Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 194 Venres, 9 de outubro de 2015 Páx. 39521

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 7 de outubro de 2015 pola que se determinan os servizos mínimos durante a folga que afectará o persoal das empresas Acciona Facility Services, S.A. e Serunión, S.A., asignado aos servizos de limpeza e cociña dos hospitais adscritos á estrutura organizativa de Xestión Integrada de Vigo e que se desenvolverá entre as 0.00 e as 24.00 horas do día 13 de outubro de 2015.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece, como dereito fundamental da persoa, o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG núm. 116, do 20 de xuño), entre os cales se atopa a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros e conselleiras competentes, por razón dos servizos esenciais afectados, para que, mediante orde e diante de cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

A organización sindical CIG comunicou a convocatoria dunha folga que afectará o persoal das empresas Acciona Facility Services, S.A. e Serunión, S.A., asignado aos servizos de limpeza e cociña dos hospitais adscritos á estrutura organizativa de Xestión Integrada de Vigo. A folga desenvolverase entre as 0.00 e as 24.00 horas do día 13 de outubro de 2015.

Unha vez outorgada audiencia ao comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo 1

A convocatoria de folga referida deberá entenderse condicionada ao mantemento dos servizos mínimos, segundo os criterios que se establecen na presente orde.

Tales mínimos responden á necesidade de compatibilizar o respecto ineludible ao exercicio do dereito á folga coa atención os usuarios que, baixo ningún concepto, poden quedar desasistidos polas características do servizo dispensado.

Tomando en consideración o manifestado no acto de audiencia ao comité de folga, os efectivos de servizos mínimos determinaranse con base nos seguintes criterios reitores:

1. Limpeza:

I. Urxencias, laboratorio de urxencias, radiodiagnóstico de urxencias, UCI, área cirúrxica, reaminación poscirúrxica, reanimación cardíaca, oncoloxía radioterápica, hematoloxía, hospital de día e diálise: ata o 100 % das presenzas habituais.

II. Restantes áreas: ata o 85 % das presenzas habituais.

2. Cociña: ata o 80 % das presenzas habituais.

Artigo 2

A determinación dos/as profesionais necesarios farana as empresas afectadas coordinadamente coa Xerencia da EOXI e deberá estar suficientemente motivada. A xustificación debe constar no expediente de determinación de mínimos e debe exteriorizarse adecuadamente para xeral coñecemento dos/as destinatarios/as. Deberá quedar constancia no expediente dos factores ou criterios cuxa ponderación conduce a determinar as prestacións mínimas.

Os/as profesionais necesarios para a cobertura dos servizos mínimos deberán ser publicados nos taboleiros de anuncios con antelación á data da folga.

Artigo 3

A designación nominal de efectivos que deben cubrir os servizos mínimos será realizada polas empresas e notificada aos profesionais designados.

O persoal designado como servizo mínimo que desexe exercer o seu dereito de folga, poderá instar a substitución da súa designación por outro profesional que voluntariamente acepte o cambio de forma expresa.

Artigo 4

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE núm. 58, do 9 de marzo).

Artigo 5

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 6

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios dos establecementos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base nas normas vixentes.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2015

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade