Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Venres, 31 de xullo de 2015 Páx. 31941

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 20 de xullo de 2015 pola que se convocan cursos de formación continua para o persoal dos corpos da Policía Local dos concellos de Galicia.

Aprobado o programa anual de actividades para o ano 2015 da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) polo Consello Reitor na súa reunión do día 23 de decembro de 2014, de acordo co establecido no artigo 9.2.b) da Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Agasp, convócanse os cursos de formación continua dirixidos aos/ás policías locais de Galicia, correspondentes ao segundo semestre do ano 2015, cuxas bases, características e contido se especifican nos anexos desta resolución.

RESOLVO:

Publicar a convocatoria das actividades formativas que figuran no anexo II, que se deberán desenvolver segundo as bases detalladas no anexo I.

A Estrada, 20 de xullo de 2015

Por delegación
Ramón Quiroga Limia
Secretario xeral da Academia Galega de Seguridade Pública

ANEXO I
Bases

Primeira. Destinatarios

Poderán participar nos cursos convocados por esta resolución os/as policías locais de Galicia que se encontren en situación de servizo activo ou excedencia por coidado de familiares.

A baixa laboral por incapacidade temporal impide a participación nas accións formativas convocadas, polo que, de producirse esta situación, os/as interesados/as deberán comunicalo á Agasp de xeito inmediato. No caso de non facelo, serán penalizados coa non participación en accións formativas da Agasp nun ano contado desde o día seguinte a aquel en que se teña coñecemento do feito. No caso de estar realizando efectivamente un curso, non se emitirá ningún diploma.

Será revisable a admisión de persoas en baixa laboral por incapacidade temporal cando esta veña producida por accidente de traballo recoñecido como tal e a asistencia ao curso non interfira na recuperación.

No caso de quedar prazas vacantes, poderá acceder aos cursos persoal das forzas e corpos de seguridade pública que traballe en Galicia.

Se as solicitudes para participar nun curso non superan as 10 persoas, a Agasp reservará para si a facultade de anular a actividade formativa.

Segunda. Solicitudes

1. O persoal que desexe participar nos cursos convocados nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp ( htpp://agasp.xunta.es ); non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

É preciso que todas as persoas que desexen participar en cursos da Agasp manteña actualizados os seus datos persoais, especialmente a conta de correo electrónico e o teléfono móbil, co obxecto de posibles comunicacións. No suposto de non ser correctos ou exactos os ditos datos, a Agasp non é responsable dos posibles prexuízos causados aos interesados.

2. A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas solicitantes dará lugar a exclusión automática do curso solicitado, así como a imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente todos os datos para realizar a selección do alumnado, non se axusten ao modelo normativizado ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. No caso de encontrarse nalgún dos supostos que a continuación se indican, o/a solicitante deberán remitir a Agasp, no mesmo prazo establecido para o envío da solicitude de inscrición, a certificación orixinal ou fotocopia legalizada que acredite tal situación (non será preciso se tal documentación xa obra en poder da Agasp; neste caso, deberán comunicalo na propia solicitude).

a) Profesionais que estean gozando ou gozasen nos dous últimos anos dunha licenza de maternidade, dun permiso de paternidade, dunha redución de xornada ou dunha excedencia por coidado de familiares.

5. Cando o curso para o cal presenta solicitude requira a presentación de documentación complementaria co obxecto de acreditar circunstancias especificas de acordo cos criterios de selección, deberá remitir tal documentación por fax (886 20 61 22), por correo electrónico ( formación.agasp@xunta.es ) ou de acordo co establecido no artigo 38.4 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6. O prazo de presentación de solicitudes comezará ás 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e rematará ás 00.00 horas do día 6 de setembro de 2015.

7. O número máximo de cursos que se poden solicitar nesta convocatoria limítase a cinco (5).

No caso de que unha mesma persoa presente máis solicitudes das permitidas, a Agasp fará a selección correspondente, e no momento que unha persoa complete a realización de cinco (5) cursos, será excluída da selección de máis cursos no período de formación que abrangue esta convocatoria.

8. Non está permitida a realización de cursos que teñan simultaneidade de horarios nunha ou en varias sesións presenciais. Cando o alumnado teña coñecemento de que foi seleccionado para un curso que teña coincidencia horaria con outro no cal xa foi seleccionado, debe renunciar a un deles. No caso de que se comprobe con posterioridade a realización simultánea de varias actividades, non se expedirá certificación de ningunha delas e o/a alumno/a non poderá participar noutros cursos durante un ano desde que se detecte este feito.

Terceira. Criterios xerais de selección

Os criterios xerais de selección son os que a continuación se indican, sen prexuízo dos requisitos específicos que determinados cursos inclúen. Neste caso, indicarase na ficha de cada acción formativa.

1. Menor número de cursos realizados na Agasp nos dous últimos anos.

2. Por orde de inscrición.

Terán preferencia na selección os/as candidatos/as que estean gozando ou gozasen, nos dous últimos anos dunha licenza de maternidade, dun permiso de paternidade, dunha redución da xornada ou dunha excedencia para o coidado de familiares, sempre que cumpran cos requisitos obxectivos para seren destinatarios do curso.

Ademais, de conformidade co establecido no artigo 37 bis da Lei 7/2004, galega para a igualdade de mulleres e homes, nos cursos, xornadas ou outras actividades formativas organizados ou financiados pola Administración pública galega, reservarase un 50 % das prazas a mulleres que reúnan os requisitos exixidos na convocatoria, que accederán á quenda reservada só se non houbesen suficientes solicitudes de participación de mulleres.

Cuarta. Admisión

1. A Agasp publicará na súa páxina web a relación de persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas, con polo menos cinco (5) días naturais antes do inicio de cada curso.

O prazo de presentación de alegacións será de dous días naturais desde a súa publicación.

Os/as alumnos/as seleccionados serán informados da súa selección a través do correo electrónico e da mensaxaría telefónica. Todos aqueles que non figuren na relación non foron seleccionados, ben porque ocupan un posto máis afastado na listaxe de reservas, ben porque foron excluídos por algún motivo dos expresados nesta convocatoria, todo de acordo co previsto no artigo 59.6.b) da LRXPAC.

A Agasp reserva para si o dereito de lles solicitar aos concellos de procedencia todos aqueles datos que considere necesarios para a adecuada realización da selección.

2. O alumnado seleccionado só poderá renunciar ao curso por causas de forza maior suficientemente xustificada ou necesidade do servizo sempre que se acredite documentalmente o feito alegado polo xefe/a do corpo da policía local do concello en que traballe ou persoa responsable del.

No caso de cambios de cuadrante ou quendas de traballo, deberán quedar acreditados suficientemente os motivos destes e que se coñeceron con posterioridade á solicitude de inscrición no curso.

A renuncia debe ser comunicada por escrito, a través do modelo que figura na páxina web da Agasp e cunha antelación de tres (3) días hábiles ao inicio do curso, co fin de poder cubrir a vacante.

A renuncia non xustificada ou a non acreditación documental da causa que a produce suporá a exclusión da persoa seleccionada nos seguintes 10 cursos que convoque o Servizo de Formación en Seguridade Pública da Agasp e nos cales a persoa figurase como posible destinataria, sen contar edicións repetidas, cursos xa realizados e que polo menos teñan a mesma carga horaria, do curso polo que foi penalizado.

Quinta. Asistencia aos cursos

1. É obrigatoria a asistencia con puntualidade a todas as sesións dos cursos.

Durante a realización dos cursos levarase un control permanente da asistencia a través dos sistemas que se establezan para o efecto, e poderán realizarse controis de asistencia extraordinarios.

Unicamente se autorizará a ausencia por causas xustificadas e debidamente acreditadas, e en ningún caso poderá superar o 10 % das horas lectivas.

A ausencia xustificada superior ao 10 % do total das horas lectivas suporá a perda do dereito á expedición do diploma. No caso de haber unha segunda edición do curso en cuestión, o Servizo de Formación en Seguridade Pública poderá valorar a posibilidade de que o/a alumno/a poida recuperar as horas non realizadas na edición anterior; en todo caso, para poder valorar esta posibilidade non poden transcorrer máis de seis meses entre unha edición e a seguinte.

A falta de asistencia a un número superior ao 10 % das horas lectivas sen xustificación ou falta de acreditación documental da causa alegada dará lugar á perda do dereito ao diploma do curso e tamén á penalización coa non participación en cursos da Agasp durante un ano, contado desde o día seguinte ao da finalización do curso.

2. O alumnado asistirá aos cursos co uniforme regulamentario. No caso de non facelo e non existir causa suficientemente xustificada, a Agasp poderá impedir a asistencia ao curso e non emitirá diploma nin certificado acreditativo ningún.

Sexta. Certificación

Para poder superar os cursos, o alumnado debera superar unha proba de avaliación que se levará a cabo ao remate destes.

Sétima. Desenvolvemento dos cursos

1. A Agasp poderá suspender a realización de actividades formativas convocadas cando sexa necesario por motivos técnicos ou insuficiencia de solicitudes de participación.

2. A Agasp poderá modificar as datas, os horarios, os contidos e o desenvolvemento dos cursos, así como resolver todas as continxencias e incidencias que poidan xurdir.

3. A Agasp poderá programar cursos diferentes cando así veña exixido por circunstancias que afecten a organización, xestión e docencia.

ANEXO II

Código

Denominación do curso

Tipo

Nº horas

Nº prazas/edición

Datas

Tráfico e seguridade viaria

151142

Básico de control de mercadorías perigosas e actuación en accidente

Básico

20

25

22, 29 de setembro e 6, 13 e 19 de outubro, das 10.00 ás 14.00 horas

151144

O tacógrafo analóxico

Básico

16

25

9, 11, 16 e 18 de novembro, das 10.00 ás 14.00 horas

151147

Detección de drogas na condución

Habilitación

16

25

7/8 de outubro, das 10.00 ás 14.00 horas e das 15.30 ás 19.30 horas

151150

Avanzado de investigación de accidentes de tráfico

Especialización

65

20

21 e 28 de outubro, 4, 11, 18 e 25 de novembro, das 10.00 ás 14.00 horas e das 15.30 ás 19.30 horas

151153

Operadores de radar

Habilitación

20

20

Días 22 e 23 de setembro de 2015, das 9.00 ás 14.00 horas e das 15.30 ás 18.30 horas e o día 24 de setembro, das 9.00 ás 13.00 horas

151154

Operadores de radar

Habilitación

20

20

Días 6 e 7 de outubro de 2015, das 9.00 ás 14.00 horas e das 15.30 ás 18.30 horas e o día 8 de outubro, das 9.00 ás 13.00 horas

151168

Actualización da Lei 6/2014, procedemento sancionador de tráfico

Especialización

20

25

21 e 28 de outubro, das 10.00 ás 14.00 horas e das 15.30 ás 19.30 horas, e 29 de outubro, das 10.00 ás 14.00 horas

Comunicación social

151145

Aspectos psicolóxicos en mulleres vítimas de violencia de xénero

Actualización

20

30

21, 22 e 23 de setembro, das 9.30 ás 13.30 horas e das 15.30 ás 19.30 horas

151148/151149

Condutas predelitivas de menores (2 edicións)

Actualización

16

30

25 e 26 de novembro, das 10.00 ás 14.00 horas e das 15.30 ás 19.30 horas, 2 e 3 de decembro, das 10.00 ás 14.00 horas e das 15.30 ás 19.30 horas

151151

Habilidades de comunicación e interacción con nenos e adolescentes, en situacións de desamparo, exclusión social

Operativo

12

20

26 e 27 de outubro, das 9.30 ás 13.30 horas e das 15.30 ás 19.30 horas

151152

Primeiros auxilios psicolóxicos

Actualización

15

20

13 e 14 de outubro, das 9.30 ás 13.30 horas e das 15.30 ás 19.30 horas

Área xurídica. Policía administrativa

151155/58/59/60

Lei orgánica 4/2015, de protección de seguridade cidadá (4 edicións)

Actualización

8

25

14, 21, 28 e 29 de setembro, das 10.00 ás 14.00 horas e das 15.30 ás 19.30 horas

 

Código penal, Lcrim, Estatuto vítima: cambios para a seguridade pública (4 edicións)

Operativo

8

25

6, 13, 20 e 27 de outubro, das 10.00 ás 14.00 horas e das 15.30 ás 19.30 horas

151157

Protección penal dos consumidores: fraudes alimentarias e dos medicamentos

Actualización

20

25

3 e 4 de novembro, das 10.00 ás 14.00 horas e das 15.30 ás 19.30 horas, e 5 de novembro, das 10.00 ás 14.00 horas

151161

Instrución de delitos leves: referencia á figura do imputado non detido

Actualización

12

25

15 de setembro, das 10.00 ás 14.00 horas e das 15.30 ás 19.30 horas, e 16 de setembro, das 10.00 ás 14.00 horas

151164

Urbanismo e obras de construción

Especialización

12

30

10 de novembro, das 10.00 ás 14.00 horas, e 11 de novembro, das 15.30 ás 19.30 horas

151165

Uso seguro das redes por parte dos menores: actividades ilícitas ou delituosas pola internet

Básico

20

25

22 e 23 de setembro, das 10.00 ás 14.00 horas e das 15.30 ás 19.30 horas, e 24 de setembro, das 10.00 ás 14.00 horas

151166

Comercio retallista e venda ambulante: actuación policial

Especialización

16

20

18 e 19 de novembro, das 10.00 ás 14.00 horas e das 15.30 ás 19.30 horas

151167

Sanidade, produción animal e saúde pública

Básico

16

25

26 e 27 de outubro, das 10.00 ás 14.00 horas e das 15.30 ás 19.30 horas

151146

Animais domésticos e especies protexidas

Básico

12

25

19 de novembro, das 10.00 ás 14.00 horas, e 20 das 10.00 ás 14.00 horas

Táctica policial

151162

Intervención policial en equipo

Operativo

16

20

2 e 3 de decembro, das 10.00 ás 14.00 horas e das 15.30 ás 19.30 horas //24 e 25 de novembro, das 10.00 ás 14.00 horas e das 15.30 ás 19.30 horas

151156

Operativa policial: cacheos, rexistros, identificacións e seguimentos

Operativo

16

20

16 e 17 de setembro, das 10.00 ás 14.00 horas e das 15.30 ás 19.30 horas

Área técnica

151169

A seguridade informática: novas tecnoloxías

 

16

25

20 e 21 de outubro, das 10.00 ás 14.00 horas e das 15.30 ás 19.30 horas

151143

Técnicas de fotografía aplicables á función policial

Básico

16

20

17 e 18 de novembro, das 10.00 ás 14.00 horas e das 15.30 ás 19.30 horas