Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 145 Luns, 3 de agosto de 2015 Páx. 32021

I. Disposicións xerais

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 106/2015, do 9 de xullo, sobre contaminación acústica de Galicia.

Múltiples focos de emisións sonoras inflúen sobre a vida diaria da cidadanía polo que o ruído ambiental pasou a ter a consideración de elemento perturbador do benestar e calidade de vida, sendo, por tanto, necesaria a actuación contra e fronte a el, actuación que se atopa amparada nos mandatos constitucionais de protexer a saúde pública e o ambiente (artigos 43 e 45 da Constitución española).

A Lei 37/2003, do 17 de novembro, do ruído, efectuou a transposición ao dereito interno español da Directiva 2002/49/CE, do Parlamento Europeo e do Consello, do 25 de xuño de 2002, sobre avaliación e xestión do ruído ambiental. A devandita lei foi desenvolvida por dous reais decretos: o Real decreto 1513/2005, do 16 de decembro, polo que se desenvolve a Lei 37/2003, do 17 de novembro, do ruído, no referente á avaliación e xestión do ruído ambiental, e o Real decreto 1367/2007, do 19 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 37/2003, do 17 de novembro, do ruído, no referente a zonificación acústica, obxectivos de calidade e emisións acústicas. Esta normativa estatal, de carácter básico, supuxo a plasmación no noso ordenamento xurídico do tratamento moderno da contaminación acústica.

Galicia foi unha das comunidades autónomas pioneiras na regulación da contaminación acústica mediante a Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, e o Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica, e Decreto 320/2002, do 7 de novembro, polo que se aproba o Regulamento que establece as ordenanzas tipo sobre protección contra a contaminación acústica, pero a entrada en vigor da mencionada normativa europea e estatal supuxo que a dita regulación autonómica quedase desfasada na súa meirande parte, o que conduciu á súa derrogación mediante a Lei 12/2011, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.

Mediante a Lei 12/2011, do 26 de decembro, o Parlamento de Galicia sinalou que no prazo dun ano a Xunta de Galicia debería aprobar un decreto en que se incorporase ao dereito autonómico a normativa europea e estatal básica en materia de contaminación acústica e se establecesen as normas adicionais de protección oportunas, sendo especificamente o obxectivo do presente decreto desenvolver a dita normativa e, por tanto, regular as medidas necesarias para previr, vixiar e corrixir a contaminación acústica, para evitar e reducir os danos que desta poden derivar para a saúde humana, os bens ou o ambiente, así como regular as actuacións específicas en materia de ruído e vibracións no ámbito territorial da nosa comunidade autónoma.

O presente decreto consta de doce artigos, unha disposición adicional, dúas disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria, dúas disposicións derradeiras e un anexo.

Os tres primeiros artigos refírense ao obxecto e ao ámbito de aplicación da norma así como ás competencias da Administración autonómica e das entidades locais en materia de contaminación acústica.

O artigo 4 procura a homoxeneización da información que se porá á disposición da cidadanía nesta materia.

A seguir regúlanse aspectos mínimos que deben ser tidos en conta para a avaliación da contaminación acústica, como son a zonificación acústica, a calidade acústica en infraestruturas de carácter autonómico ou local, a posible suspensión dos obxectivos de calidade acústica e a delimitación de aglomeracións de ámbito supramunicipal.

O artigo 9 introduce a exixencia de que a consellería competente en materia de ambiente aprobe unha proposta de ordenanza que poderá ser de aplicación nos concellos que así o acorden a través dos trámites previstos pola lexislación de réxime local.

Os artigos 10, 11 e 12 e o anexo refírense a aspectos técnicos da avaliación acústica a unificar para todo o territorio galego, como son o illamento acústico de edificacións, o desenvolvemento de actividades en edificacións e as competencias técnicas que deberán acreditar as empresas para a avaliación da contaminación acústica.

A disposición adicional atribúelle á consellería competente en materia de ambiente a aprobación dunha proposta de ordenanza contra a contaminación acústica no prazo máximo de nove meses desde a súa entrada en vigor.

As disposicións transitorias establecen o prazo para acreditación do ensaio interlaboratorio e o réxime transitorio aplicable a solicitudes ou comunicacións así como ao desenvolvemento de actividades.

A disposición derrogatoria declara derrogadas cantas disposicións anteriores de igual ou inferior rango se opoñan a este decreto.

A disposición derradeira establece a data de entrada en vigor.

Na súa virtude, por proposta da persoa titular da consellería con competencia en materia de medio ambiente, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34.5 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, de acordo co Consello Consultivo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día nove de xullo de dous mil quince.

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. O presente decreto ten por obxecto o establecemento de normas para previr, vixiar e reducir a contaminación acústica na Comunidade Autónoma de Galicia, mediante o desenvolvemento da normativa básica estatal en materia de ruído, constituída pola Lei 37/2003, do 17 de novembro, do ruído, e polas súas normas regulamentarias de desenvolvemento, atendendo ás remisións que a dita normativa efectúa con respecto á autonómica, aclarando e complementando a dita normativa básica naqueles aspectos que o precisen e establecendo normas adicionais de protección.

2. A interpretación e aplicación deste decreto aterase ás definicións recollidas na Lei 37/2003, do 17 de novembro, do ruído, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

1. De conformidade coas definicións establecidas polo artigo 3 da Lei 37/2003, do 17 de novembro, do ruído, este decreto será de aplicación aos emisores acústicos, considerando como tales as actividades, infraestruturas, equipamento, maquinaria ou comportamentos, públicos ou privados, que xeren contaminación acústica no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, así como ás edificacións, na súa condición de receptores acústicos, que estean situadas no devandito territorio.

2. De conformidade co artigo 2.2 da Lei 37/2003, do 17 de novembro, do ruído, quedan excluídos do citado ámbito de aplicación:

a) As actividades domésticas e os comportamentos dos veciños, cando a contaminación acústica producida por aqueles se manteña dentro de límites tolerables de conformidade coas ordenanzas municipais e os usos locais.

b) As actividades militares, que se rexerán pola súa lexislación específica.

c) A actividade laboral, respecto da contaminación acústica producida por esta no correspondente lugar de traballo, que se rexerá polo disposto na lexislación laboral.

Artigo 3. Competencias

1. No ámbito de aplicación do presente decreto, e sen prexuízo das competencias que correspondan ao Estado, a consellería da Administración xeral da Comunidade Autónoma competente en materia de ambiente exercerá as seguintes competencias:

a) Elaboración, tramitación, aprobación e revisión dos mapas de ruído e plans de acción en materia de contaminación acústica correspondentes ás aglomeracións de ámbito supramunicipal mencionadas na letra b) deste punto e ás áreas acústicas onde se comprobe o incumprimento dos obxectivos de calidade acústica se estas abranguen territorio de máis dun concello.

b) Delimitación de aglomeracións de ámbito supramunicipal, para efectos de constituír o ámbito dun mapa de ruído, de acordo co procedemento establecido no artigo 8.

c) Delimitación de zonas tranquilas nas aglomeracións ou en campo aberto e zonas de servidume acústica, e establecemento das limitacións derivadas dela, cando os mapas de ruído sexan da súa competencia.

d) Xestión e subministración da información sobre a contaminación acústica en Galicia conforme establece o artigo 4.

e) Remisión dos mapas de ruído e plans de acción aprobados en Galicia á Administración xeral do Estado.

f) Integración da avaliación e control da contaminación acústica nos trámites de avaliación ambiental e autorización ambiental integrada da súa competencia.

g) Dentro do seu ámbito de actuación, o control do cumprimento da normativa en materia de contaminación acústica, a exixencia da adopción das medidas correctoras necesarias, o sinalamento das limitacións correspondentes en caso de incumprimento das medidas requiridas, a imposición das sancións administrativas que deriven das infraccións cometidas no ámbito das instalacións sometidas á Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación, cando as condicións incumpridas fosen sido impostas pola Comunidade Autónoma, e o exercicio da potestade sancionadora nos restantes supostos previstos artigo 30, punto 1, letra b), da Lei 37/2003, do 17 de novembro, do ruído.

h) Elaboración e desenvolvemento de programas de formación e educación ambiental dirixidos á cidadanía, aos técnicos e aos axentes dos concellos encargados do control e inspección da contaminación acústica; así como de programas de investigación sobre técnicas de medida, análise, avaliación e minimización do ruído, as consecuencias do ruído sobre a saúde das persoas e a implantación nas empresas de mecanismos, programas, procedementos e tecnoloxías destinados á prevención, a redución e o control das súas emisións acústicas.

i) O control dos métodos de avaliación dos efectos nocivos, no marco do Real decreto 1513/2005, do 16 de decembro, polo que se desenvolve a Lei 37/2003, do 17 de novembro, do ruído, no referente á avaliación e xestión do ruído ambiental.

k) Nos instrumentos de ordenación territorial previstos pola Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, a declaración de áreas acústicas como zonas de protección acústica especial, a elaboración, aprobación e execución dos correspondentes plans zonais específicos, a declaración de áreas acústicas como zonas de situación acústica especial e a a adopción e execución das correspondentes medidas correctoras específicas.

2. A consellería competente en materia de conservación da natureza será competente para a declaración de reservas de sons de orixe natural para preservar determinadas zonas da contaminación acústica producida pola actividade humana e para o establecemento, se procede, do correspondente plan de conservación das súas condicións acústicas, así como para a adopción de medidas dirixidas a posibilitar a percepción destes sons.

3. A elaboración, tramitación, aprobación e revisión dos mapas de ruído e dos plans de acción en materia de contaminación acústica correspondentes a infraestruturas de transporte e portuarias de competencia autonómica, así como o establecemento de zonas de servidume acústica, corresponde ás consellerías da Administración xeral da Comunidade Autónoma ou ás entidades instrumentais do sector público autonómico que as promovan.

4. As competencias das entidades locais en materia de contaminación acústica rexeranse pola normativa básica estatal en materia de ruído, pola lexislación estatal e galega de réxime local, e polo presente decreto.

Artigo 4. Información

1. Sen prexuízo do disposto pola Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente, a consellería competente en materia de ambiente informará o público sobre a contaminación acústica e elaborará un informe anual ao respecto, que será posto á disposición do público a través dos medios de información ambiental establecidos. No devandito informe incluirase, como mínimo, a seguinte documentación:

a) Mapas de ruído e plans de acción en trámite e aprobados na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Ordenanzas en vigor sobre protección contra a contaminación acústica.

c) Iniciativas educativas e de sensibilización en materia de prevención e control da contaminación acústica.

d) Datos das redes de contaminación acústica instaladas pola Administración xeral da Comunidade Autónoma, polos concellos ou deputacións provinciais galegas e validados polo seu correspondente órgano técnico.

2. As consellerías da Administración xeral da Comunidade Autónoma e as entidades do sector público autonómico que promovan infraestruturas de transporte ou portuarias, así coma os concellos e as deputacións provinciais, que levasen a cabo algunha das actuacións que a continuación se indican, deberán presentar ao órgano autonómico superior ou de dirección competente en materia de ambiente un informe sobre as devanditas actuacións dentro do primeiro trimestre do ano seguinte á súa realización:

a) Aprobación de mapas de ruído ou plans de acción destinados a reducir a contaminación acústica.

b) Desenvolvemento de actuacións en materia de ruído destacando a declaración, delimitación, modificación e/ou cesamento na zonificación acústica do concello, incluídas as zonas tranquilas e zonas acusticamente saturadas.

c) Declaración de zonas de protección e de situación acústica especial, aprobación de plans zonais específicos e adopción de medidas correctoras específicas en relación coas zonas de situación acústica especial.

d) Tramitación de denuncias formuladas en materia de ruído.

A remisión da devandita información enténdese sen prexuízo do cumprimento de calquera obriga de información ou notificación en materia de ruído ambiental que veña imposta pola normativa europea, estatal ou autonómica.

3. A aprobación dos mapas de ruído e dos plans de acción en materia de contaminación acústica deberá facerse pública mediante a inserción nos correspondentes periódicos oficiais de anuncios nos cales se informe da dita aprobación e se indiquen as condicións en que o seu contido íntegro será accesible aos cidadáns.

Artigo 5. Zonificación acústica

1. A clasificación e zonificación de áreas acústicas na Comunidade Autónoma de Galicia axustarase aos tipos e criterios establecidos pola Lei 37/2003, do 17 de novembro, do ruído, e polo Real decreto 1367/2007, do 19 de outubro, que a desenvolve.

2. Os instrumentos de ordenación territorial e de planeamento urbanístico, tanto xeral como de desenvolvemento, deberán incorporar a zonificación acústica do territorio, tendo en conta a eventual existencia de zonas de servidume acústica e de reservas de sons de orixe natural e adoptando as medidas necesarias para lograr a compatibilidade, para os efectos de calidade acústica, entre as distintas áreas acústicas e entre estas e as anteditas servidumes e reservas. O cumprimento dos obxectivos de calidade acústica aplicables ás áreas delimitadas axustarase ao disposto polo Real decreto 1367/2007, do 19 de outubro.

No caso de que o instrumento de ordenación territorial ou de planeamento urbanístico se someta aos trámites de avaliación ambiental de plans e programas, o órgano ambiental velará especificamente polo cumprimento de tales aspectos a través das actuacións que ten atribuídas.

3. Os instrumentos de ordenación territorial e planeamento urbanístico que ordenen fisicamente ámbitos afectados por servidumes acústicas deberán ser remitidos con anterioridade á súa aprobación inicial, revisión ou modificación substancial, ao órgano substantivo competente da infraestrutura, para que emita informe preceptivo.

4. Na tramitación dos devanditos instrumentos, será preciso o informe favorable da consellería da Administración xeral da Comunidade Autónoma competente en materia de conservación da natureza, de terse declarado as reservas de sons de orixe natural que se puideren ver afectadas, así como en relación co cumprimento dos plans de conservación e medidas que poidan ter sido establecidas ao abeiro do artigo 21 da Lei 37/2003, do 17 de novembro, do ruído.

5. A delimitación das áreas acústicas queda suxeita a revisión periódica, que deberá realizarse, como máximo, cada dez anos desde a data da súa aprobación.

Artigo 6. Calidade acústica en infraestruturas de competencia autonómica e local

1. As infraestruturas preexistentes de competencia autonómica ou local situadas en Galicia deberán acadar os obxectivos de calidade acústica establecidos polo artigo 14.1 en relación co anexo II do Real decreto 1367/2007, do 19 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 37/2003, do 17 de novembro, do ruído, no referente a zonificación acústica, obxectivos de calidade e emisións acústicas, ou declarar a servidume correspondente, antes do 31 de decembro de 2020. Para tal efecto, consideraranse infraestruturas preexistentes as que, na data de entrada en vigor deste decreto, teñan aprobado o correspondente proxecto de execución.

2. As novas infraestruturas de competencia autonómica ou local situadas en Galicia deberán respectar os valores límite de recepción establecidos nos artigos 23 e 24, do mesmo real decreto.

Artigo 7. Suspensión provisional dos obxectivos de calidade acústica

1. De conformidade co disposto polo artigo 9 da Lei 37/2003, do 17 de novembro, con motivo da organización de actos de especial proxección oficial, cultural, relixiosa ou de natureza análoga, os concellos en cuxo ámbito territorial se celebren poderán adoptar, en determinadas áreas acústicas, logo de valoración da incidencia acústica, as medidas necesarias que deixen en suspenso temporalmente o cumprimento dos obxectivos de calidade acústica que sexan de aplicación a aquelas.

2. As persoas titulares de emisores acústicos poderán solicitar ao concello correspondente a suspensión provisional do cumprimento dos obxectivos de calidade acústica aplicables á totalidade ou a parte dunha área acústica, achegando coa devandita solicitude un estudo acústico no cal deberá acreditar a razón ou as razóns que xustifícarían a suspensión así como a imposibilidade de cumprir os devanditos obxectivos aplicando as mellores técnicas dispoñibles, aspecto que deberá ser valorado expresamente na resolución municipal que recaia. A dita resolución determinará o ámbito, prazo e limitacións horarias da suspensión, así como as medidas correctoras e os límites máximos de emisión aplicables. Só se poderá acordar a suspensión provisional no caso de que quede acreditado que as mellores técnicas dispoñibles non permiten o cumprimento dos obxectivos cuxa suspensión se pretende.

3. A suspensión dos obxectivos de calidade acústica non poderá ser acordada en sectores do territorio con predominio de solo de uso sanitario.

4. O disposto neste artigo enténdese sen prexuízo da posibilidade de sobrepasar ocasional e temporalmente os obxectivos de calidade acústica, sen necesidade de autorización, cando sexa necesario en situacións de emerxencia ou como consecuencia da prestación de servizos de prevención e extinción de incendios, sanitarios, de seguridade ou outros de natureza análoga aos anteriores.

5. Esta facultade enténdese sen prexuízo da competencia da Administración estatal prevista nos números 2 e 3 do artigo 4 da Lei 37/2003 en relación coa suspensión provisional dos obxectivos de calidade acústica aplicables nunha área acústica respecto de infraestruturas viarias, ferroviarias, aeroportuarias e portuarias, así como de obras de interese público de competencia estatal.

Artigo 8. Delimitación de aglomeracións de ámbito supramunicipal

A consellería competente en materia de ambiente poderá delimitar aglomeracións de ámbito supramunicipal que integren todo ou parte do territorio de dous ou máis concellos, para os afectos de constituír o ámbito dun mapa de ruído, aplicando o seguinte método:

a) Consideraranse todos aqueles sectores do territorio cuxa densidade de poboación sexa igual ou superior a 3.000 persoas por km2, tomando preferentemente como base os datos de poboación e extensión territorial das correspondentes seccións censuais.

b) Sumarase a poboación daqueles sectores do territorio nos cales, existindo a dita densidade de poboación, se verifique a existencia dunha distancia horizontal igual ou inferior a 500 metros entre os seus dous puntos máis próximos.

Os sectores do territorio consideraranse aglomeración se o resultado da citada suma de habitantes é superior a 100.000.

O ámbito territorial da aglomeración delimitarase trazando a liña poligonal pechada que comprende todos os sectores do territorio que conforman a aglomeración.

Artigo 9. Ordenanzas locais

1. En cumprimento do disposto polo artigo 6 da Lei 37/2003, do 17 de novembro, do ruído, os concellos de Galicia deberán contar cunha ordenanza sobre contaminación acústica adaptada á normativa básica estatal no prazo máximo dun ano desde a entrada en vigor deste decreto. A aprobación da devandita ordenanza deberá ser comunicada á consellería competente en materia de ambiente.

2. A consellería competente en materia de ambiente aprobará, mediante orde, unha proposta de ordenanza de protección contra a contaminación acústica, que poderá ser de aplicación nos concellos que así o acorden a través dos trámites previstos pola lexislación de réxime local.

Artigo 10. Illamento acústico de edificacións

1. Considerarase que unha edificación é conforme coas exixencias acústicas derivadas da aplicación dos obxectivos de calidade acústica no espazo interior das edificacións cando se cumpran as esixencias básicas impostas polo Real decreto 1371/2007, do 19 de outubro, polo que se aproba o documento básico DB-HR Protección fronte ao ruído do Código técnico da edificación e se modifica o Real decreto 314/2006, do 17 de marzo, polo que se aproba o Código técnico da edificación, ou na norma que o modifique ou substitúa.

2. Sen prexuízo do disposto polo artigo 20 da Lei 37/2003, do 17 de novembro, para a obtención de licenza de primeira ocupación nos edificios será necesario presentar o informe de ensaio que xustifique que se cumpre cos illamentos acústicos exixidos e que as instalacións comúns do edificio non producen nas edificacións niveis sonoros superiores aos valores límite establecidos. Este informe elaborase a partir de medicións in situ do illamento acústico das edificacións conforme a normativa de aplicación, as ordenanzas municipais, e demais condicionantes sobre avaliación da contaminación acústica; poderanse establecer ensaios representativos.

3. As entidades de control de calidade da edificación ou os laboratorios de ensaio para o control de calidade da edificación que realicen ensaios ou medicións in situ de parámetros acústicos nas edificacións, deberán estar habilitados, conforme o Real decreto 410/2010, do 31 de marzo, polo que se desenvolven os requisitos exixibles ás entidades de control de calidade da edificación e aos laboratorios de ensaios para o control de calidade da edificación, para o exercicio da súa actividade, na área de probas de servizo e ensaios de acústica correspondentes, conforme as normas UNE-ISO.

4. Estes requisitos non serán exixibles ás entidades de control de calidade da edificación e aos laboratorios de ensaios para o control de calidade da edificación establecidos noutro Estado membro da Unión Europea, cuxa prestación de servizos se realizara de acordo co previsto na Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio.

Artigo 11. Desenvolvemento de actividades en edificacións

1. As persoas titulares de actividades que se pretendan desenvolver en edificacións deberán dispoñer, con carácter previo ao inicio da actividade, dun informe que cumpra os requisitos indicados no artigo 12, elaborado a partir de medicións realizadas nos locais en que se pretenda desenvolver a actividade que, partindo da clasificación de actividades recollida na alínea A) do anexo acredite o cumprimento dos valores de illamento indicados na alínea B) do mesmo anexo. O devandito informe deberá ser presentado ante o concello en que radiquen os locais nos cales se pretenda desenvolver a actividade xunto coa comunicación previa prevista no artigo 24 da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, ou xunto coa solicitude de licenza de actividade, cando esta sexa preceptiva.

2. Este informe incluirá os seguintes aspectos:

a) Illamento entre a actividade e as vivendas lindeiras co local (DnT 100-5000 Hz e DnT 125 Hz) e niveis de recepción interna nas vivendas lindeiras derivadas do funcionamento no local emisor e o tempo de reverberación.

b) Illamento acústico de fachada (D2m,nT 100-5000 Hz).

c) Nivel de ruído de impactos (L’nT 100-5000 Hz).

3. Non será obrigatoria a achega do informe previsto nos puntos anteriores deste artigo no caso de que as persoas titulares das actividades fagan constar expresamente, no momento de presentar a comunicación previa ou a solicitude de licenza de actividade, cando esta sexa preceptiva, que as devanditas actividades producirán un nivel sonoro igual ou inferior, en calquera horario, a 75 dB, ou a 70 dB no caso de que se desenvolvan en áreas acústicas clasificadas como sectores do territorio con predominio de solo de uso sanitario, docente e cultural que requira especial protección contra a contaminación acústica en aplicación do artigo 7 da Lei 37/2003, do 17 de novembro, do ruído. Isto enténdese sen prexuízo dos labores de comprobación que posteriormente efectúe a Administración local.

4. O disposto neste artigo tamén será de aplicación aos supostos de modificación, ampliación ou traslado.

Artigo 12. Avaliación da contaminación acústica

1. Os informes ou estudos de avaliación da contaminación acústica, incluídos os mapas de ruído, deberán incorporar un anexo en que se xustifique a adecuación dos métodos de medición e cálculo empregados con respecto á normativa básica estatal vixente en materia de ruído, incluíndo documentación acreditativa dos seguintes aspectos:

a) De que os equipos de medición utilizados para a elaboración do estudo ou informe se axustan ao disposto pola normativa estatal de control metrolóxico, á lexislación sobre contaminación acústica, así como ás normas ISO aplicables, garantindo a rastrexabilidade a estándares nacionais ou internacionais de todas as medicións efectuadas en relación coa avaliación da contaminación acústica e dispoñendo do correspondente certificado de calibración e/ou verificación vixente.

b) De que a persoa responsable do estudo ou informe dispón dun sistema de xestión de calidade de acordo cos requisitos da norma ISO 17025, tanto en aspectos de xestión coma técnicos, e para a súa xustificación, dun libro de rexistro, no cal se incluirán, polo menos, as medicións realizadas, actividades avaliadas, datas de realización e datos do peticionario.

c) De que a dita persoa responsable realizou un ensaio interlaboratorio, mediante unha entidade acreditada pola ENAC en intercomparación en acústica dos alcances que correspondan, conforme a normativa de aplicación, que garanta a precisión e exactitude das medidas, cunha antigüidade máxima de dous anos con respecto á data de presentación do informe ou estudo.

2. A devandita documentación poderá ser substituída por unha acreditación como organismo de control ou inspección en acústica expedida pola Entidade Nacional de Acreditación (ENAC), polos organismos de acreditación de calquera Estado membro da Unión Europea, sempre que estes organismos se sometesen con éxito ao sistema de avaliación por pares previsto no Regulamento (CE) n° 765/2008, do 9 de xullo, do Parlamento Europeo e do Consello, ou polos organismos de avaliación da conformidade acreditados por eles, de conformidade coa disposición adicional única do Real decreto 715/2010, do 17 de decembro, polo que se designa á Entidade Nacional de Acreditación (ENAC) como organismo nacional de acreditación de acordo do establecido no Regulamento (CE) n° 765/2008 do Parlamento Europeo e o Consello, do 9 de xullo de 2008, polo que se establecen os requisitos de acreditación e vixilancia do mercado relativos á comercialización dos produtos e polo que se derroga o Regulamento (CEE) n° 339/93.

Disposición adicional única. Aprobación da proposta de ordenanza contra a contaminación acústica

A consellería competente en materia de ambiente deberá aprobar a proposta de ordenanza contra a contaminación acústica a que se fai referencia no artigo 9, número 2, no prazo máximo de nove meses desde a entrada en vigor deste decreto.

Disposición transitoria primeira. Prazo para acreditación do ensaio interlaboratorio

A acreditación do ensaio interlaboratorio requirido no artigo 12.1) non será exixible ata transcorrido un ano desde a entrada en vigor deste decreto.

Disposición transitoria segunda. Réxime transitorio sobre actividades

O artigo 11 será de aplicación a actividades que se inicien tras a súa entrada en vigor así como a modificacións, reformas, ampliacións e traslados de actividades preexistentes.

Disposición derrogatoria única

Quedan derrogadas cantas disposicións anteriores de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto por este decreto.

Disposicións derradeira primeira. Habilitación normativa

Facúltase á persoa titular da consellería competente en materia de ambiente para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, nove de xullo de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ANEXO
Clasificación de actividades que se desenvolverán en edificacións e valores de illamento para o desenvolvemento de actividades

A) Clasificación de actividades que se desenvolverán en edificacións.

Para a consideración dos valores de illamento que se indican na alínea B) deste anexo, as actividades que se levan a cabo clasifícanse, en función do seu grao de molestia, nos seguintes tipos, atendendo ás súas características de funcionamento:

Grupo

Características de funcionamento

Horario

Nivel sonoro, L (dB)

0

calquera

≤ 75

1

das 7.01 ás 23.00 horas

entre 76 e 80

2

entre 81 e 90

3

> 90

4

das 23.01 ás 7.00 horas, parcial ou totalmente

entre 76 e 80

5

entre 81 e 90

6

> 90

De xeito orientativo indícase a continuación, para cada grupo unha serie de exemplos de tipos de actividades que maioritariamente se poden agrupar neles:

• Grupo 0: despachos profesionais, farmacias, librarías, papelerías, froitarías, tendas, estancos e similares.

• Grupos 1 e 4 (segundo o horario de desenvolvemento da actividade): ximnasios, supermercados, talleres, industrias, restaurantes e similares.

• Grupos 2 e 5 (segundo o horario de desenvolvemento da actividade): industrias, pubs e outros similares.

• Grupos 3 e 6 (segundo o horario de desenvolvemento da actividade): discotecas, salas de festas e similares.

Tanto os exemplos indicados como as actividades que non estean expresamente comprendidas na nomenclatura dos grupos referenciados encadraranse, para os efectos de cumprimento desta normativa, dentro do grupo con que teña maior afinidade, en función dos parámetros máis restritivos: período de actividade e nivel de presión sonora.

O nivel sonoro L indicado corresponderá con nivel LAeq calculado segundo as directrices marcadas na lexislación vixente, no caso máis desfavorable, durante o desenvolvemento da súa actividade.

B) Valores de illamento para o desenvolvemento de actividades.

Grupo

Illamento a ruído aéreo respecto a vivendas lindeiras (dB)

Illamento a ruído aéreo da fachada (dB)

Illamento a ruído de impactos (dB)

DnT 100–5000 Hz

DnT 125 Hz

D2m,nT 100–5000 Hz

L’nT 100–5000 Hz

0

≥ 55

≥ 40

≥ 35

≤ 60

1

≥ 55

≥ 45

≥ 35

≤ 50

2

≥ 60

≥ 50

≥ 40

≤ 45

3

≥ 65

≥ 55

≥ 45

≤ 40

4

≥ 60

≥ 45

≥ 40

≤ 40

5

≥ 70

≥ 55

≥ 50

≤ 35

6

≥ 75

≥ 60

≥ 55

≤ 35

Para aquelas actividades que se desenvolvan en áreas acústicas clasificadas coma sectores do territorio con predominio de solo de uso sanitario, docente e cultural que requira de especial protección contra a contaminación acústica segundo o artigo 7 da Lei 37/2003, do 17 de novembro, do ruído, aplicarase un incremento de 5 dB sobre os os valores indicados na táboa para «illamento a ruído aéreo respecto a vivendas lindeiras» e «iIlamento a ruído aéreo da fachada», así como unha diminución de 5 dB sobre os valores indicados para «illamento a ruído de impactos».

Os valores indicados enténdense sen prexuízo do cumprimento dos valores límite de recepción da lexislación vixente, tanto en interior como exterior; polo que os valores mostrados se utilizarán por defecto, sendo os necesarios para illamento, en todo caso, aqueles que garantan o cumprimento dos mencionados valores límite.