Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Mércores, 12 de agosto de 2015 Páx. 33166

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

ANUNCIO do 21 de xullo de 2015, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, sobre a resolución do recurso de reposición do expediente de clasificación dos montes denominados Louredo e outros, solicitados a favor da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Lourizán, concello de Pontevedra.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administración públicas e do procedemento administrativo común, faise constar que:

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais de Pontevedra ditou a seguinte resolución:

Asistentes:

Presidente: Miguel Ángel Pérez Dubois.

Vogais:

Amalia Elsa Pazos Pintos, xefa do Servizo de Montes.

X. Carlos Morgade Martínez, representante das CMVMC da provincia de Pontevedra.

Víctor Abelleira Argibay, representante do colexio de avogados da provincia.

Lorena Peiteado Pérez, letrada da Xunta de Galicia.

Secretaria: Ana Belén Fernández Dopazo, funcionaria adscrita ao Servizo Xurídico- Administrativo.

Na cidade de Pontevedra, ás 16.30 horas do día 30.6.2015, coa asistencia das citadas, reúnese na 2ª planta do Edificio Administrativo sito no nº 43 da rúa Fernández Ladreda o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común co obxecto de decidir, entre outros asuntos, sobre a resolución do recurso de reposición do expediente de clasificación dos montes denominados Louredo e outros, solicitados a favor da CMVMC de Lourizán, concello de Pontevedra.

Antecedentes de feito:

Primeiro. Con data de entrada do 7 de xuño de 2010, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra acorda non incoar o expediente de clasificación instado pola CMVMC de Lourizán en relación cos montes Louredo e outros, con apoio no informe emitido polo Servizo de Montes.

Segundo. A devandita resolución foi notificada á parte interesada que, non estando conforme con ela, presenta en debido tempo e forma recurso de reposición.

Tomando en consideración os datos e documentos existentes no expediente administrativo de referencia, así como as alegacións feitas de contrario, emítese a seguinte proposta de resolución, con base nos seguintes fundamentos de dereito:

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra é o órgano competente para coñecer e resolver os recursos de reposición que se interpoñan fronte as súas resolucións, de acordo co preceptuado no artigo 116 da Lei 30/1992, así como no artigo 12 da Lei 13/1989.

Segundo. Procede admitir o recurso de reposición interposto por concorrer os requisitos fixados no artigo 117.1 da Lei 30/1992.

Terceiro. Entrando a analizar o fondo da cuestión controvertida, e tomando como punto de partida as alegacións que serven de sustento ao recurso de reposición presentado, esta parte difire abertamente da postura mantida de adverso xa que a decisión adoptada por este Xurado atopa sólido apoio no informe técnico do Servizo de Montes, razón pola que a decisión que se adoptará neste momento ha de ser a mesma ao non terse acreditado variación de circunstancias, coa excepción do resolto en relación coa parcela nº 7, denominada Nogueira.

En efecto, no acordo impugnado sinálase que non procede a incoación do expediente de clasificación no caso da parcela 7 (Nogueira) sobre a base do seguinte argumento: «(…) no caso da parcela 7, denominada Nogueira, parece tamén claro que se trata de monte veciñal en man común consolidado, pero quizais debería precisarse con exactitude que non se trata da parcela denominada Valiña para descartar unha posible duplicidade.

Segundo informe do Distrito forestal XIX en relación coa parcela Valiñas, sinálase que Valiñas está formada por varios predios forestais que limitan entre si tanto con marcos como con muros; pódese apreciar que tanto os marcos como os muros son antigos, o arboredo existente nos diferentes terreos oscila entre os 5 e os 60 anos. Existen na parcela dúas servidumes, actualmente cortadas polas obras do corredor do Morrazo, que daban servizo a diferentes predios. En conclusión, todo parece indicar que a parcela Valiñas sería a parcela nº 7, denominada Nogueira».

Co fin de desvirtuar tales apreciacións, a recorrente achega informe pericial emitido polo enxeñeiro de Montes Alejandro Arias Otero, onde se fai un estudo da situación da parcela nº 7 e se argumenta e xustifica por que ha de considerarse como unha parcela diferente da denominada Valiñas, explicación que, a xuízo deste Xurado, xustificaría unha rectificación da decisión inicialmente adoptada con data do 7 de xuño de 2010 sobre este punto concreto, pero non en relación coas restantes pois, como xa se sinalou con anterioridade, a situación e as circunstancias tidas en conta polo Xurado na resolución impugnada non se consideran desvirtuadas.

En consecuencia, vistos os antecedentes mencionados, a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios de xenérica e específica aplicación, este instrutor, en uso das facultades que ten conferidas, propón, e o Xurado acorda por unanimidade:

A estimación parcial do recurso de reposición presentado de contrario considerando conforme dereito a incoación do expediente de clasificación unicamente respecto da parcela 7, Nogueira, por quedar acreditado que se trata dunha parcela diferente a Valiñas.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 109.a) e 116.3 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 21 de xullo de 2015

Miguel Ángel Pérez Dubois
Presidente do Xurado de Montes