Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 164 Venres, 28 de agosto de 2015 Páx. 35073

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 19 de agosto de 2015 pola que se ratifica o acordo de extinción da Fundación Gaiás-Cidade da Cultura e se dispón a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Examinado o expediente de extinción da Fundación Gaiás-Cidade da Cultura, adscrita ao protectorado da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, resultan os seguintes

Feitos.

Primeiro. Con data do 28 de xullo de 2015 tivo entrada na Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a solicitude de ratificación e posterior inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego do acordo de extinción da Fundación Gaiás-Cidade da Cultura, adoptado polo padroado o 19 de xuño de 2015.

Segundo. A fundación foi constituída en escritura pública do 29 de decembro de 2008 outorgada ante o notario de Santiago de Compostela, Héctor Ramiro Pardo García, co número 3.284 do seu protocolo; foi clasificada de interese cultural por Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 30 de xuño de 2009 e declarada de interese galego por Orde da Consellería de Cultura e Turismo do 17 de setembro de 2009, e figura inscrita no Rexistro de Fundacións de Interese Galego co número 2009/10.

Terceiro. De acordo co artigo 6 dos estatutos, os fins da fundación son a promoción, fomento e difusión da cultura de Galicia e a súa relación co exterior, en particular con Europa e Iberoámerica; a promoción, programación, xestión e explotación de actividades culturais, así como a xestión das infraestruturas relacionadas co Centro de Arte Internacional, Museo de Nenos e Nenas e co Centro de Recursos Obradoiro, titularidade da Fundación Cidade da Cultura; e a xestión das actividades complementarias ou a produción dos bens susceptibles de contraprestación que sexan ofertados aos cidadáns nos centros integrantes do complexo Cidade da Cultura.

Cuarto. O órgano de goberno da fundación, na súa reunión do 19 de xuño de 2015, adoptou o acordo de extinción da fundación por imposibilidade material de realizar os fins fundacionais.

No expediente tramitado para o efecto consta a seguinte documentación:

a) Certificación do acordo de extinción adoptado polo padroado.

b) Memoria xustificativa da concorrencia da causa de extinción.

c) As contas da fundación na data de adopción do acordo.

d) Proxecto de distribución dos bens e dereitos resultantes da liquidación.

e) Informe-proposta do protectorado.

Consideracións legais.

Primeiro. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria é competente para o exercicio das funcións de protectorado sobre a Fundación Gaiás-Cidade da Cultura, de conformidade co establecido no Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en relación co artigo 47 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego;

De acordo co disposto no artigo 7.2 b do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, corresponde á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a inscrición na sección correspondente do Rexistro de Fundacións de Interese Galego de todos os actos relativos ás fundacións sobre as cales exerza as funcións de protectorado.

Segundo. O artigo 44 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, establece entre as causas de extinción das fundacións a imposibilidade de realización do fin fundacional, sendo necesario para tal efecto o acordo favorable do padroado, ratificado polo protectorado. O dito artigo dispón, así mesmo, que o acordo de extinción se inscribirá no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Terceiro. O acordo de extinción adoptouse seguindo os requisitos establecidos na normativa vixente e nos estatutos da fundación, sendo aprobado polo padroado na súa reunión do 19 de xuño de 2015. No expediente tramitado consta a memoria xustificativa da causa de extinción e a demais documentación prevista nos artigos 44 e 45 da Lei 12/2006, no artigo 48 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego.

Cuarto. No exercicio da facultade prevista no artigo 45 dos estatutos, o padroado da fundación acorda que os bens e dereitos resultantes da liquidación sexan destinados á Fundación Cidade da Cultura de Galicia baixo a identificación dun fondo sen personalidade xurídica, Fondo Gaiás da Empresa Galega, ao ter a dita fundación a condición de entidade beneficiaria de mecenado de conformidade co previsto nos artigos 16 a 25 da Lei 49/2002, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos.

Polo exposto, e de conformidade co establecido na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no Decreto 15/2009, da mesma data, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, e demais normativa de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Primeiro. Ratificar o acordo de extinción da Fundación Gaiás-Cidade da Cultura, adoptado polo padroado da fundación na súa reunión do 19 de xuño de 2015.

Segundo. Ordenar a inscrición da extinción no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Terceiro. Declarar como destinataria dos bens e dereitos resultantes da liquidación a Fundación Cidade da Cultura de Galicia baixo a identificación dun fondo sen personalidade xurídica, Fondo Gaiás da Empresa Galega.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que, con carácter potestativo, poida interpoñerse recurso de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 19 de agosto de 2015

P.D. (Orde do 25.1.2012; DOG núm. 27, do 8 de febreiro)
Jesús Oitavén Barcala
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura,
Educación e Ordenación Universitaria