Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 178 Xoves, 17 de setembro de 2015 Páx. 37035

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 10 de setembro de 2015 pola que se fai público o acordo do Consello de Dirección polo que se modifican as bases reguladoras dos préstamos Jeremie-Igape previstos no programa operativo Feder Galicia 2007-2013 en beneficio de pequenas e medianas empresas e microempresas cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

Mediante a Resolución do 3 de xuño de 2014 déuselle publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Igape que aproba as bases reguladoras dos préstamos Jeremie-Igape, previstos no programa operativo Feder Galicia 2007-2013 en beneficio de pequenas e medianas empresas e microempresas cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, e procedeuse á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (DOG nº 108, do 9 de xuño de 2014). Esta normativa foi modificada pola Resolución do 27 de abril de 2015 (DOG núm. 82, do 4 de maio).

O éxito que está tendo este programa para o financiamento das Pemes galegas, posto de manifesto polo número de solicitudes que o Igape recibe, aconsella estender a súa vixencia, ampliando os prazos para a presentación de solicitudes e para a instrumentar e dispoñer dos fondos nas novas operacións que se concedan.

O establecemento dos novos prazos faise tendo en conta o requisito de que os fondos dos préstamos que se concedan teñan que estar desembolsados nas contas dos titulares, como moi tarde o 30 de xuño de 2016 en lugar do 31 de decembro de 2015, que se prevía na normativa actualmente vixente.

En virtude destes antecedentes, o Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do 30 de xullo de 2015, acordou a modificación das bases reguladoras dos préstamos Jeremie-Igape previstos no programa operativo Feder Galicia 2007-2013, en beneficio de pequenas e medianas empresas cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

Por todo o anterior, de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Modificar a convocatoria, en réxime de concorrencia non competitiva, das bases reguladoras dos préstamos Jeremie-Igape previstos no programa operativo Feder Galicia 2007-2013, en beneficio de pequenas e medianas empresas e microempresas cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, publicadas mediante Resolución do 3 de xuño de 2014 (DOG núm. 108, do 9 de xuño), nos seguintes puntos da resolución:

Segundo. Prazo de presentación de solicitudes

Amplíase o prazo de presentación de solicitudes ata o 31 de marzo de 2016. No caso de esgotamento do crédito, o Igape publicará esa circunstancia no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape, www.igape.es, co fin de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes.

Terceiro. Dotación orzamentaria

Establécese unha liña de préstamos directos do Igape por importe máximo de 10.391.416,09 euros. Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á partida orzamentaria 08.A1.741A.8310 e polos seguintes importes e distribución plurianual:

Ano

Importe

2014

7.700.000,00

2015

1.800.000,00

2016

891.416,09

Total

10.391.416,09

O director xeral do Igape poderá ampliar os créditos e modificar as partidas orzamentarias, logo de declaración de dispoñibilidade dos créditos nos termos referidos no artigo 31 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no 30.2º do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.

Segundo. Publicar a modificación das bases reguladoras dos préstamos Jeremie-Igape previstos no programa operativo Feder Galicia 2007-2013, en beneficio de pequenas e medianas empresas e microempresas cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, publicadas mediante a Resolución do 3 de xuño de 2014 (DOG núm. 108, do 9 de xuño), cuxa posterior modificación foi publicada pola Resolución do 27 de abril de 2015 (DOG núm. 82, do 4 de maio) no seguinte senso:

– Modifícase o seguinte parágrafo no artigo 9:

«As beneficiarias que reciban a notificación de concesión antes do 29 de febreiro de 2016 terán un prazo de 3 meses desde a notificación da aprobación da operación para instar a súa formalización. Aquelas que reciban a notificación da concesión con posterioridade á dita data terán como prazo máximo para formalizar o préstamo ata o 31 de maio de 2016. Unha vez transcorridos os prazos sinalados sen formalizarse a operación, revogarase a concesión e arquivarase o expediente».

– Modifícase o punto 1 do artigo 10, que queda redactada da seguinte xeito:

«10.1. O prazo máximo para solicitar a disposición dos fondos rematará o 17 de xuño de 2016».

– Modifícase a letra b) do artigo 10.6, que queda redactado do seguinte xeito:

«b) O acordo de concesión establecerá as cautelas necesarias para tratar de evitar que os fondos do préstamo poidan ser aplicados a finalidades distintas do pagamento aos provedores do investimento. Con carácter xeral:

b.1) Para os proxectos cuxo prazo de execución remate antes do 30 de xuño de 2016, será necesario acreditar previamente á disposición a existencia de débeda cos provedores dos bens que se van financiar, mediante orixinal ou copia cotexada de facturas, contratos, facturas pro forma ou orzamentos debidamente aceptados. En proxectos xa iniciados, e sempre para a segunda e posteriores disposicións, será necesario acreditar documentalmente a realización e o pagamento dos investimentos executados, mediante copia cotexada de facturas, xustificantes de pagamento e extractos bancarios. Con carácter xeral, a parte do proxecto financiada con fondos propios ou outros fondos alleos será executada e pagada con anterioridade á utilización do préstamo ou simultaneamente.

b.2) Para proxectos cuxo prazo de execución se estenda máis alá do 30 de xuño de 2016, o desembolso da totalidade dos fondos do préstamo deberá realizarse con anterioridade á dita data, nunha conta bancaria aberta a nome da beneficiaria exclusivamente para tal efecto, e non deberá aplicarse a finalidades distintas ao pagamento dos provedores do investimento».

Terceiro. Entrada en vigor

Esta modificación entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e será de aplicación a aqueles expedientes pendentes de resolución.

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2015

Javier Aguilera Navarro
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica