Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Martes, 7 de xullo de 2015 Páx. 28163

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 26 de xuño de 2015 pola que se convocan os premios extraordinarios de educación secundaria obrigatoria ao rendemento académico correspondentes ao curso 2014/15.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece entre os seus principios o de proporcionar unha educación de calidade para todo o alumnado independentemente das súas condicións e circunstancias, xunto coa equidade na súa repartición. Así mesmo, determina que o sistema educativo se orientará, entre outros fins, á consecución dunha educación baseada na responsabilidade individual, no mérito e no esforzo persoal e no desenvolvemento da capacidade do alumnado para regular a súa propia aprendizaxe, confiar nas súas aptitudes e coñecementos, así como para desenvolver a creatividade, a iniciativa persoal e o espírito emprendedor.

O Decreto 133/2007, do 5 de xullo, polo que se regulan as ensinanzas da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia, establece no seu artigo 13 que a dita etapa se organiza de acordo cos principios de educación común e atención á diversidade e que as medidas que se establezan neste ámbito estarán orientadas a responder ás necesidades educativas concretas do alumnado e á consecución das competencias básicas e dos obxectivos da etapa, e non poderán, en ningún caso, supor unha discriminación que lles impida alcanzar os ditos obxectivos e a titulación correspondente.

Conscientes da importancia de recoñecer e valorar publicamente os méritos excepcionais baseados no esforzo e no traballo do alumnado que cursou cun excelente resultado académico a educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia, en exercicio das competencias atribuídas, por proposta da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, e de acordo co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

Convócanse na Comunidade Autónoma de Galicia os premios extraordinarios de educación secundaria obrigatoria ao rendemento académico correspondentes ao curso 2014/15 co obxecto de dar recoñecemento público ao esforzo e dedicación do alumnado desta etapa educativa, reforzar aqueles aspectos que inciden na mellora do sistema educativo e xuntar excelencia con equidade, igualdade de oportunidades e posibilidades de desenvolvemento persoal.

Artigo 2. Número e características dos premios

1. Poderase conceder ata un máximo de 20 premios.

2. Cada premio estará dotado con 750 €, con cargo á partida orzamentaria 09.50.423A.480.1 dos orzamentos do ano 2015 cunha dotación global de 15.000 €.

3. O alumnado que obteña o premio extraordinario recibirá ademais un diploma acreditativo e o/a secretario/a do centro educativo onde estea depositado o expediente académico anotará nel a distinción.

4. A obtención destes premios non supón incompatibilidade coa obtención doutros.

Artigo 3. Requisitos de participación

Poderá optar aos premios extraordinarios de educación secundaria obrigatoria ao rendemento académico o alumnado que reúna as seguintes condicións:

1. Ter cursado durante o curso 2014/15 cuarto curso de educación secundaria obrigatoria no réxime ordinario en calquera dos centros da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Estar proposto polo equipo docente para a expedición do título de graduado en educación secundaria.

3. Ter unha media das cualificacións igual ou superior a 9,00 puntos. Esta nota media será a media aritmética das cualificacións en todas as materias dos catro cursos da etapa. A media aritmética das cualificacións da etapa expresarase con dous decimais, redondeada á centésima máis próxima e, en caso de equidistancia, á superior, e deberá reflectirse na certificación académica a que se fai referencia no artigo 6 da presente orde.

a) Non computará na obtención da nota media a cualificación da materia de relixión, tendo en conta o establecido nas disposicións adicionais do Decreto 133/2007 polo que se regulan as ensinanzas da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) As cualificacións de apto, exento ou validado non serán tidas en conta para o cálculo da nota media.

4. Non estar incurso en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2 g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Forma e prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes subscribiranas directamente as persoas interesadas con plena capacidade de obrar ou, de ser o caso, polos/as representantes legais dos/das solicitantes.

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado ED311D dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou no anexo desta orde. Para estes efectos, os rexistros dos centros educativos non se consideran incluídos dentro das dependencias enumeradas no dito artigo.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5. Documentación complementaria

Xunto coa solicitude a que se fai referencia no artigo 4 desta orde entregarase, se é o caso, unha fotocopia do documento de identidade (DNI ou NIE do/da solicitante) (só no caso de que o/a interesado/a non preste o consentimento para a consulta dos datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas).

A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Artigo 6. Procedemento dos centros educativos

Os centros educativos enviarán á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Servizo de Avaliación e Calidade do Sistema Educativo, Edificio Administrativo San Caetano, s/n, bloque 2, 1º andar, 15781 Santiago de Compostela, os documentos que a seguir se relacionan:

1. Certificación académica dos estudos obxecto de baremo (só no caso de que o alumnado non teña todo o seu expediente de ESO recollido na base de datos da aplicación XADE), onde se reflicta a cualificación final media a que se refire o artigo 3.3, asinada polo/a secretario/a co visto e prace do/da director/a do centro público en que se atope o expediente académico.

2. Documento xustificativo da transferencia de datos que se imprimirá, por parte da Dirección do centro en que está o expediente académico, unha vez introducidos os datos da solicitude do alumnado na aplicación informática https://www.edu.xunta.es/premioseso

Artigo 7. Emenda e mellora da solicitude

A relación provisional de admitidos e excluídos farase pública nos dez días naturais posteriores á finalización do prazo de presentación de solicitudes.

De acordo co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, unha vez publicadas as listaxes provisionais de admitidos/as e excluídos/as, os/as interesados/as disporán dun prazo de 10 días para a reclamación ou emenda das carencias ou deficiencias detectadas na documentación achegada. De non facelo, considerarase como desistido/a da súa petición e arquivarase esta logo de resolución que deberá ditarse nos termos do artigo 42 da citada lei.

O prazo máximo para publicar a relación definitiva de admitidos e excluídos será dun mes desde o día seguinte ao da finalización do prazo de presentación de solicitudes.

A publicación das relacións provisional e definitiva do alumnado admitido e excluído realizarase nos lugares relacionados no artigo 13 desta orde.

Artigo 8. Realización da proba para a obtención do premio

1. Os aspirantes aos premios extraordinarios ao rendemento académico deberán realizar unha proba estruturada en dúas partes que valorará os obxectivos e as competencias básicas acadadas polo alumnado, e constará de diversas cuestións coas cales deberá mostrar o grao de consecución das competencias social e cidadá, en comunicación lingüística e matemáticas. Cada parte da proba desenvolverase nun tempo máximo de dúas horas.

a) A primeira parte constará de diversas cuestións referidas ás seguintes materias de cuarto curso: lingua galega e literatura, lingua castelá e literatura e primeira lingua estranxeira, agás no caso de alumnado con exención en lingua galega e literatura, que quedará exento da realización da correspondente parte da proba, sempre e cando a dita exención se acredite documentalmente.

b) Na segunda parte o alumnado dará resposta a diversas cuestións de tres materias do currículo de cuarto curso: ciencias sociais, xeografía e historia, matemáticas e unha a escoller de entre bioloxía e xeoloxía, educación plástica e visual, física e química, latín, música e tecnoloxía.

2. Para poder aspirar ao premio deberanse obter, como mínimo, cinco puntos en cada unha das materias da proba.

3. Cada unha das materias cualificarase entre 1 e 10 puntos e só se poderá utilizar un decimal.

4. A puntuación de cada parte da proba obterase mediante a suma das cualificacións das materias que a compoñen. No caso de alumnado con exención en lingua galega e literatura só computarán na primeira parte da proba as cualificacións de lingua castelá e literatura e primeira lingua estranxeira.

5. A cualificación final será a suma das puntuacións obtidas en cada parte da proba ao abeiro do establecido no número 1 deste artigo.

6. Posto que o número de premios propostos non pode ser superior ao que resulte da aplicación do artigo 2 desta orde, en caso de empate darase preferencia á mellor nota media a que se refire o artigo 3.3; despois, á cualificación da primeira parte da proba e, finalmente, á cualificación da segunda parte desta. De persistir o empate, o tribunal procederá a realizar un sorteo.

7. O tribunal poderá declarar deserto algún dos premios.

8. As probas realizaranse nos lugares e datas que se darán a coñecer mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia, e na páxina web https://www.edu.xunta.es/premioseso

Artigo 9. Tribunal

1. Para elaborar, supervisar e avaliar as probas constituirase un tribunal formado por:

Presidente/a:

A persoa responsable da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, ou persoa en quen delegue.

Vogais:

Ata un máximo de seis, coa categoría de subdirector xeral, xefe de servizo ou funcionarios dos corpos de inspectores de Educación, designados pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

Actuará como secretario/a, con voz e sen voto, un/unha funcionario/a da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

2. Para os efectos de colaboración no disposto no apartado anterior, poderanse constituír comisións delegadas integradas por membros do tribunal e outros/as especialistas nas distintas materias que compoñen as probas.

3. A percepción de asistencias deste tribunal aterase á categoría correspondente que determine a Dirección Xeral da Función Pública da Consellería de Facenda, segundo o disposto no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

Artigo 10. Resolucións do tribunal

1. O tribunal fará públicas as cualificacións obtidas polos/as candidatos/as nos lugares relacionados no artigo 13 desta orde.

2. O alumnado examinado, ou os/as seus/súas pais/nais ou representantes legais, poderán reclamar por escrito contra a cualificación obtida, no prazo de dez días a partir do seguinte ao da súa publicación, mediante instancia dirixida á presidenta ou presidente do tribunal, e presentarana en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e remitida á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Servizo de Avaliación e Calidade do Sistema Educativo, Edificio Administrativo San Caetano, s/n, bloque 2, 1º andar, 15781 Santiago de Compostela. Para estes efectos os rexistros dos centros educativos non se consideran incluídos dentro das dependencias enumeradas no dito artigo.

Poderase adiantar o envío ao fax nº 981 54 65 50 ou por correo electrónico ao enderezo premios@edu.xunta.es

a) As probas sobre as cales se solicitase esta reclamación serán revisadas por un/unha especialista distinto/a ao/á que realizou a primeira corrección.

b) A cualificación final resultará da media aritmética das cualificacións obtidas nas dúas correccións. No suposto de que existise unha diferenza de 2 ou máis puntos entre as dúas cualificacións, o tribunal efectuará, de oficio, unha terceira corrección. A cualificación final será a media aritmética das tres cualificacións.

3. O tribunal elaborará a acta coa proposta definitiva de adxudicación dos premios extraordinarios. As reclamacións entenderanse resoltas e notificadas coa publicación das cualificacións definitivas.

4. A acta quedará arquivada na Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. Comunicarase ás xefaturas territoriais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e á Dirección Xeral de Avaliación e Cooperación Territorial do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte a relación de alumnado premiado.

5. O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa elevará a proposta feita polo tribunal ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, quen emitirá a correspondente orde de adxudicación para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

6. O prazo máximo para resolver este procedemento será de cinco meses desde o día seguinte ao da finalización do prazo de inscrición. Unha vez transcorrido o dito prazo sen que se notificase a correspondente resolución, o/a interesado/a poderá entender rexeitada a súa solicitude por silencio administrativo.

Artigo 11. Recurso

A dita orde de adxudicación dos premios poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da data de publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses desde tal publicación, segundo prevé o artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 12. Obriga dos/das gañadores/as

1. O alumnado gañador dos premios ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control que lle competen, segundo dispón o artigo 14.1 k) da Lei 9/2007, do 3 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No modelo normalizado ED311D que figura como anexo o alumnado debe facilitar a titularidade dunha conta bancaria con 24 díxitos e declarar sobre a veracidade dos datos relativos á dita conta en que se ingresará, mediante transferencia bancaria, a dotación do dito premio, no caso de obtelo. Esta cantidade estará suxeita ás retencións que legalmente correspondan.

3. O beneficiario ten a obriga do reintegro, total ou parcial, da subvención ou da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, tal como indican os artigos 14.1 j) e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Para os efectos do artigo 31.7 da Lei 9/2007 utilizarase a declaración responsable incluída no anexo desta orde. De transcorrer máis de seis meses desde a presentación da declaración, o/a beneficiario/a ten a obriga de achegar unha nova declaración responsable.

Artigo 13. Información aos/ás interesados/as

A relación do alumnado admitido e excluído e as puntuacións obtidas polos candidatos e candidatas publicaranse no portal educativo https://www.edu.xunta.es e na páxina de inicio da aplicación https://www.edu.xunta.es/premioseso

Ademais poderá solicitarse información no teléfono 881 99 77 01 da Unidade de Atención a Centros (UAC).

Artigo 14. Modificación da orde de adxudicación

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión dos premios poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión do premio, conforme o artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 15. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Por tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, en cuxo caso deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

3. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen imporse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 16. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Alumnado, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Edificio Administrativo San Caetano, s/n, bloque 2, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a sxt.cultura.educacion@xunta.es.

Disposición derradeira primeira

Autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para adoptar os actos e as medidas necesarias para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da data de publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben impugnada directamente mediante recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses desde tal publicación, segundo prevé o artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira terceira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2015

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file