Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Xoves, 30 de xullo de 2015 Páx. 31777

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

ORDE do 28 de xullo de 2015 pola que se amplía a dotación orzamentaria e se modifica a Orde do 30 de xaneiro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a mellora de imaxe, modernización, establecemento de novas fórmulas e medios de comercialización no sector comerciante retallista e artesanal galego e se procede á súa convocatoria para o ano 2015 (código de procedemento IN201H).

De acordo coas competencias atribuídas á Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia, nos termos recollidos no Decreto 110/2013, do 4 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, no Diario Oficial de Galicia núm. 28, do mércores 11 de febreiro de 2015, publicouse a Orde do 30 de xaneiro pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a mellora da imaxe, modernización, establecemento de novas fórmulas e medios de comercialización no sector comerciante retallista e artesanal galego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2015 (código de procedemento IN201H).

Con este fin, no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015 consignouse un crédito por importe de 2.500.000,00 € nas aplicacións orzamentarias e coas desagregacións seguintes para atender as devanditas axudas:

08.02.751A.770.1

1.900.000,00 €

08.02.751A.770.2

400.000,00 €

08.02.751A.781.1

200.000,00 €

O artigo 1 da convocatoria, na súa alínea 3, establece que estas cantidades se poderán incrementar en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito, cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, a existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Nestes casos, tamén sinala que se publicará a ampliación de crédito polos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

De acordo co anterior cómpre modificar a Orde do 30 de xaneiro de 2015 e ampliar a dotación orzamentaria consignada inicialmente, incrementándose a dotación orzamentaria en 749.000,00 €. Este incremento está cofinanciado nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e o 20 % restante polo Fondo de Compensación Interterritorial (FCI) coa finalidade de amparar o maior número de solicitudes e posto que a dotación inicial resulta insuficiente.

Así mesmo, co obxecto de que as actuacións previstas nesta convocatoria poidan financiarse coa participación do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e Fondo de Compensación Interterritorial (FCI) e, polo tanto, quedando a súa tramitación condicionada ao cumprimento da normativa da Unión Europea nesta materia, a teor do exposto e en virtude das competencias que ten atribuída a Consellería de Economía e Industria en materia de comercio interior e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 30 de xaneiro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a mellora de imaxe, modernización, establecemento de novas fórmulas e medios de comercialización no sector comerciante retallista e artesanal galego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2015 (código de procedemento IN201H)

Un. Modifícase o título da orde, que queda redactado como segue:

«Orde do 30 de xaneiro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a mellora de imaxe, modernización, establecemento de novas fórmulas e medios de comercialización no sector comerciante retallista e artesanal galego, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e se procede á súa convocatoria para o ano 2015 (código de procedemento IN201H)».

Dous. Modifícase o artigo 1, puntos 1 e 3 da orde, que queda redactado como segue:

«Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión de subvencións da Consellería de Economía e Industria, para a mellora de imaxe, modernización, establecemento de novas fórmulas e medios de comercialización no sector comerciante retallista e artesanal galego, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e se procede á súa convocatoria para o ano 2015.

3. Para a concesión destas subvencións destínanse 3.249.000,00 €, con cargo ás aplicacións orzamentarias seguintes:

Aplicación orzamentaria

Importe (€)

Beneficiarios

08.02.751A.770.1 «Mellora competitiva do comercio retallista. Renovación comercio retallista, fomento do emprendemento e rexeneración comercial»

3.049.000,00

Artigo 1, números 1) e 2) das bases reguladoras

08.02.751A.781.1 «Asociacionismo comercial e servizos para pemes comerciais»

200.000,00

Artigo 1, números 3) e 4) das bases reguladoras

Estas aplicacións orzamentarias están cofinanciadas nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e o 20 % restante polo Fondo de Compensación Interterritorial (FCI). As actuacións previstas están previstas no programa operativo Feder Galicia 2007-2013, dentro do eixe 2, tema prioritario 09, actuación 08.

Estas cantidades poderanse incrementar en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito, cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, a existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

O incremento do crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Nestes casos, publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver».

Tres. Modifícase o artigo 1, punto 2, das bases reguladoras (anexo I da orde), que queda redactado como segue:

«Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

2. O procedemento de concesión destas subvencións, que están financiadas nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e o 20 % restante, polo Fondo de Compensación Interterritorial (FCI), tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e quedará suxeito ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos (200.000 euros nun período de tres anos) establecidos no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 24 de decembro de 2013, L352/1), así como aos regulamentos (CE) 1080/2006 (DOUE do 31 de xullo), 1083/2006 (DOUE do 31 de xullo) e 1828/2006 (DOUE do 15 de febreiro de 2007) relativos ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e a Orde EHA 524/2008, do 26 de febreiro, relativa aos gastos subvencionables polo Feder e o Fondo de Cohesión».

Catro. Modifícase o artigo 2, punto 1, das bases reguladoras (anexo I da orde), que queda redactado como a seguir se indica, e engádese o punto 4:

«Artigo 2. Financiamento e concorrencia

1. As subvencións que se establezan para as actuacións previstas nesta orde financiaranse con crédito correspondente ás seguintes aplicacións orzamentarias 08.02.751A.770.1 «Mellora competitiva do comercio retallista. Renovación comercio retallista, fomento do emprendemento e rexeneración comercial» e 08.02.751A.781.1 «Asociacionismo comercial e servizos para pemes comerciais», coa seguinte desagregación:

08.02.751A.770.1

3.049.000,00 €

08.02.751A.781.1

200.000,00 €

Estas aplicacións orzamentarias están cofinanciadas nun 80 %, polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e o 20 % restante polo Fondo de Compensación Interterritorial (FCI). As actuacións previstas están incluídas no programa operativo Feder Galicia 2007-2013, dentro do eixe 2, tema prioritario 09, actuación 8.

A concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

4. Estas axudas son acumulables con outras axudas cofinanciadas con Feder, sempre que non se supere o custo total da actuación. Os gastos cofinanciados con Feder non poderán recibir axuda de ningún outro instrumento financeiro comunitario».

Cinco. Modifícase o artigo 16, número 3º, das bases reguladoras (anexo I da orde), que queda redactado como a seguir se indica, e engádese o número 9º:

«Artigo 16. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas do beneficiario:

3º. Someterse ás verificacións previstas no artigo 13 do Regulamento (CE) nº 1828/2006, así como ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente, ou a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

9º. Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos e investimentos subvencionables durante un prazo de tres anos contados desde o peche do programa operativo Feder Galicia 2007-2013. Todo isto coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control; así mesmo, deberán manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas con gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais de contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder».

Seis. Modifícase o artigo 17 das bases reguladoras (anexo I da orde), que queda redactado como segue:

«Artigo 17. Obrigas específicas de publicidade

1. O beneficiario deberá cumprir as medidas en materia de información e publicidade reguladas na sección 1 do capítulo II do Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro, e no artigo 1, números 1 e 2 do Regulamento (CE) 846/2009 da Comisión, do 1 de setembro de 2009, e que se recollen na Guía de publicidade e información das intervencións cofinanciadas polos fondos estruturais 2007-2014, que poden consultarse na páxina web:

http://www.conselleriadefacenda.es/web/portal/guia-intervencions-cofinanciadas-fe

2. En aplicación desta normativa en materia de publicidade, os beneficiarios deberán ter en conta que, de acordo co artigo 9 do citado Regulamento (CE) nº 1828/2006 e o artigo 1.2.a) do Regulamento (CE) 846/2009, todas as medidas de información e publicación establecidas incluirán os elementos seguintes:

O emblema da Unión Europea.

Referencia ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder).

Declaración do Fondo: «Unha maneira de facer Europa».

Proporcionalidade entre emblemas.

Así mesmo, os beneficiarios destas axudas, independentemente do importe delas, deberán adoptar as medidas de información e publicidade previstas no artigo 8.4 do dito regulamento. Para iso, e na medida do posible, para os proxectos previstos nesta orde, os beneficiarios farán unha referencia ao financiamento na súa páxina web, no cal figure o logo, emblema UE e lema Feder.

3. A aceptación desta axuda supón a publicación na lista de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión».

Sete. Modifícase o artigo 19, punto 1, bases reguladoras (anexo I da orde), que queda redactado como segue:

«Artigo 19. Xustificación da subvención

1. O pagamento da subvención quedará condicionada á presentación, nos lugares sinalados no artigo 2.2 da convocatoria e ata o 30 de outubro de 2015, do orixinal ou copia compulsada da seguinte documentación:

a) Xustificantes dos investimentos: facturas dos provedores e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil e con eficacia administrativa nos termos que se establezan regulamentariamente (importe sen IVE e importe total), en relación cos gastos subvencionables, emitidas dentro do período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2015 e a data límite de xustificación.

b) Xustificación dos pagamentos: acreditarase a través de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto de pagamento comprendido entre a data de inicio do proxecto e a data límite da xustificación do proxecto. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, así como o número de factura obxecto do pagamento e a data del. Non se admitirán os pagamentos en efectivo.

Así mesmo, non se admitirán como xustificantes os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou non dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

c) Fotografías das zonas reformadas que amosen as obras realizadas obxecto da subvención, así como das actuacións de mellora da imaxe, que serán tomadas desde o mesmo ángulo desde o que se realizaron as remitidas coa solicitude.

d) Anexo VI da orde de convocatoria debidamente asinado.

e) No caso de que a subvención concedida teña por obxecto a construción dunha páxina web, acreditación do rexistro do dominio da páxina.

f) No caso de que o solicitante denegase expresamente a autorización ao órgano xestor, certificacións expedidas polos organismos competentes, acreditativas de estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Se o certificado dispón de código electrónico de verificación coa Administración pública correspondente, poderá presentarse o dito documento sen compulsar».

Oito. Modifícase o artigo 24 das bases reguladoras (anexo I da orde), que queda redactado como segue:

«Artigo 24. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Regulamento desta lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro e modificado pola Lei 5/2000, do 28 de decembro; na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia vixente na anualidade, no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 24 de decembro de 2013, L352/1), no Regulamento (CE) nº 1080/2006, no Regulamento (CE) nº 1083/2006, no Regulamento (CE) nº 1828/2006, relativos ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e no resto de normativa que resulte de aplicación».

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2015

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía e Industria