Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 132 Mércores, 15 de xullo de 2015 Páx. 29450

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

RESOLUCIÓN do 3 de xullo de 2015 pola que se convoca o procedemento de selección de entidades privadas sen ánimo de lucro para levar a cabo unha intervención educativa integral con persoas menores que teñan que cumprir medidas xudiciais e outras actuacións de medio aberto previstas na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores.

De conformidade co disposto na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores (en diante LORPM), correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, no seu ámbito territorial, a execución das medidas impostas polos xulgados de menores nas súas sentenzas firmes, para o que levará a cabo a creación, dirección, organización e xestión dos servizos, institucións e programas adecuados para garantir a correcta execución das medidas previstas nesa lei.

Neste senso, o Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, encoméndalle á Dirección Xeral de Familia e Inclusión a execución das medidas ditadas polos xulgados de menores, nos termos establecidos na LORPM.

A citada LORPM prevé, no seu artigo 45.3, a posibilidade de que a Comunidade Autónoma estableza os convenios ou acordos de colaboración con entidades privadas sen ánimo de lucro para a execución das medidas da súa competencia, baixo a súa directa supervisión, sen que iso supoña en ningún caso a cesión da titularidade e responsabilidade derivadas da dita execución.

Así mesmo, o artigo 88 da Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia sinala que a Xunta de Galicia poderá subscribir convenios ou acordos de colaboración coas demais administracións, así como con outras entidades, públicas ou privadas sen ánimo de lucro, para a execución das medidas da súa competencia, baixo a súa directa supervisión, de acordo cos principios de cooperación e colaboración, e sen que iso supoña cesión da titularidade ou responsabilidade.

En virtude deste título habilitante e tendo en conta o superior interese da persoa menor que preside as actuacións no ámbito da xurisdición de menores, a colaboración con entidades privadas de iniciativa social con experiencia acreditada permite asegurar unha intervención educativa de calidade orientada á efectiva reinserción dos/as menores.

Existe unha pluralidade de entidades entre cuxos fins se encontra a intervención socioeducativa con persoas menores e mozos/as, capacitadas para desenvolver programas de intervención con menores.

Por todo iso, faise necesaria a articulación dun procedemento de selección que garanta os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade e non discriminación, á vez que permita elixir os proxectos daquelas entidades que garantan unha mellor calidade técnica na intervención a levar a cabo na execución das medidas en medio aberto, co fin de que se realice unha actuación adecuada e en beneficio da persoa menor, tendo en conta os seus intereses.

Por todo o exposto:

RESOLVO:

Primeiro. Convocar o procedemento de selección de entidades privadas sen ánimo de lucro para a execución, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, de medidas non privativas de liberdade, denominadas de medio aberto, ditadas polos xulgados de menores, e de tarefas e actividades de reparación extraxudiciais, segundo o establecido na LORPM, a través da formalización dun convenio de colaboración.

As entidades coas cales se asine un convenio de colaboración percibirán da Consellería de Traballo e Benestar, con cargo á aplicación orzamentaria 11.05.312B.228 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, unha compensación máxima polos gastos en que incorran no desenvolvemento das actividades conveniadas, que en ningún caso suporá un beneficio económico para a entidade conveniante. Esta compensación máxima que se satisfará establécese en 1.661.978,88 € (332.395,79 € para o cuarto trimestre do exercicio 2015 e 1.329.583,09 € para o exercicio 2016). O dito importe será distribuído como segue:

Convenio de colaboración para a execución das medidas xudiciais e outras actuacións de medio aberto na provincia da Coruña

2015

117.715,72 €

2016

470.862,88 €

Convenio de colaboración para a execución das medidas xudiciais e outras actuacións de medio aberto na provincia de Lugo

2015

65.982,79 €

2016

263.931,13 €

Convenio de colaboración para a execución das medidas xudiciais e outras actuacións de medio aberto na provincia de Ourense

2015

65.905,76 €

2016

263.623,01 €

Convenio de colaboración para a execución das medidas xudiciais e outras actuacións de medio aberto na provincia de Pontevedra

2015

82.791,52 €

2016

331.166,07 €

Segundo. Ordenar a publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Terceiro. A presente resolución pon fin á vía administrativa e contra ela cabe interpor recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte á súa notificación, sen prexuízo da previa interposición, con carácter potestativo, do recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ao abeiro do establecido no artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2015

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

ANEXO I
Procedemento de selección de entidades privadas sen ánimo de lucro para levar a cabo unha intervención educativa integral con persoas menores que teñen que cumprir medidas xudiciais e outras actuacións de medio aberto previstas na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores

Primeiro. Obxecto da convocatoria

A presente convocatoria ten por obxecto establecer o proceso para a selección de entidades privadas sen ánimo de lucro para levar a cabo unha intervención educativa integral con persoas menores que teñen que cumprir, dentro do ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, medidas non privativas de liberdade, denominadas de medio aberto, ditadas polos xulgados de menores ou que teñan que realizar tarefas e actividades de reparación extraxudicial, segundo o establecido na LORPM, mediante a subscrición de convenios de colaboración.

O termo «persoa menor» entenderase, no marco da presente convocatoria, como extensivo á totalidade daquelas persoas ás cales lles sexa aplicable algunha medida derivada da LORPM, independentemente de que alcanzasen ou non a maioría de idade no momento da execución, de acordo co uso que do dito termo se dá na antedita lei.

Segundo. Contido da convocatoria

Seleccionaranse entidades privadas sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de programas e recursos destinados á execución de medidas xudiciais en medio aberto impostas polos xulgados de menores e dos programas educativos que as desenvolven, de xeito que quede garantida a execución das seguintes medidas en medio aberto:

– Tratamento ambulatorio.

– Asistencia a centro de día.

– Permanencia de fin de semana en domicilio.

– Liberdade vixiada (preventiva e ditada en sentenza firme).

– Convivencia con outra persoa, familia ou grupo educativo (preventiva e ditada en sentenza firme).

– Prestacións en beneficio da comunidade.

– Realización de tarefas socioeducativas.

Tamén quedará garantida a realización das tarefas e actividades de reparación extraxudiciais previstas no artigo 19 da LORPM que, propostas polos equipos técnicos dos xulgados de menores, foran derivadas a unha xefatura territorial da Consellería de Traballo e Benestar.

A intervención educativa integral en medio aberto levarase a cabo en cada provincia nun recurso non residencial que se denominará Centro de Intervención Educativa en Medio Aberto (CIEMA), seguido do nome da provincia onde estea situado. Este local cumprirá os requisitos previstos no artigo 7 do Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia e as características previstas para un centro de día no Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia.

No desenvolvemento dos programas e recursos, as entidades deben cumprir de forma estrita a normativa aplicable e, en particular, a título meramente enunciativo, as seguintes normas e circulares:

▪ A Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores.

▪ O Real decreto 1774/2004, do 30 de xullo, polo que se aproba o regulamento da LORPM.

▪ A Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia.

▪ A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia.

▪ O Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.

▪ O Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia.

▪ O Decreto 42/2000, do 7 de xaneiro, modificado polo Decreto 406/2003, do 29 de outubro, polo que se refunde a normativa reguladora vixente en materia de familia, infancia e adolescencia.

▪ A Orde da Consellería de Familia, Muller e Xuventude do 1 de agosto de 1996, pola que se regulan os contidos mínimos do Regulamento de réxime interior e o proxecto educativo dos centros de atención a menores.

▪ A Circular 13/2008 na que se establece o procedemento das actuacións para a execución das medidas xudiciais en medio aberto impostas polos xulgados de menores e os programas.

Terceiro. Participantes

Poderán participar no procedemento de selección as entidades privadas sen ánimo de lucro cuxos fins, obxecto ou ámbito de actividades teñan relación directa co obxecto do convenio, segundo os seus estatutos ou regras fundacionais. En calquera caso, deberán dispor dunha organización con elementos persoais e materiais suficientes para a debida execución do convenio.

Considérase que teñen relación directa co obxecto do convenio a execución de programas de intervención dirixidos a menores que se encontran baixo unha medida de protección por parte da Administración pública ou que deban cumprir medidas xudiciais, ao abeiro da LORPM.

Cuarto. Presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días hábiles contados desde o día seguinte á publicación da presente convocatoria no DOG. As solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia ou en calquera dos rexistros ou oficinas e polos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e irán dirixidas á Consellería de Traballo e Benestar – Dirección Xeral de Familia e Inclusión-Subdirección Xeral de Familia e Menores.

Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

A presentación de solicitudes fóra de prazo dará lugar á súa inadmisión, que se lle notificará ao interesado en virtude de resolución expresa, en cumprimento do establecido no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As solicitudes de participación no procedemento de selección formularanse por quen posúa a representación legal da entidade, e deberase xuntar orixinal ou copia autenticada notarialmente ou debidamente compulsada da seguinte documentación:

1. Escritura ou documento de constitución, estatutos ou acto fundacional, en que conste a finalidade e as normas polas cales se regula a entidade na súa actividade, así como as súas modificacións, se as houbese, inscritos no correspondente rexistro oficial cando isto fose exixible conforme a normativa que lle sexa aplicable.

2. Documento acreditativo da identidade do representante da entidade, así como da representación que teña e a súa capacidade para asinar convenios ou, se é o caso, as previsións estatutarias ou acordos sociais nos cales se estableza a dita representación.

3. Declaración responsable do representante sobre a traxectoria da entidade e documentación acreditativa da súa experiencia en programas con menores.

4. Declaración responsable da inscrición no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Consellería de Traballo e Benestar na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

5. Declaración responsable de que a entidade conta con autorización de inicio da actividade do/s CIEMA/s que oferta/n ou compromiso de solicitar dito permiso no prazo máximo de 3 días naturais desde a notificación da resolución que poña fin ao procedemento de selección, no caso de resultar seleccionada.

6. Compromiso de subscrición dunha póliza de seguros para a cobertura dos seguintes riscos:

– Póliza de seguros que cubra os danos e sinistros que se produzan nos locais, instalacións, bens, aparatos e materiais afectos á actividade.

– De responsabilidade civil que cubra:

▪ Os danos que puidese sufrir calquera persoa, en si mesma ou nos seus bens, e que deriven do funcionamento do/s CIEMA ou do resto das instalacións con que se conta para a execución das medidas de medio aberto.

▪ Os danos que se puidesen causar a terceiras persoas e aos seus bens polos/as profesionais e, en xeral, por calquera persoa dependente dos/s CIEMA ou da entidade, incluídos os actos derivados de actividades relacionadas coa actividade conveniada, realizadas por calquera das persoas anteriormente citadas, tanto dentro como fóra das instalacións.

▪ Os danos que se puidesen causar a terceiras persoas e aos seus bens polas persoas menores atendidas, incluídos os actos derivados de actividades realizadas tanto dentro como fóra das instalacións.

A suma asegurada deberá ser dun mínimo de 150.000 € por sinistro e 300.000 € por anualidade.

– De accidentes de menores usuarios/as, causados tanto no interior do/s CIEMA e instalacións nas cales se leve a cabo a execución das medidas, como nos desprazamentos e actividades realizadas no exterior. A suma asegurada deberá ser dun mínimo de 30.000 € por persoa por falecemento ou invalidez permanente, e cubrir os gastos sanitarios e de enterramento.

A xustificación da póliza subscrita e do pagamento da prima deberán realizala as entidades seleccionadas no momento da sinatura do convenio.

7. Certificación positiva expedida pola Tesourería Xeral da Seguridade Social que acredite que a entidade se encontra ao día no cumprimento das súas obrigas coa Seguridade Social.

8. Certificación positiva expedida pola Consellería de Facenda da Xunta de Galicia de non ter contraída débeda ningunha coa Facenda da Comunidade Autónoma de Galicia.

9. Certificación positiva expedida pola Axencia Estatal da Administración Tributaria que acredite que a entidade se encontra ao día no pagamento das súas obrigas tributarias.

10. Proxecto de intervención educativa integral coa estrutura e contidos mínimos determinados no anexo II.

11. Memoria en que se indiquen os recursos materiais e humanos con que contará a entidade para a execución das medidas de acordo co previsto no anexo II xunto cun compromiso do responsable da entidade de adscribir á execución das medidas en medio aberto os medios persoais e materiais precisos para a súa boa execución e, en todo caso, os indicados na memoria.

12. Plan de formación continua do persoal co contido indicado no anexo II.

13. Proposta desagregada dos gastos derivados da execución da actividade obxecto de convenio, asinada polo responsable da entidade, cuxo importe en ningún caso poderá superar o previsto na presente convocatoria.

A proposta diferenciará entre gastos de persoal, gastos de funcionamento dos equipamentos e gastos das persoas menores.

14. Relación das persoas traballadoras fixas con discapacidade, de ser o caso, xunto coa resolución ou certificación acreditativa do grao e vixencia da discapacidade e unha declaración responsable do número de persoas traballadoras fixas con discapacidade e porcentaxe que representan sobre o cadro total de persoal.

15. Certificación ou resolución do órgano administrativo correspondente, no caso de que conte coa Marca galega de excelencia en igualdade ou cun plan de igualdade.

Quinto. Emenda de solicitudes

Unha vez recibida a solicitude e a documentación, se se constata que a mesma non reúne os requisitos establecidos no punto anterior, requirirase o solicitante para que no prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte á recepción da notificación, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, con advertencia de que, se así non o fixese, se lle terá por desistido da súa petición, logo de resolución nos termos establecidos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sexto. Órgano competente para a ordenación e instrución do procedemento

A Dirección Xeral de Familia e Inclusión é o órgano competente para a ordenación e instrución do procedemento.

Sétimo. Comisión de valoración

Mediante resolución da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar designarase unha comisión de valoración para a avaliación das solicitudes presentadas de conformidade cos criterios preferenciais. Esta comisión emitirá un informe resultado da baremación, informe que lle remitirá ao órgano instrutor para a emisión da proposta de resolución.

Esta comisión estará formada por:

Presidente:

– A persoa titular da Subdirección Xeral de Familia e Menores.

Tres vogais:

– A persoa titular de Servizo de Xustiza Penal Xuvenil.

– Un/unha técnico/a do Servizo de Xustiza Penal Xuvenil.

– Un/unha técnico/a do Servizo de Inspección de Familia e Menores da Subdirección Xeral de Autorización e Inspección de Servizos Sociais.

Secretario/a:

– Un/unha funcionario/a público/a da Dirección Xeral de Familia e Inclusión, que actuará con voz pero sen voto.

Oitavo. Criterios de valoración e baremo

1. Calidade técnica da intervención proposta, ata 37,5 puntos, segundo a seguinte desagregación:

1.1. Calidade do proxecto de intervención educativa integral, ata 30 puntos en atención aos seguintes criterios:

▪ Coherencia entre a problemática e necesidades das persoas menores atendidas e os obxectivos, contidos, metodoloxía e actividades propostos. Ata 10 puntos.

▪ Calidade do sistema de avaliación proposto. Ata 10 puntos.

▪ Detalle dos protocolos de actuación para o traballo en rede con recursos das zonas/áreas de intervención propostas. Ata 10 puntos.

1.2. Adecuación do plan de formación ás características da actividade, ata 5 puntos.

1.3. Ofertas de programas non previstos no punto 1 do anexo II, ata 2,5 puntos.

Cada programa adicional valorarase cun máximo de 1,25 puntos, en atención aos seguintes criterios:

– Coherencia cos programas exixidos e relevancia da intervención: ata 0,5 puntos.

– Innovación: ata 0,40 puntos.

– Extensión da súa aplicabilidade máis alá da intervención do centro, a través da creación de redes de apoio alleas á entidade: ata 0,35 puntos.

2. Características do CIEMA, do seu equipamento e dos recursos técnicos achegados, ata 17,5 puntos segundo a seguinte desagregación:

2.1. Situación xeográfica e comunicacións, en particular, dispoñibilidade de medios de transporte colectivo: ata 5 puntos.

2.2. Dimensións, distribución e grao de adecuación dos espazos aos fins da actividade: ata 5 puntos.

2.3. Calidade e confortabilidade dos espazos e do seu equipamento: ata 4 puntos.

2.4. Características da conexión á internet e dos dispositivos informáticos postos á disposición das persoas menores: ata 1 punto.

2.5. Oferta de equipamentos non previstos no punto 2.1 do anexo II ou en número superior ao exixido: ata 2,5 puntos en atención ao seguintes criterios:

– Incremento sobre o número de prazas mínimas exixidas por cada CIEMA: 0,15 puntos por praza, cun máximo de 8 prazas (1,20 puntos).

– Novo equipamento, coas mesmas características e exixencias mínimas do CIEMA, agás o número de prazas para a medida de asistencia a centro de día, que será dun mínimo de 8 prazas. Só se valorará 1 novo equipamento en distinta localidade da que radique o CIEMA (1,30 puntos).

3. Medios persoais dispoñibles (incremento do persoal mínimo respecto ao exixido no punto 2.2 do anexo II): ata 15 puntos.

3.1. Incremento do persoal educativo. Valorarase cada educador/a por riba do sinalado como mínimo no punto 2.2 do anexo II: ata 9 puntos, mediante a seguinte fórmula:

Pp=(9 x Np/Nm)

Pp: puntuación da proposta que se vai valorar.

Np: número de profesionais proposto incluídos na proposta que se vai valorar.

Nm: número máis alto de profesionais proposto polas entidades concorrentes.

Só se valorarán contratacións a xornada completa (1.771 horas anuais) ou a media xornada; esta última computará como 0,5 profesionais.

3.2. Incorporación de profesionais con titulación en Pedagoxía, Ciencias da Educación ou de persoal técnico de Inserción Laboral. Valorarase como máximo a contratación dun/dunha profesional por cada perfil (a xornada completa 1.771 horas anuais): 2 puntos, a media xornada: 1 punto, puntuación máxima: 6 puntos.

4. Experiencia profesional acreditada en programas de intervención dirixidos a menores que estean baixo unha medida de protección por parte da Administración pública ou que deban cumprir medidas xudiciais: ata 5 puntos.

Valorarase a traxectoria e experiencia en atención aos seguintes criterios:

– Por cada ano de experiencia profesional acreditada en programas de intervención dirixidos a menores infractores: 1 punto.

– Por cada ano de experiencia profesional acreditada en programas de intervención dirixidos a menores que estean baixo unha medida de protección: 0,5 puntos.

5. Posibilidade de inicio inmediato da execución da actividade: 5 puntos.

Acreditarase mediante a autorización de inicio de actividades do CIEMA.

6. Importe da cantidade xustificada en concepto de compensación económica. Ata 20 puntos.

En caso de concorrer dous solicitantes, á proposta de gastos máis baixa asignaránselle 20 puntos e á proposta máxima de gasto 0 puntos. En caso de que concorran tres ou máis solicitantes aplicarase a seguinte fórmula matemática:

Pp=20x[(Cm–Cp)/(Cm–Cb)]

Pp: puntuación da proposta que se valora.

Cm: compensación máxima establecida.

Cp: proposta que se valora.

Cb: proposta máis baixa das presentadas.

Noveno. Criterios aplicables en caso de empate

En caso de igualdade na puntuación acadada por dúas ou máis propostas terá preferencia a entidade que se encontre nalgún dos seguintes supostos e pola orde que se indican:

1. Que conte no seu cadro de persoal cun número de persoas traballadoras fixas discapacitadas superior ao 2 %, tendo preferencia no caso de que varias entidades estean nas mesmas circunstancias a que dispoña de maior porcentaxe de persoas traballadoras fixas con discapacidade.

2. Que conte coa Marca galega de excelencia en igualdade ou cun plan de igualdade, de acordo co establecido nos artigos 11 e 19 da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres en Galicia.

Décimo. Resolución do procedemento

Unha vez revisadas e avaliadas as solicitudes presentadas, a Dirección Xeral de Familia e Inclusión elevará á persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar unha proposta de resolución na cal se especificará a entidade seleccionada para a execución de cada un dos programas e recursos destinados á execución de medidas xudiciais en medio aberto.

A resolución que poña fin ao procedemento de selección de entidades colaboradoras ditaraa a persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar no prazo máximo de tres meses meses desde a publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia. Esta resolución seralles notificada aos interesados dentro de dito prazo. No caso de que no vencemento do prazo máximo non se ditase e notificase resolución expresa os interesados, poderán entender desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo.

A resolución que poña fin ao procedemento de selección das entidades colaboradoras porá fin á vía administrativa e contra ela cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo máximo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa notificación, sen prexuízo da previa interposición, con carácter potestativo, do recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación.

Décimo primeiro. Subscrición de convenios

Unha vez que se lle notifique aos interesados a resolución do procedemento, procederase á formalización dos convenios coa relación de entidades seleccionadas, no prazo de vinte días, de acordo co modelo previsto no anexo III.

No caso de que na data de notificación da resolución que poña fin ao procedemento selectivo a entidade seleccionada non contase con autorización de inicio de actividades para o CIEMA sede da actividade, na notificación da resolución poderase establecer un prazo non superior a dous meses para obter a dita autorización, contados desde a data desta. O órgano competente para resolver poderá, á vista das circunstancias concorrentes, ampliar este prazo por un mes máis, logo da solicitude da entidade seleccionada.

Non obstante, se a entidade seleccionada non obtivese a autorización de inicio de actividades no prazo establecido, a persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar ditará resolución en que a declare decaída no seu dereito e designe como entidade seleccionada para a sinatura do convenio a seguinte entidade que obtivese maior puntuación de entre as valoradas no proceso de selección.

Non se formalizará convenio de colaboración con entidades que non figuren inscritas no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais e non conten con autorización de inicio de actividades.

No caso de que a entidade seleccionada non formalizase o convenio no prazo indicado, ou non figurase inscrita no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais na data da súa formalización, procederase á sinatura do convenio no prazo de vinte días coa entidade seguinte que cumpra os requisitos exixidos na convocatoria, seleccionada pola orde en que quedasen clasificadas as propostas.

Décimo segundo. Vixencia dos convenios

Os convenios que se subscriban ao abeiro do presente procedemento estarán vixentes desde a data da súa sinatura ata o 31 de decembro de 2016 e poderán prorrogarse por acordo expreso das partes por períodos sucesivos, non superior cada un deles a un ano, ata un máximo de 2 anos.

ANEXO II

1. Proxecto de intervención educativa integral.

A intervención educativa que se realice coa persoa menor en execución da medida xudicial que lle fose imposta seguirá, en todo caso, o establecido na parte dispositiva/decisión da sentenza. Así mesmo, será integral e incorporará a perspectiva de xénero, e deberá abrangue tanto a dimensión persoal como a familiar e social. Ofrecerá espazos de escoita, reflexión, confrontación e acompañamento para a mellora da calidade de vida da persoa menor e do seu núcleo familiar. Comprenderá aquelas actividades e programas que contribúan á adecuada socialización da persoa menor e que deben incidir na súa formación, emprego, lecer, promoción ocupacional e convivencia.

A intervención educativa terá como obxectivo principal a reinserción social da persoa menor, para o cal se perseguirá que esta:

• Asuma as consecuencias da comisión do ilícito penal e se responsabilice do cumprimento da medida.

• Tome conciencia cívica dos seus dereitos e deberes e saiba respectar os dereitos e liberdades das outras persoas.

• Potencie as actitudes e adquira as competencias e habilidades que beneficien o seu desenvolvemento integral e lle permitan exercer unha cidadanía plena.

A intervención educativa responderá na súa formulación e desenvolvemento aos seguintes principios xerais:

• O superior interese da persoa menor sobre calquera outro interese concorrente.

• O respecto ao libre desenvolvemento da súa personalidade.

• A información dos dereitos que lle corresponden e a asistencia necesaria para o seu exercicio.

• A aplicación de programas fundamentalmente educativos que fomenten o sentido da responsabilidade e o respecto polos dereitos e liberdades das outras persoas.

• A adecuación das actuacións á súa idade, personalidade, xénero e circunstancias persoais e sociais.

• A prioridade das actuacións na propia contorna familiar e social sempre que non sexa prexudicial para o seu interese. Utilización preferente dos recursos normalizados do ámbito comunitario.

• O fomento da colaboración das nais e pais ou persoas que teñan a representación legal durante a execución das medidas.

• O carácter preferentemente interdisciplinar na toma de decisións que afecten ou poidan afectar a persoa menor.

• A confidencialidade, a reserva oportuna e a ausencia de inxerencias innecesarias na vida privada das e dos menores e das súas familias.

• A coordinación de actuacións e a colaboración con outros organismos, especialmente cos que teñan competencias en materia de educación e sanidade.

• O carácter socializador e a prevalencia da función social e psicopedagóxica na execución e contido das medidas.

A intervención educativa debe garantir que a persoa menor que execute unha medida xudicial en medio aberto sexa informada dos dereitos e deberes previstos na lexislación aplicable e, en particular, dos seguintes:

Dereitos:

• Dereito a que durante a súa estadía e/ou participación en actividades programadas se vele pola súa integridade física e a súa saúde, sen que poida, en caso ningún, ser sometida a tratos degradantes ou a malos tratos de palabra ou de obra, nin ser obxecto dun rigor arbitrario ou innecesario na aplicación das normas.

• Dereito a recibir unha atención individualizada e unha educación de calidade nas aprendizaxes e actividades en que participe, e á protección específica que pola súa condición lle dispensen as leis.

• Dereito a que se reserve a súa dignidade e intimidade, a ser designada polo seu propio nome, e a que a súa condición de menor sexa estritamente reservada fronte a terceiras persoas.

• Dereito a un programa de intervención individualizado e a participar nas actividades que sexan adecuadas á súa idade e momento evolutivo.

• Dereito a formular peticións ou queixas que considere pertinentes, tanto ante o persoal encargado da execución das medidas coma ante a xefatura territorial da Consellería de Traballo e Benestar correspondente.

• Dereito a recibir información persoal e actualizada dos seus dereitos e obrigas, así como dos procedementos concretos para facer efectivos tales dereitos, en especial para formular peticións, queixas ou recursos.

• Dereito a que a súa representación legal, nos casos a que corresponda, sexa informada sobre a súa situación e evolución así como sobre os seus dereitos.

Deberes:

• Realizar as actividades recollidas no PIEM.

• Manter unha actitude proactiva no desenvolvemento das actividades programadas.

• Respectar e cumprir as normas e as indicacións que reciban do equipo educativo.

• Manter un trato correcto e adecuado cara a todas as persoas con que manteña relación como consecuencia da execución da medida.

• Utilizar adecuadamente as instalacións e os medios materiais que se poñan á súa disposición

• Respectar as normas hixiénicas e sanitarias sobre vestiario e aseo persoal propias de cada actividade.

A intervención organizarase, cando menos, nas seguintes fases:

• Fase de valoración diagnóstica.

• Fase de elaboración do proxecto individualizado de execución da medida.

• Fase de desenvolvemento e seguimento da intervención.

• Fase de finalización e avaliación da intervención.

A metodoloxía fundamentarase, con carácter xeral, nos seguintes principios:

• Contextualización-normalización: a intervención realizarase, sempre que sexa posible, na contorna social da persoa menor e usando as redes sociais normalizadas e especializadas.

• Individualización: as circunstancias e características individuais, familiares e sociais deben tratarse e executarse para cada menor.

• Perspectiva de xénero: realizarase unha intervención que teña en conta o xénero no proceso de conformación da identidade, permita recoñecer os factores de risco e protección asociados a esta variable e a considere como factor de desenvolvemento e integración social.

