Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Venres, 17 de xullo de 2015 Páx. 29934

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 7 de xullo de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida de persoas asalariadas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2015.

No marco establecido no artigo 40 da Constitución española; na Lei 56/2003, do 16 de decembro de emprego; nos artigos 29 e 30 do Estatuto de autonomía de Galicia; e nos obxectivos de crecemento e emprego da Unión Europea, conforme a Estratexia Europea de Emprego, e co obxectivo de que a Comunidade Autónoma de Galicia acade uns maiores niveis de crecemento económico, de calidade no emprego, de benestar social e de cohesión no territorio, é preciso adoptar políticas que promovan un modelo de desenvolvemento económico que favoreza a capacidade creativa e emprendedora da sociedade galega como fonte de riqueza e como elemento esencial para o crecemento, a competitividade e a modernización do tecido produtivo galego.

A crise económica coloca o emprendedor como a grande esperanza para o crecemento económico. Axentes sociais e administracións públicas tratan de deseñar os mellores mecanismos para que emerxa no territorio todo un ecosistema de persoas emprendedoras que dinamicen o futuro da economía. Un emprendedor é unha persoa que detecta unha oportunidade, unha necesidade, unha forma de achegar valor á sociedade a través do inxenio, a creatividade e, sobre todo, o risco e o talento de actuar.

O tecido empresarial de Galicia está composto, na súa maioría, por microempresas e, principalmente, por persoas traballadoras autónomas, que son as principais protagonistas na creación de emprego. Por este motivo a Xunta de Galicia impulsa medidas para fomentar o emprendemento e apoiar a persoa emprendedora como axente dinamizadora da economía na comunidade autónoma. Pero non é suficiente con desenvolver políticas que favorezan o emprendemento senón que tamén é necesario articular programas que axuden e consoliden as persoas autónomas xa establecidas.

A realidade socioeconómica pon de relevo que non só é importante dinamizar e tratar de que se cree o maior número de empresas posibles, que tamén, senón deseñar os mecanismos necesarios para que as empresas creadas poidan sobrevivir, crecer e ampliar os seus mercados. Estas empresas son vitais para unha recuperación do emprego e esta debe ser una prioridade fundamental.

Neste marco e co obxectivo de favorecer a creación de novos empregos estables, a inserción laboral de persoas en desemprego e como contribuír ao desenvolvemento e crecemento das pequenas unidades produtivas deséñase un programa específico para apoiar e incidir naquelas persoas traballadoras autónomas e persoas profesionais que con potencialidade para crear emprego non adoptan tal decisión polo risco ou carga que pode supoñer a contratación das súas primeiras persoas traballadoras e o cambio de dimensión do seu negocio, e que ten unha especial relevancia nesta comunidade autónoma.

De acordo co disposto no Decreto 227/2012, do 2 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; no Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, correspóndelle a esta o exercicio das competencias e funcións relativas á xestión das políticas activas de emprego.

Esta axuda queda sometida ao réxime de minimis, nos termos establecidos no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

As bases que rexen este programa establecen un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, dado que de acordo coa finalidade e obxecto do programa non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que a concesión da axuda se realiza pola comprobación da concorrencia na persoa solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario.

Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Intervención Delegada, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

CAPÍTULO I
Ámbito e réxime das axudas

Artigo 1. Obxecto, finalidade e principios de xestión

1. Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e proceder á convocatoria para o ano 2015 dos incentivos á contratación indefinida inicial de persoas desempregadas realizada polas persoas traballadoras autónomas ou persoas profesionais con domicilio social e fiscal en Galicia.

2. As solicitudes, tramitación e concesión das subvencións axustaranse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 11/2014, do 19 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015, no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións, e o seu Regulamento de desenvolvemento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, e ao disposto nesta orde.

3. A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Traballo e Benestar.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 2. Orzamentos

1. A concesión das subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario. Se é o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas.

2. No exercicio económico 2015, as axudas recollidas nesta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 11.02.322C.471.0, código de proxecto 2015 00 560, cun crédito de 500.000 euros.

Estas contías están recollidas na Lei 11/2014, do 19 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015.

Este crédito poderá ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego.

Poderá ampliarse a contía máxima deste crédito para esta convocatoria. O incremento de crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación, ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes de outras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Artigo 3. Definicións

Para os efectos de esta orde considérase:

1. Persoa desempregada: aquela que estea inscrita como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego no momento da súa contratación e que, pola súa vez, careza de ocupación segundo o informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

A comprobación da inscrición no Servizo Público de Emprego como demandante de emprego na data da súa alta na Seguridade Social realizaraa directamente o órgano xestor das axudas.

O órgano xestor comprobará directamente que a persoa traballadora pola que se solicita subvención carece de ocupación segundo o informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social na data da súa alta no réxime xeral da Seguridade Social.

2. Data de inicio da actividade laboral: para os efectos deste programa entenderase como data de inicio da actividade laboral a data de inicio que figura na solicitude de alta como persoa autónoma no correspondente réxime da Seguridade Social ou na mutualidade do colexio profesional.

3. Persoa desempregada de longa duración: aquela que na data da súa alta no correspondente réxime de Seguridade Social estea sen traballo e acredite un período de inscrición ininterrompido como desempregada na oficina de emprego de 180 días, se son menores de 25 anos ou de 45 ou máis anos de idade, e de 360 días, se teñen 25 anos ou máis e son menores de 45 anos.

Artigo 4. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta orde as persoas traballadoras autónomas ou as persoas profesionais pola primeira contratación que realicen con carácter indefinido durante o seu primeiro ano de actividade.

2. Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta orde as persoas traballadoras autónomas ou as persoas profesionais pola segunda e terceira contratación que realicen con carácter indefinido nos tres primeiros anos de actividade.

3. Non poderán ser beneficiarias as persoas que desenvolvesen como persoas traballadoras autónomas a mesma ou similar actividade, nos tres meses inmediatamente anteriores á data do inicio da nova situación de alta na Seguridade Social. Para estes efectos, entenderase por mesma actividade a coincidencia ao nivel de 3 díxitos da Clasificación nacional de actividades económicas (CNAE).

4. Non poderán ser beneficiarias nin as sociedades civís nin as comunidades de bens, así como as persoas socias ou comuneiras que as integran nin os autónomos colaboradores.

5. Non poderán obter a condición de persoas beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde as persoas en que concorran algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a) Ser condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas.

b) Solicitar a declaración de concurso, ser declaradas insolventes en calquera procedemento, acharse declarados en concurso, salvo que neste adquirise a eficacia un convenio, estar suxeitos a intervención xudicial ou ser inhabilitados conforme a Lei concursal, sen que conclúa o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.

c) Dar lugar, por causa da que fosen declaradas culpables, á resolución firme de calquera contrato subscrito coa Administración.

d) Estar incursa a persoa física, as persoas administradoras das sociedades mercantís ou aquelas que exerzan a representación legal doutras persoas xurídicas nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.

e) Non acharse ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nos termos regulamentariamente establecidos.

f) Ter a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.

g) Non acharse ao día de pagamento de obrigas por reintegro de subvencións nos termos regulamentariamente establecidos.

h) Ser sancionada mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións segundo a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou a Lei xeral tributaria.

i) Non poderán acceder á condición de entidade beneficiaria as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas sen personalidade, cando concorra algunha das prohibicións anteriores en calquera dos seus membros.

j) En ningún caso poderán obter a condición de entidade beneficiaria as asociacións incursas nas causas de prohibición previstas nos números 5 e 6 do artigo 4 da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, nin as asociacións respecto das cales se suspendeu o procedemento administrativo de inscrición por atoparse indicios racionais de ilicitude penal, en aplicación do disposto no artigo 30.4 da Lei orgánica 1/2002, mentres non recaia resolución xudicial firme en cuxa virtude poida practicarse a inscrición no correspondente rexistro.

6. Non poderán obter a condición de persoas beneficiarias as persoas solicitantes que estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido no artigo 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

7. A xustificación por parte das persoas solicitantes de non estar incursas nas prohibicións contidas nos números 5 e 6 anteriores para obter a condición de persoa beneficiaria realizarase mediante declaración responsable.

Artigo 5. Ámbito temporal de aplicación e contratacións subvencionables

Serán subvencionables ao abeiro deste programa as contratacións indefinidas iniciais que se formalicen desde o 1 de outubro de 2014 ata o 30 de setembro de 2015.

A contratación indefinida inicial poderá ser a tempo completo ou a tempo parcial, incluída a modalidade de fixo descontinuo.

Artigo 6. Requisitos

1. Os incentivos previstos nesta orde serán de aplicación ás contratacións indefinidas iniciais que realicen as persoas traballadoras autónomas ou persoas profesionais con persoas traballadoras desempregadas para prestar servizos en centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A primeira contratación indefinida inicial pola que se solicite subvención deberá formalizarse durante o primeiro ano de actividade. A segunda e terceira contratación indefinida poderán formalizarse ata o terceiro ano de actividade.

3. Será subvencionable a primeira contratación indefinida inicial cando na data en que se formalice o contrato polo que se solicita a subvención non haxa outra persoa traballadora contratada cunha relación laboral indefinida nin se contratase con carácter indefinido, con anterioridade, outra persoa traballadora agás que este contrato indefinido se extinguise por dimisión, morte, xubilación, incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez da persoa traballadora ou por resolución durante o período de proba.

4. Serán subvencionables a segunda e a terceira contratación indefinida inicial sempre que con anterioridade á formalización destes contratos non se realizasen dúas o máis contratacións indefinidas agás que estes contratos indefinidos anteriores se extinguisen por dimisión, morte, xubilación, incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez da persoa traballadora ou por resolución durante o período de proba.

5. O contrato indefinido inicial para que poida ser obxecto de subvención deberá formalizarse e comunicarse á oficina pública de emprego na forma regulamentariamente establecida.

Artigo 7. Contía dos incentivos

1. As contratacións indefinidas iniciais incentivaranse coas seguintes axudas:

i. Primeira persoa traballadora indefinida.

a) 4.000 € cando se trate dun home desempregado.

b) 5.000 € cando se trate dun home desempregado de 45 ou máis anos de idade que sexa parado de longa duración.

c) 5.000 € cando se trate dunha muller desempregada.

d) 6.000 € cando se trate dunha muller desempregada de 45 ou mais anos de idade que sexa parada de longa duración.

ii. Segunda e terceira persoa traballadora indefinida.

a) 5.000 € cando se trate dun home desempregado.

b) 6.000 € cando se dun home desempregado de 45 ou máis anos de idade que sexa parado de longa duración.

c) 6.000 € cando se trate dunha muller desempregada.

d) 7.000 € cando se trata dunha dunha muller desempregada de 45 ou máis anos de idade que sexa parada de longa duración.

2. Cando se trate de contratacións indefinidas cunha xornada a tempo parcial as contías dos incentivos serán proporcionais ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, no seu defecto, da xornada ordinaria máxima legal.

Artigo 8. Exclusións

Exclúense dos beneficios regulados nesta orde:

1. As relacións laborais de carácter especial previstas no artigo 2.1 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores ou noutras disposicións legais e disposicións complementarias.

2. Os contratos realizados co cónxuxe, os ascendentes, os descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, da persoa solicitante. Non será aplicable esta exclusión cando a persoa empregadora sexa unha persoa traballadora autónoma que contrate como persoa traballadora por conta allea os fillos e as fillas menores de 30 anos, tanto se conviven ou non con el, ou cando se trate dunha persoa traballadora autónoma sen persoas asalariadas e contrate un só familiar menor de 45 anos que non conviva no seu fogar nin estea ao seu cargo.

