Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 147 Mércores, 5 de agosto de 2015 Páx. 32235

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 27 de xullo de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas con carácter compensatorio aos produtores de moluscos pola suspensión temporal da colleita de moluscos cultivados durante o período de programación 2007-2013, cofinanciadas co Fondo Europeo da Pesca nun 75 %, e se convoca para o exercicio 2015 o devandito procedemento.

O Regulamento (CE) 1198/2006 do Consello, do 27 de xullo, relativo ao Fondo Europeo de Pesca (FEP), define o marco de apoio comunitario en favor do desenvolvemento sustentable do sector pesqueiro, das zonas de pesca e da pesca interior. Este regulamento establece, no ámbito da produción na acuicultura, a posibilidade de prestar asistencia específica á produción da acuicultura para apoiar medidas de saúde pública.

De acordo co artigo 55 do Regulamento (CE) 1198/2006 e demais normativa de aplicación, para poder acollerse á contribución con cargo ao Fondo Europeo de Pesca os gastos subvencionados mediante esta orde terán que estar pagados polos beneficiarios, xustificados e certificados á Comisión Europea antes do 31 de decembro de 2015.

Entre as medidas recollidas no citado regulamento, e concretamente no seu artigo 31, encóntrase a posibilidade de conceder compensacións aos produtores de moluscos pola suspensión temporal da colleita de moluscos cultivados, derivada da contaminación dos moluscos debido á proliferación de plancto que produza toxinas ou á presenza de plancto que conteña biotoxinas.

Segundo o artigo 129 (disposicións transitorias) do Regulamento (UE) 508/2014 do Parlamento e do Consello, do 15 de maio, que o derroga expresamente, mantén a súa vixencia «para as axudas aprobadas pola Comisión sobre as bases nel establecidas, ou de calquera outra normativa aplicable a esa axuda en 31 de decembro de 2013 que seguirá aplicándose a eses proxectos ou axudas.

As solicitudes presentadas de acordo co Regulamento (CE) 1198/2006 seguirán sendo válidas».

En consecuencia, e de acordo co disposto no artigo 27.15 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, oído o sector interesado,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras para a concesión das axudas para compensar as perdas do ano 2013 aos produtores de moluscos pola suspensión temporal da colleita de moluscos cultivados, suspensión derivada da contaminación dos moluscos debido á proliferación de plancto que produza toxinas ou á presenza de plancto que conteña biotoxinas, así como proceder á súa convocatoria para o exercicio 2015.

Artigo 2. Marco normativo

Para o outorgamento e execución destas axudas, aplicarase o disposto nas bases reguladoras establecidas nesta orde así como nas seguintes normas:

a) Regulamento (CE) 1198/2006 do Consello, do 27 de xullo, relativo ao Fondo Europeo de Pesca, Regulamento (CE) 498/2007 da Comisión, do 26 de marzo, polo que se establecen as disposicións de aplicación do citado regulamento e o resto de disposicións comunitarias aplicables, así como as disposicións básicas que o Estado dite en desenvolvemento ou transposición destas.

b) Preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

c) Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, coas súas posteriores modificacións.

d) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

g) Normativa básica do Estado.

Artigo 3. Crédito orzamentario

1. As subvencións concederanse en cada un dos anos durante o período de elixibilidade do actual Programa operativo do Fondo Europeo de Pesca (FEP) 2007-2013 que abrangue desde o 1 de xaneiro de 2007 ata o 31 de decembro de 2015 segundo dispón o artigo 55.1 do Regulamento 1198/2006 do Consello, do 27 de xullo, relativo ao Fondo Europeo de Pesca.

2. Para o ano 2015 as axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 12.30.723A.772.0 que figura dotada no orzamento de gastos da Consellería do Medio Rural e do Mar para o ano 2015, aprobada pola Lei 11/2014, do 19 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015. Os importes máximos das subvencións que se concedan no devandito exercicio orzamentario ascenderán a 9.000.000,00 de €.

3. O período de elixibilidade do actual Programa operativo (2007-2013), abrangue desde o 1 de xaneiro de 2007 ata o 31 de decembro de 2015, segundo dispón o artigo 55.1 do Regulamento (CE) nº 1198/2006.

4. Os importes fixados en cada convocatoria, así como as aplicacións a que se imputen, poderán ser ampliados con fondos incorporados e remanentes adicionais, así como procedentes de modificacións orzamentarias, sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto. As axudas contarán con financiamento do FEP dun 75 % e do Estado membro dun 25 %.

Artigo 4. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios das axudas reguladas nesta orde as persoas físicas ou xurídicas titulares de establecementos de acuicultura, que teñan as súas instalacións na Comunidade Autónoma de Galicia e que suspendesen a súa colleita de moluscos cultivados, por motivos de protección da saúde, como consecuencia da contaminación dos moluscos, debido á proliferación de plancto que produza toxinas ou a presenza de plancto que conteña biotoxinas, durante un período superior a catro meses consecutivos ou cando as perdas sufridas sexan derivadas da suspensión da colleita e se cifren en máis do 35 % do volume anual de negocios de cada establecemento de acuicultura en cuestión, calculado sobre a base do volume de negocios medio de cada establecemento de acuicultura durante os tres anos anteriores (2010, 2011 e 2012).

2. Tamén poderán ser beneficiarios das axudas, sempre que subscriban todos e cada un dos seus membros a solicitude, se se dan as condicións sinaladas no punto anterior, as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, estean constituídos por titulares de establecementos de acuicultura que teñan a sede en Galicia e realicen a súa actividade nesta comunidade.

3. Cando as pretensións correspondan a unha pluralidade de persoas, poderán ser formuladas nunha única solicitude, por medio de representante legalmente habilitado. Neste suposto, a presentación da solicitude deberá incluír un modelo de pluralidade de persoas solicitantes. Para facilitar este trámite, a sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas este e outros modelos normalizados.

4. Para poder ser beneficiarios destas axudas será requisito indispensable que polo menos nos tres últimos anos (2010, 2011 e 2012) se transmitise á Consellería do Medio Rural e do Mar a información establecida na Orde do 9 de abril de 2008 pola que se establece o sistema de transmisión dos datos mensuais de produción de acuicultura.

5. Non poderán ser beneficiarias destas axudas, as persoas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nin as empresas en crise, de acordo coa definición e condicións establecidas nas directrices comunitarias sobre as axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise (2004/C 244/02).

6. Non poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 45.7 do Regulamento (CE) nº 1005/2008 do Consello, do 29 de setembro de 2008, polo que se establece un sistema comunitario para previr, desalentar e eliminar a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada, nin os operadores que participen na explotación, xestión ou propiedade dos buques incluídos na lista comunitaria dos buques INDNR, en atención ao artigo 40 do citado regulamento. Este regulamento modifica os regulamentos (CEE) nº 2847/93, (CE) nº 1936/2001 e (CE) nº 601/2004, e derroga os regulamentos (CE) nº 1093/94 e (CE) nº 1447/1999.

7. Tampouco poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas que teñan unha sanción firme pendente de pagamento por infracción da normativa marítimo-pesqueira, nin os que participen na explotación, xestión ou propiedade dos buques incluídos na lista comunitaria dos buques INDNR (pesca ilegal non declarada e non regulamentada) ao abeiro do Regulamento (CE) nº 1005/2008 do Consello, do 29 de setembro, polo que se establece un sistema comunitario para previr, desalentar e eliminar a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada, para o cal deberán cubrir o anexo I.

Artigo 5. Obrigas dos beneficiarios

1. Os beneficiarios, ao formalizar a súa solicitude, sométense voluntariamente ao cumprimento das condicións que se establecen nesta orde para a concesión e pagamento das subvencións, así como ao cumprimento dos requisitos estipulados na normativa de aplicación a estas.

2. Os beneficiarios deberán acreditar, mediante declaración responsable, que non teñen pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións.

3. Someteranse ás actuacións de comprobación que deberá efectuar o órgano concedente ou calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competente, tanto nacionais coma comunitarios, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

4. Comunicar ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos, ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente, tanto público coma privado, e en particular as indemnizacións derivadas da subscrición de seguros que garantan as perdas de produción como consecuencia da suspensión temporal desta por contaminación dos moluscos debido á proliferación de plancto que produza toxinas ou á presenza de plancto que conteña biotoxinas.

5. Acreditar, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, que está ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias, fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia. De acordo co establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, co fin de acreditar que o solicitante está ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega.

6. Deberán dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos exixidos na lexislación aplicable aos beneficiarios.

7. Manter un sistema de contabilidade separado ou código contable adecuado que permita coñecer as transaccións relacionadas coa operación que se subvenciona, co obxecto de facilitar a pista da auditoría, de acordo co disposto no artigo 59.d) do Regulamento FEP.

8. O establecemento de cultivos mariños obxecto das compensacións deberá figurar inscrito no Rexistro Galego de Empresas Halioalimentarias.

9. Os beneficiarios estarán en posesión das preceptivas concesións, autorizacións, permisos ou licenzas para levar a cabo a actividade.

10. Deberán comunicar á Consellería do Medio Rural e do Mar calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución dos fins para os cales foi concedida a axuda de que se trate.

Artigo 6. Alcance da axuda

O período máximo de concesión da compensación será de 12 meses durante todo o período de programación (2007-2013) que abrangue desde o 1 de xaneiro de 2007 ata o 31 de decembro de 2015 segundo dispón o artigo 55.1 do Regulamento 1198/2006.

A contía das axudas está condicionada, en todo caso, á existencia de dispoñibilidades orzamentarias.

Dado que o obxecto e a finalidade da subvención é o establecemento das bases reguladoras de axudas para compensar os produtores de moluscos pola suspensión temporal da colleita de moluscos cultivados, suspensión derivada da contaminación dos moluscos debido á proliferación de plancto que produza toxinas ou á presenza de plancto que conteña biotoxinas, non é necesario realizar a comparación e a prelación das solicitudes presentadas. No suposto de esgotamento do crédito orzamentario, o órgano de avaliación procederá ao rateo, entre os beneficiarios da subvención, do importe global máximo destinado a estas axudas.

A contía que se percibirá determinarase sobre o volume anual de negocios de cada establecemento de acuicultura en cuestión, calculado sobre a base do volume de negocios medio de cada establecemento de acuicultura durante os tres anos anteriores (2010, 2011 e 2012) e representará como máximo o 60 % da perda sufrida.

Artigo 7. Prazos de presentación da solicitude e resolución

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se entenderá como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. A resolución emitirase e notificaráselles aos interesados no prazo máximo de cinco meses desde a publicación no Diario Oficial de Galicia da correspondente convocatoria anual. O vencemento do prazo máximo indicado sen que se notifique a resolución, posibilitará que os interesados poidan entender desestimada a súa pretensión por silencio administrativo, de conformidade co disposto no artigo 44 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Forma de presentación de solicitudes e documentación necesaria

1. A solicitude deberá presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dependentes dela. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

2. Alternativamente tamén se poderá presentar a solicitude e demais anexos normalizados en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Xunto co formulario de solicitude, salvo que de acordo co establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, os documentos exixidos xa estean en poder de calquera órgano da administración actuante, presentarase, segundo proceda, a seguinte documentación:

A. Para persoas xurídicas:

– Copia compulsada do NIF da entidade solicitante e do DNI do seu representante legal, só no caso de non autorizar a súa consulta no Sistema de verificación de datos de identidade.

– Certificación rexistral dos estatutos sociais e da escritura de constitución, e copia compulsada da tarxeta de identificación fiscal.

– Certificación do Rexistro Mercantil das contas anuais depositadas no exercicio económico 2013, incluíndo informe de auditoría, se é o caso.

– Imposto de sociedades e imposto de liquidación anual do IVE do exercicio económico 2013.

– No caso de existir grupo empresarial, deberase achegar certificación do Rexistro Mercantil das contas anuais consolidadas depositadas no exercicio económico 2013, incluíndo informe de auditoría, se é o caso.

– Certificado da declaración censual de alta en obrigas tributarias.

B. Para persoas físicas:

– Copia compulsada do DNI do solicitante, só no caso de non autorizar a súa consulta no Sistema de verificación de datos de identidade.

– Declaración da renda dos anos 2011, 2012 e 2013, só no caso de non autorizar a súa consulta.

– Certificado da declaración censual de alta en obrigas tributarias.

C. Se a solicitude corresponde a unha pluralidade de persoas:

– Acordo de nomeamento do representante ou apoderado para os efectos da axuda, asinado por todos eles.

– A distribución dos compromisos que corresponda executar a cada un dos solicitantes, así como o importe da subvención solicitada para cada un deles.

– A conta bancaria que se sinala no anexo I deberá estar a nome de todos os solicitantes. En caso contrario deberase achegar documento asinado por todos os solicitantes, conforme non existe inconveniente en que se pague a axuda a esa conta.

– Documentación sinalada para persoas físicas no punto B.

3. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro

5. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Tramitación das solicitudes

1. A Secretaría Xeral do Mar analizará os expedientes, requirirá a documentación necesaria, se é o caso, e emitirá un informe relativo ao cumprimento dos requisitos da convocatoria.

2. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 5.5 resulta que o solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social.

3. Sen prexuízo do disposto no punto 2 deste artigo, o solicitante poderá ser requirido para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas que, se é o caso se produzan, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria, serán remitidos á comisión encargada da súa avaliación, de acordo co establecido no artigo seguinte. Para estes efectos, a Secretaría Xeral do Mar elaborará un informe á vista do cal o órgano analizará e clasificará as solicitudes de acordo cos criterios fixados nas bases.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de non admisión ou de desistencia segundo sexa o caso, na cal se indicarán as causas que a motivan.

Artigo 10. Comisión de avaliación

1. Os expedientes serán avaliados por unha comisión de avaliación constituída na Secretaría Xeral do Mar que, de non considerar necesaria máis documentación, emitirá un informe co resultado da selección das solicitudes propostas, que será incorporado ao expediente.

2. A composición da comisión avaliadora estará formada polos seguintes membros:

a) Presidente: subdirector/a xeral de Acuicultura.

b) Vogais: dous funcionarios adscritos á Secretaría Xeral do Mar designados polo presidente e os/ás xefes/ás do Servizo de Competitividade e Innovación Tecnolóxica da Consellería do Medio Rural e do Mar de cada unha das xefaturas territoriais. Un dos vogais actuará como secretario.

3. No caso de imposibilidade de asistir a algunha das sesións, os membros do órgano colexiado poderán ser substituídos pola persoa que designe o presidente.

4. A comisión avaliadora poderá traballar asistida dos asesores que xulgue conveniente, así como solicitar informes a expertos técnicos na materia.

5. No informe que formule a comisión figurarán de xeito individualizado os solicitantes propostos para obter a subvención, indicándose a contía que lles corresponde segundo os criterios fixados no artigo 11 desta orde. Así mesmo, indicarase a proposta do importe da subvención para cada un deles.

6. O presidente da comisión de avaliación elevará proposta de resolución ao órgano concedente, que ditará a correspondente resolución de concesión, logo da preceptiva fiscalización do gasto.

Artigo 11. Criterios de avaliación

A comisión de avaliación comprobará que o solicitante cumpriu co requisito indispensable de ter transmitido nos anos (2010, 2011 e 2012) á Consellería do Medio Rural e do Mar a información, establecida na Orde do 9 de abril de 2008 pola que se establece o sistema de transmisión dos datos mensuais de produción de acuicultura. O incumprimento deste requisito supoñerá a inadmisión e posterior denegación da axuda.

A comisión de avaliación, para determinar a contía da axuda, solicitará ao Servizo de Análise e Rexistros o volume anual de negocios declarados por cada establecemento de acuicultura en cuestión durante os tres anos (2010, 2011 e 2012) e o volume anual de negocios de cada establecemento de acuicultura no ano en que se producen as perdas. Así mesmo, solicitará ao Intecmar toda a información relacionada coa suspensión temporal da colleita de moluscos cultivados, derivada da contaminación dos moluscos debido á proliferación de plancto que produza toxinas ou á presenza de plancto que conteña biotoxinas.

Á vista destas informacións, se determinará a media do volume anual de negocios de cada establecemento de acuicultura dos tres anos (2010, 2011 e 2012). Se detraendo do volume de negocio do ano 2013 a media calculada dos tres anos, o resultado negativo (perda) supera o 35 % do volume anual de negocio de cada establecemento de acuicultura, ou se a suspensión temporal é durante un período superior a catro meses consecutivos, aplicaráselle á devandita perda o 60 %, resultando desta operación o importe máximo da axuda que se vai conceder.

Artigo 12. Resolución e aceptación

1. A resolución dos expedientes correspóndelle á conselleira do Medio Rural e do Mar, quen poderá delegar a devandita competencia no secretario xeral do Mar.

2. As resolucións serán notificadas ao solicitante que terá un prazo de dez días hábiles a partir do seguinte ao da recepción da notificación para a súa aceptación. Transcorrido este prazo sen producirse manifestación expresa entenderase tacitamente aceptada a axuda.

3. A resolución indicará as condicións xerais e particulares que se deben cumprir para poder percibir a axuda concedida. Así mesmo, indicará a anualización aprobada. O número máximo de anualidades non será superior a tres.

Artigo 13. Recursos

Contra a resolución que se dite, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse, con carácter potestativo, recurso de reposición ante a conselleira do Medio Rural e do Mar, no prazo dun (1) mes a partir do día seguinte ao da súa notificación ou de tres (3) meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo sexa o caso, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados dende o día seguinte ao da súa notificación ou de seis (6) meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto, segundo o caso.

Todo isto sen prexuízo de que o interesado poida interpoñer calquera outro que considere pertinente.

Artigo 14. Modificación da resolución

1. Unha vez recaída a resolución de concesión, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, se é o caso, a obtención concorrente doutras subvencións e axudas concedidas por calquera outra entidade pública ou privada, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión da subvención.

Artigo 15. Pagamento da subvención

1. O pagamento da axuda concedida conforme a resolución e as presentes bases efectuarase unha vez notificada a resolución e que esta sexa firme.

2. Para o pagamento da axuda será imprescindible que os beneficiarios estean ao día nas súas obrigas tributarias e da Seguridade Social e que non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Considerando o sinalado no artigo 19 desta orde, o órgano xestor das axudas poderá obter dos organismos competentes as mencionadas certificacións.

Artigo 16. Cesión ou transmisión das axudas

A cesión ou transmisión das axudas outorgadas ao abeiro desta orde non terán validez cando non sexan autorizadas previamente polo órgano que as concedeu.

Artigo 17. Incumprimento e reintegro das axudas

1. Se o beneficiario incumpre calquera dos requisitos establecidos nestas bases e demais normas aplicables, así como as condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión da axuda, poderán anularse os beneficios concedidos coa obriga de reintegro da axuda ou subvención.

2. No caso de que o solicitante non cumpra cos requisitos exixidos ou cos requirimentos recibidos, e no prazo conferido para iso, estará obrigado a proceder ao reintegro da axuda nos termos regulamentariamente establecidos.

3. Procederá o reintegro total ou parcial da subvención concedida e dos xuros de demora correspondentes desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 37 da Lei xeral de subvencións 38/2003, do 17 de novembro.

4. Será causa de reintegro, de acordo coas directrices comunitarias para o exame das axudas estatais no sector da pesca e da acuicultura (2008/C 84/06), que o beneficiario infrinxa o dereito comunitario e, en especial, as normas da política pesqueira común, durante o período cuberto pola subvención. O reembolso das axudas será proporcional á gravidade da infracción cometida.

Artigo 18. Infraccións e sancións

Sen prexuízo do establecido nos parágrafos anteriores, aos beneficiarios das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 19 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a Lei xeral de subvencións 38/2003, do 17 de novembro, no seu título IV.

Artigo 19. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a verificación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, no formulario de solicitude inclúese a autorización expresa ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos nos termos exixidos na presente orde.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante, ou representante, a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante, ou representante, poderá denegar expresamente o consentimento; neste caso deberá presentar a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 20. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural e do Mar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Consellería do Medio Rural e do Mar, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, nº 5, 15705 Santiago de Compostela, A Coruña, ou a través dun correo electrónico a secretariaxeraltecnica.cmrm@xunta.es.

Artigo 21. Publicidade

1. En aplicación do establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia as axudas concedidas, expresando a convocatoria, programa e crédito orzamentario a que se imputen, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención.

2. De conformidade co establecido no artigo 13, punto 4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Medio Rural e do Mar publicará na súa páxina web oficial a relación de beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo cal a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Disposición adicional

En todo o non previsto nesta orde observarase o disposto na normativa mencionada no artigo 2 (marco normativo), así como nas prescricións da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derradeira primeira

Facúltase o secretario xeral do Mar para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2015

Rosa M. Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file