Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Mércores, 12 de agosto de 2015 Páx. 33117

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ANUNCIO do 8 de xullo de 2015, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, polo que se somete a información pública a solicitude de autorización ambiental integrada para a planta de transferencia e acondicionamento de residuos que Acteco, Productos y Servicios, S.L. posúe no concello de Arteixo (A Coruña) (expediente 2015-IPPC-I-10).

Para os efectos previstos na Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación (BOE núm. 157, do 2 de xullo), faise público que por espazo de trinta (30) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, quedará exposta a seguinte documentación:

– «Proxecto básico: autorización ambiental integrada para a planta de transferencia de residuos perigosos e transferencia e acondicionamento de residuos non perigosos. Acteco, Productos y Servicios, S.L., Pol. Industrial Sabón, Arteixo ( A Coruña)».

Co fin de que calquera interesado poida consultala e, de ser o caso, formular no dito prazo as alegacións, suxestións ou observacións que coide convenientes. Os citados documentos estarán á disposición dos administrados, en horario de atención ao público, nas seguintes dependencias:

–Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental-Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación (r/ San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela).

Ademais, poderán consultalos na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (http://www.cmati.xunta.es/ >>medio ambiente e sostibilidade >> prevención e control de actividades>>autorización ambiental integrada >>proxectos en información pública).

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2015

Justo de Benito Basanta
Secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental

ANEXO
Memoria resumo

Clave do expediente: 2015-IPPC-I-10.

Peticionaria: Acteco, Productos y Servicios, S.L.

Domicilio social: r/ Zamora, 24, Pol. Industrial L´Alfaç III, 03440 Ibi, Alicante.

Localización da instalación: polígono industrial de Sabón, parcela 131-B, Arteixo (A Coruña).

Actividade: transferencia e acondicionamento de residuos industriais e transferencia de residuos perigosos.

Descrición: a actividade da planta consiste no traslado, descarga e almacenamento de residuos.

A recollida dos residuos desde as instalacións de produción e o seu transporte ata as instalacións de Acteco para o seu almacenamento temporal ou ata as instalacións do xestor final levarase a cabo cos propios vehículos ou por medio de vehículos doutras empresas xestoras.

O persoal de Acteco procederá á descarga dos residuos coas carretas elevadoras e ao seu traslado ata a zona de almacenamento que se determine.

Nas instalacións existirán distintas zonas de almacenamento dependendo de se van ser clasificados previamente ou directamente almacenados, e segundo se trate de residuos perigosos ou non perigosos, segundo o seu estado físico e segundo se recollan e transporten a granel ou en vultos paletizados.

Acondicionamento previo ao almacenamento de residuos non perigosos.

Os residuos que non requiran dunha valorización serán almacenados nos colectores do patio exterior ou trasladados directamente desde a planta de orixe ata o destinatario, sen pasar pola planta de Acteco.

Os residuos non perigosos serán sometidos a algunha das seguintes operacións en planta:

1. Clasificación, segregación e reenvasado para a súa reutilización (perchas e outros residuos plásticos).

2. Prensado e redución do volume de almacenamento de residuos non perigosos.

Finalmente, os residuos debidamente acondicionados, e cando se dispoña da cantidade suficiente para completar un transporte, serán expedidos ata as instalacións de tratamento final, ou ata as instalacións loxísticas de distribución, cando se trate de perchas e outros residuos que vaian ser reutilizados.

A actividade non desenvolve ningunha actividade potencialmente contaminadora da atmosfera.

A instalación non produce verteduras industriais, as verteduras son exclusivamente de tipo sanitario (augas residuais fecais) e son conducidas á rede de saneamento do polígono industrial. Existe unha rede separativa de recollida das augas residuais pluviais das cubertas e patios exteriores.