Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 164 Venres, 28 de agosto de 2015 Páx. 35090

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 21 de agosto de 2015 pola que se convoca unha xornada sobre resposta á contaminación mariña accidental por substancias nocivas potencialmente perigosas, cofinanciada co Fondo Social Europeo (FSE) no marco do programa operativo Fondo Social Europeo 2007-2013 de Galicia.

O intenso tráfico marítimo, xunto coas actividades antropoxénicas asociadas ao litoral de Galicia, supoñen un risco potencial de contaminación das zonas costeiras. Neste contexto, a cidadanía debe contar coa seguridade de que se establecen os mecanismos necesarios para a protección dos bens con importancia socioeconómica e ambiental ante episodios de contaminación accidental.

O Convenio internacional sobre cooperación, preparación e loita contra a contaminación por hidrocarburos de 1990 (OPRC 90), en vigor en España desde o 13 de maio de 1995, e o seu Protocolo sobre substancias nocivas e potencialmente perigosas
(OPRC-HNS 2000), en vigor en España desde o 14 de xuño de 2007, teñen como obxectivo a cooperación internacional e a asistencia mutua en incidentes maiores de contaminación mariña, e o desenvolvemento e mantemento nos Estados parte da adecuada capacidade de preparación e resposta a emerxencias de contaminación mariña. Ambos os dous establecen a obriga de elaborar plans específicos de preparación e loita contra a contaminación nos cales se teñan en conta as directrices elaboradas pola Organización Marítima Internacional. Para cumprir con estas obrigas a Administración estatal aprobou o Real decreto 1695/2012, do 21 de decembro (BOE número 13, do 15 de xaneiro de 2013), polo que se aproba o Sistema nacional de resposta ante a contaminación mariña.

A Constitución española habilita as comunidades autónomas para establecer normas adicionais de protección do ambiente. A Comunidade Autónoma de Galicia asumiu, de acordo co disposto no Estatuto de autonomía no artigo 27, número 30, a competencia exclusiva de establecer «normas adicionais sobre protección do ambiente e da paisaxe nos termos do artigo 149.1.23». Así mesmo, no artigo 29, número 4, Galicia asumiu a competencia autonómica para a execución da lexislación do Estado na materia de «verteduras industriais e contaminantes nas augas territoriais do Estado correspondentes ao litoral galego».

O 18 de xullo de 2012 publicouse o Decreto 155/2012, do 5 de xullo, polo que se regula a estrutura e organización do Plan territorial de continxencias por contaminación mariña accidental da Comunidade Autónoma de Galicia. Este decreto ten por obxecto regular a estrutura e organización do Plan territorial de continxencias por contaminación mariña accidental da Comunidade Autónoma de Galicia (plan Camgal), así como establecer as disposicións xerais, a organización operativa e as medidas para a súa implementación. Así mesmo, o plan Camgal regula no seu capítulo VII a elaboración dos plans locais establecendo os seus obxectivos e funcións, así como o seu contido mínimo e a estrutura dos órganos de dirección e resposta.

O proxecto europeo Arcopol Platform, encadrado dentro do programa transnacional Espazo atlántico e coordinado desde Galicia, ten como obxectivo principal mellorar a seguridade marítima no espazo atlántico e reforzar a protección das rexións costeiras fronte á contaminación mariña. Neste sentido, no proxecto trabállanse con especial interese aqueles aspectos que melloren a preparación das autoridades locais e rexionais involucradas na resposta ás verteduras mariñas accidentais de substancias nocivas e potencialmente perigosas que poidan afectar as costas.

Dentro das actividades programadas para o ano 2015, e conforme o establecido no artigo 46 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, e na Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), anúnciase a convocatoria dunha xornada sobre resposta á contaminación mariña accidental por substancias nocivas potencialmente perigosas, conforme as seguintes bases:

Primeira. Datos da actividade

Tipo: xornada.

Denominación: resposta á contaminación mariña accidental por substancias nocivas potencialmente perigosas.

Modalidade: presencial.

Edicións: 1.

Horas lectivas: 8.

Prazas: limitadas pola capacidade do local.

Segunda. Obxectivos e contido

– Obxectivos:

• Coñecer o marco normativo básico que regula as operacións de resposta á contaminación mariña accidental: o Sistema nacional de resposta, o plan Camgal e os plans locais.

• Coñecer cales son os principais perigos que supón o transporte marítimo de substancias nocivas potencialmente perigosas.

• Coñecer os materiais, protocolos e técnicas de actuación dos servizos de emerxencia.

• Coñecer cales son os principais métodos de resposta á contaminación por substancias nocivas potencialmente perigosas e a súa adaptación ás operacións tanto no mar como na costa.

– Contido:

• O Sistema nacional de resposta, o Plan territorial de Galicia (plan Camgal) e os plans locais.

• Información xerada no proxecto Arcopol Platform de utilidade na loita contra a contaminación mariña accidental.

• Identificación das substancias nocivas potencialmente perigosas máis frecuentemente transportadas por mar.

• Equipos de protección persoal na loita contra as substancias nocivas potencialmente perigosas.

• Actuacións de resposta na loita contra as substancias nocivas potencialmente perigosas I. Organización da resposta. Teoría e práctica.

• Actuacións de resposta na loita contra as substancias nocivas potencialmente perigosas II. Protocolos da resposta. Teoría e práctica.

Terceira. Destinatarios/as

Persoal do Sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia (artigos 43 e 44 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia), persoal do Servizo de Gardacostas de Galicia, persoal do partenariado do proxecto Arcopol Platform e outras persoas interesadas no tema.

Cuarta. Desenvolvemento da actividade

Lugar: Agasp (avenida da Cultura, s/n, A Estrada, Pontevedra).

Datas: 29 de setembro de 2015.

Horario: das 10.00 ás 18.00 horas.

– Uniformidade: é obrigatorio asistir ao curso co uniforme de traballo. As persoas que incumpran esta norma poderán ser dadas de baixa na actividade.

Quinta. Inscrición

a) O persoal que desexe participar na xornada convocada nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp
(http://agasp.xunta.es), e non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

É preciso que todas as persoas que desexen participar en cursos da Agasp manteñan actualizados os seus datos persoais, especialmente a conta de correo electrónico e o teléfono móbil, co obxecto de posibles comunicacións. No suposto de non seren correctos ou exactos os ditos datos, a Agasp non é responsable dos posibles prexuízos causados aos interesados.

b) As persoas que non sexan usuarias da páxina web da Agasp deberán previamente darse de alta nela, para o cal é necesario facilitar unha conta persoal de correo electrónico.

c) O prazo de inscrición empeza o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e remata o día 7 de setembro.

A inscrición poderá realizarse ata as 14.00 horas da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que reúnan os requisitos do curso, poderá completarse o alumnado asignado a este mediante a apertura dun novo prazo público de presentación de solicitudes na páxina web da Agasp, con suficiente antelación para que teña lugar unha adecuada selección das persoas candidatas.

d) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á Agasp a través dos números de teléfono 886 20 61 12, 886 20 61 37 e 886 20 61 38, do fax 886 20 61 23 ou do enderezo de correo electrónico
formacion.emerxencias.agasp@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

e) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

f) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente todos os datos para realizar a selección do alumnado, non se axusten ao modelo normalizado ou sexan presentadas fóra de prazo.

g) Non está permitida a realización de cursos que teñan simultaneidade de horarios nunha ou varias sesións presenciais. Cando o alumnado teña coñecemento de que foi seleccionado para un curso que teña coincidencia horaria con outro no cal xa foi seleccionado debe renunciar a un deles.

Sexta. Criterios de selección

1. Reservarase o 50 % das prazas para solicitantes mulleres que reúnan os requisitos establecidos na convocatoria, segundo o disposto no artigo 37.bis da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes. De non existiren suficientes solicitudes de participación de mulleres, as prazas sobrantes acrecentarán as da quenda xeral.

2. Segundo a orde de presentación das solicitudes.

Sétima. Admisión

A Agasp publicará na súa páxina web http://agasp.xunta.es unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas, de acordo co disposto no artigo 59.6 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Os/as alumnos/as seleccionados serán informados da súa selección a través do correo electrónico e tamén, para quen facilite un número de teléfono móbil, a través de mensaxe telefónica.

De acordo co establecido no artigo 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp, as persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comuniquen a súa imposibilidade de asistencia con polo menos 48 horas de antelación ao comezo desta. A dita renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formacion.emerxencias.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 23.

A Agasp reserva para si o dereito de solicitar todos aqueles datos que considere necesarios para a adecuada realización da selección.

Oitava. Dereitos e deberes do alumnado participante

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado pola Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 4 de febreiro de 2009 (DOG núm. 30, do 12 de febreiro).

Novena. Faltas de asistencia

O Regulamento de réxime interior da Agasp, mencionado na base número 8 desta convocatoria, regula no seu artigo 16 as faltas de asistencia nos cursos:

«1. A asistencia ás clases e actividades comprendidas no programa do curso é obrigatoria. As faltas que as/os alumnas/os acumulen deberán xustificarse debidamente, e penalizaranse disciplinariamente, no caso contrario.

2. A/o alumna/o que, por enfermidade ou algunha outra causa xustificada, perda máis do 10 % das clases do curso de formación será declarado non apto, e poderá incorporarse ao curso seguinte ou cando a causa determinante llo permita.

De ser necesario, e só nos casos en que a inasistencia ás clases estivese motivada por accidente ou lesión sufridos con ocasión da actividade académica, o/a director/a xeral poderá considerar a conveniencia ou a oportunidade de permitirlle ao/á alumno/a poder recuperar ata un determinado número de horas e participar posteriormente nun exame extraordinario para poder superar o curso sen ter que repetilo.

3. No entanto, aínda que as ausencias acumuladas non cheguen á porcentaxe sinalada, a/o alumna/o poderá verse obrigado a recuperar todas ou parte das horas perdidas ao longo do curso. Neste caso a xefatura de ensino proporá ao director xeral o número de horas que se van recuperar, tendo en conta, en cada caso concreto, o tipo de xustificación presentada para cada ausencia, así como o número total destas e o comportamento e actitude da/o alumna/o ao longo do curso».

Décima. Certificado de asistencia

Ao finalizar a actividade entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada.

Undécima. Financiamento da actividade

Esta actividade é cofinanciada nun 80 % polo Fondo Social Europeo dentro do programa operativo Fondo Social Europeo de Galicia 2007-2013, no eixe 3, tema prioritario 72.

Duodécima. Facultades da Agasp

A Agasp poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá suprimir as xornadas, ampliar novas edicións delas ou suspendelas temporalmente, cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia.

A Estrada, 21 de agosto de 2015

Luis Menor Pérez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública