Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Xoves, 25 de xuño de 2015 Páx. 25084

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 5 de xuño de 2015 de aprobación definitiva da corrección de erros materiais do Plan xeral de ordenación municipal de Vigo na delimitación da dotación educativa existente Niño Jesús de Praga.

O Concello de Vigo achega o expediente de corrección de erros materiais no PXOM, na delimitación da dotación educativa existente Niño Jesús de Praga, en solicitude da súa aprobación definitiva, conforme o establecido no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Analizada a documentación remitida, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O concello de Vigo conta na actualidade cun PXOM aprobado definitivamente por Orde da CPTOPT do 16.5.2008 (aprobación parcial) e da CMATI do 13.7.2009.

2. A parcela obxecto da presente corrección de erros é a núm. 90 da rúa Areal (referencia catastral 3865005NG2736N) e está clasificada no PXOM como solo urbano consolidado, cualificado como sistema local de equipamentos dotacionais educativos (clave E) regulado pola ordenanza 13, dentro dun cuarteirón de edificación en cuarteirón pechado, ordenanza 3.

3. A ordenanza 13 pretende, segundo o artigo 9.13.1 da normativa do PXOM «manter a vinculación do uso dotacional a edificacións en parcelas do solo urbano». O inmoble obxecto do expediente é unha edificación de planta baixa comercial e seis plantas e baixo cuberta de uso residencial colectivo con licenza de obra do 29.6.1990, licenza de ampliación do 11.4.2002 e licenza de primeira ocupación do 22.4.2004.

4. No documento de PXOM aprobado inicialmente o 30.12.2004 estaban cualificadas como sistema local de equipamento educativo, ademais da dita parcela, as dúas estremeiras (núms. 88 e 92 da rúa Areal). No gráfico 14 da memoria xustificativa grafábanse estas parcelas como sistemas locais existentes.

5. No trámite de información pública posterior á aprobación inicial presentouse unha alegación en que se puña de manifesto o erro na delimitación do equipamento educativo nos núm. 88 e 90, que se corresponden con edificios residenciais.

Segundo informe de contestación, a dita alegación foi estimada. Porén, no documento de PXOM aprobado provisional e definitivamente (planos de ordenación da serie 2) só se excluíu o inmoble co núm. 88, incluíndoo na Ordenanza 3 de cuateirón pechado e mantendo o inmoble co número 90 coa cualificación de equipamento.

6. O Pleno do Concello, na sesión celebrada o 9.2.2015, acorda aprobar a corrección de erro material do PXOM na delimitación gráfica da dotación educativa existente Niño Jesús de Praga, expediente 14857/411.

II. Análise e consideracións.

Con esta modificación de erros preténdese cambiar a cualificación da parcela núm. 90 da rúa Areal de sistema local de equipamento dotacional educativo, regulado pola Ordenanza 13, edificación en cuarterión pechado, ordenanza que regula o resto do cuarteirón en que se engloba.

A exclusión dunha única parcela na delimitación do sistema local de equipamento educativo pode tratarse dun erro material xa que, tras a lectura do informe á alegación do equipo redactor, se deduce que a exclusión se refire aos dous predios (núms. 88 e 90 da rúa Areal) e que non é intención do PXOM ampliar o equipamento educativo existente.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG e no artigo 1 do Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da CMATI.

III. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á corrección de erro material do PXOM de Vigo na delimitación gráfica da dotación educativa existente Niño Jesús de Praga.

2. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e as ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

3. Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

4. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2015

Ethel Vázquez Mourelle
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas