En cumprimento do disposto no artigo 28 do regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administración públicas e do procedemento administrativo común, faise constar que:
O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais de Pontevedra ditou a seguinte resolución:
Asistentes:
Presidente: Miguel Ángel Pérez Dubois.
Vocais:
Amalia Elsa Pazos Pintos, xefa do Servizo de Montes.
X. Carlos Morgade Martínez, representante das CMVMC da provincia de Pontevedra.
Víctor Abelleira Argibay, representante do colexio de avogados da provincia.
Lorena Peiteado Pérez, letrada da Xunta de Galicia.
Secretaria: Ana Belén Fernández Dopazo, funcionaria adscrita ao Servizo Xurídico-Administrativo.
Na cidade de Pontevedra, ás 16.30 horas do día 30.6.2015 coa asistencia das persoas á marxe citadas, reúnese na 2ª planta do Edificio Administrativo sito no nº 43 da rúa Fernández Ladreda o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común co obxecto de decidir, entre outros asuntos, sobre a resolución do recurso de reposición do expediente de clasificación dos montes denominados Porta Cidrade e outros solicitados a prol dos veciños dos lugares da Saborida, A Balagosa, Lodeirón, Vilatuxe, Piñoi, Os Carballiños, Afonsín, A Carretera, O Outeiro, San Lourenzo, Gondoriz Pequeno e Gondoriz Grande, na parroquia de Vilatuxe, concello de Lalín.
Antecedentes de feito:
Primeiro. Danse por reproducidos todos e cada un dos antecedente de feito da resolución ditada polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais de Pontevedra do 18.2.2014. O monte «Porta Cidrade e outros» non se clasifica xa que non cumpre os requisitos exixidos no artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común. En especial:
«1. Que gran parte dos montes están parcelados, e incluso nalgunhas das parcelas o proceso de concentración as recoñece como de titularidade privada.
2. Que nas parcelas de monte números 1 e 3 aparecen varias parcelas separadas por muros ou cercas onde se atopan cultivos agrarios, repoboacións forestais de piñeiros e eucalipto. Que a parcela de monte número 2 engloba parcelas edificadas dos núcleos rurais da Saborida e A Balagosa, a dita parcela tamén está parcelada e conta cunha instalación deportiva e unha zona de aparcadoiro.
Estas situacións non avalan un uso comunal e continuado do monte e, polo tanto, non queda acreditada a constante posesión continuada do aproveitamento dos montes polos veciños senón, pola contra, un uso privativo dos aproveitamentos do monte.
3. Que a documentación que xuntan os promotores non demostra a este Xurado que exista un uso actual e continuado sen asignación de cotas, como establece o artigo 1 da Lei 13/1989, unha vez exposto o anteriormente citado».
Segundo. Fronte a citada resolución, notificada con data do 4.3.2014, o interesado José Canda Rodríguez presenta recurso de reposición con data do 4.4.2014 en que alega:
– No referente á ausencia de uso comunal e continuado do monte: «Que xuntou numerosos escritos dos veciños de Vilatuxe en que se afirmaba e declaran que, entre outros aproveitamentos, se utilizaban e aproveitaban os montes para pastos... xuntaron libros de explotacións gandeiras de veciños de Vilatuxe que acreditaban a titularidade do gando, quen era o seu titular e a localización da explotación. Así, o aproveitamento veciñal é expresamente recoñecido pola Administración nos montes do presente expediente de clasificación a través de concesións de axudas da PAC».
– No referente ao expediente de concentración parcelaria: «Os veciños dos citados lugares de Vilatuxe aparecen como titulares de máis de 100 parcelas do procedemento de concentración parcelaria».
– No referente á existencia de parcelas separadas por muros ou cercas: «Os aproveitamentos consisten no pastoreo de animais, foron realizados por parte dos propios veciños, nunhas ocasións para recoller o gando e noutras coa finalidade de que non entrase o gando nelas por ter a dita parte do monte un aproveitamento distinto e excluínte do pastoreo, como sucede, por exemplo, coas plantacións de piñeiros e eucaliptos, o que en ningún modo se pode interpretar como aproveitamentos privados...».
– No referente á existencia na parcela número 2 de edificacións e dunha instalación deportiva e aparcadoiro: «En escrito de rexistro de entrada do 10.9.2012 manifestouse para os efectos exclusivos deste expediente a renuncia da clasificación dos terreos en que existían tales edificacións.... Erro en que incorre a Administración ao entender e interpretar de forma equivocada a exclusión total dun monte veciñal por posible existencia de edificacións ou ocupacións».
– No referente a documentación histórica. Faise referencia a documentación xa presentada.
Fundamentos de dereito:
Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común é o órgano competente para resolver os recursos de reposición que se interpoñan fronte ás súas resolucións, de acordo co preceptuado no artigo 116 da Lei 30/1992.
Segundo. O principal motivo tomado en consideración polo Xurado Provincial de Montes de Pontevedra á hora de denegar a clasificación do monte «Porta Cidrade e outros» como monte veciñal en man común a prol dos veciños de Vilatuxe obedece a que non quedaba acreditado o aproveitamento non só nun pasado, senón tamén no presente e de xeito continuado, como establece o artigo 1 da Lei 13/1989 e as diversas resolucións xudiciais que o interpretan, concluíndo que o decisivo para a inclusión na categoría de veciñal en man común é que resulta acreditada e constante a posesión continuada do aproveitamento do monte polos veciños de xeito mancomunado (STS do 7.3.2001).
No recurso de reposición non se aclara o aproveitamento mancomunado do monte, senón que se fai referencia a aproveitamentos individuais como gandeiros e forestais. Así mesmo, as declaracións xuradas de parte dos veciños de Vilatuxe que dan fe da existencia dun uso consuetudinario (sendo coherentes co criterio fixado pola xurisprudencia e adoptado por este Xurado á hora de valorar se procede ou non a clasificación dunha determinada parcela como monte veciñal en man común), non se considera suficiente e resulta exixible un maior esforzo probatorio do uso comunal, tanto histórico como actual polos veciños de Vilatuxe, tal e como se vén requirindo a outras comunidades de montes.
Vistos os antecedentes mencionados, a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios de xenérica e específica aplicación, este instrutor propón e o Xurado de Montes, por unanimidade do seus membros, acorda:
A desestimación do recurso de reposición presentado por José Canda Rodríguez fronte á resolución ditada por este Xurado con data do 18.2.2014, ao considerar que as consideracións alegadas xa se tiveron en conta no momento de ditar a resolución impugnada.
Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados dende o día seguinte ao da presente notificación, de acordo co disposto nos artigos 109.a) e 116.3 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Pontevedra, 9 de xullo de 2015
Miguel Ángel Pérez Dubois
Presidente do Xurado de Montes