• Potenciación: a intervención terá en conta as necesidades e carencias da persoa menor co obxecto de fomentar a súa autonomía e madurez persoal e superar os seus déficits formativos, culturais e de habilidades sociais e persoais.

• Integración: terase en conta a persoa menor dunha forma integrada para lograr o arraigo e inclusión na súa realidade social.

• Orientación: a intervención proporcionará axuda técnica e humana á persoa menor, dotándoa de ferramentas para manexar e superar as súas dificultades e conflitos.

En todo caso, a metodoloxía dos distintos programas e actividades que se desenvolvan para a intervención educativa integral será:

• Comprensiva e guiada, de tal xeito que a persoa menor entenda tanto os contidos coma o procedemento que se vai traballar.

• Integradora, relacionando as diversas aprendizaxes de contidos de diferentes áreas que formen parte dunha mesma realidade.

• Participativa, baseándose na motivación da persoa menor, no fomento da súa iniciativa e da súa implicación no desenvolvemento das actividades.

• Grupal e cooperativa, perseguindo o desenvolvemento, a cohesión e a vivencia do sentimento de colaboración e equipo naquelas actividades que se realicen en grupo.

• Dinámica, incorporando novos recursos materiais, especialmente os relacionados cos medios audiovisuais e as tecnoloxías da información e comunicación (TIC).

• Progresiva, partindo da situación inicial da persoa menor iranse propoñendo actividades que supoñan unha maior dificultade, implicación e responsabilidade.

• Reflexiva e de análise, facilitando que a persoa menor poida aplicar os coñecementos, actitudes e competencias técnicas e instrumentais que melloren a súa posición persoal e participación social.

A intervención educativa integral en medio aberto desenvolverá cando menos os seguintes programas socioeducativos:

– De competencia social.

– De educación en valores.

– De promoción da igualdade entre mulleres e homes e prevención da violencia de xénero.

– De aprendizaxe e apoio escolar.

– De tecnoloxías da información e comunicación (TIC) e do seu uso seguro e responsable.

– De educación para a saúde.

– De prevención do consumo de drogas.

– De educación e seguridade viaria.

– De educación afectivo-sexual.

– De motivación, formación e orientación para a inserción laboral.

– De axuda psicolóxica e autoapoio, desenvolvemento da intelixencia emocional.

– De lecer e tempo libre.

– De intervención familiar.

– De atención a persoas menores maltratadoras e ás súas familias.

– De maternidade/paternidade responsable.

– De detección e avaliación do risco de reincidencia.

– De atención específica e de loita contra os abusos sexuais das persoas menores e a pornografía infantil.

Estrutura e contidos mínimos do proxecto:

1. Marco legal e xustificación da intervención.

2. Características da poboación atendida.

3. Áreas de intervención: desenvolvemento persoal, saúde, formación, orientación e inserción laboral, estruturación do lecer e tempo libre, convivencia e relacións coa contorna social e de relacións familiares.

4. Obxectivos xerais e específicos por áreas de intervención.

5. Contidos por áreas de intervención e dos programas socioeducativos.

Para cada programa describirase a súa fundamentación, obxectivos xerais e específicos, contidos, actividades, temporización, metodoloxía e avaliación.

6. Marco metodolóxico da intervención educativa integral.

7. Organización e funcionamento da intervención (descrición e funcións do persoal, organización e funcionamento do equipo multidisciplinar, descrición da rede de recursos comunitarios e do sistema de coordinación previsto cos ditos recursos, protocolo de actuación para cada fase de intervención e descrición de funcionamento do CIEMA na dobre vertente de sede da actividade e espazo físico para a execución da medida de asistencia a centro de día, así como, de ser o caso, equipamentos que se poñan a dispor).

8. Avaliación de tipo cuantitativa e cualitativa (obxectivos, temporalización, instrumentos, criterios e indicadores).

2. Recursos materiais e humanos para a execución das medidas.

2.1. Recursos materiais.

As entidades deberán contar, como mínimo, cos seguintes recursos materiais:

a) Centro para a execución de medidas xudiciais da provincia da Coruña.

– Un CIEMA con capacidade mínima para executar simultaneamente doce medidas xudiciais de asistencia a centro de día, situado preferentemente na cidade sede da xefatura territorial da Consellería de Traballo e Benestar, que se denominará CIEMA Coruña.

– Conexión á internet, cinco equipamentos informáticos e una impresora para uso exclusivo das persoas menores usuarias do CIEMA, así como os recursos materiais (mobiliario e material de oficina, material educativo, etc.) precisos para o correcto desenvolvemento da intervención educativa.

b) Centro para a execución de medidas xudiciais da provincia de Lugo.

– Un CIEMA con capacidade mínima para executar simultaneamente dez medidas xudiciais de asistencia a centro de día, situado preferentemente na cidade sede da xefatura territorial da Consellería de Traballo e Benestar, que se denomina CIEMA Lugo.

– Conexión á internet, catro equipamentos informáticos e unha impresora para uso exclusivo das persoas menores usuarias do CIEMA, así como os recursos materiais (mobiliario e material de oficina, material educativo, etc.) precisos para o correcto desenvolvemento da intervención educativa.

c) Centro para a execución de medidas xudiciais da provincia de Ourense.

– Un CIEMA con capacidade mínima para executar simultaneamente dez medidas xudiciais de asistencia a centro de día situado preferentemente na cidade sede da xefatura territorial da Consellería de Traballo e Benestar, que se denominará CIEMA Ourense.

– Conexión á internet, catro equipamentos informáticos e unha impresora para uso exclusivo das persoas menores usuarias do CIEMA, así como os recursos materiais (mobiliario e material de oficina, material educativo, etc.) precisos para o correcto desenvolvemento da intervención educativa.

d) Centro para a execución de medidas xudiciais da provincia de Pontevedra.

– Un CIEMA con capacidade mínima para executar simultaneamente doce medidas xudiciais de asistencia a centro de día, situado preferentemente na cidade sede da xefatura territorial da Consellería de Traballo e Benestar, que se denominará CIEMA Pontevedra.

– Conexión á internet, cinco equipamentos informáticos e unha impresora para uso exclusivo das persoas menores usuarias do CIEMA, así como os recursos materiais (mobiliario e material de oficina, material educativo, etc.) precisos para o correcto desenvolvemento da intervención educativa.

A memoria debe incluír unha descrición clara das características do CIEMA, no cal se indique:

– Descrición clara das condicións físicas e arquitectónicas, xunto con planos de planta e fotografías e indicando a capacidade (número de prazas), número de cuartos, espazos comúns do persoal e das persoas usuarias, espazos exteriores, etc., sinalando para cada un dos espazos o número de metros cadrados útiles e os usos correspondentes.

– Documentos gráficos de planta, portal, cubertas, etc., con acotación a escala dos alzados e diferentes plantas.

– Fotografías da fachada, do portal e dos espazos interiores da vivenda, así como dos espazos exteriores de contar con eles.

– Descrición do equipamento con que conta cada instalación con indicación do número e características dos dispositivos informáticos e da conexión á internet de que se dispón.

– Medios de transporte públicos con que conta a zona, itinerarios, frecuencia e distancias aproximadas ao local.

– Descrición dos principais recursos educativos, sanitarios, de lecer, etc., con que conta a zona e distancias aproximadas ao local.

2.2. Recursos humanos.

Cada CIEMA, para os efectos de garantir a calidade da intervención, contará cos seguintes perfís profesionais:

1. Persoal de dirección/coordinación.

A dirección/coordinación da intervención educativa integral en medio aberto será exercida por unha persoa licenciada, diplomada ou con titulación universitaria de grao, preferentemente da rama das Ciencias Xurídicas e Sociais (Psicoloxía, Pedagoxía, Socioloxía, Educación Social ou Traballo Social).

O persoal de dirección/coordinación terá, entre outras, as seguintes funcións:

a) Cumprir e facer que o persoal de intervención educativa adscrito á execución das medidas en medio aberto cumpra os mandatos xudiciais que proveñen do xulgado de menores correspondente.

b) Asegurar o cumprimento das directrices marcadas desde a xefatura territorial da Consellería de Traballo e Benestar correspondente e desde a Dirección Xeral de Familia e Inclusión.

c) Planificar a intervención educativa en medio aberto.

d) Coordinar a realización das tarefas e actividades de reparación extraxudicial.

e) Dirixir e coordinar o desenvolvemento das actividades e programas, así como as actuacións do persoal de intervención educativa, de xeito que se garanta a interdisciplinariedade e a calidade da intervención.

f) Organizar e distribuír os e as profesionais no territorio con base no número de menores e no tipo de intervención educativa que se precise.

g) Velar polo cumprimento dos dereitos das persoas menores que cumpren medidas e dos seus proxectos individualizados de execución de medidas.

h) Establecer canles de colaboración con outras entidades ou organismos, perseguindo a optimización dos recursos da contorna e a calidade da atención.

i) Garantir a elaboración de toda a documentación que a normativa exixe para a execución das medidas e a súa remisión en prazo aos distintos departamentos da Xunta de Galicia competentes na área de menores.

j) Realizar avaliacións periódicas do funcionamento da actividade e das actuacións levadas a cabo coas persoas menores.

2. Persoal educador.

O persoal educador de medio aberto é o encargado de executar as medidas xudiciais neste ámbito. Realiza o seguimento da persoa menor no seu medio natural co obxectivo de facilitarlle o seu proceso socializador e madurativo. Atenderá especialmente ao proceso evolutivo individual, mediante o apoio necesario na superación das dificultades que deron lugar ao ilícito penal e na mellora das súas condicións persoais, familiares e sociais. Este persoal terá, entre outras, as seguintes funcións:

a) Coñecer as características da persoa menor, da súa familia e da súa contorna social.

b) Informar de xeito comprensivo a persoa menor e a súa familia, sobre a súa situación xudicial e os dereitos e obrigas que marca a lei.

c) Valorar as necesidades educativas de cada menor de acordo cos seus factores de risco e protección.

d) Definir os obxectivos educativos e, con base neles, elaborar o programa individualizado de execución de medida (PIEM), así coma os informes de seguimento, finais e de incidencias (se as houbese) que exixe a LORPM e o seu regulamento.

e) Explicarlle á persoa menor e, se procede, á súa familia o PIEM na súa vertente educativa e xudicial.

f) Acompañar, orientar e educar as/os menores no seu proceso de maduración e de desenvolvemento de hábitos e habilidades persoais e sociais.

g) Proporcionar mediación e axuda para resolver as situacións conflitivas que teñan as persoas menores a nivel persoal, familiar e social.

h) Reforzar o proceso de formación regulada cando así se precise.

i) Apoiar o proceso de orientación e formación laboral das persoas menores fomentando as súas capacidades para inserirse na sociedade.

j) Proporcionar alternativas de ocupación do tempo libre a través da participación en actividades de lecer organizadas.

Todo o persoal educador deberá estar en posesión dunha diplomatura ou titulación universitaria de grao en Educación Social ou contar coa acreditación correspondente para o desempeño desta función.

3. Persoal psicólogo.

O/a psicólogo/a de medio aberto será a persoa responsable da aplicación e intervención naquelas cuestións que teñan relación co seu perfil profesional. Este persoal terá, entre outras, as seguintes funcións:

a) Estudar a información psicolóxica que figure no expediente remitido polo xulgado e completala se fose preciso.

b) Detectar posibles patoloxías clínicas ou o consumo de substancias tóxicas e derivar estes casos ao recurso especializado que corresponda.

c) Colaborar co resto do persoal de intervención educativa na elaboración do PIEM e dos informes estipulados na lexislación aplicable.

d) Asesorar e dar apoio técnico ao persoal educador durante todo o proceso de intervención educativa.

e) Colaborar no traballo de avaliación e seguimento do/a menor.

f) Elaborar programas de intervención psicolóxica individual e familiar.

g) Realizar, nos casos en que sexa necesario, os tratamentos psicolóxicos e terapias de apoio, tanto a nivel individual como familiar e de grupo.

Este persoal deberá estar en posesión dunha licenciatura ou titulación universitaria de grao en Psicoloxía.

4. Traballador/a social.

O/a traballador/a social avaliará as relacións da persoa menor co seu medio social e familiar e orientará o traballo do persoal educador nesta área, para o cal deberá coñecer en profundidade o mapa de recursos e a súa dimensión comunitaria, en especial aqueles que fixan a súa atención nos e nas menores e nas súas familias (servizos sociais, oficinas de emprego, asociacións, recursos de lecer e tempo libre, entidades deportivas e sociais, etc). Este persoal terá, entre outras, as seguintes funcións:

a) Informar a persoa menor e a súa familia dos recursos e axudas sociais existentes, nos casos en que sexa necesario.

b) Tramitar a documentación e permisos administrativos que, de ser o caso, poida precisar a persoa menor.

c) Elaborar programas para mellora da capacidade de emprego dos e das menores.

d) Deseñar, nos casos en que corresponda e en coordinación co resto dos profesionais da intervención educativa, o itinerario personalizado de formación e/ou inserción sociolaboral.

e) Dar apoio técnico ao persoal educador durante todo o proceso de intervención educativa.

f) Colaborar co resto do persoal de intervención educativa no traballo de avaliación e seguimento do/a menor e achegar a información oportuna para a elaboración dos informes estipulados na lexislación aplicable.

g) Coordinarse coas entidades públicas ou servizos sociais durante o desenvolvemento da intervención e, nos supostos de especial vulnerabilidade ou risco de exclusión social, comunicar esta situación ao finalizar a medida.

Este persoal deberá estar en posesión dunha diplomatura ou titulación universitaria de grao en Traballo Social.

En todo caso, as entidades deberán contar, como mínimo, cos seguintes recursos humanos:

a) Centro para a execución de medidas xudiciais da provincia de Coruña.

Un cadro de profesionais para a intervención educativa constituído, cando menos, por:

• 1 director/a.

• 10 educadores/as.

• 1 psicólogo/a.

• 1 traballador/a social.

b) Centro para a execución de medidas xudiciais da provincia de Lugo.

Un cadro de profesionais para a intervención educativa constituído, polo menos, por:

• 1 director/a.

• 4 educadores/as.

• 1 psicólogo/a.

• 1 traballador/a social.

c) Centro para a execución de medidas xudiciais da provincia de Ourense.

Un cadro de profesionais para a intervención educativa constituído, cando menos, por:

• 1 director/a.

• 4 educadores/as.

• 1 psicólogo/a.

• 1 traballador/a social.

d) Centro para a execución de medidas xudiciais da provincia de Pontevedra

Un cadro de profesionais para a intervención educativa constituído, cando menos, por:

• 1 director/a.

• 6 educadores/as.

• 1 psicólogo/a.

• 1 traballador/a social.

A referencia efectuada a cada unidade correspóndese cun profesional a xornada completa.

Na memoria é necesario indicar, en relación con este persoal, a modalidade de contratación, titulación e experiencia laboral, xornada, horarios e número de horas anuais de dedicación.

3. Plan de formación continua do persoal.

Este plan de formación debe indicar:

• Os obxectivos e contidos das actividades formativas.

• Os perfís profesionais das persoas destinatarias.

• A duración prevista en horas.

• O perfil profesional ou formativo das persoas encargadas da docencia.

ANEXO III
Modelo de convenio

Convenio de colaboración entre a Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia e XXXXXXXXXX para levar a cabo unha intervención educativa integral con persoas menores que teñan que cumprir medidas xudiciais e outras actuacións en medio aberto previstas na Ley orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores

En Santiago de Compostela, ... de .....................de 2015

Reunidos:

Dunha parte, Beatriz Mato Otero, conselleira de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, en nome e representación desta, en uso das facultades que lle veñen atribuídas no artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta de Galicia e da súa Presidencia, e de conformidade co disposto no Decreto 227/2012, do 2 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; o Decreto 229/2012, do 2 de decembro, polo que se nomean os titulares dos departamentos da Xunta de Galicia; o Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, e o Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar.

Doutra parte, .............................................................., como apoderado/representante legal de XXXXXXXXXX, de acordo co XXXXXXXXXX.

Ambas as dúas partes comparecentes recoñécense reciprocamente capacidade suficiente para o outorgamento do presente convenio de colaboración e, en consecuencia,

Expoñen:

Primeiro. Que a Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Familia e Inclusión, ten asumidas entre as súas competencias, segundo o artigo do Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, a protección e tutela dos/as menores en situación de risco ou desamparo e a execución das medidas ditadas polos xulgados de menores, nos termos establecidos na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores (en diante LORPM).

Segundo. Que XXXXXXX, constituída en virtude de XXXXXXXX, é unha entidade sen ánimo de lucro que figura inscrita no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Consellería de Traballo e Benestar co número XXXXXXXX.

Dentro do seus obxectivos prevé XXXXXXXXX accións que teñen relación directa co obxecto do convenio.

Terceiro. Que ambas as dúas partes na súa actuación teñen en conta os principios recollidos na Convención dos dereitos do neno aprobada polas Nacións Unidas o 20 de novembro de 1989, o cumprimento da normativa estatal e autonómica sobre reforma de menores, as regras mínimas uniformes das Nacións Unidas para a Administración de xustiza de Menores (regras de Beijing), adoptadas pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas o 29 de novembro de 1985, a Recomendación (87) 20 do Comité de Ministros do Consello de Europa, do 17 de setembro de 1987, sobre reaccións sociais ante a delincuencia xuvenil, e o Ditame do Comité Económico e Social Europeo sobre A prevención da delincuencia xuvenil, modos de tratamento da delincuencia xuvenil e o papel da xustiza do menor na Unión Europea, do 15 de marzo de 2006.

Cuarto. Que o artigo 45.3 da LORPM faculta as comunidades autónomas para establecer os convenios ou acordos de colaboración necesarios con entidades privadas sen ánimo de lucro para a execución das medidas da súa competencia, baixo a súa directa supervisión, sen que iso supoña en ningún caso a cesión da titularidade e responsabilidade derivada da dita execución.

O artigo 88 da Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, atribúelle á Xunta de Galicia a potestade de subscribir convenios ou acordos de colaboración coas demais administracións, así como con outras entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro, para a execución das medidas da súa competencia, baixo a súa directa supervisión, de acordo cos principios de cooperación e colaboración, e sen que isto supoña cesión de titularidade ou responsabilidade.

Quinto. Que co fin de promover a concorrencia pública e garantir os principios de publicidade, transparencia, obxectividade e non discriminación a Consellería de Traballo e Benestar convocou un procedemento de selección de entidades privadas sen ánimo de lucro para levar a cabo unha intervención educativa integral con persoas menores que teñan que cumprir medidas xudiciais e outras actuacións de medio aberto previstas na LORPM (DOG núm. XXXXX).

Sexto. Que unha vez resolto o procedemento, a entidade XXXXXXXX resultou seleccionada para a colaboración coa entidade pública na execución das medidas xudiciais e outras actuacións de medio aberto na provincia de XXXXXXXX.

Por todo o exposto, a Consellería de Traballo e Benestar e a entidade XXXXXXXXXXX acordan formalizar o presente convenio de colaboración de acordo coas seguintes

Cláusulas:

Primeira. Obxecto e ámbito de aplicación

Este convenio ten por obxecto regular a colaboración entre a Consellería de Traballo e Benestar e a entidade XXXX para levar a cabo unha intervención educativa integral con menores que teñen que cumprir medidas non privativas de liberdade, denominadas de medio aberto, impostas polos xulgados de menores en virtude do artigo 7 da LORPM, ou que teñan que realizar tarefas e actividades de reparación extraxudicial previstas no artigo 19 da mencionada lei, no ámbito da provincia de XXXX.

A relación de medidas xudiciais que deberá executar entidade son as seguintes:

• Tratamento ambulatorio. Medida destinada aos menores que dispoñen das condicións adecuadas na súa vida para beneficiarse dun programa terapéutico que os axude a superar procesos adictivos ou disfuncións significativas no seu psiquismo.

• Asistencia a centro de día. As persoas sometidas a esta medida residirán no seu domicilio habitual e acudirán ao CIEMA a realizar actividades de apoio, educativas, formativas, laborais ou de ocio.

• Permanencia fin de semana. Medida pola cal a persoa menor se ve obrigada a permanecer no seu fogar desde a tarde ou noite do venres ata a noite do domingo, con excepción do tempo en que realice as tarefas socioeducativas asignadas polo/a xuíz/a que deban levarse a cabo fóra do lugar de permanencia.

• Liberdade vixiada. Nesta medida tense que facer un seguimento da actividade da persoa sometida a ela e da súa asistencia á escola, do centro de formación profesional ou ao lugar de traballo, segundo os casos, procurando axudala a superar os factores que determinaron a infracción cometida.

• Convivencia con persoa, familia ou grupo educativo. É unha medida que intenta proporcionarlle á persoa menor un ambiente de socialización positivo, mediante a convivencia, durante un período determinado polo/a xuíz/a, cunha persoa, cunha familia distinta da súa ou con grupo educativo que se ofreza a cumprir a función da familia no que respecta ao desenvolvemento de pautas socioafectivas prosociais no/a menor.

• Prestacións en beneficio da comunidade. Consiste en realizar unha actividade, durante o número de sesións previamente fixado, ben sexa en beneficio da colectividade no seu conxunto ou de persoas que se encontren nunha situación de precariedade por calquera motivo. Esta actividade, de xeito preferente, busca relacionar a natureza da actividade en que consista a medida cos bens xurídicos afectados polos feitos cometidos polo menor.

• Tarefas socioeducativas. Consiste en que a persoa menor leve a cabo actividades específicas de contido educativo que faciliten a súa reinserción social.

Así mesmo, correspóndelle á entidade XXXX garantir a realización de tarefas e actividades de reparación extraxudicial previstas no artigo 19 da mencionada lei, no ámbito da provincia.

Segunda. Beneficiarios

Persoas menores que teñan que cumprir unha medida xudicial de medio aberto imposta polos xulgado de menores, recollida no obxecto do convenio, ou que teñen que realizar reparacións extraxudiciais ou actividades educativas propostas polos equipos técnicos dos xulgados de menores en virtude do artigo 19 da LORPM.

O termo «persoa menor» entenderase, como extensivo á totalidade daquelas persoas ás cales lles sexa aplicable algunha medida derivada da LORPM, independentemente de que alcanzasen ou non a maioría de idade no momento da súa execución, de acordo co uso que ao dito termo se dá na antedita lei.

Terceira. Principios inspiradores

A entidade XXXX, na intervención cos menores, terá en conta os principios inspiradores da execución das medidas xudiciais recollidos na LORPM e no Real decreto 1774/2004, do 30 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da citada lei, así como as directrices e instrucións ditadas desde a Dirección Xeral de Familia e Inclusión que desenvolvan estes principios. Prima fundamentalmente o carácter educativo dos programas, cunha intervención integral que abrangue aspectos educativos, formativos, familiares e sociais que favorezan o desenvolvemento harmónico da súa personalidade e a súa toma de conciencia polos feitos cometidos. Esta intervención desenvolverase nas fases e de acordo cos obxectivos, áreas, programas e metodoloxías recollidas no proxecto de intervención educativa integral presentado, que se incorporará como anexo ao convenio.

Cuarta. Obrigas

Da Consellería de Traballo e Benestar.

– Remitir á entidade XXXX toda a información relativa ás medidas para a súa execución.

– Realizar todas as actuacións administrativas que, de acordo coa súa competencia, lle correspondan na execución das medidas.

– Elaborar circulares e instrucións que establezan un procedemento para a execución e seguimento das medidas de medio aberto, así como de soportes documentais que permitan un tratamento informático da información que garantan a unidade de expediente e a súa reserva.

– Contribuír ao financiamento das actividades obxecto deste convenio nos termos sinalados na cláusula quinta.

– Levar a cabo o seguimento e supervisión do traballo levado a cabo pola entidade .

Da entidade colaboradora:

• En relación coa persoa menor ou mozo/a.

– Respectar os seus dereitos, tanto os que lle recoñecen as leis nacionais como as internacionais, así coma os dereitos que deriven da execución da medida xudicial.

– Xestionar con axilidade a documentación administrativa que as persoas menores precisen.

– Realizar o acompañamento e asesoramento, garantindo que a intervención educativa que se realice responda a parámetros de calidade.

– Garantir a alimentación e cubrir os gastos de transporte nos casos en que, pola súa situación sociofamiliar, proceda.

• En relación coa execución das medidas.

– Aceptar a aquelas persoas menores que para a súa atención indiquen as xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, constituíndo este último organismo o único con capacidade para derivalas.

– Elaborar e presentar nos prazos recollidos legalmente un programa individualizado de execución de medidas para cada persoa menor ou un modelo individualizado de intervención nos supostos de medidas de carácter preventivo.

– Realizar as actuacións que correspondan de acordo co programa de execución aprobado, para o seguimento e execución definitiva da medida.

– Elaborar os correspondentes informes de seguimento así como de incidencias, se as houber, co obxecto de manter informadas a autoridade xudicial e administrativa.

– Presentar, cando se considere procedente, a proposta de revisión xudicial de medida ou medidas.

– Asistir ás entrevistas, reunións, actos e dilixencias procesuais aos cales sexa convocado.

– Actuar de xeito coordinado co persoal técnico, entidades ou servizos que participen na execución da medida.

– Elaborar o informe final de valoración do proceso de execución e da situación na dita data da persoa menor.

– Informar, en calquera momento e por petición do departamento da Xunta de Galicia competente na área de menores, sobre a evolución da situación das persoas menores ao seu cargo.

– Seguir as instrucións establecidas pola Dirección Xeral de Familia e Inclusión da Consellería de Traballo e Benestar, así como das xefaturas territoriais, en relación coa execución das medidas xudiciais, e subministrar toda a información que lle sexa solicitada. En todo caso, será a xefatura territorial correspondente quen lle remita e/ou comunique ao xulgado de menores que impuxo a medida toda aquela documentación exixible ao abeiro da LORPM e do seu regulamento.

– Comunicar de xeito inmediato á Dirección Xeral de Familia e Inclusión da Consellería de Traballo e Benestar, así como ás súas xefaturas territoriais, calquera incidencia relevante na execución da medida ou o seu incumprimento, así como todas aquelas circunstancias sobrevidas que puidesen orixinar irregularidades no desenvolvemento da actividade conveniada.

Unha vez rematada a medida xudicial e feita a comprobación de que a persoa menor non vai ter que executar novas medidas impostas, a entidade colaboradora:

– Entregará á persoa menor toda a documentación de carácter persoal que lle pertenza.

– Destruirá todas as copias da documentación que elaborara ou que lle fora remitida pola Consellería de Traballo e Benestar. A información que teña sobre a persoa menor en calquera soporte distinto do papel será destruída tamén conforme o disposto na normativa aplicable.

– Remitiralle á xefatura territorial da Consellería de Traballo e Benestar o resto da documentación orixinal, e indicará expresamente que é para dar cumprimento ao establecido no número 6 do artigo 12 do Regulamento da LORPM.

• En relación co persoal adscrito á execución das medidas.

• Contar cun cadro de profesionais para a intervención educativa con alta cualificación técnica e humana en número suficiente para cubrir as ratios establecidas no Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia, coa composición e número determinados na memoria achegada pola entidade que se anexa a este convenio.

As características do persoal, modalidades de contratación, titulacións, experiencia laboral, horario, etc. deben respectar o contido da dita memoria.

Este persoal dependerá exclusivamente da entidade conveniada a cal terá todos os dereitos e deberes inherentes á súa condición de empregadora respecto daquel, á entidade corresponderalle a súa dirección técnico-educativa e organización. A Administración será de todo allea ás relacións entre o persoal e a entidade colaboradora. Por conseguinte, en ningún caso o referido persoal poderá alegar dereito ningún en relación coa Administración nin exixirlle a esta responsabilidade de calquera clase como consecuencia das obrigas existentes entre a entidade conveniada e o seu persoal.

En ningún caso a sinatura do convenio suporá a existencia dunha relación funcionarial ou laboral entre a Administración e o persoal que a entidade achegue para levar a cabo unha intervención educativa integral con menores que teñen que cumprir medidas de medio aberto.

A extinción do convenio non poderá producir en ningún caso a consolidación das persoas que realizasen os traballos obxecto do convenio como personal da Xunta de Galicia.

– A cobertura, en todo momento, dos postos de traballo e das correspondentes funcións. En consecuencia, a entidade efectuará ao seu cargo e inmediatamente as substitucións necesarias do persoal que teña asignado á actividade, sexa cal for a súa causa, de forma que a execución das medidas xudiciais quede sempre asegurada. As variacións que se produzan no cadro de persoal serán inmediatamente comunicadas á Dirección Xeral de Familia e Inclusión para a súa autorización, e xuntarase a documentación acreditativa da titulación e do currículo profesional. O cambio debe ser excepcional e expresamente motivado e respectar o mínimo exixido neste convenio.

– Garantir a retribución axeitada do seu persoal, asumindo de forma directa e non trasladable á Administración o custo de calquera mellora nas condicións de traballo e/ou nas súas retribucións, xa sexa como consecuencia de convenios colectivos, pactos ou acordos de calquera índole, de xeito que en ningún caso poderá repercutir as referidas modificacións sobre o importe que se facturará.

– Garantir a calidade técnica (titulación, formación e aptitude profesional) do persoal que leva a cabo a intervención, será ao seu cargo a formación e promoción precisas para asegurar a calidade desta.

– O cumprimento respecto do persoal da entidade da normativa laboral, de Seguridade Social e de prevención de riscos laborais e seguridade e saúde no traballo que se encontre vixente en cada momento.

No suposto de que sexa obrigatoria a subrogación do persoal por estar así establecido nos convenios colectivos vixentes, observarase o disposto neles.

– O cumprimento do disposto nas normas vixentes en caso de accidente ou prexuízo de calquera índole ocorrido ao persoal con ocasión do exercicio do seu cometido, baixo a súa responsabilidade, sen que esta alcance de modo ningún a Administración.

– Aplicar criterios de mobilidade do persoal para reforzar as distintas áreas ou zonas segundo as necesidades de intervención educativa en cada momento.

– Informar e formar o persoal nas obrigas que dimanan da lexislación aplicable en materia de protección de datos de carácter persoal.

– Desenvolver con carácter anual o plan de formación presentado pola entidade. As accións anuais que se desenvolverán neste plan deben enviarse á Dirección Xeral de Familia e Inclusión con 3 meses de antelación á súa posta en marcha.

• En relación coa intervención educativa.

– Planificar a intervención educativa na provincia con base no establecemento de áreas ou zonas de intervención que permitan o desenvolvemento das actuacións na propia contorna familiar e social da persoa menor.

– Levar a cabo a intervención educativa de acordo co proxecto de intervención educativa integral para a execución das medidas xudiciais en medio aberto presentado pola entidade XXXX, que se anexa ao convenio.

– Preparar e xestionar os medios e recursos necesarios para o óptimo desenvolvemento das actividades e programas.

Para os supostos de desenvolvemento de tarefas e actividades de reparación extraxudicial, a intervención educativa atenderá as indicacións que sobre este particular indique o equipo técnico do xulgado de menores correspondente.

• En relación co CIEMA.

• Contar cun Centro de Intervención Educativa en Medio Aberto (CIEMA) situado na cidade de XXXX, denominado CIEMA XXXX, con capacidade mínima para executar simultaneamente XXXX medidas xudiciais de asistencia a centro de día, que constitúe punto de atención e referencia para o cumprimento das restantes medidas xudiciais en medio aberto coas características e recursos indicados na memoria presentada pola entidade que se anexa a este convenio.

Este centro deberá cumprir os requirimentos establecidos no Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia.

– Garantir a plena dispoñibilidade do dereito de uso e gozo do inmoble durante a vixencia do convenio.

– Contar coas autorizacións exixibles segundo a normativa vixente, así coma coas medidas de protección e seguridade precisas, as cales serán, en todo caso, adecuadas ás condicións estruturais e das instalacións. Estas autorizacións deberán estar expostas durante o desenvolvemento da actividade nun lugar visible ao público.

– Manter, conservar e coidar o local, asumindo a totalidade dos gastos de equipamento e de mantemento do inmoble (auga, luz, gas, limpeza, etc.).

– Dispor do servizo de mantemento e limpeza precisos para o bo funcionamento.

– Presentar no prazo de dous meses desde a sinatura do convenio o Plan de prevención de riscos laborais e o Plan de actuación para casos de emerxencias, que deberán ser coñecidos por todas as persoas, tanto menores como profesionais. Os planos de evacuación estarán permanentemente expostos en lugar visible.

– Presentar no prazo de dous meses desde a sinatura do convenio un regulamento de réxime interno, que estará exposto no CIEMA nun lugar visible ao público, e que contará como mínimo coas normas de funcionamento, dereitos e deberes das persoas usuarias e órganos de representación e participación.

– Contar cun libro de rexistro de persoas usuarias e cun expediente individual de cada menor.

– Dispor dun libro de reclamacións, segundo o modelo aprobado, debidamente dilixenciado, e dunha caixa de suxestións, de cuxa existencia deberá informarse nun lugar visible ao público.

– Expor, nun lugar visible ao público, o organigrama do persoal adscrito á execución das medidas.

– Ter un horario de apertura durante toda a semana de 8.00 a 20.00 horas e contar coa presenza como mínimo dunha persoa educadora no centro. Nas fins de semana deberase contar cando menos cunha persoa do mesmo perfil localizable.

• Outras obrigas.

– Facilitar o exercicio das facultades de comprobación, dirección e inspección da Administración acerca da actividade conveniada. En consecuencia, en canto teña relación co obxecto do convenio, a Administración poderá obter da entidade conveniada a documentación e información que considere oportuna, establecer os sistemas de control de calidade que se deberán empregar e levar a cabo as inspeccións que considere pertinentes, e reservarase, para estes efectos, a facultade de efectuar as visitas que consideren necesarias para comprobar as condicións técnicas de execución da intervención, o cumprimento dos requisitos para desenvolver a actividade, o trato e a asistencia que reciben as persoas beneficiarias, así como o bo funcionamento e o cumprimento das obrigas contraídas. Poderá solicitar a comparecencia do persoal directivo da entidade e/ou das persoas menores usuarias do servizo. Así mesmo, a Administración está facultada para ditar as instrucións oportunas para o estrito cumprimento do convenio.

A entidade acatará exacta e inmediatamente as ordes e instrucións que lle dite a Administración para a execución da actividade.

– Asumir todos os gastos que se produzan por desprazamento do persoal, tanto para a intervención coas persoas menores como para a busca de recursos que fagan posible a execución do contido das medidas.

– Garantir a execución das medidas, e establecer, de acordo coa lexislación vixente en materia laboral, as quendas e substitucións precisas en caso de baixa e nos períodos de vacacións, festivos, etc. da persoa titular.

– Xustificar as pólizas de seguros e o pagamento da prima cada vez que corresponda renovar a dita póliza.

– Indemnizar os danos que se causen a terceiras persoas como consecuencia das operacións que requira a actividade, excepto cando o dano fose producido por causas imputables á Administración.

– Cumprir a normativa vixente e cantas disposicións sobre protección e reeducación de menores dite a Xunta de Galicia e os seus órganos competentes no exercicio das súas atribucións.

– Desenvolver e executar todas aquelas instrucións, circulares, protocolos, etc. emitidos en relación coa actividade obxecto de convenio pola Dirección Xeral de Familia e Inclusión para unha mellor organización e seguimento da actividade desenvolvida.

– Remitir mensualmente á xefatura territorial correspondente a folla de ocupación debidamente cuberta segundo o modelo establecido na Circular 13/2008 que regula o procedemento de actuacións para a execución de medidas xudiciais en medio aberto impostas polos xulgados de menores e os programas educativos que as desenvolven.

– Elaborar unha memoria anual e os informes de seguimento da actividade desenvolvida que se lle indiquen por parte do persoal técnico da Dirección Xeral de Familia e Inclusión.

A memoria anual será presentada á Dirección Xeral de Familia e Inclusión durante o primeiro trimestre do ano seguinte a que corresponde e conterá a descrición e análise cuantitativa e cualitativa de todas as actuacións desenvolvidas durante ese ano.

Ademais, presentarase anualmente a explotación estatística dos datos conforme, entre outros, aos seguintes epígrafes, que serán, en todos os casos, desagregados por sexo:

a) Número de persoas menores atendidas, clasificadas por medidas e segundo os seguintes tramos de idade: 14-15, 16-17, 18-21 e de 21 anos en diante.

b) Idade, nacionalidade e etnia das persoas menores infractoras atendidas.

c) Tipoloxía das medidas en relación cos delitos cometidos.

d) Tipoloxía dos delitos cometidos e medidas aplicadas.

e) Nivel de escolarización e/ou formación e características sociofamiliares.

f) Participación nos distintos programas e actividades socioeducativas.

g) Contactos e entrevistas realizados coa familia da persoa menor.

h) Índice de reincidencia e perfil das persoas reincidentes (idade, nacionalidade, etnia, nivel de escolarización e/ou formación e características sociofamiliares).

– Contar coa autorización da Dirección Xeral de Familia e Inclusión para dar publicidade en calquera soporte das intervencións realizadas ao abeiro do convenio (publicacións, estatísticas, memorias, etc.).

– Contar coa autorización da Dirección Xeral de Familia e Inclusión para a organización de eventos (seminarios, congresos, xornadas, etc.), así como a presentación de relatorios, comunicacións e outros en que se traten temas directamente relacionados coa actividade obxecto do convenio.

– Colaborar coa Administración na investigación, estudo e desenvolvemento de programas relacionados coa delincuencia xuvenil en Galicia.

– Incorporar en todo o material e documentación xerada polo programa o logotipo da identificación corporativa da Xunta de Galicia.

Quinta. Compromisos económicos e forma de pagamento e xustificación

A entidade XXXX percibirá da Consellería de Traballo e Benestar con cargo aos orzamentos aprobados para estes fins unha compensación polos gastos en que incorra no desenvolvemento do convenio de XXXXX euros, que en ningún caso supón un beneficio económico para a entidade conveniada.

A dita compensación será satisfeita por meses vencidos, logo da xustificación dos gastos mediante a factura correspondente.

Para o aboamento da compensación a entidade colaboradora presentará á Dirección Xeral de Familia e Inclusión da Consellería de Traballo e Benestar, dentro dos cinco días seguintes ao mes en que levou a cabo a actividade conveniada, os seguintes documentos:

a) A factura correspondente conforme o establecido no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

b) Certificado da entidade onde conste o persoal que leva a cabo a actividade ordenado por grupo profesional e posto de traballo, con especificación do nome e apelidos, número de afiliación á Seguridade Social, tipo de contrato e dedicación horaria.

c) Copia dos TC1 e TC2 da Seguridade Social.

d) Folla de atención mensual, asinada pola persoa responsable do CIEMA, onde constarán todas as persoas menores que estiveron executando unha medida no período facturado, con especificación de: nome e apelidos, data de nacemento, expediente xudicial, data de ingreso, data de fin de medida e movemento (permanencia, alta ou baixa).

A documentación sinalada nas letras b), e c), unha vez achegada coa primeira facturación do servizo, só é preciso remitila no caso de que sufra variación.

Para a presentación das facturas utilizarase como sistema preferente o sistema electrónico de facturación da Xunta de Galicia. Para máis información: http://conselleriadefacenda.es/factura e http://www.conselleriadefacenda.es/sicon.

Sexta. Confidencialidade

Ambas as dúas partes garanten a total confidencialidade dos datos persoais e familiares aos cales teñan acceso como consecuencia das actividades que se van realizar, de acordo co establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, no Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de desenvolvemento da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, e no artigo 12 do Real decreto 1774/2004, do 30 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da LORPM, que regula o expediente persoal do menor na execución da medida.

No seu cumprimento, a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, responsable do ficheiro Xestión de servizos sociais, regulado pola Orde do 15 de decembro de 2011, pola que se regulan os ficheiros de datos de carácter persoal (DOG nº 246, do 27 de decembro), autoriza a entidade XXXX, como encargada do tratamento, para que acceda aos datos de carácter persoal contidos no dito ficheiro, para os únicos efectos da execución deste convenio.

A entidade XXXXXXXXX como encargada do tratamento, tratará os datos de conformidade coas instrucións do responsable do ficheiro e só coas finalidades e os usos exclusivamente precisos para a execución deste convenio, polo que non poderán ser usados para un fin distinto. En particular, deben prestar cumprimento ás previsións establecidas para o ficheiro de Servizos sociais incluído no anexo I da Orde do 15 de decembro de 2011. Os datos persoais aos cales teña acceso a encargada do tratamento non serán comunicados a terceiros, nin sequera para a súa conservación.

A responsable do ficheiro e, de ser o caso, a encargada do tratamento deberán adoptar as medidas de índole técnica e organizativas precisas que garantan a seguridade dos datos persoais e eviten a súa alteración, perda, tratamento ou acceso non autorizados. A Orde do 15 de decembro de 2011 dispón que o ficheiro ten un nivel de seguridade alto; polo tanto será precisa a aplicación das medidas de seguridade previstas no título VIII do Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro.

A encargada do tratamento poderá subcontratar os servizos de auditoría e consultoría necesarios para garantir a adecuación do tratamento dos datos á Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, nos termos establecidos no artigo 21.2 do Real decreto 1720/2007. A empresa subcontratada pasa a ter a condición de encargada do tratamento e queda obrigada igualmente ao cumprimento das instrucións estipuladas pola responsable do ficheiro para a encargada do tratamento. Adoptará as medidas técnicas e organizativas necesarias para garantir a seguridade, integridade e confidencialidade dos datos de carácter persoal tratados conforme o disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, e o Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro.

Unha vez finalizada a vixencia do convenio, os datos de carácter persoal deberán ser destruídos ou devoltos á responsable do ficheiro, ao igual que calquera soporte ou documento en que conste algún dato de carácter persoal obxecto de tratamento. Porén, non procederá a destrución dos datos cando exista unha previsión legal que exixa a súa conservación; neste caso deberá procederse á súa devolución, e garantiráselle ao responsable do ficheiro a dita conservación. A encargada do tratamento conservará os datos, debidamente bloqueados, en tanto puidesen derivar responsabilidades da súa relación coa responsable do ficheiro.

A obriga de confidencialidade subsistirá aínda despois da finalización do convenio.

A encargada do tratamento responderá directamente ante a Axencia Española de Protección de Datos dos incumprimentos que poidan derivar das condicións anteriores.

Sétima. Comisión mixta de seguimento

Para o seguimento do presente convenio constituirase unha Comisión Mixta á cal serán sometidas todas as cuestións derivadas do seu desenvolvemento e que non foran recollidas nel ademais de, con carácter previo, aquelas que impliquen desconformidade por algunha das partes asinantes.

Esta comisión está composta:

– Polo representante legal da entidade ou persoa en que delegue.

– Pola directora xeral de Familia e Inclusión ou persoa en quen delegue.

Actuará como secretario/a, con voz pero sen voto, un/unha funcionario/a da Dirección Xeral de Familia e Inclusión.

A propia comisión acordará o seu calendario de reunións.

Oitava. Vixencia e posibles prórrogas

O presente convenio xurdirá efecto desde a data da súa sinatura ata o 31 de decembro de 2016 e poderá prorrogarse por acordo expreso das partes por períodos sucesivos, non superior cada un deles a un ano e ata un máximo de dous anos, todo iso condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente nos exercicios correspondentes.

No caso de que non se prorrogue o convenio por causas imputables á entidade conveniada, esta debe continuar coa actividade que viña desenvolvendo en canto a Administración non formalice un novo convenio con outra entidade.

Novena. Causas de extinción

Serán causas de resolución do presente convenio as seguintes:

a) Finalización do prazo de vixencia.

b) Mutuo acordo das partes outorgantes.

c) O incumprimento dos compromisos e cláusulas do convenio.

d) Imposibilidade sobrevida do obxecto do convenio.

Décima. Natureza xurídica e cuestións litixiosas.

O presente convenio terá carácter administrativo e rexerase polo establecido nas súas cláusulas e, no seu defecto, polas prescricións do Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da lei de contratos do sector publico, para resolver as lagoas e dúbidas que se puidesen presentar.

A Administración gozará de todas as prerrogativas inherentes á natureza administrativa do convenio á hora de interpretar, modificar ou resolver as lagoas ou dúbidas que puideren presentarse.

Correspóndelle á Consellería de Traballo e Benestar a resolución de cantas cuestións litixiosas xurdan sobre a interpretación, modificación ou efectos do convenio, poñen os seus acordos fin á vía administrativa, e cabe contra eles recurso contencioso-administrativo segundo o disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Para tales efectos, o tribunal competente será o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Porén, contra os actos da Administración poderá interporase recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que os ditou, no prazo dun mes para actos expresos, e de tres meses para os que non o sexan, segundo o disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións publicas e do procedemento administrativo común.

Décimo primeira. Publicidade do convenio

De acordo co establecido na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, este convenio será obxecto de difusión no Diario Oficial de Galicia e a Dirección Xeral de Familia e Inclusión remitirá os datos necesarios para a publicidade do convenio nos rexistros públicos e informará na súa páxina web oficial da subscrición cos seguintes datos básicos: identificación das partes, data da sinatura, finalidade e período de vixencia. A sinatura do convenio leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos e a referida publicidade.

Así mesmo, a entidade asinante presta o seu consentimento para incluír e facer públicos os datos relevantes referidos aos convenios asinados no rexistro público de convenios creado polo Decreto 126/2006, do 20 de xullo, polo que se regula o Rexistro de Convenios da Xunta de Galicia.

Os datos referidos integrarán un ficheiro cuxo responsable será a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, ante quen se poderán exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición.

E, en proba de conformidade ambas partes asinan o presente convenio por cuadriplicado, no lugar e data expresados.

Pola Consellería de Traballo e Benestar Pola entidade XXXX