3. As contratacións realizadas con persoas traballadoras que nos 24 meses anteriores á data da contratación prestasen servizos na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato de carácter indefinido ou nos últimos 3 meses mediante un contrato de carácter temporal. O disposto neste parágrafo será tamén de aplicación no suposto de vinculación laboral anterior do traballador ou da traballadora con empresas ás cales a persoa solicitante dos beneficios sucedese en virtude do establecido no artigo 44 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo.

4. As persoas traballadoras que rematen unha relación laboral de carácter indefinido noutra empresa nun prazo de 3 meses previos á formalización do contrato polo que se solicita a subvención, agás que a dita relación laboral finalizase por causa dun despedimento recoñecido ou declarado improcedente ou se extinga por algunha das causas sinaladas nos artigos 49.1.g), 51 e 52.c) do Estatuto dos traballadores.

CAPÍTULO II
Competencia e procedemento

Artigo 9. Competencia

A competencia para coñecer e resolver as solicitudes de axudas presentadas ao abeiro desta orde, por delegación da persoa titular da consellería de Traballo e Benestar, corresponderalles ás persoas titulares das xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar polas contratacións que se realicen para prestar servizos en centros de traballo radicados na respectiva provincia.

Artigo 10. Solicitudes e prazos

1. As solicitudes deberán presentarse, preferiblemente, por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes por vía electrónica será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, da persoa solicitante ou da persoa representante que actúe con poder suficiente.

Tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

3. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

5. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados na convocatoria ou a documentación presentada conteña erros ou sexa insuficiente, requirirase o solicitante para que, nun prazo de 10 días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fai así, se considerará desistido da súa solicitude, logo de resolución que así o declare.

6. As solicitudes de axudas polas contratacións subvencionables realizadas entre o 1 de outubro de 2014 e a data da publicación desta orde deberán presentarse no prazo dun mes contado desde a data de publicación desta orde. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo entenderase que o prazo expira o último día do mes.

7. As axudas previstas polas contratacións subvencionables realizadas desde a entrada en vigor desta orde deberán solicitarse ata o último día do mes seguinte á data en que se inicie a relación laboral indefinida pola que se solicita subvención. Se o último día de prazo é inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

8. O prazo para a presentación das solicitudes de axudas rematará o 30 de setembro de 2015, aínda que nesa data non transcorrese o prazo sinalado no parágrafo anterior.

9. As solicitudes e os anexos deste programa están dispoñibles na páxina web da Consellería de Traballo e Benestar: http://traballo.xunta.es e na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es .

10. Para a presentación de solicitudes as persoas ou entidades beneficiarias poderán contar co asesoramento dos axentes de emprego e desenvolvemento local da rede coordinada pola Consellería de Traballo e Benestar.

Artigo 11. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a verificación de datos en poder das administracións públicas. Para estes efectos, o modelo de solicitude (anexo I) inclúe a autorización expresa ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberá achegar os documentos comprobantes dos datos nos termos exixidos polas bases reguladoras do procedemento.

2. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Atriga, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, entón deberá presentar a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

3. A comprobación do cumprimento dos requisitos das persoas traballadoras polas que se solicita subvención, previstos no artigo 3.1 desta orde, realizarase mediante a cesión de datos realizada pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social e polo Servizo Público de Emprego de Galicia, de conformidade co previsto no artigo 6.2.b) da Lei11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos; nos artigos 11.2 e 21 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal; no artigo 10.4.c) do Regulamento de desenvolvemento da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, aprobado polo Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro e nos artigos 14.1.b) e 20.2.e) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 12. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta orde, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Traballo e Benestar, Secretaría Xeral Técnica, Edificio Administrativo San Caetano, 15781 Santiago de Compostela; ou a través dun correo electrónico a lopd.traballo.@xunta.es .

Artigo 13. Documentación

As solicitudes deberán presentarse no modelo normalizado que figura como anexo I a esta orde, xunto coa seguinte documentación, orixinal ou copia compulsada ou cotexada:

1. No caso de non presentar a autorización para a consulta dos datos de identidade da persoa solicitante e/ ou da persoa representante da solicitante no Sistema de verificación de datos de identidade, de acordo co disposto no Decreto 255/2008, do 23 de outubro, copia do DNI ou do NIE.

2. No caso de actuar por medio de representante, poder suficiente da persoa representante e asinante da solicitude para actuar en nome da persoa solicitante.

3. Relación nominal das persoas traballadoras polas que se solicita subvención en que se inclúan os custos salariais totais anuais de cada persoa traballadora pola que se solicita subvención (anexo II) e a nómina do mes de contratación.

4. No seu caso, TC2 correspondente ao mes en que se realiza a contratación indefinida inicial.

5. Documentación que acredite que se trata do primeiro, segundo ou terceiro posto de traballo de carácter indefinido (vida laboral da persoa autónoma como empresaria desde o inicio da actividade ata a data da contratación indefinida da persoa traballadora pola cal se solicita subvención, incluíndo todas as contas de cotización: informe de vida laboral dun código conta de cotización). No seu caso, TA2 de baixa das persoas traballadoras indefinidas contratadas que causaron baixa por dimisión, morte, xubilación, incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez da persoa traballadora ou por resolución durante o período de proba.

6. Documentos de solicitude e resolución de recoñecemento de alta no réxime especial de Traballadores Autónomos da Seguridade Social ou, de ser o caso, no colexio profesional e mutualidade que corresponda. Se é o caso, certificado do colexio profesional de alta no dito colexio, con indicación de se presupón ou non exercicio da actividade e certificado da mutualidade do colexio profesional con indicación dos períodos de alta nela.

Artigo 14. Procedemento de concesión, instrución e tramitación

1. O procedemento de concesión das solicitudes presentadas ao abeiro desta orde axustarase ao disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que polo obxecto e finalidade da subvención non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento.

2. O órgano instrutor dos expedientes será nas xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar o Servizo de Traballo e Economía Social.

3. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se achega a documentación exixida, as unidades administrativas encargadas da tramitación do expediente, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirán o interesado para que, nun prazo máximo e improrrogable de 10 días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fai, se considerará que desiste da súa petición, logo da resolución, que será ditada nos termos previstos no artigo 42 da dita lei.

4. Entenderase que a empresa desiste da súa solicitude cando a persoa traballadora pola que se solicita subvención cause baixa na empresa solicitante en data anterior á resolución da concesión da axuda. A empresa solicitante está obrigada a comunicar esta situación ao órgano ante o que solicitou a axuda.

Artigo 15. Resolución e recursos

1. Logo da fiscalización pola correspondente intervención da proposta emitida polo correspondente servizo instrutor, a resolución ditaraa o órgano competente por delegación da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar e seralle notificada á persoa interesada. As resolucións de concesión ou denegación serán sempre motivadas.

2. O prazo para resolver e notificar é de cinco meses, que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o devandito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co establecido nos artigos 1 e 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Notificada a resolución polo órgano competente, as persoas propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación; transcorrido este sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

4. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa de acordo co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de conformidade coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 16. Xustificación e pagamento

1. O pagamento das subvencións quedará condicionado á presentación da documentación, no prazo, nos termos e no modo que se exixa de forma expresa na resolución de concesión, entre a cal deberá figurar:

a) Declaración do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, que non solicitaron nin percibiron outras axudas ou subvencións, complementaria da presentada coa solicitude (anexo III).

b) Documentos TC2 correspondentes á mensualidade da contratación obxecto de subvención e nóminas aboadas ata a presentación desta documentación.

2. Non poderá realizarse o pagamento da subvención en canto a persoa beneficiaria non estea ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social ou teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma ou sexa debedora en virtude de resolución firme declarativa de procedencia de reintegro.

Artigo 17. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación.

CAPÍTULO III
Incompatibilidades e obrigas

Artigo 18. Incompatibilidades e concorrencia

1. As axudas previstas nesta orde para as contratacións por conta allea serán incompatibles con outras que, polos mesmos conceptos, poidan outorgar as administracións públicas como medida de fomento de emprego. Non obstante, serán compatibles, se é o caso, cos incentivos en forma de bonificacións á Seguridade Social.

2. Os beneficios establecidos á contratación nesta orde non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 60 % do custo salarial de dúas anualidades correspondentes ao contrato que se subvenciona.

3. Os incentivos establecidos nesta orde serán compatibles con calquera outra axuda para distinta finalidade da Unión Europea, doutras administracións públicas ou entes públicos ou privados pero, sen que en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras poidan superar os límites establecidos pola Unión Europea e os que establece o artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Obrigas das persoas beneficiarias

Son obrigas das persoas beneficiarias das axudas:

1. Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Consellería de Traballo e Benestar, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

2. Comunicar ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas persoas beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos, tal e como establece o artigo 11.d) da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

3. Estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

4. Dispoñer, se é o caso, daqueles libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados que lles exixa a lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

5. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

6. Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

7. Aqueloutras obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

8. A persoa beneficiaria deberá manter no seu cadro de persoal a persoa traballadora contratada por un tempo mínimo de dous anos.

No suposto de extinción da relación laboral dalgunha persoa traballadora pola que se concedeu a subvención, a persoa beneficiaria está obrigada a cubrir a vacante cunha nova contratación indefinida inicial, polo menos cunha xornada de traballo igual ou superior á da persoa substituída, e a nova persoa traballadora deberá pertencer a algún colectivo polo que se lle poida conceder un incentivo por importe igual ou superior ao da persoa que causase baixa. Para cumprir esta obriga a empresa ten de prazo ata o último día do mes seguinte ao da baixa. Esta nova contratación deberá serlle comunicada ao órgano que concedeu a axuda e non dará lugar, en ningún caso, a unha nova subvención.

9. No suposto da segunda e terceira contratación indefinida subvencionada, a persoa beneficiaria está obrigada a manter durante 2 anos, contados desde a data da realización da contratación subvencionada, o número de persoas traballadoras fixas do seu cadro de persoal.

A persoa beneficiaria está obrigada a presentar, nos tres meses seguintes ao remate do prazo sinalado no parágrafo anterior, os documentos TC2 das 24 mensualidades.

Artigo 20. Reintegros

1. Por cada contratación subvencionada e non substituída conforme o establecido no artigo 19.8 desta orde procederá o reintegro da axuda concedida pola persoa traballadora de que se trate.

2. Cando a substitución se realice transcorrido o prazo establecido no artigo 19.8 entenderase que se produce un incumprimento parcial. Neste caso, a contía a reintegrar calcularase do seguinte xeito:

i) Divídese entre vinte e catro meses o importe concedido pola persoa traballadora substituída.

ii) Calcúlase o número de meses que o posto estivo vacante, computándose para estes efectos o prazo que concede a orde para proceder á substitución. Así mesmo, o mes en que se leve a cabo a substitución considerarase como mes de incumprimento, sexa cal sexa o día do dito mes en que aquela se realice.

iii) Multiplícase o importe obtido na operación primeira (i) polo número de meses en que o posto de traballo estivo vacante.

3. Se se efectuou a substitución, pero esta non foi feita polo menos cunha xornada de traballo igual ao da persoa que causou baixa, ou no suposto dunha modificación da xornada de traballo da persoa contratada e subvencionada:

Procederá o reintegro parcial da axuda concedida pola diferenza entre a cantidade percibida e a cantidade que correspondería pola xornada inferior e o cálculo da contía a reintegrar farase do seguinte xeito:

i) Divídese entre vinte e catro meses o importe concedido pola persoa traballadora de que se trate.

ii) Calcúlase a subvención que lle correspondería en función da nova xornada de traballo, e divídese tamén entre vinte e catro meses.

iii) Á contía obtida na operación primeira (i) réstaselle a contía obtida na operación segunda (ii).

iiii) O resultado multiplícase polo número de meses que resten ata cumprir os vinte e catro, tendo en conta que o mes en que se leve a cabo a substitución será computado entre os meses con xornada inferior, sexa cal sexa o día do dito mes en que aquela se realice.

4. Se se efectuou a substitución, pero esta foi feita cunha nova persoa traballadora pertencente a algún dos colectivos de persoas beneficiarias deste programa polo que se poida conceder unha subvención por importe inferior ao da persoa que causou baixa.

Procederá o reintegro parcial da axuda concedida pola diferenza entre a cantidade percibida e a cantidade que correspondería á nova contratación e o cálculo da contía a reintegrar farase do seguinte xeito:

i) Divídese entre vinte e catro meses o importe concedido pola persoa traballadora de que se trate.

ii) Calcúlase a subvención que correspondería en función do colectivo da persoa traballadora substituta, e divídese tamén entre vinte e catro meses.

iii) Á contía obtida na operación primeira (i) réstaselle a contía obtida na operación segunda (ii).

iiii) O resultado multiplícase polo número de meses que resten ata cumprir os vinte e catro, tendo en conta que o mes en que se leve a cabo a substitución será computado entre os meses en que a subvención sería inferior, sexa cal sexa o día do dito mes en que aquela se realice.

5. Cando a persoa beneficiaria incumpra en medias anuais a obriga establecida no artigo 19.9 procederá o reintegro parcial da axuda, por cada anualidade en que se incumpra esta obriga.

Artigo 21. Devolución voluntaria da subvención

De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta de Abanca ES82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada en que conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 22. Seguimento e control

1. Sen prexuízo das facultades que teñen atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da comunidade autónoma, a Consellería de Traballo e Benestar levará a cabo funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos programas.

2. A Dirección Xeral de Traballo e Economía Social poderá comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos, as persoas beneficiarias deberán cumprir as obrigas que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

3. Para realizar estas funcións poderanse utilizar cantos medios estean ao dispor da Consellería de Traballo e Benestar para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Artigo 23. Réxime de axudas

As axudas establecidas nesta orde quedan sometidas ao réxime de minimis nos termos establecidos no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352, do 24 de decembro). Esta circunstancia farase constar expresamente na resolución de concesión da subvención. Polo tanto, a axuda total de minimis concedida a unha empresa non será superior a 200.000 euros durante o período dos dous exercicios fiscais anteriores e o exercicio fiscal actual da empresa solicitante, ou a 100.000 euros no suposto dunha axuda concedida a unha empresa que opere no sector do transporte por estrada. Para o cómputo dos límites deste réxime de axudas terase en conta o concepto de «única empresa» establecido no artigo 2 do Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro.

Por tratarse de axudas sometidas ao réxime de axudas de minimis, non poderá concederse a empresas dos seguintes sectores:

a) Pesca e acuicultura, segundo se establece no Regulamento (CE) nº 1379/2013 do Consello.

b) As axudas concedidas ás empresas dedicadas á produción primaria dos produtos agrícolas que figuran na lista do anexo I do Tratado.

c) As axudas concedidas ás empresas que operan no sector da transformación e comercialización de produtos agrícolas, nos casos seguintes:

i) Cando o importe da axuda se determine en función do prezo ou da cantidade de produtos deste tipo adquiridos a produtores primarios ou comercializados polas empresas interesadas.

ii) Cando a axuda estea supeditada a que unha parte ou a totalidade desta repercuta nos produtores primarios.

d) As axudas ás actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou Estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación.

e) As axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.

Disposición adicional única

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar nos xefes e xefas territoriais, no ámbito das súas respectivas provincias, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, e para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas persoas beneficiarias, respecto das resolucións concesorias das que derivan, ditadas por delegación da conselleira.

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar na persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social para a tramitación e resolución dos expedientes de redistribución dos créditos necesarios para o financiamento desta orde.

En caso de ausencia, vacante ou enfermidade da persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social as atribución citadas no parágrafo anterior será exercidas, temporalmente e mentres persistan aquelas circunstancias, pola persoa titular da Dirección Xeral de Emprego e Formación ou, no seu defecto, pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, de acordo co disposto na disposición adicional primeira do Decreto 42/2013, do 21 de febreiro.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2015

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file