Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Martes, 14 de xullo de 2015 Páx. 29402

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

ANUNCIO do 3 de xullo de 2015 polo que se fai pública a resolución de aprobación do expediente de información pública e definitiva do proxecto de trazado e do estudo de impacto ambiental da obra da conexión CG 1.5 en San Paio–Portobravo (clave AC/12/031.01).

Con data do 1 de xullo de 2015, a Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas, por delegación da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (Orde do 4 de febreiro de 2013, Diario Oficial de Galicia do 20 de febreiro), visto o informe da análise das alegacións, resolveu o seguinte:

«Antecedentes de feito:

Primeiro. Con data do 14 de maio de 2014 aprobouse provisionalmente, por resolución da Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas, o proxecto de trazado e o estudo de impacto ambiental da obra de conexión CG 1.5 en San Paio-Portobravo, de clave AC/12/031.01.

Segundo. Con data do 22 de maio de 2014 publicouse no Diario Oficial de Galicia nº 97 a Resolución do 15 de maio de 2014 pola que se sometía ao trámite de información pública o proxecto de trazado e o estudo de impacto ambiental da obra de conexión CG 1.5 en San Paio-Portobravo, de clave AC/12/031.01, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados.

Terceiro. Durante todo o trámite de información pública presentáronse alegacións que foron remitidas á dirección do estudo para a súa valoración.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 21.1 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, establece que será preceptivo o sometemento dos estudos informativos ou, de for o caso, dos anteproxectos ou proxectos que asuman a súa función, aos trámites de información pública en materia de estradas e de informe das administracións afectadas cando concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Construción de novas estradas ou treitos destas que non estivesen previstos no planeamento urbanístico municipal.

b) Modificacións substanciais de estradas existentes que afecten de xeito significativo o planeamento urbanístico municipal.

No punto 3 dese artigo establécese que, simultaneamente coa información pública, o estudo ou proxecto se someterán ao informe, en materia de estradas, das administracións territoriais afectadas polo ámbito da actuación, para que examinen se o trazado proposto é o máis adecuado para os seus intereses e informe sobre ese aspecto. Transcorrido ese prazo sen que as administracións consultadas emitan informe, entenderase que mostran a súa conformidade co trazado proposto.

Segundo. Na tramitación do expediente tivéronse en conta as normas de procedemento contidas na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia; na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e demais normas vixentes de aplicación.

Por todo o exposto, e despois da análise efectuada das alegacións e informes presentados polos organismos oficiais competentes,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de trazado e o estudo de impacto ambiental da obra de conexión CG 1.5 en San Paio-Portobravo, de clave AC/12/031.01, tendo en conta as seguintes consideracións:

1. Rectificar a situación da rotonda número 3 para adaptala ao Plan parcial de solo urbanizable industrial que estea previsto desenvolver.

2. Durante a execución do proxecto de construción terase en conta a reposición do manancial descrito no punto 3.1.3, no caso de que se vise afectado polas obras.

3. Nas fases posteriores do proxecto e durante a execución da obra cumpriranse as prescricións da declaración de impacto ambiental (DIA) que formule a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

4. Terase especial coidade ao aplicar as medidas correctoras e de restauración que recomenda o Instituto de Estudos do Territorio, para garantir a adecuada integración paisaxística da actuación.

5. Todas as recomendacións expostas pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural teranse en conta nas fases posteriores, onde se defina o trazado con maior detalle. Tamén se establecerán medidas de protección de todos os elementos arqueolóxicos e patrimoniais.

Segundo. Nas fases posteriores do proxecto e durante a execución da obra cumpriranse as prescricións da declaración de impacto ambiental formulada pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental na súa Resolución do 16 de abril de 2015.

Terceiro. Consonte establece o artigo 23 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os concellos de Lousame e Noia deberán adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido no proxecto, no cal se establecerán as determinacións do planeamento urbanístico que deben ser modificadas como consecuencia da súa aprobación, no prazo que determine este último e, en todo caso, na súa primeira modificación ou revisión.

Cuarto. Así mesmo, na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (http://www.cmati.xunta.es/tema/c/Infraestruturas_Estradas ) porase á disposición dos interesados un documento coa planta do proxecto aprobado.

Quinto. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ou ben recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da presente resolución no DOG, de acordo co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común».

O que se fai público para xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2015

Francisco Menéndez Iglesias
Director da Axencia Galega de Infraestruturas