Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Venres, 3 de xullo de 2015 Páx. 27805

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

RESOLUCIÓN do 18 de xuño de 2015 pola que se aproba o Plan de xestión da sardiña con arte de xeito para o ano 2015 no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Feitos.

A actividade profesional pesqueira en Galicia constitúe un sector estratéxico tanto pola súa dimensión social como polo seu peso económico, debido aos ingresos que proporciona ás comunidades costeiras, nas cales estas actividades constitúen o motor principal, e con frecuencia único, da súa economía.

A sardiña (Sardina pilchardus) é unha das especies peláxicas máis importantes (quizais a que máis) das que habitan as capas superficiais das plataformas continentais do Atlántico Ibérico. A maior parte das capturas realízanse en Galicia (sobre todo na súa fachada oeste) e no norte de Portugal. A maioría das capturas realízanse coa arte de cerco e unha pequena cantidade coa do xeito. O xeito é unha arte de enmalle moi selectiva, coa que se pesca sardiña e anchoa fundamentalmente; o 85 % das capturas que se realizan coa arte do xeito corresponde á sardiña.

A situación do stock ibero-atlántico da sardiña nas zonas CIEM VIIIc e IXa é coñecida. Así, ao longo da historia as oscilacións da produción desta pesqueira foron continuas e moitas veces con dramáticas consecuencias para o sector pesqueiro.

Os numerosos estudos realizados sobre a sardiña permiten descifrar as causas da gran variación interanual da produción desta pescaría. A flutuación é debida a que os recrutamentos teñen unha elevada dependencia das condicións ambientais e oceanográficas. O comportamento relativamente cíclico do recurso é ben coñecido polo sector e polos científicos que traballan nesta pescaría.

Con respecto aos datos de capturas desta especie na Comunidade Autónoma de Galicia, cabe salientar o seguinte: o número de buques con despachos ao xeito en 2014 foi de 164, dun total de 427, o que supón o 38,40 %. As capturas de sardiña en Galicia de buques despachados ao xeito foron diminuíndo de 2011 a 2013, para volver a incrementarse en 2014 arredor das 200 toneladas:

Ano

kg

€/kg

kg/día

Kg/buque

Nº buques

Ano 2011

269.392

396.234

1,47

1.091

2.363

114

Ano 2012

170.176

369.656

2,17

   770

1.251

136

Ano 2013

162.575

397.012

2,44

   692

   991

164

Ano 2014

199.585

516.615

2,59

1.056

1.202

166

Un plan de xestión pesqueira que reúna as medidas técnicas necesarias para a conservación dos recursos pesqueiros nunha área determinada e que garanta o desenvolvemento socioeconómico da rexión é unha boa medida técnica de control do stock. O xeito é unha arte de pesca moi selectiva coa que se captura fundamentalmente sardiña, e o seu plan deberá contar con medidas tales como a limitación de capturas, vedas temporais, límites aos horarios de capturas ou control dos tamaños mínimos.

Para a elaboración do plan de xestión da sardiña con arte de xeito para o ano 2015 no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia recibíronse propostas da Federación Galega de Confrarías de Pescadores e foi consultado o sector.

Foron solicitados os informes técnicos correspondentes.

Fundamentos técnicos e xurídicos.

A Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro, establece no artigo 6 que «A política da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia terá como obxectivos en relación coa conservación e a xestión dos recursos pesqueiros e marisqueiros, entre outros: 1. O establecemento e a regulación de medidas dirixidas á conservación, a xestión e a explotación responsable, racional e sustentable dos recursos mariños vivos (...)».

A arte do xeito vén regulada no capítulo III, sección segunda, subsección novena, nos artigos 59 a 62 do Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas permitidos para a extracción profesional dos recursos mariños vivos en augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Resolución do 9 de xaneiro de 2015, da Secretaría Xeral de Pesca establece disposicións de ordenación da pescaría da sardiña ibérica (Sardina pilchardus) que se pesca en augas ibéricas da zona CIEM VIIIc e IXa (BOE núm. 9, do 10 de xaneiro), con corrección de erros na Resolución do 12 de xaneiro de 2015 (BOE núm. 13, do 15 de xaneiro). O punto terceiro desta resolución establece que para a totalidade da campaña se reserva unha cantidade de 200 toneladas, non suxeita a topes de captura, para poder ser pescada exclusivamente por aqueles buques que usen a arte do xeito para pescar.

Polo anterior,

RESOLVO:

Autorizar o Plan de xestión con arte de xeito para o ano 2015 no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, baixo os seguintes termos e condicións:

1º. Obxecto e ámbito de aplicación.

Este plan ten por obxecto regular as capturas e desembarques das especies capturadas coa arte do xeito.

O ámbito de aplicación son as augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

2º. Participantes.

Todas aquelas embarcacións que teñan a arte do xeito no seu permiso de explotación.

3º. Arte.

O xeito é unha arte de enmalle de deriva que está constituída por un pano rectangular estendido entre dúas trallas, a superior, que consta dun sistema de flotación por boias que permite o calamento a profundidade variable e a inferior que está lastrada con chumbos. Debe permanecer unido á embarcación mediante un cabo de lonxitude variable e co outro extremo libre.

O xeito deberá ter as seguintes características técnicas:

1. A dimensión de malla do xeito estará comprendida entre 23 e 40 milímetros.

2. A altura máxima do xeito, despois de armada, entre trallas ou relingas, será de 16 metros.

3. Cada unha das pezas de rede ou panos que compoñen o xeito terá unha lonxitude 70 metros, cunha lonxitude máxima de 100 metros co pano estirado.

4. A lonxitude máxima total do xeito autorizada por buque e día non poderá exceder, en ningún caso, 1.000 metros.

4º. Vixencia do plan.

A época de vixencia do presente plan abranguerá desde o 1 de xaneiro ata o 31 de decembro de 2015.

5º. Período de veda.

O período de veda para o ano 2015 queda establecido entre o 1 de novembro e o 31 de decembro de 2015.

6º. Especies

A especie de captura obxecto deste plan será a sardiña (Sardina pilchardus). As demais especies acompañantes terán que cumprir cos tamaños mínimos exixidos, non estar en veda e cumprir coas disposicións legais que lle sexan de aplicación.

7º. Tamaño mínimo de captura.

O tamaño mínimo autorizado será de 11 cm.

8º. Topes de captura mensuais.

Tendo en conta a dispoñibilidade total de 200 toneladas, quedan establecidos uns topes máximos mensuais coas seguintes contías:

– Xaneiro, febreiro e marzo: 10 toneladas para o trimestre.

– Abril, maio e outubro: 10 toneladas por mes.

– Xuño e setembro: 30 toneladas por mes.

– Xullo e agosto: 50 toneladas por mes.

9º. Horario.

O descanso semanal do uso do xeito estará comprendido entre as 12.00 horas do sábado e as 12.00 horas do luns.

10º. Puntos de control e venda.

Zonas de pesca, lonxas e puntos de venda autorizados.

11º. Programa de seguimento e control.

Mensualmente será feito un control interno da xestión do plan polas federacións e OPAGA, para o que as confrarías de pescadores deberán remitir os datos mensualmente das vendas realizadas nas súa respectivas lonxas. Para aqueles desembarcos/vendas en lonxas que non son xestionadas polas propias confrarías, esas embarcacións deberán remitir os datos a través da súa confraría.

12º. Mostraxes.

Durante o período de vixencia do plan, técnicos da consellería poderán realizar en calquera das embarcacións participantes, mostraxes para control, seguimento e avaliación do plan; os armadores deben colaborar de tal xeito que se permita acadar os obxectivos propostos. A falta de colaboración neste eido ocasionará a baixa definitiva do plan.

13º. Comisión de seguimento.

Créase a comisión de seguimento do Plan de xestión do xeito que se reunirá cunha periodicidade mínima trimestral e estará composto por representantes da Consellería do Medio Rural e do Mar, as federacións e OPAGA.

14º. Extracción e comercialización.

O exercicio da actividade extractiva e comercial establecida neste plan está sometida ao estrito cumprimento da normativa vixente en materia de extracción e comercialización de produtos da pesca fresca.

15º. Infraccións e sancións.

O incumprimento das condicións establecidas neste plan poderá ser sancionado segundo o establecido na Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación, ante a conselleira do Medio Rural e do Mar, de conformidade co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2015

Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar