Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 178 Xoves, 17 de setembro de 2015 Páx. 37033

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 4 de setembro de 2015 pola que se convoca a xornada A reforma do Código penal a debate.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2015 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, convócase a xornada A reforma do Código penal a debate, conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos:

Analizar as novidades introducidas pola Lei orgánica 1/2015, do 30 de marzo, pola que se modifica o Código penal, e normas complementarias desta, así como suscitar o debate sobre a conveniencia e utilidade de tales modificacións. En consecuencia, en última instancia a finalidade deste encontro é trasladar unha visión ampla do novo marco legal en aspectos concretos que revisten particular interese pola novidade que comportan e/ou pola súa transcendencia práctica.

2. Contidos:

Serán tratados, entre outros, os seguientes temas:

– Novo réxime de penas.

– A nova situación da vítima no proceso penal.

– O comiso.

– Os delitos leves: causas e consecuencias da desaparición das faltas.

– Modificacións operadas pola reforma penal de 2015 nos delitos de lesións e violencia de xénero.

3. Destinatarios:

Persoal ao servizo da Administración de xustiza, avogados, procuradores, profesores e alumnos das universidades galegas e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento:

Lugar: EGAP, rúa de Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Data: 30 de setembro de 2015.

Horario: mañá e tarde.

Duración: 6 horas lectivas.

5. Número de prazas:

Limitado pola capacidade do local.

6. Inscrición:

As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición a través da área de matrícula da web da EGAP: https://egap.xunta.es/matricula/

O prazo para inscribirse estará aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 28 de setembro de 2015.

Poderá obterse calquera outra información, desde as 8.30 ás 14.30 horas, nos teléfonos: 981 54 62 41-981 54 62 39.

7. Modificacións:

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta xornada, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

8. Certificado de asistencia oficial:

Ao final da xornada entregarase un certificado de asistencia a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Neste documento aparecerán, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data, o lugar de realización e o selo oficial da institución.

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2015

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública