mugardos e Cabanas (clave AC/12/116.00).

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia considerou a necesidade de adaptar as actuacións pendentes do proxecto orixinario denominado Plan sectorial da rede viaria de Ferrol, Fene, Neda, Narón, Ares, Mugardos e Cabanas, debido a que existen documentos posteriores cun grao de detalle maior que o considerado no plan sectorial e tamén para atender as solicitudes dos concellos afectados.

Mediante Resolución do 25 de xuño de 2013, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, acórdase non someter ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica a modificación puntual do Plan sectorial da rede viaria de Ferrol, Fene, Neda, Narón, Ares, Mugardos e Cabanas, xa que non se agardan consecuencias ambientais significativas, de acordo cos criterios establecidos na avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente.

Con data do 21 de febreiro de 2014 publicase no Diario Oficial de Galicia o anuncio polo que se somete á información pública, por un prazo de dous meses, a modificación do plan sectorial.

Visto todo o que antecede, tras a análise dos informes, observacións e alegacións presentadas durante o período de información pública e cos fundamentos xurídicos e técnicos expostos na proposta de acordo elevada ao Consello da Xunta de Galicia pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, o Consello da Xunta de Galicia, na súa sesión do 21 de maio de 2015, adoptou o seguinte acordo:

Primeiro. Aprobar definitivamente a modificación do Plan sectorial da rede viaria de Ferrol, Fene, Neda, Narón, Ares, Mugardos e Cabanas, de clave: AC/12/116.00, para os efectos establecidos pola Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e polo Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

Segundo. Consonte o disposto nos artigos 24 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, e 8.2 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, deberase modificar o planeamento urbanístico municipal para adecuar as súas determinacións ao plan aprobado.

Terceiro. O ámbito do presente plan sectorial comprende os municipios de Ferrol, Fene, Neda, Narón, Ares, Mugardos e Cabanas.

Na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (http://www.cmati.xunta.es/tema/c/Infraestruturas_Estradas ) atópase á disposición dos interesados un documento completo da modificación do plan sectorial aprobado definitivamente.

No anexo a este anuncio inclúese a normativa da modificación do Plan sectorial da rede viaria de Ferrol, Fene, Neda, Narón, Ares, Mugardos e Cabanas.

O que se fai público para todos os efectos legais e regulamentarios de aplicación na materia e para o seu coñecemento xeral.

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2015

Francisco Menéndez Iglesias
Director da Axencia Galega de Infraestruturas

ANEXO
Normativa para a aplicación da modificación do Plan sectorial da rede viaria
de Ferrol, Fene, Neda, Narón, Ares, Mugardos e Cabanas

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta normativa é establecer as determinacións do Plan sectorial da rede viaria de Ferrol, Fene, Neda, Narón, Ares, Mugardos y Cabanas e a súa área de influencia, que vincularán os instrumentos de ordenación urbanística municipal dos concellos do seu ámbito de aplicación, así como establecer as determinacións dos anteditos instrumentos de ordenación urbanística municipal que teñan que ser modificados como consecuencia da aprobación do plan sectorial.

Por outra parte, é tamén obxecto desta normativa o establecemento dun réxime transitorio para a súa aplicación mentres os instrumentos de ordenación urbanística municipal non se adapten ás determinacións incluídas no plan sectorial, ás cales se fai referencia no parágrafo anterior.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

O ámbito de aplicación desta normativa abrangue os concellos incluídos no ámbito do Plan sectorial da rede viaria de Ferrol, Fene, Neda, Narón, Ares, Mugardos e Cabanas.

Artigo 3. Seguimento da incidencia ambiental do plan sectorial

O plan sectorial desenvolveranse segundo o indicado no informe de sustentabilidade ambiental e na memoria ambiental correspondente.

O seguimento do desenvolvemento do plan sectorial levarase a cabo segundo os mecanismos previstos nos ditos documentos.

CAPÍTULO II
Determinacións do plan sectorial

Artigo 4. Esquema da rede

1. Defínese o esquema da rede de estradas na área de influencia de Ferrol, Fene, Neda, Narón, Ares, Mugardos e Cabanas segundo o plano correspondente.

2. A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as administracións das entidades locais do ámbito de aplicación desta normativa promoverán as medidas precisas para o desenvolvemento das actuacións que compoñen o esquema da rede de estradas na área de influencia de Ferrol, Fene, Neda, Narón, Ares, Mugardos e Cabanas.

A Administración xeral do Estado desenvolverá as actuacións que teña previsto executar, segundo a súa planificación en materia de estradas, en exercicio da súa competencia exclusiva sobre as obras públicas de interese xeral, cuxa realización afecte máis dunha comunidade autónoma.

Artigo 5. Reservas viarias

1. Defínense inicialmente como reservas viarias do plan sectorial as áreas identificadas como tales nos planos correspondentes.

2. Cando a actuación para cuxa execución se teña establecido unha reserva viaria se desenvolva no nivel de estudo informativo aprobado definitivamente, a reserva viaria prevista para ela no plan sectorial será substituída pola banda de flutuación do dito estudo informativo, agás que este for tramitado como un proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e na súa normativa se estableza unha regulación diferente.

En defecto de definición da banda de flutuación no estudo informativo, esta estenderase 100 m a cada lado do eixe da infraestrutura e 200 m arredor do punto quilométrico de referencia dos enlaces previstos.

3. Cando a actuación para cuxa execución se establecese unha reserva viaria se desenvolva a nivel de anteproxecto, proxecto de trazado ou proxecto de construción aprobado definitivamente deixará de considerarse a reserva viaria prevista para ela no plan sectorial, establecéndose a partir dese intre a zona de dominio público da estrada proxectada e as súas zonas de protección correspondentes, segundo o previsto na lexislación sectorial autonómica en materia de estradas.

Artigo 6. Zonas de non edificación

1. Defínense inicialmente como zonas de non edificación do plan sectorial as áreas comprendidas entre as liñas de non edificación identificadas como tales nos planos de reservas viarias.

2. Cando a actuación para cuxa execución se establecese unha zona de non edificación se desenvolva no nivel de estudo informativo aprobado definitivamente, a zona de non edificación prevista para ela no plan sectorial será substituída pola zona reservada da edificación do dito estudo informativo, agás que este for tramitado como un proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e na súa normativa se estableza unha regulación diferente.

En defecto de definición da zona reservada da edificación no estudo informativo, esta estenderase:

a) 75 m a cada lado do eixe, no caso de autoestradas, autovías e vías para automóbiles.

b) 35 m a cada lado do eixe da infraestrutura no caso de estradas convencionais.

c) 100 m arredor do punto quilométrico de referencia dos enlaces previstos.

d) 50 m arredor do punto quilométrico de referencia das interseccións a nivel previstas.

3. Cando a actuación para cuxa execución se establecese unha zona de non edificación se desenvolva no nivel de anteproxecto, proxecto de trazado ou proxecto de construción aprobado definitivamente, deixará de considerarse a zona de non edificación prevista para ela no plan sectorial e establecerase a partir dese momento a liña limite de edificación da estrada proxectada, segundo o previsto na lexislación sectorial autonómica en materia de estradas.

Artigo 7. Informes previos

1. Para a execución de obras, instalacións ou a realización de calquera outra actividade nas reservas viarias do plan sectorial, deberase obter previamente informe vinculante da Axencia Galega de Infraestruturas.

2. O informe a que fai referencia este artigo deberá emitirse no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte a que a solicitude entrase no Rexistro da Axencia Galega de Infraestruturas.

O transcurso do dito prazo sen que se practicase a notificación da resolución permitiralle á persoa interesada entender a súa pretensión como:

a) Rexeitada, se a obra, instalación ou actividade que se pretende realizar se sitúa, total ou parcialmente, na zona de non edificación.

b) Aceptada, se a obra, instalación ou actividade que se pretende realizar se sitúa, totalmente, fóra da zona de non edificación.

3. Cando a actuación para cuxa execución se establecese unha reserva viaria se desenvolva no nivel de estudo informativo aprobado definitivamente, observarase o previsto nos artigos 5.2 e 6.2.

4. Cando a actuación para cuxa execución se establecese unha reserva viaria se desenvolva no nivel de anteproxecto, proxecto de trazado ou proxecto de construción, non será precisa a obtención do informe previo a que fai referencia este artigo.

Porén, neses casos, a execución de obras, instalacións ou a realización de calquera outra actividade na zona de dominio público da estrada proxectada ou nas súas zonas de protección estará suxeita ao deber de obter a correspondente autorización previa, segundo o previsto na lexislación autonómica en materia de estradas.

5. Non se poderán outorgar licenzas, permisos ou outras autorizacións de carácter urbanístico para a realización de obras e actividades nas reservas viarias sen que previamente se obtivese o informe previo a que se refire este artigo.

As licenzas, permisos ou outras autorizacións de carácter urbanístico que se outorguen deberán respectar o contido dos informes previos a que se refire este artigo, cuxo contido as vinculará e, en todo caso, prevalecerá sobre aquelas.

CAPÍTULO III
Determinacións da planificación urbanística que se vai modificar

Artigo 8. Obriga de modificación

As determinacións contidas nesta normativa vincularán o planeamento das entidades locais, que deberán adaptarse a elas no prazo de tres anos desde a data da súa aprobación e, en todo caso, na primeira modificación ou revisión do planeamento urbanístico.

Artigo 9. Informes da Axencia Galega de Infraestruturas

Os informes da Axencia Galega de Infraestruturas a que se fai referencia neste capítulo deberán emitirse no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte a que a solicitude teña entrado no Rexistro da Axencia Galega de Infraestruturas.

O transcurso do dito prazo sen que se practicase a notificación da resolución permitiralle á persoa interesada entender rexeitada a súa pretensión por silencio administrativo.

Sección 1ª. Determinacións referidas á clasificación do solo

Artigo 10. Clasificación dos terreos afectados polas reservas viarias

Os terreos afectados polas reservas viarias do plan sectorial clasificaranse, coas excepcións previstas nesta sección, como solo rústico de protección de infraestruturas, e esa clasificación poderá superporse a calquera outra de solo rústico de especial protección.

Nese sentido, as determinacións con respecto ás distintas clases de solo contidas nesta sección refírense única e exclusivamente aos terreos afectados polas reservas viarias do plan sectorial.

Artigo 11. Solos urbanos

1. Os solos clasificados como urbanos con anterioridade á aprobación do plan sectorial poderán manter a súa clasificación.

2. Non se permitirá a clasificación como solos urbanos dos terreos incluídos nas reservas viarias do plan sectorial que non estivesen clasificados como tales con anterioridade á aprobación daquel, tendo en conta as prescricións do artigo 5.2 para o caso de actuacións desenvolvidas no nivel de estudo informativo aprobado definitivamente e do artigo 5.3 para o das desenvolvidas no nivel de anteproxecto, proxecto de trazado ou proxecto de construción aprobado definitivamente.

Artigo 12. Solos urbanizables

1. Os solos clasificados como urbanizables con anterioridade á aprobación do plan sectorial que conten cun plan parcial aprobado, ou instrumento de desenvolvemento equivalente, poderán manter a súa clasificación.

2. Nos solos clasificados como urbanizables con anterioridade á aprobación do plan sectorial que non conten cun plan parcial aprobado, ou instrumento de desenvolvemento equivalente, deberase obter previamente un informe vinculante da Axencia Galega de Infraestruturas sobre a súa compatibilidade co desenvolvemento das infraestruturas viarias previstas no plan sectorial.

3. Nos solos que se pretenda clasificar como urbanizables, cando non estivesen clasificados dese xeito con anterioridade á aprobación do plan sectorial, deberase obter previamente un informe vinculante da Axencia Galega de Infraestruturas sobre a súa compatibilidade co desenvolvemento das infraestruturas viarias previstas no plan sectorial.

4. No informe a que se fai referencia nos puntos anteriores, a Axencia Galega de Infraestruturas poderá declarar:

a) Que a clasificación dese solo como urbanizable, na parte que se ve afectada pola reserva viaria do plan sectorial, é totalmente compatible co futuro desenvolvemento da infraestrutura viaria prevista, polo que poderá clasificarse como tal.

b) Que a clasificación dese solo como urbanizable, na parte que se ve afectada pola reserva viaria do plan sectorial, é parcialmente compatible co futuro desenvolvemento da infraestrutura viaria prevista, polo que poderán integrase nun sector de solo urbanizable, pero destinándoos, total ou parcialmente, a sistema xeral viario.

Neste caso, no instrumento de planeamento preverase a obtención deses terreos por parte da Administración titular da estrada mediante cesión obrigatoria ou ocupación directa, nos termos previstos na lexislación autonómica en materia de ordenación urbanística.

c) Que a clasificación dese solo como urbanizable, na parte que se ve afectada pola reserva viaria do plan sectorial, é totalmente incompatible co futuro desenvolvemento da infraestrutura viaria prevista, polo que deberá clasificarse como solo rústico de protección de infraestruturas e esa clasificación poderá superporse a calquera outra de solo rústico de especial protección.

Artigo 13. Solos de núcleo rural

1. Os solos clasificados como de núcleo rural tradicional con anterioridade á aprobación do plan sectorial poderán manter a súa clasificación.

2. Nos solos clasificados como núcleo rural común ou complexo con anterioridade á aprobación do plan sectorial deberase obter previamente un informe vinculante da Axencia Galega de Infraestruturas sobre a súa compatibilidade co desenvolvemento das infraestruturas viarias previstas no plan sectorial.

3. No informe a que se fai referencia no número anterior, a Axencia Galega de Infraestruturas poderá declarar:

a) Que a clasificación dese solo como núcleo rural común ou complexo, na parte que se ve afectada pola reserva viaria do plan sectorial, é parcial ou totalmente compatible co futuro desenvolvemento da infraestrutura viaria prevista, polo que poderá clasificarse como tal.

b) Que a clasificación dese solo como núcleo rural común ou complexo, na parte que se ve afectada pola reserva viaria do plan sectorial, é parcial ou totalmente incompatible co futuro desenvolvemento da infraestrutura viaria prevista, polo que deberá clasificarse como solo rústico de protección de infraestruturas e esa clasificación poderá superporse a calquera outra de solo rústico de especial protección.

4. Non se permitirá a clasificación como solos de núcleo rural dos terreos incluídos nas reservas viarias do plan sectorial que non estivesen clasificados como tales con anterioridade á aprobación daquel, tendo en conta as prescricións do artigo 4.2 para o caso de actuacións desenvolvidas no nivel de estudo informativo aprobado definitivamente e do artigo 4.3 para o das desenvolvidas no nivel de anteproxecto, proxecto de trazado ou proxecto de construción aprobado definitivamente.

Artigo 14. Solos rústicos

1. Os solos clasificados como rústicos de protección ordinaria con anterioridade á aprobación do plan sectorial deberán clasificarse como solo rústico de protección de infraestruturas.

2. Os solos clasificados como rústicos de especial protección con anterioridade á aprobación do plan sectorial poderán manter a súa clasificación e superpola á de solo rústico de protección de infraestruturas.

Sección 2ª. Determinacións referidas á ordenación do solo

Artigo 15. Ordenación dos terreos afectados polas zonas de non edificación

Os terreos afectados polas zonas de non edificación do plan sectorial ordenaranse, coas excepcións previstas nesta sección, de tal xeito que non se permita nelas ningún tipo de construción de nova planta, nin a reconstrución ou ampliación das existentes, por encima ou por debaixo da rasante do terreo.

Nese sentido, as determinacións con respecto ás distintas clases de solo contidas nesta sección refírense única e exclusivamente aos terreos afectados polas zonas de non edificación do plan sectorial.

Artigo 16. Solos urbanos

1. Nos solos clasificados como urbanos con anterioridade á aprobación do plan sectorial deberase obter previamente un informe vinculante da Axencia Galega de Infraestruturas sobre a compatibilidade da ordenación proposta co desenvolvemento das infraestruturas viarias previstas no plan sectorial.

2. No informe a que se fai referencia no número anterior, a Axencia Galega de Infraestruturas poderá declarar:

a) Que a ordenación do solo urbano, na parte que se ve afectada pola zona de non edificación do plan sectorial, é totalmente compatible co futuro desenvolvemento da infraestrutura viaria prevista, polo que se poderá manter a ordenación proposta.

b) Que a ordenación do solo urbano, na parte que se ve afectada pola zona de non edificación do plan sectorial, é parcialmente compatible co futuro desenvolvemento da infraestrutura viaria prevista, polo que se deberá modificar total ou parcialmente a ordenación proposta.

Neste caso, deberase indicar concretamente o alcance das modificacións necesarias.

c) Que a ordenación do solo urbano, na parte que se ve afectada pola zona de non edificación do plan sectorial, é totalmente incompatible co futuro desenvolvemento da infraestrutura viaria prevista, polo que todos os terreos situados entre as liñas de non edificación indicadas no plan sectorial deberanse ordenar de tal xeito que non se permita neles ningún tipo de construción de nova planta, nin a reconstrución ou ampliación das existentes, por encima ou por debaixo da rasante do terreo.

Artigo 17. Solos urbanizables

1. Nos solos clasificados como urbanizables con anterioridade á aprobación do plan sectorial que conten cun plan parcial aprobado, ou instrumento de desenvolvemento equivalente, deberase obter previamente un informe vinculante da Axencia Galega de Infraestruturas sobre a compatibilidade da ordenación proposta co desenvolvemento das infraestruturas viarias previstas no plan sectorial.

2. No informe a que se fai referencia no número anterior, a Axencia Galega de Infraestruturas poderá declarar:

a) Que a ordenación do solo urbanizable, na parte que se ve afectada pola zona de non edificación do plan sectorial, é totalmente compatible co futuro desenvolvemento da infraestrutura viaria prevista, polo que se poderá manter a ordenación proposta.

b) Que a ordenación do solo urbanizable, na parte que se ve afectada pola zona de non edificación do plan sectorial, é parcialmente compatible co futuro desenvolvemento da infraestrutura viaria prevista, polo que se deberá modificar total ou parcialmente a ordenación proposta.

Neste caso, deberase indicar concretamente o alcance das modificacións necesarias.

c) Que a ordenación do solo urbanizable, na parte que se ve afectada pola zona de non edificación do plan sectorial, é totalmente incompatible co futuro desenvolvemento da infraestrutura viaria prevista, polo que todos os terreos situados entre as liñas de non edificación indicadas no plan sectorial se deberán ordenar de tal xeito que non se permita neles ningún tipo de construción de nova planta, nin a reconstrución ou ampliación das existentes, por encima ou por debaixo da rasante do terreo.

3. Para os solos clasificados como urbanizables con anterioridade á aprobación do plan sectorial que non conten cun plan parcial aprobado, ou instrumento de desenvolvemento equivalente, e poidan manter a súa clasificación en aplicación do previsto no artigo 13.2, deberase prever a súa ordenación de tal xeito que non se permita, nos terreos situados entre as liñas de non edificación indicadas no plan sectorial, ningún tipo de construción de nova planta, nin a reconstrución ou ampliación das existentes, por encima ou por debaixo da rasante do terreo.

4. Para os solos que se pretendan clasificar como urbanizables, cando non estivesen clasificados dese xeito con anterioridade á aprobación do plan sectorial, e poidan pasar a clasificarse como urbanizables en aplicación do previsto no artigo 13.3, deberase prever a súa ordenación de tal xeito que non se permita, nos terreos situados entre as liñas de non edificación indicadas no plan sectorial, ningún tipo de construción de nova planta, nin a reconstrución ou ampliación das existentes, por encima ou por debaixo da rasante do terreo.

Artigo 18. Solos de núcleo rural

1. Nos solos clasificados como de núcleo rural tradicional con anterioridade á aprobación do plan sectorial deberase obter previamente un informe vinculante da Axencia Galega de Infraestruturas sobre a compatibilidade da ordenación proposta co desenvolvemento das infraestruturas viarias previstas no plan sectorial.

2. Nos solos clasificados como núcleo rural común ou complexo con anterioridade á aprobación do plan sectorial, e poidan manter a súa clasificación en aplicación do previsto no artigo 14.2, deberá obterse previamente un informe vinculante da Axencia Galega de Infraestruturas sobre a compatibilidade da ordenación proposta co desenvolvemento das infraestruturas viarias previstas no plan sectorial.

3. No informe a que se fai referencia nos números anteriores, a Axencia Galega de Infraestruturas poderá declarar:

a) Que a ordenación do solo de núcleo rural, na parte que se ve afectada pola zona de non edificación do plan sectorial, é totalmente compatible co futuro desenvolvemento da infraestrutura viaria prevista, polo que se poderá manter a ordenación proposta.

b) Que a ordenación do solo de núcleo rural, na parte que se ve afectada pola zona de non edificación do plan sectorial, é parcialmente compatible co futuro desenvolvemento da infraestrutura viaria prevista, polo que se deberá modificar total ou parcialmente a ordenación proposta.

Neste caso, deberase indicar concretamente o alcance das modificacións necesarias.

c) Que a ordenación do solo de núcleo rural, na parte que se ve afectada pola zona de non edificación do plan sectorial, é totalmente incompatible co futuro desenvolvemento da infraestrutura viaria prevista, polo que todos os terreos situados entre as liñas de non edificación indicadas no plan sectorial se deberán ordenar de tal xeito que non se permita neles ningún tipo de construción de nova planta, nin a reconstrución ou ampliación das existentes, por encima ou por debaixo da rasante do terreo.

Artigo 19. Solos rústicos

Os solos clasificados como rústicos deberanse ordenar de tal xeito que non se permita, nos terreos situados entre as liñas de non edificación indicadas no plan sectorial, ningún tipo de construción de nova planta, nin a reconstrución ou ampliación das existentes, por encima ou por debaixo da rasante do terreo.

Disposición transitoria primeira

Mentres non se adapta ás determinacións establecidas nesta normativa, a execución dos instrumentos de ordenación urbanística municipais nos terreos incluídos nas reservas viarias do plan sectorial rexerase pola regulación transitoria establecida nesta disposición.

1. Solo urbano: os solos clasificados como urbanos, consolidados ou non consolidados, manterán a súa clasificación orixinal e rexeranse pola normativa que para eles se estableza no instrumento de ordenación urbanística vixente.

2. Solo urbanizable:

a) Os solos clasificados como urbanizables, delimitados ou non delimitados, que conten cun plan parcial aprobado, ou instrumento de desenvolvemento equivalente, manterán a súa clasificación orixinal e rexeranse pola normativa que para eles se estableza no instrumento de ordenación urbanística vixente.

b) Os solos clasificados como urbanizables, delimitados ou non delimitados, que non conten cun plan parcial aprobado, ou instrumento de desenvolvemento equivalente, deberán obter, con carácter previo á aprobación daquel, un informe vinculante da Axencia Galega de Infraestruturas sobre a súa compatibilidade co desenvolvemento das infraestruturas viarias previstas no plan sectorial, segundo o establecido e cos efectos previstos nos artigos 13 e 18 desta normativa, que serán efectivos de xeito inmediato.

3. Solo de núcleo rural:

a) Os solos clasificados como de núcleo rural tradicional manterán a súa clasificación orixinal e rexeranse pola normativa que para eles se estableza no instrumento de ordenación urbanística vixente.

b) Os solos clasificados como de núcleo rural común manterán a súa clasificación orixinal e rexeranse pola normativa que para eles se estableza no instrumento de ordenación urbanística vixente, pero, previamente á concesión da licenza urbanística por parte do concello correspondente, será precisa a obtención dun informe vinculante da Axencia Galega de Infraestruturas sobre a súa compatibilidade co desenvolvemento das infraestruturas viarias previstas no plan sectorial.

O antedito informe rexerase polo indicado nos artigos 14 e 19 desta normativa e provocará, de xeito inmediato, os efectos previstos nel.

En todo caso, o informe deberá emitirse en sentido desfavorable cando a obra, instalación ou actividade que se pretenda realizar consista nalgún tipo de construción de nova planta, ou na reconstrución ou ampliación das existentes, por encima ou por debaixo da rasante do terreo, e se sitúe, total ou parcialmente, na zona de non edificación.

4. Solo rústico:

a) Os solos clasificados como rústicos de protección ordinaria pasarán a ter a consideración de solo rústico de protección de infraestruturas e rexeranse polo previsto para eles na lexislación autonómica de ordenación urbanística.

b) Os solos clasificados como rústicos de especial protección manterán a súa clasificación, superpoñéndoa á de solo rústico de protección de infraestruturas, e rexeranse polo previsto para eses casos na lexislación autonómica de ordenación urbanística.

Disposición derradeira

Esta normativa entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Contra este acordo poderase interpor, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, un recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.