Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Martes, 14 de xullo de 2015 Páx. 29405

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

ANUNCIO do 3 de xullo de 2015 polo que se fai pública a resolución de aprobación do expediente de información pública e definitiva do estudo informativo e do estudo de impacto ambiental da obra da nova vía Oleiros-Sada e porto de Sada (clave AC/10/031.00).

Con data do 1 de xullo de 2015, a Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas, por delegación da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (Orde do 4 de febreiro de 2013, Diario Oficial de Galicia do 20 de febreiro), visto o informe da análise das alegacións, resolveu o seguinte:

«Antecedentes de feito.

Primeiro. Con data do 22 de abril de 2013 aprobouse provisionalmente, por resolución da Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas, o estudo informativo e o estudo de impacto ambiental da obra da nova vía Oleiros-Sada e porto de Sada, de clave AC/10/031.00.

Segundo. Con data do 3 de maio de 2013 publicouse no Diario Oficial de Galicia (nº 85) a Resolución do 23 de abril de 2013 pola que se sometía ao trámite de información pública o estudo de impacto ambiental da obra da nova vía Oleiros-Sada e porto de Sada, de clave AC/10/031.00.

Terceiro. Durante todo o trámite de información pública presentáronse alegacións que foron remitidas á dirección do estudo para a súa valoración.

Fundamento de dereito.

Primeiro. O artigo 21.1 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, establece que será preceptivo o sometemento dos estudos informativos ou, se for o caso, dos anteproxectos ou proxectos que asuman a súa función, aos trámites de información pública en materia de estradas e de informe das administracións afectadas cando concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Construción de novas estradas ou treitos destas que non estivesen previstas no planeamento urbanístico municipal.

b) Modificacións substanciais de estradas existentes que afecten de xeito significativo o planeamento urbanístico municipal.

No punto 3 dese artigo establécese que, simultaneamente coa información pública, o estudo ou proxecto se someterán ao informe, en materia de estradas, das administracións territoriais afectadas polo ámbito da actuación, para que examinen se o trazado proposto é o máis adecuado para os seus intereses e informe sobre ese aspecto. Transcorrido ese prazo sen que as administracións consultadas emitan informe, entenderase que mostran a súa conformidade co trazado proposto.

Segundo. Na tramitación do expediente tivéronse en conta as normas de procedemento contidas na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia; na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e demais normas vixentes de aplicación.

Por todo o exposto, e logo da análise efectuada das alegacións e informes presentados polos organismos oficiais competentes,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar o expediente de información pública e definitivamente o estudo informativo e o estudo de impacto ambiental da obra da nova vía Oleiros-Sada e porto de Sada, de clave AC/10/031.00, tendo en conta as seguintes consideracións:

1º. No treito comprendido entre o p.q. inicial 40+000 e o p.q. final 44+550.

A aprobación definitiva do estudo informativo e estudo de impacto ambiental da obra da nova vía Oleiros-Sada e porto de Sada, clave AC/10/031.00, tendo en conta as seguintes consideracións en fases posteriores do proxecto:

– Terase en conta o establecido na declaración de impacto ambiental en nos distintos informes sectoriais emitidos.

– Axustarase o trazado e os camiños de servizo propostos co fin de reducir a ocupación da nova vía.

– Analizarase en fase de proxecto de construción a viabilidade dun semienlace coa estrada CP-7504, aproximadamente no p.q. 41+000.

2º. No treito comprendido entre o p.q. 44+550 e o p.q. final 45+454,221.

Proponse que este treito no estudo Informativo e estudo de impacto ambiental quede pendente da elaboración, por parte da Axencia Galega de Infraestruturas, dun estudo específico, co fin de axustar o trazado en planta e alzado e sometelo a un novo proceso de información pública.

Segundo. Nas fases posteriores do proxecto e durante a execución da obra, cumpriranse as prescricións da declaración de impacto ambiental formulada pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental na súa Resolución do 9 de abril de 2015.

Terceiro. Consonte establece o artigo 23 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Sada deberá adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido no proxecto, no cal se establecerán as determinacións do planeamento urbanístico que deben ser modificadas como consecuencia da súa aprobación, no prazo que determine este último e, en todo caso, na súa primeira modificación ou revisión.

Cuarto. Así mesmo, na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas ( http://www.cmati.xunta.es/tema/c/Infraestruturas_Estradas ) porase á disposición dos interesados un documento coa planta do proxecto aprobado.

Quinto. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ou ben recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común».

O que se fai público para xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2015.

Francisco Menéndez Iglesias
Director da Axencia Galega de Infraestruturas