Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 169 Venres, 4 de setembro de 2015 Páx. 35730

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 31 de xullo de 2015 pola que se establece a notificación electrónica dos expedientes de asistencia xurídica gratuíta.

A Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, regula nos seus artigos 27 e 28 as comunicacións e notificacións electrónicas, cuxa práctica supón unha das expresións máis importantes da Administración electrónica, ao pasar a constituír tanto o medio de comunicación preferente entre as distintas administracións públicas como unha forma de comunicación rápida, áxil e eficaz destas cos administrados e administradas.

En concreto, o artigo 27.6 da citada lei permite establecer regulamentariamente a obriga de comunicarse coas administracións públicas mediante a utilización exclusiva de medios electrónicos tanto por parte das persoas xurídicas como por parte de colectivos de persoas físicas respecto ás cales, por razón da súa capacidade económica ou técnica, dedicación profesional ou outros motivos acreditados, se poida entender que teñen garantido o acceso e dispoñibilidade dos medios tecnolóxicos precisos.

De conformidade co previsto na Lei 11/2007, antes indicada, as administracións deberán incorporar os medios e sistemas electrónicos necesarios para permitir a progresiva utilización de comunicacións electrónicas.

O Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, no seu artigo 24.2 establece que todos os órganos e unidades da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia poderán establecer a obrigatoriedade de comunicarse unicamente por medios electrónicos cando as persoas interesadas se correspondan con persoas xurídicas ou colectivos de persoas físicas que, por razón da súa capacidade económica ou técnica, dedicación profesional ou outros motivos acreditados, teñan garantido o acceso e a dispoñibilidade dos medios tecnolóxicos precisos.

O sistema Notific@ foi concibido pola Xunta de Galicia para converterse no sistema de notificacións electrónicas de Galicia, é dicir, un punto único no cal recibir as comunicacións das diferentes administracións públicas galegas.

Notific@ substituirá o sistema tradicional de comunicacións postais certificadas, coas mesmas garantías legais, de seguridade e confidencialidade. Cada entidade ou suxeito a quen vincula esta orde terá a obriga de se dar de alta no sistema Notific@.

Calquera persoa física ou xurídica poderá dispor deste sistema de enderezo electrónico habilitado asociado ao seu NIF, no cal recibirá as notificacións dos procedementos a que se subscriba. É un servizo gratuíto que só require dispoñer de calquera dos certificados dixitais habilitados na sede electrónica da Xunta de Galicia.

O Decreto 138/2012, do 21 de xuño, polo que se modifica o Decreto 269/2008, do 6 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia, no seu artigo 19.4 establece que a resolución da Comisión de Asistencia Xurídica Gratuíta se lles notificará no prazo común de tres días á persoa solicitante, ao avogado ou avogada e, de ser o caso, ao procurador ou procuradora designado provisionalmente e ás demais persoas interesadas comparecidas no expediente; que, así mesmo, a resolución lle será comunicada ao colexio de avogados e, se for o caso, ao colexio de procuradores; e que as administracións deberán incorporar os medios e sistemas electrónicos necesarios para permitir a progresiva utilización de comunicacións electrónicas.

Co obxecto de avanzar e mellorar a calidade do servizo público relativo á prestación da asistencia xurídica gratuíta, así como de adecualo ás novas tecnoloxías, convén dar un paso máis e efectuarlles tanto aos colexios profesionais coma aos/as avogados/as e procuradores/as as notificacións das resolucións concernentes ás solicitudes do indicado beneficio de xeito unicamente electrónico.

Polo exposto, e ao abeiro da disposición derradeira primeira do citado Decreto 269/2008, que autoriza a persoa titular da consellería competente en materia de xustiza para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento e a aplicación deste,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer os supostos e as condicións en que os suxeitos a que se refire o artigo 2 quedarán obrigados a recibir por medios electrónicos as notificacións e comunicacións que lles dirixan as comisións de asistencia xurídica gratuíta no procedemento de resolución dos expedientes de solicitude do beneficio ao dereito de xustiza gratuíta.

Artigo 2. Ámbito de aplicación subxectivo

O disposto nesta orde será de aplicación aos colexios de avogados e procuradores de Galicia, así como aos profesionais da avogacía e da procuradoría que estean incluídos nas quendas de oficio nalgún dos colexios sinalados.

Artigo 3. Sistema de notificación electrónica

As notificacións electrónicas realizaranse mediante a plataforma Notific@, á cal se accederá a través do portal eXustiza. Para dar cumprimento á obriga derivada desta orde, os suxeitos a que se refire o artigo 2 disporán do prazo de 30 días, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, para formalizaren a alta no sistema Notific@.

De acordo co artigo 25 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, o sistema de notificación permitirá acreditar a data e a hora en que se produza a posta á disposición da persoa interesada do acto obxecto de notificación, así como as de acceso ao seu contido, momento a partir do cal a notificación se entenderá practicada para todos os efectos legais. Sen prexuízo do anterior, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia poderá remitir ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante correo electrónico dirixido ás contas de correo que consten para os efectos de notificación nas solicitudes. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada.

Se transcorren dez días naturais desde a posta á disposición dunha notificación electrónica sen que se acceda ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada e terase por efectuado o trámite, seguíndose o procedemento, salvo que de oficio ou por instancia da persoa destinataria se comprobe a imposibilidade técnica ou material do acceso.

Se a notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor aos trinta días contados a partir do seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2015

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza